Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Mércores, 11 de maio de 2022 Páx. 28042

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2022 pola que se amplía o prazo de execución establecido na Resolución do 6 de outubro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a empresas titulares de orquestras, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020 e 2021 (código de procedemento TU500B).

O 9 de outubro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 205 a Resolución do 6 de outubro pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a empresas titulares de orquestras, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020 e 2021 (código de procedemento TU500B). A devandita resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a empresas titulares de orquestras, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020 e 2021.

A referida resolución dispón no seu artigo 1.2 que son gastos subvencionables os que respondan á natureza e obxecto da actividade subvencionada e se realicen desde o 1 de outubro de 2020 ata o 31 de outubro de 2021, e o prazo para presentar a documentación xustificativa remata o 15 de novembro de 2021 de acordo co referido no artigo 20.2 das bases reguladoras.

Con data do 1 de febreiro de 2021 adxudícanse as axudas por importe de 1.079.600,00 € para a anualidade 2021. Por outra banda, con base na previsión de anticipo da subvención concedida establecida no artigo 21.3 da citada convocatoria tramítase o pagamento de varios anticipos solicitados por un total de 234.880,00 €.

Por outra banda, no DOG do 29 de outubro de 2021 publicouse a Resolución do 28 de outubro pola que se amplía o prazo de execución e se reaxustan as anualidades previstas na Resolución do 6 de outubro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a empresas titulares de orquestras, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020 e 2021 (código de procedemento TU500B).

Mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, que foi prorrogado pola Resolución do 29 de outubro, do Congreso dos Deputados, e mantivo a súa vixencia ata ás 00.00 horas do día 9 de maio de 2021.

O estado de alarma declarado para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, e as súas prórrogas, así como as medidas adoptadas para o control da pandemia afectaron de xeito directo todas as empresas de entretemento e, especialmente, as orquestras, que viron reducidas ou canceladas as súas actuacións nestes anos. Estas complexas circunstancias que suxeriron a publicación da primeira ampliación de prazos aínda non se solucionaron, xa que a situación sanitaria impediu a celebración dos eventos previstos. Por tanto, para asegurar que as entidades beneficiarias poden desenvolver con garantías os proxectos propostos e, en consecuencia, as axudas cumpren cos obxectivos previstos, se fai preciso ampliar novamente o prazo de execución dos proxectos imputables á anualidade 2021.

Con carácter xeral, o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), indica que a Administración poderá conceder, de oficio ou por instancia de parte, unha ampliación dos prazos establecidos que non exceda a metade destes, sempre que se produza antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Procede realizar, por tanto, unha ampliación dos prazos de execución e xustificación previstos nas bases reguladoras da convocatoria.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliar os prazos de execución e de xustificación dos proxectos presentados ao abeiro da Resolución do 6 de outubro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a empresas titulares de orquestras, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020 e 2021 (código de procedemento TU500B) ao 1 de setembro de 2022 e ao 15 de setembro de 2022, respectivamente.

Segundo. Esta modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2022

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia