Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Xoves, 12 de maio de 2022 Páx. 28221

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2022 pola que se anuncian os actos de conmemoración do Día das Letras Galegas e do 35 aniversario da creación da Escola.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Anunciar a celebración dos actos de conmemoración do Día das Letras Galegas e o do 35 aniversario da Escola Galega de Administración Pública conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

A Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras Galegas de 2022 ao poeta Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987). A Escola Galega de Administración Pública, como institución pública galega, súmase á homenaxe deste insigne escritor en lingua galega.

Doutra banda, este ano cúmprense trinta e cinco anos da aprobación da Lei 4/1987, do 27 de maio, que crea a Escola Galega de Administración Pública como organismo autónomo encargado da formación e capacitación do persoal empregado público, da investigación e divulgación de todas aquelas materias de interese para o persoal ao servizo das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, así como da difusión e normalización do idioma galego na Administración pública.

Os actos conmemorativos destas dúas efemérides coincidentes no mes de maio, o 35º aniversario da creación da EGAP e o Día das Letras Galegas, consistirán na celebración dun acto literario, así como nunha viaxe de interese cultural.

2. Persoas destinatarias.

No acto literario e conmemorativo poderá participar calquera persoa interesada ata completar a capacidade.

Á viaxe cultural terá acceso só o persoal empregado público ao servizo de calquera das administracións públicas de Galicia (ata 50 prazas). No caso de presentárense máis solicitudes que prazas, terá preferencia o persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia.

3. Desenvolvemento.

1) O día 20 de maio, ás 12.00 horas, no salón de actos da EGAP, terá lugar un acto literario e conmemorativo. Na homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán participarán Luisa Castro Legazpi, escritora e directora do Instituto Cervantes en Nápoles, e Xosé Carlos Caneiro, escritor e columnista de La Voz de Galicia, e terá lugar unha interpretación musical a cargo de Emilio Rúa. Así mesmo, no acto levaranse a cabo diversas actividades de conmemoración do 35º aniversario da EGAP.

2) O día 21 de maio realizarase unha viaxe de interese cultural polos escenarios onde transcorreu boa parte da vida de Florencio Delgado Gurriarán.

O programa completo das dúas actividades, así como o percorrido da viaxe cultural, poderanse consultar na páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/).

4. Inscrición.

As persoas interesadas en participar no acto literario deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula/). O prazo estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ata as 23.00 horas do día 18 de maio de 2022.

Unha vez formalizada a inscrición, as persoas interesadas en participar na viaxe cultural deberán, ademais, enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, en que indiquen o seu nome, apelidos e datos de contacto, así como o seu vínculo de pertenza a calquera das administracións públicas de Galicia.

5. Información sobre a selección.

A inscrición na viaxe implica a obrigatoriedade de asistir ao acto conmemorativo. A selección das persoas participantes na viaxe cultural realizarase tendo en conta a data e a hora de recepción do correo electrónico.

Na epígrafe desta actividade da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/) publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas sexa superior ao número de prazas.

Poderase obter calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 41 e 981 54 62 39.

6. Protección de datos persoais e comprobación de datos.

1) Os datos persoais proporcionados polas persoas interesadas para a xestión das solicitudes de participación no acto conmemorativo convocado a través desta resolución, así como aqueloutros que se recollan ou elaboren con motivo do desenvolvemento deste, serán tratados pola EGAP na súa condición de responsable do tratamento, coa finalidade de levar a cabo a selección dos asistentes e a xestión xeral do acto.

A lexitimación para o tratamento dos datos é o cumprimento dunha misión realizada en interese público conforme o disposto no artigo 6.1.e) do Regulamento xeral de protección de datos (RXPD), con base no disposto na Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, e fundamentada nun interese público esencial (artigo 9.2.g) do RXPD. Os datos identificativos das persoas seleccionadas para participar no acto serán publicados conforme o detallado na base 5 desta resolución. Así mesmo, os datos relativos á súa participación neste acto poderán ser comunicados aos órganos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia cando sexa estritamente necesario para o exercicio das súas competencias.

A sesión do acto conmemorativo será gravada de acordo coas finalidades que impulsan a actuación da EGAP. As persoas interesadas poderán solicitar ante a persoa responsable do tratamento o acceso, rectificación, limitación e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento por motivos relacionados coa súa situación particular, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en
https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos. Contacto delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

2) Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese.

3) No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar, ademais, os documentos a cuxa consulta se opoñen a través do seguinte enderezo electrónico: novas.egap@xunta.gal

4) Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

5) A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2022

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública