Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Xoves, 12 de maio de 2022 Páx. 28225

III. Outras disposicións

Instituto de Estudos do Territorio

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2022 pola que se dá publicidade ao esgotamento de crédito da convocatoria efectuada pola Resolución do 20 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a concellos de Galicia, e se establece a súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para o ano 2022, tramitado como expediente anticipado de gasto (código de procedemento MT402B).

Primeiro. O 19 de xaneiro de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 20 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a concellos de Galicia, xestionadas polo Instituto de Estudos do Territorio, e se establece a súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para o ano 2022 (código de procedemento MT402B), tramitado como expediente anticipado de gasto.

Segundo. No ordinal segundo da dita resolución establécese o obxecto das subvencións, que é a corrección de impactos paisaxísticos presentes tanto en edificios de titularidade municipal como en certos equipamentos de titularidade municipal, ou ben os producidos por eles debido ao seu aspecto exterior, todo isto en congruencia cos valores paisaxísticos recollidos no Catálogo de paisaxes de Galicia e cos obxectivos e criterios que expresan as directrices de paisaxe de Galicia a través de dúas liñas de axuda, que son:

Liña I: equipamentos municipais de tipo sanitario-asistencial, educativo, cultural ou administrativo-institucional, de acordo coa clasificación que establece a epígrafe 3 do anexo I do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (Decreto 143/2016, do 22 de setembro).

Liña II:

A) Fontes, lavadoiros, palcos de música e hórreos: as actuacións subvencionables son, en todo caso, de índole menor, xa que non se cambiará o seu uso nin se aumentará o volume dos elementos estruturais que os compoñen.

B) Outras construcións ou instalacións de titularidade municipal destinadas a outros equipamentos de servizos públicos, de acordo coa clasificación que establece a epígrafe 3 do anexo I do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (Decreto 143/2016, do 22 de setembro).

Terceiro. A Resolución do 20 de decembro de 2021, no punto 1 do ordinal sexto, indica que as subvencións obxecto desta resolución se financiarán cun crédito total de 600.000,00 euros con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.541E.760.00, código de proxecto 2021 00002, dos orzamentos do Instituto de Estudos do Territorio para o ano 2022, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán recibir a subvención oportuna.

No Diario Oficial de Galicia número 85, do 3 de maio de 2022, publicouse a Resolución do 29 de abril de 2022 pola que se amplía o crédito das axudas previstas na Resolución do 20 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a concellos de Galicia e se establece a súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para o ano 2022 (código de procedemento MT402B), tramitado como expediente anticipado de gasto.

A ampliación supuxo un incremento de 200.000,00 euros sobre o crédito inicialmente previsto. Deste xeito, o crédito final dispoñible é de 800.000,00 euros.

Cuarto. O punto 5 do ordinal sétimo da Resolución do 20 de decembro de 2021 establece que, para os efectos da concesión das axudas, se terá en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Considerarase data de presentación válida aquela en que o expediente sexa presentado completo e conste nel a solicitude, correctamente cuberta, e toda a documentación exixida na presente resolución. Así mesmo, considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria. Nese caso, e sempre antes da data máxima sinalada neste punto, poderán seguirse rexistrando solicitudes en lista de reserva provisional, as cales serán atendidas por rigorosa orde de entrada, supeditadas a que se produzan desestimacións ou revogacións das solicitudes de axuda previas. O esgotamento do crédito comportará a inadmisión de todas aquelas solicitudes que se instrúan con posterioridade, do mesmo xeito que se inadmitirán todos aqueles expedientes que non teñan entrada na sede electrónica de Galicia.

Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as solicitudes presentadas fóra do prazo e de forma distinta á que se establece nesta resolución.

Quinto. Unha vez revisadas e ordenadas todas as solicitudes presentadas coa documentación completa, a última solicitude que se puido conceder antes do esgotamento do crédito foi a que tivo entrada na sede electrónica o día 20.1.2022 ás 12.52.36 horas.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O punto 6 do ordinal décimo cuarto da Resolución do 20 de decembro de 2021 establece que, unha vez esgotado o crédito destinado ás subvencións, se publicará no Diario Oficial de Galicia a dita circunstancia.

Segunda. Os artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 32 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establecen a obriga do órgano xestor de publicar, no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web, o esgotamento da partida orzamentaria asignada.

En virtude do exposto anteriormente, e de acordo co establecido na normativa citada,

RESOLVO:

Dar a coñecer o esgotamento do crédito autorizado para as axudas convocadas pola Resolución do 20 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a concellos de Galicia, xestionadas polo Instituto de Estudos do Territorio, e se establece a súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para o ano 2022 (código de procedemento MT402B), tramitado como expediente anticipado de gasto, modificada pola Resolución do 29 de abril de 2022, que se produciu coa solicitude que tivo entrada o día 20.1.2022 ás 12.52.36 horas.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2022

Enrique Luis de Salvador Sánchez
Director do Instituto de Estudos do Territorio