Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Mércores, 11 de maio de 2022 Páx. 28053

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 9 de maio de 2022 pola que se deixa sen efecto a Orde do 24 de xaneiro de 2022, pola que se aproban as bases xerais reguladoras e se convoca o proceso selectivo para o acceso aos corpos da Policía Local de Galicia, escala executiva, categoría de inspector principal, quenda de acceso por promoción interna e mobilidade (código de procedemento PR461G).

O 21 de febreiro de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 35 a Orde do 24 de xaneiro de 2022 pola que se aproban as bases xerais reguladoras e se convoca o proceso selectivo para o acceso aos corpos da Policía Local de Galicia, escala executiva, categoría de inspector principal, quenda de acceso por promoción interna e por mobilidade (código de procedemento PR461G).

Esta orde foi publicada ao abeiro do establecido na Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, e do Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local. Así, o seu o artigo 2.2 establece que esta cooperación requirirá a subscrición do oportuno convenio a través da consellería competente en materia de seguridade. O número 3 dese artigo regula o contido dos convenios e, en concreto, a letra a) sinala que o seu obxecto será a delegación por parte do concello de todas as competencias relativas á convocatoria e ao desenvolvemento dos procesos selectivos para o acceso á categoría ou categorías do seu corpo de policía local, e a letra d) establece a obriga do concello de comunicarlle á Academia Galega de Seguridade Pública o número, a denominación e as características das prazas que se terán que convocar para o seu corpo de policía local.

De conformidade coa base 1.1 da Orde do 24 de xaneiro, o obxecto do proceso selectivo é cubrir unha praza dos corpos de policía local, categoría de inspector principal, escala executiva. Do mesmo xeito, o anexo II, referido á relación de prazas convocadas, recolle unha única praza de promoción interna do Concello de Ferrol.

O Concello de Ferrol, mediante o Acordo do Pleno do 31 de xaneiro de 2019, delegou na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia as competencias relativas á convocatoria e ao desenvolvemento dos procesos selectivos para o acceso ás diferentes categorías de seu corpo de policía local e ás prazas de auxiliares de policía local, por todo o tempo de vixencia do convenio. E para instrumentar esta delegación, o 21 de febreiro de 2019, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (actual Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo) e o Concello de Ferrol asinaron un convenio para a asunción por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia da convocatoria e do desenvolvemento dos procesos selectivos unitarios para o acceso ás diferentes categorías dos corpos de policía local.

En aplicación do dito convenio, o Concello de Ferrol comunicoulle á Academia Galega de Seguridade Pública a necesidade de convocar unha praza de inspector principal, por promoción interna.

Con posterioridade á publicación da Orde do 24 de xaneiro recibiuse un escrito do Concello de Ferrol en que solicita a retirada desa praza da convocatoria por razóns funcionais e organizativas do seu corpo de policía local, pois a previsión de que nos orzamentos se dote unha nova praza de inspector principal aconsella retirar a praza da actual convocatoria mentres non se incorpore esta segunda, é dicir, a aparición de novas circunstancias que non existían na data en que se realizou a comunicación da praza fai que sexa necesario para o Concello reconsiderar a convocatoria tal e como estaba concibida.

Neste punto, cómpre sinalar que o prazo de presentación de solicitudes se iniciará a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial del Estado, de acordo coa base 3.1 da Orde do 24 de xaneiro, publicación que non chegou a producirse, polo que non se puideron achegar solicitudes de participación.

Xa que logo, como a retirada desa praza baleira de contido a orde, pois é a única praza que se convocaba, e tendo en conta que non se iniciou o prazo de presentación de solicitudes, cómpre deixar sen efecto a Orde do 24 de xaneiro por carecer de obxecto.

En consecuencia, de conformidade coa proposta da Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública e con base na fundamentación contida nela,

DISPOÑO:

Artigo único

Deixar sen efecto a Orde do 24 de xaneiro de 2022 pola que se aproban as bases xerais reguladoras e se convoca o proceso selectivo para o acceso aos corpos da Policía local de Galicia, escala executiva, categoría de inspector principal, quenda de acceso por promoción interna e por mobilidade (código de procedemento PR461G).

Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da consellería competente en materia de seguridade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, consonte a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou impugnala directamente, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2022

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de
Presidencia, Xustiza e Turismo