Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Xoves, 12 de maio de 2022 Páx. 28216

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2022 pola que se convocan dous cursos de idiomas (inglés e portugués), na modalidade de teleformación, dirixidos ao persoal da seguridade pública de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 4.2 da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp convócanse dous cursos de idiomas (inglés e portugués) dirixidos aos/ás policías locais de Galicia e demais persoal da seguridade pública que traballa nesta Comunidade Autónoma (Garda Civil, Policía Nacional e Unidade da Policía Autonómica), cuxas bases e características se especifican nos anexos desta resolución.

A Estrada, 4 de maio de 2022

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Destinatarios/as

Poderán participar nos cursos convocados por esta resolución os/as policías locais de Galicia e demais persoal da seguridade pública que traballa nesta Comunidade Autónoma (Garda Civil, Policía Nacional e Unidade da Policía Autonómica) que se atopen en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de familiares.

A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas convocadas, polo que de producirse esta situación, as persoas interesadas deberán comunicalo á Agasp de maneira inmediata. No caso de non facelo serán penalizados coa non participación en accións formativas da Agasp nun ano a contar desde o día seguinte ao que se teña coñecemento do feito, e no caso de estar a realizar efectivamente un curso, non se emitirá o correspondente diploma.

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal cando esta veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

Con carácter xeral, reservarase o 20 % das prazas convocadas para persoal das forzas e corpos de seguridade do Estado que traballen en Galicia, pudendo ser superada a devandita porcentaxe no suposto de quedar prazas vacantes.

Así mesmo, en caso de quedar prazas vacantes, poderán acceder aos cursos convocados a través desta resolución o persoal dependente da Axencia Galega de Emerxencias e do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112-Galicia.

Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp resérvase a facultade de anular a actividade formativa.

Segunda. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal), sen que se admita outra forma ou modelo de solicitude.

b) É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicación. No suposto de non ser correctos ou exactos os devanditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados ás persoas interesadas.

c) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas solicitantes implicará a exclusión automática do curso solicitado, así como a imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude ou sexan presentadas fóra de prazo.

e) As persoas solicitantes deberán dispor dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un ordenador ou un teléfono móbil con conexión á internet.

– Calquera navegador web actualizado.

– A conta de correo electrónico especificada na solicitude.

– Un micrófono.

f) O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 25 de maio de 2022. Os formularios poderán ser obtidos e cubertos desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización.

Terceira. Criterios de selección do alumnado participante

a) Menor número de cursos realizados polo/a alumno/a solicitante nos últimos dous anos, segundo conste nas bases de datos da Academia, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.

b) A igual número de cursos terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da Academia.

c) Antigüidade.

Reservarase o 50 % das prazas para as mulleres solicitantes que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existir suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

Ningunha persoa poderá realizar os dous cursos de idiomas simultaneamente, polo tanto, deberá realizar a solicitude soamente para o idioma no cal teña preferencia, de realizar solicitudes para os dous idiomas, a selección farase seguindo os criterios anteriormente indicados, e no suposto de obter praza nun deles, será excluído/a automaticamente da selección no outro idioma.

Cuarta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A Agasp publicará no enderezo https://agasp.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación, de acordo co establecido no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

2. Transcorrido o prazo de alegacións, a Agasp publicará no enderezo https://agasp.xunta.gal a listaxe definitiva de persoas admitidas en cada curso. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto nos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Quinta. Proba de nivel, metodoloxía e recursos didácticos

a) Curso de inglés:

• Acceso a un nivel. O proceso de formación comeza cunha proba de nivel mediante a que se obtén o nivel de coñecementos do/da alumno/a.

• Unidades e test de avaliación autocorrixidos.

• E-Books.

• Recursos extra inglés negocios: business videos, work e-mails, phrasal verbs, articles.

• Programa de 3 clases one to one en inglés de 30 minutos/sesión para cada alumno/a.

b) Curso de portugués:

• Acceso multinivel.

• Leccións e test de avaliación autocorrixidos.

• Recursos extra portugués xeral e de negocios.

• Programa de 3 clases one to one en portugués de 30 minutos/sesión para cada alumno/a.

Sexta. Expedición de certificado

O certificado de aptitude do alumnado que supere os cursos será expedido pola Agasp.

Sétima. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

Oitava. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal das actividades para adaptalas ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir os cursos, ampliar novas edicións ou suspendelos temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten á súa organización ou docencia.

Na páxina web da Agasp publicaranse todos os datos precisos das accións formativas que se convocan nesta resolución.

ANEXO II

Denominación da actividade

Horas

Prazas

Data de comezo

Data de remate

Curso de inglés

40

50

6.6.2022

6.10.2022

Curso de portugués

40

50

6.6.2022

6.10.2022