Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Martes, 10 de maio de 2022 Páx. 27857

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 2 de maio de 2022 pola que se convoca a prórroga para o ano 2022 das subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (código de procedemento VI482D).

BDNS (Identif.): 624810.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias desta prórroga aquelas persoas que, resultando beneficiarias desta axuda e non tendo perdido o dereito mediante a oportuna resolución nin esgotado o período máximo da súa duración, finalicen o seu período de desfrute durante o ano 2022 e cumpran os requisitos previstos no artigo 3.3 das bases reguladoras contidas na Orde do 11 de abril de 2019.

Segundo. Obxecto

Convocar a prórroga ata o 31 de decembro de 2022 das subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero para todas as persoas que resultasen beneficiarias deste programa nos anos 2019, 2020 e 2021 e que non teñan esgotado o período máximo de duración da axuda, que non pode exceder os tres anos, con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (código de procedemento VI482D).

Terceiro. Bases reguladoras

As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras establecidas na Orde do 11 de abril de 2019, publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 78, do 24 de abril.

Cuarto. Crédito orzamentario

As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451B.480.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2022, co código de proxecto 2019 00009, e pola seguinte contía:

Anualidade

Aplicación orzamentaria

Importe

2022

08.81.451B.480.3

320.215,00 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e terminará o día 21 de novembro de 2022, nos seguintes termos:

– Naqueles supostos en que xa tivera rematado durante este ano 2022 o período de percepción da concesión inicial ou da prórroga do bono de alugueiro, a persoa beneficiaria disporá dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución, para solicitar a prórroga da axuda.

– No suposto de que a concesión inicial ou a prórroga da axuda concedida non rematara na data de publicación desta resolución, a solicitude deberá presentarse dentro dos dous meses anteriores á data de remate da concesión inicial ou da prórroga que se estea desfrutando.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2022

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo