Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Martes, 10 de maio de 2022 Páx. 27833

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2022 pola que se convoca a prórroga para o ano 2022 das subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (código de procedemento VI482D).

O 24 de abril de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 11 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

O 15 de febreiro de 2021, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, asinou un acordo coa Consellería de Emprego e Igualdade para desenvolver, no marco das medidas previstas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, aquelas que se refiren a asegurar a existencia de recursos habitacionais suficientes e dignos para as vítimas de violencia de xénero durante o ano 2021.

En consecuencia, no Diario Oficial de Galicia núm. 51, do 16 de marzo de 2021, publicouse a Resolución do 4 de marzo de 2021 pola que se convocan, para o ano 2021, con financiamento plurianual, as subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Coa finalidade de executar os fondos remanentes das convocatorias de 2019, 2020 e 2021, ao abeiro do Acordo do 15 de febreiro de 2021 e da Orde do 11 de abril de 2019, realízase esta convocatoria, que se suxeita ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A duración máxima da axuda, incluídas as prórrogas, non poderá exceder os tres anos nin, en todo caso, o 31 de decembro de 2022, data de finalización da vixencia do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e réxime das axudas

Esta resolución ten por obxecto convocar a prórroga ata o 31 de decembro de 2022 das subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero para todas as persoas que resultasen beneficiarias deste programa nos anos 2019, 2020 e 2021 e que non teñan esgotado o período máximo de duración da axuda, que non pode exceder os tres anos, con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (código de procedemento VI482D).

Segundo. Bases reguladoras

As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras establecidas na Orde do 11 de abril de 2019, publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 78, do 24 de abril.

Terceiro. Crédito orzamentario

As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451B.480.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, co código de proxecto 2019 00009, e pola seguinte contía:

Anualidade

Aplicación orzamentaria

Importe

2022

08.81.451B.480.3

320.215,00 €

Total

320.215,00 €

Cuarto. Persoas beneficiarias e duración da axuda

1. Poderán ser beneficiarias desta prórroga aquelas persoas que, resultando beneficiarias desta axuda e non tendo perdido o dereito mediante a oportuna resolución nin esgotado o período máximo da súa duración, finalicen o seu período de desfrute durante o ano 2022 e cumpran os requisitos previstos no ordinal quinto desta resolución.

2. A prórroga da axuda concederase polo período comprendido desde o mes seguinte ao de finalización da percepción da concesión inicial ou da prórroga que se viñera desfrutando ata o mes de decembro de 2022, ambos meses incluídos, e comprenderá tantos bonos mensuais consecutivos como meses existan no citado período.

Quinto. Requisitos das persoas beneficiarias deste programa

De conformidade co disposto no artigo 3.3 da Orde do 11 de abril de 2019, as persoas beneficiarias deste programa deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que estean empadroadas e teñan residencia efectiva nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia durante os doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude da axuda. Ademais, no caso das persoas estranxeiras, cando así o exixa a lexislación vixente, deberán posuír o permiso de residencia.

No caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual, será suficiente acreditar que están empadroadas nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia e que posúen autorización de residencia por circunstancias excepcionais.

b) Que sexan persoas arrendatarias dunha vivenda nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia, cunha duración mínima dun ano e con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.

No caso dos/das menores de idade orfos por violencia de xénero, así como das vítimas de trata de menores de idade, o contrato de arrendamento deberá ser asinado pola persoa que posúa a patria potestade, tutela ou acollemento familiar permanente do/da dito/a menor, nos termos que se determinen na normativa aplicable.

c) Que a vivenda obxecto do contrato de arrendamento constitúa o seu domicilio habitual e permanente.

d) Que a renda do contrato de arrendamento que se subvencione non supere os importes sinalados no artigo 4 das bases reguladoras.

e) Que os ingresos da súa unidade de convivencia, computados conforme estableza a resolución de convocatoria, sexan iguais ou inferiores a 1,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM) ponderado, coa excepción prevista no suposto sinalado no artigo 3.2.a) das bases reguladoras.

f) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da unidade de convivencia teña vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non exista vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grao, coa persoa arrendadora. Esta mesma exixencia aplicarase cando a parte arrendadora sexa unha persoa xurídica, respecto de calquera dos seus socios ou partícipes.

g) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia teña no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto. Exceptúase o caso de que, dispoñendo dela, non goce do seu uso e desfrute ou se trate dunha vivenda insuficiente ou inadecuada, por razóns de habitabilidade e mobilidade.

Para os efectos anteriores:

– Considerarase unha vivenda insuficiente aquela en que a cada ocupante lle correspondan menos de 10 m² de superficie útil. Non se computará, neste suposto, a correspondente a baños, corredores e tendais.

– Considerarase vivenda inadecuada por razóns de habitabilidade aquela que estea en situación legal de ruína, así como aqueloutra que teña deficiencias que afecten de forma notoria a súa habitabilidade.

– Considerarase vivenda inadecuada por razóns de mobilidade aquela que, pola súa configuración arquitectónica e/ou accesos, implique unha grave perda de funcionalidade para unha persoa con mobilidade reducida.

h) Que non sexan arrendatarias de vivendas xestionadas polo IGVS.

i) Que a persoa solicitante e as restantes persoas da unidade de convivencia estean ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Ademais, non deben estar incursos en ningún dos outros supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Sexto. Cómputo de ingresos para acceder ao programa

1. Para acceder a este programa de axudas é preciso que os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante sexan iguais ou inferiores aos límites previstos no ordinal sétimo.

2. Os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante determinaranse calculando o rateo mensual dos ingresos netos correspondentes a cada unha das persoas membros da dita unidade de convivencia durante os tres meses anteriores ao da presentación da solicitude, incluíndo, se é o caso, o rateo correspondente ás pagas extraordinarias.

Para os efectos do cómputo de ingresos, teranse en conta as rendas ou ingresos da persoa solicitante da axuda e dos demais membros da súa unidade de convivencia, coa excepción das rendas individuais do agresor.

Sétimo. Límites máximos de ingresos e valor do IPREM para a concesión das axudas

1. Os límites máximos de ingresos para acceder a estas axudas calcularanse tomando como base do cálculo a contía do IPREM anual en 14 pagas para o ano 2021 (7.908,60 euros) multiplicado por 1,5. Esta contía dividirase polos seguintes factores de ponderación, en función do número de persoas que integren a unidade de convivencia, coa exclusión do agresor:

• Unidades de convivencia dun membro: 1,25.

• Unidades de convivencia de dous membros: 0,90.

• Unidades de convivencia de tres membros: 0,80.

• Unidades de convivencia de catro membros: 0,70.

• Unidades de convivencia de cinco ou máis membros: 0,60.

Os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante, computados conforme o establecido no ordinal sexto, non deberán superar, segundo o número de membros da unidade de convivencia, os límites máximos de ingresos que se especifican no seguinte cadro:

Nº de membros da unidade de convivencia

Límites máximos de ingresos

(1,5 veces IPREM 2021 en 14 pagas ponderado. Valores mensuais)

1

790,86 €

2

1.098,42 €

3

1.235,72 €

4

1.412,25 €

5 ou máis

1.647,63 €

2. Ás unidades de convivencia en que algún dos seus membros sexa unha persoa con discapacidade, nas condicións establecidas na normativa reguladora do IRPF, aplicaráselles o límite máximo de ingresos do tramo seguinte ao que lles correspondese, segundo o número de persoas que a integren.

No caso de mulleres xestantes, o/a fillo/a ou fillos/as concibidos e non nados contarán como membros da unidade familiar. Igual tratamento terá a acreditación de adopción en trámite.

3. No caso de que as axudas se soliciten por unha unidade de convivencia composta por máis dunha unidade familiar, os ingresos de cada unidade familiar, computados conforme o punto primeiro, sumaranse e o resultado deberá estar comprendido dentro do límite máximo de ingresos para acceder a este programa.

Oitavo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e terminará o día 21 de novembro de 2022, nos seguintes termos:

– Naqueles supostos en que xa tivera rematado durante este ano 2022 o período de percepción da concesión inicial ou da prórroga do bono de alugueiro, a persoa beneficiaria disporá dun mes, contado a partir do día seguinte ao de publicación desta resolución, para solicitar a prórroga da axuda.

– No suposto de que a concesión inicial ou a prórroga da axuda concedida non rematara na data de publicación desta resolución, a solicitude deberá presentarse dentro dos dous meses anteriores á data de remate da concesión inicial ou da prórroga que se estea desfrutando.

Noveno. Solicitudes

1. As solicitudes de concesión da prórroga realizaranse mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, debidamente cuberto (código de procedemento VI482D).

As solicitudes deberán dirixirse á área provincial do IGVS correspondente ao domicilio da persoa solicitante.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

3. No modelo de solicitude de prórroga a persoa solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración de que non ten débedas coa persoa arrendadora por non pagamento das rendas e/ou subministracións.

b) Declaración de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa da unidade de convivencia está incursa en algunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

c) Declaración de que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Declaración de que todos os datos da solicitude e dos documentos que se achegan son certos.

Décimo. Documentación complementaria ás solicitudes de prórroga

1. Coa solicitude de prórroga, anexo I, deberase achegar a seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da representación da persoa que actúe como representante, de ser o caso. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) Anexo II, de comprobación de datos das persoas que integran a unidade de convivencia, distintas da persoa solicitante, no caso de que a unidade de convivencia estea integrada por máis dunha persoa.

No caso de que unha unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar, deberase cubrir un anexo II por cada unha delas.

c) Anexo III, de modelo de informe dos servizos sociais públicos de Galicia, en que se faga constar que subsisten as condicións de necesidade que deron lugar á concesión inicial, así como os ingresos da unidade de convivencia dos tres meses anteriores á data da solicitude de prórroga.

d) Anexo IV, de declaración da persoa arrendadora da vivenda de que a persoa arrendataria non ten ningunha reclamación pendente por non pagamento das rendas e/ou subministracións.

e) Declaración formalizada polas persoas asinantes do contrato de arrendamento de que este se prorrogará nas mesmas condicións que o anterior.

f) Certificado de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera das persoas que figuran no anexo II, se é o caso, no suposto de non ser expedido pola Xunta de Galicia.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o IGVS poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Décimo primeiro. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro (NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa representante e das persoas que integran a unidade de convivencia que figuran no anexo II.

b) Número de identificación fiscal (NIF) da persoa representante no caso de que sexa persoa xurídica.

c) Certificado de empadroamento da persoa solicitante, no caso de cambio de domicilio durante a vixencia do contrato, e das persoas que figuran no anexo II.

d) Certificacións da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a súa unidade de convivencia e que figuran no anexo II.

e) Datos catastrais correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a súa unidade de convivencia e que figuran no anexo II.

f) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro onde conste que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da unidade de convivencia teñen en usufruto ou en propiedade outra vivenda en territorio español.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa solicitante.

h) Consulta de concesións de subvencións e axudas da persoa solicitante.

2. Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Permiso de residencia legal da persoa solicitante, cando sexa estranxeira.

b) Certificado acreditativo de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia, no caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas que figuran no anexo II faga constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia.

c) Consulta da prestación de desemprego percibida pola persoa solicitante, así como polas persoas que integran a súa unidade de convivencia e que figuran no anexo II.

d) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia e que figuran no anexo II.

e) Certificado das percepcións da renda de integración social de Galicia (Risga) da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia e que figuran no anexo II.

3. O acceso aos datos contidos nos documentos sinalados coas letras c), d) e e) do punto anterior, de conformidade co artigo 155 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, poderá realizarse por aquelas administracións locais que dispoñan do correspondente convenio coa Xunta de Galicia para acceder a través das plataformas de intermediación de datos.

4. No caso de que a persoa solicitante e, de ser o caso, a persoa representante, os demais membros da unidade de convivencia ou a persoa arrendadora se opoñan expresamente a estas consultas, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

5. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo segundo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo terceiro. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e demais actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente na súa solicitude a modalidade escollida para a notificación, electrónica ou en papel.

3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na súa solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo cuarto. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución é competencia da área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das prórrogas das axudas.

Décimo quinto. Resolución e recursos

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous meses, contados desde a data de remate do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite e notifique resolución expresa, a persoa solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. Contra a resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Décimo sexto. Xustificación da subvención

A xustificación da concesión da subvención realizarase segundo o establecido no artigo 15 das bases reguladoras.

Décimo sétimo. Transparencia e bo goberno

1. Na tramitación do procedemento o IGVS deberá dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas beneficiarias destas subvencións están obrigadas a subministrar ao IGVS, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo oitavo. Recursos contra a presente resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo noveno. Eficacia

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file