Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 13 de maio de 2022 Páx. 28512

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2022 pola que se convoca o curso A orde de protección, na modalidade de teleformación, dirixido ao persoal da seguridade pública de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 4.2 da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, convócase o curso A orde de protección, financiado con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (Ministerio de Igualdade), dirixido aos/ás policías locais de Galicia e demais persoal da seguridade pública que traballa nesta Comunidade Autónoma (Garda Civil, Policía Nacional e Unidade da Policía Autonómica), cuxas bases e características se especifican nos anexos desta resolución.

A Estrada, 5 de maio de 2022

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Destinatarios/as

Poderán participar no curso convocado por esta resolución os/as policías locais de Galicia e demais persoal da seguridade pública que traballa nesta Comunidade Autónoma (Garda Civil, Policía Nacional e Unidade da Policía Autonómica) que se atopen en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de familiares.

A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas convocadas, polo que, de producirse esta situación, as persoas interesadas deberán comunicalo á Agasp de maneira inmediata. No caso de non facelo serán penalizadas coa non participación en accións formativas da Agasp nun ano contado desde o día seguinte a aquel en que se teña coñecemento do feito e, no caso de estar a realizar efectivamente un curso, non se emitirá o correspondente diploma.

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal cando esta veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

Con carácter xeral, reservarase o 20 % das prazas convocadas para persoal das forzas e corpos de seguridade do Estado que traballen en Galicia; esta porcentaxe poderá ser superada no suposto de quedaren prazas vacantes.

Así mesmo, en caso de quedaren prazas vacantes, poderá acceder ao curso convocado a través desta resolución o persoal dependente da Axencia Galega de Emerxencias e do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112-Galicia.

Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.

Segunda. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal), sen que se admita outra forma ou modelo de solicitude.

b) É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos tales datos, a Agasp non se fará responsable dos posibles prexuízos causados ás persoas interesadas.

c) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas solicitantes implicará a exclusión automática do curso solicitado, así como a imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude ou sexan presentadas fóra de prazo.

e) As persoas solicitantes deberán dispor dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un ordenador ou un teléfono móbil con conexión á internet.

– Calquera navegador web actualizado.

– A conta de correo electrónico especificada na solicitude.

– Un micrófono.

f) O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 25 de maio de 2022. Os formularios poderán ser obtidos e cubertos desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización.

Terceira. Criterios de selección do alumnado participante

a) Menor número de cursos realizados polo/a alumno/a solicitante nos últimos dous anos, segundo conste nas bases de datos da Academia, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.

b) A igual número de cursos, terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da Academia.

c) Antigüidade.

Reservarase o 50 % das prazas para as mulleres solicitantes que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existiren suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

Cuarta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A Agasp publicará no enderezo https://agasp.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas para participar no curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación, de acordo co establecido no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na lista de espera.

2. Transcorrido o prazo de alegacións, a Agasp publicará no enderezo https://agasp.xunta.gal a lista definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta lista poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto nos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Quinta. Metodoloxía e recursos didácticos

O curso distribuirase en tres temas. Cada un deles contará cunha explicación previa á clase en liña.

Logo da finalización da clase, o alumnado deberá realizar un cuestionario de 10 preguntas e unha tarefa práctica. Para iso terá á súa disposición a presentación power point empregada para a explicación do tema.

Ademais, contará cos seguintes recursos didácticos:

– Foro de debate en cada un dos temas.

– Material complementario.

– Ligazóns a documentación de interese.

Sexta. Expedición de certificado

O certificado de aptitude do alumnado que supere os cursos será expedido pola Agasp.

Sétima. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

Oitava. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal das actividades para adaptalas ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir os cursos, ampliar novas edicións ou suspendelos temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

Na páxina web da Agasp publicaranse todos os datos precisos das accións formativas que se convocan nesta resolución.

ANEXO II

Denominación da actividade

Horas

Prazas

Data de comezo

Data de remate

Curso A orde de protección

30

30

1.6.2022

30.6.2022