Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Luns, 16 de maio de 2022 Páx. 28743

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2022 pola que se convoca o Programa de axudas á elaboración do libro do edificio existente para a rehabilitación e a redacción de proxectos de rehabilitación do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o ano 2022, con carácter plurianual (código de procedemento VI406G).

No Boletín Oficial del Estado núm. 239, do 6 de outubro, publicouse o Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

O citado real decreto, segundo establece no seu artigo 1, ten por obxecto regular os programas de axuda nos ámbitos da rehabilitación de vivenda e da vivenda social, dentro do marco xeral do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e, especificamente, en relación cos investimentos C02.I01 «Programa de rehabilitación para a recuperación económica e social en contornos residenciais» e C02.I02 «Programa de construción de vivendas en alugamento social en edificios enerxeticamente eficientes», incluídas ambas as dúas dentro da compoñente 2: «Implementación da Axenda Urbana española: Plan de rehabilitación e rexeneración urbana». A finalidade deste real decreto é, polo tanto, contribuír ao cumprimento dos obxectivos do citado plan nos referidos ámbitos da rehabilitación de vivenda e da vivenda social, contribuíndo a alcanzar as metas establecidas ao longo do período de aplicación do plan.

O réxime xurídico, normativa específica aplicable, requisitos e obrigas das persoas ou entidades beneficiarias e o procedemento de concesión das axudas será o establecido por este real decreto, de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, así como o establecido na normativa autonómica que resulte de aplicación e nas convocatorias que aprobe cada comunidade autónoma ou as cidades de Ceuta e Melilla, así como no Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación, transformación e resiliencia, Regulamento do MRR, e demais disposicións que articule o MRR e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR).

Na falta do previsto nesta normativa aplicaranse as normas de dereito administrativo, así como as normas de dereito privado ou outras de ámbito nacional ou europeo que puidesen resultar aplicables. Así mesmo, ao regular o dito real decreto actuacións incluídas nos referidos investimentos C02.I01 e C02.I02 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, estará suxeito ás disposicións que resulten aplicables do Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Cando as destinatarias últimas das axudas sexan persoas ou entidades que realicen algunha actividade económica, tamén será de aplicación o Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, e o Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, conforme o establecido no real decreto, sen prexuízo do resto de disposicións, tanto do dereito nacional como da Unión Europea que puidesen resultar de aplicación, particularmente as que se aproben no ámbito da execución e xestión tanto do Mecanismo de recuperación e resiliencia establecido polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, como do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, así como aquelas disposicións que puideran establecerse pola autoridade nacional responsable da aplicación dos fondos. Así mesmo, de ser o caso, será de aplicación o establecido no Marco Nacional Temporal relativo as medidas de axuda a empresas e autónomos consistentes en subvencións directas, anticipos reembolsables, vantaxes fiscais, garantías de préstamos e bonificacións de tipos de xuros en préstamos destinadas a apoiar a economía no contexto do actual gromo da COVID-19.

O 30 de setembro de 2021 publicouse no Boletín Oficial del Estado núm. 234, a Orde HFP 1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e a Orde HFP 1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e o formato da información que se vai proporcionar polas entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos, e de execución orzamentaria e contable das medidas das compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

O sistema ten como finalidade primordial a busca da uniformidade e a definición das reformas e investimentos, fitos e obxectivos que integran o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, regulando aspectos como a loita contra a fraude, a corrupción e a identificación das persoas ou entidades beneficiarias últimas das axudas, así como dos contratistas e subcontratistas.

Neste sentido, a Orde HFP 1030/2021, do 29 de setembro, establece no seu artigo 8 a obriga das entidades decisorias e executoras de incluír nas súas respectivas convocatorias de axudas unha serie de requisitos en relación coa identificación das persoas ou entidades beneficiarias destas. O dito artigo dispón que: «Coa finalidade de dar adecuado cumprimento ao mandato establecido na letra d) do punto 2 do artigo 22 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, configúrase o seguinte procedemento de incorporación de información específica: (...).

d) Aceptación da cesión de datos entre as administracións públicas implicadas para dar cumprimento ao previsto na normativa europea que é de aplicación e de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (modelo anexo IV.B).

e) Declaración responsable relativa ao compromiso do cumprimento dos principios transversais establecidos no PRTR e que puidesen afectar o ámbito obxectivo de xestión (modelo IV.C) (...)».

Ademais, menciónase na orde a obriga de cubrir unha declaración de ausencia de intereses (DACI) polos beneficiarios que, dentro dos requisitos de concesión da axuda, leven a cabo actividades que presenten un conflito de intereses potencial que poida afectar os intereses financeiros da UE (anexo III.C.1.b).ii e d).i.B).

A epígrafe 3.b) do artigo 9 da Orde 1030/2021, do 29 de setembro, sinala tamén que: «(…) Do mesmo modo, todas as convocatorias, licitacións, convenios e resto de instrumentos xurídicos, que se desenvolvan neste ámbito, deberán conter tanto no seu encabezamento como no seu corpo de desenvolvemento a seguinte referencia Plan de recuperación, transformación e resiliencia-financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU».

Por outra parte, o artigo 10 da Orde 1031/2021, do 29 de setembro, establece para as entidades executoras do PRTR a obriga de achegar a información sobre a identificación do perceptor dos fondos e, entre outros datos, a data de nacemento, no seu caso.

A Comunidade Autónoma de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, que é o organismo encargado da xestión dos programas do citado real decreto, ao abeiro do artigo 4 do devandito Real decreto, con data do 5 de novembro de 2021 notificou ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a aceptación da transferencia de crédito no contexto dos programas de axudas 1 a 5 en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, correspondentes á anualidade 2021.

No artigo 2, o real decreto inclúe, entre os programas que regula, o Programa de axuda 5, referido á elaboración do libro do edificio existente para a rehabilitación e a redacción de proxectos de rehabilitación.

O obxecto deste programa é o impulso á implantación e xeneralización do libro de edificio existente para a rehabilitación, mediante unha subvención que cubra parte dos gastos de honorarios profesionais pola súa emisión, así como o desenvolvemento de proxectos técnicos de rehabilitación integral de edificios de acordo cos límites establecidos, co propósito de activar a demanda dunha rehabilitación enerxética significativa e de alta calidade nos edificios, que permita cumprir os obxectivos europeos e impulse a actividade deste sector a medio e longo prazo.

De conformidade co establecido no artigo 50 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, en cumprimento dos obxectivos establecidos no anexo á Decisión de Execución do Consello (CID, nas súas siglas en inglés), do 16 de xuño de 2021, relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España, a concesión e execución das axudas deste programa apoiará o cumprimento dos seguintes obxectivos:

a) Obxectivo nº 27 do CID: finalización das actuacións de renovación de vivendas, cun aforro medio de polo menos un 30 % de enerxía primaria (231.000 actuacións de renovación en, polo menos, 160.000 vivendas únicas), o cuarto trimestre de 2023.

b) Obxectivo nº 29 do CID: finalización das actuacións de renovación de vivendas, cun aforro medio de polo menos un 30 % de enerxía primaria (510.000 actuacións de renovación en, polo menos, 355.000 vivendas únicas), o segundo trimestre de 2026.

Esta resolución regula o procedemento de convocatoria para a Comunidade Autónoma de Galicia do citado Programa de axuda 5 referido á elaboración do libro do edificio existente para a rehabilitación e a redacción de proxectos de rehabilitación do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

De conformidade coas facultades atribuídas nos artigos 1.1 e 54 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, a Comunidade Autónoma de Galicia considera como bases reguladoras do programa de axudas á elaboración do libro do edificio existente para a rehabilitación e a redacción de proxectos de rehabilitación as normas contidas no dito real decreto.

Esta resolución establece como sistema único de presentación das solicitudes a presentación electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, xa que a complexidade do programa e das actuacións subvencionadas exixe a necesaria participación de persoal cualificado que, de conformidade coa lexislación vixente, está obrigado a relacionarse electronicamente coas administracións públicas.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e réxime de concesión das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto convocar o Programa de axuda á elaboración do libro do edificio existente para a rehabilitación e a redacción de proxectos de rehabilitación, previsto no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, (Boletín Oficial del Estado núm. 239, do 6 de outubro de 2021) para a anualidade 2022, con carácter plurianual (código de procedemento VI406G).

2. A concesión das subvenciones recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 54 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, e no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Do citado esgotamento de crédito darase publicidade no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) e na páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Segundo. Bases reguladoras

1. As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras deste programa contidas no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, coas especificacións e limitacións recollidas nesta resolución.

2. En todo o non recollido nas bases reguladoras e nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia e demais disposicións relativas á execución e xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) e do Mecanismo de recuperación e resiliencia (DOUE do 18 de febreiro). Na falta do previsto nesta normativa, aplicaranse as normas de dereito administrativo, así como as normas de dereito privado ou outras de ámbito nacional ou europeo que puidesen resultar aplicables.

Terceiro. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo ás aplicacións orzamentarias 08.81.451A.770.8 e 08.81.451A.780.8 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, polos importes de 70.000 e 677.914 euros para a anualidade 2022 e 100.000 e 400.000 euros para a anualidade 2023, respectivamente, procedentes todos eles do Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

2. De conformidade co establecido no artigo 67.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Cuarto. Actuacións subvencionables

1. Constitúen actuacións subvencionables as seguintes:

a) A emisión do libro do edificio existente para a rehabilitación (liña A).

b) A redacción de proxectos técnicos de rehabilitación integral de edificios (liña B).

2. As actuacións non poderán estar iniciadas antes do 1 de febreiro de 2020.

3. As actuacións subvencionables por este programa están suxeitas ao cumprimento do principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (DNSH polas súas siglas en inglés) estando suxeitas ás disposicións europeas e nacionais que o regulan e, especificamente, ao disposto no Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021 e no Regulamento (UE) 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello do 18 de xuño de 2020, e de acordo coa Guía técnica da Comisión Europea (2021/C 58/01) sobre a aplicación deste principio.

Así mesmo, a aplicación das actuacións subvencionables, segundo o previsto no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, asegurará que as contías destinadas aos diferentes investimentos cumpran as condicións do etiquetado climático e ambiental asignado a cada medida e submedida no PRTR, de acordo co anexo VI do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021.

Quinto. Requisitos dos edificios obxecto das actuacións subvencionables

1. Os edificios obxecto das actuacións subvencionables a través deste programa deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar rematados antes do ano 2000.

b) Que polo menos o 50 % da súa superficie construída sobre rasante, excluída a planta baixa ou plantas inferiores se ten ou teñen outros usos compatibles, teña uso residencial de vivenda.

2. Os dous requisitos antes citados poderanse acreditar mediante escritura, nota simple rexistral ou consulta descritiva e gráfica dos datos catastrais.

Sexto. Contido do libro do edificio existente para a rehabilitación

O libro do edificio existente para a rehabilitación deberá ter, de xeito detallado, o contido relacionado no anexo I do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro. Non obstante, de conformidade co previsto no artigo 50 do citado real decreto, admitiranse os informes de avaliación dos edificios elaborados de conformidade co previsto no Decreto 61/2021, do 8 de abril, polo que se regula o informe de avaliación dos edificios e se crea o Rexistro Galego de Informes de Avaliación dos Edificios, e deberá completarse co manual de uso e mantemento, sinalado no punto I.2 e co contido do bloque II do anexo I do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro.

Sétimo. Requisitos dos proxectos técnicos de rehabilitación integral de edificios

1. Nos proxectos técnicos de rehabilitación integral de edificios, a actuación proposta debe cumprir os requisitos establecidos no artigo 33 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, para poder ser considerada como actuación subvencionable dentro do Programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de edificio.

2. O proxecto técnico incluirá un estudo de xestión de residuos de construción e demolición que se desenvolverá posteriormente no correspondente plan de xestión de residuos de construción e demolición, conforme o establecido no Real decreto 105/2008, do 1 de febreiro, polo que se regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición, onde se cumprirán as seguintes condicións:

a) Polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluíndo o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Lista europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532/EC) xerados no sitio de construción prepararase para a súa reutilización, reciclaxe e recuperación doutros materiais, incluías as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da Unión Europea.

b) Os operadores deberán limitar a xeración de residuos nos procesos relacionados coa construción e demolición, de conformidade co Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE e tendo en conta as mellores técnicas dispoñibles e utilizando a demolición selectiva para permitir a eliminación e manipulación segura de substancias perigosas e facilitar a reutilización e reciclaxe de alta calidade mediante a eliminación selectiva de materiais, utilizando os sistemas de clasificación dispoñibles para residuos de construción e demolición. Así mesmo, establecerase que a demolición se leve a cabo preferiblemente de forma selectiva e a clasificación realizarase de forma preferente no lugar de xeración dos residuos.

3. Os deseños dos edificios e as técnicas de construción apoiarán a circularidade e, en particular, demostrarán, con referencia á ISO 20887 ou outras normas para avaliar a capacidade de desmontaxe ou adaptabilidade dos edificios, como están deseñados para ser máis eficientes no uso de recursos, adaptables, flexibles e desmontables para permitir a reutilización e a reciclaxe.

4. De conformidade co establecido no segundo parágrafo do artigo 54.6.e) do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, na documentación do proxecto técnico deberá incluírse o aforro de consumo de enerxía primaria non renovable estimado con respecto á situación inicial e a contía da axuda solicitada.

Oitavo. Contía das axudas

1. A contía máxima da subvención para o libro do edificio existente para a rehabilitación será a obtida da seguinte forma:

a) No caso de vivendas unifamiliares e edificios plurifamiliares de ata 20 vivendas: 700 euros, máis unha cantidade de 60 euros por vivenda.

b) No caso de edificios plurifamiliares de máis de 20 vivendas: 1.100 euros, máis unha cantidade de 40 euros por vivenda, cunha contía máxima de subvención de 3.500 euros.

Se non se dispón do informe de avaliación do edificio ou documento análogo, a axuda poderá incrementarse ata nun 50 %.

2. No suposto de proxectos técnicos de rehabilitación integral de edificios a contía máxima da subvención será a obtida da seguinte forma:

a) No caso de vivendas unifamiliares e edificios plurifamiliares de ata 20 vivendas: 4.000 euros, máis unha cantidade de 700 euros por vivenda.

b) No caso de edificios plurifamiliares de máis de 20 vivendas: 12.000 euros, máis unha cantidade de 300 euros por vivenda, cunha contía máxima de subvención de 30.000 euros.

3. O custo destas actuacións correspóndese co campo de intervención 025bis «Renovación da eficiencia enerxética dos inmobles existentes, proxectos de demostración e medidas de apoio» do anexo VI do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello do 12 de febreiro de 2021.

4. A contía da axuda non poderá superar en ningún caso o custo total, excluídos os impostos. Non obstante, o imposto sobre o valor engadido poderá ser considerado elixible, sempre e cando non poida ser susceptible de recuperación ou compensación total ou parcial.

Noveno. Persoas ou entidades beneficiarias

1. Ao abeiro do artigo 51 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, poderán ser beneficiarias destas axudas:

a) As persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas unifamiliares illadas ou agrupadas en fila e de edificios existentes de tipoloxía residencial de vivenda colectiva, ben sexan persoas físicas ou ben teñan personalidade xurídica de natureza privada.

b) As comunidades de persoas propietarias ou as agrupacións de comunidades de persoas propietarias constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

c) As persoas propietarias que, de forma agrupada, sexan propietarias de edificios que reúnan os requisitos establecidos polo artigo 396 do Código civil e non outorgasen o título constitutivo de propiedade horizontal.

d) As sociedades cooperativas compostas de forma agrupada por persoas propietarias de vivendas ou edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil, así como polas persoas propietarias que conforman comunidades de propietarios ou agrupacións de comunidades de propietarios constituídos conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aquelas persoas ou entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, agás a da letra e) dos citados artigos, relativa á obriga de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social no suposto da liña B, no caso de que non se presente o proxecto técnico xunto coa solicitude. Nos demais supostos, dado que a xustificación se presenta xunto coa solicitude, non poderá procederse ao pagamento da axuda en tanto non se acredite estar ao día no cumprimento das ditas obrigas.

3. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda sexa unha persoa física ou xurídica de natureza privada que exerza actividades económicas ou comerciais, aplicarase o seguinte réxime en materia de axudas de estado:

a) Cando a suma do importe das axudas concedidas nos últimos tres anos fiscais e da contía da axuda solicitada nesta convocatoria sexa inferior a 200.000 euros, aplicarase o disposto no Regulamento (UE) n° 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

b) Cando a suma do importe das axudas concedidas nos últimos 3 años fiscais e da contía da axuda solicitada nesta convocatoria sexa igual ou superior aos 200.000 euros, aplicarase o disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, aplicando a exención correspondente ás axudas ao investimento destinadas a medidas de eficiencia enerxética regulada no artigo 38.

O sometemento a esta norma de exención comunitaria require o cumprimento das seguintes condicións:

1º. Que se exclúan como posibles beneficiarias as empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2.18 do dito Regulamento (UE) 651/2014, e as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior,

2º. que a solicitude da axuda sexa anterior ao inicio das actuacións subvencionables, para cumprir o requisito de que a axuda teña efecto incentivador, e

3º. que a intensidade da axuda non supere as porcentaxes sinaladas no artigo 38 do devandito Regulamento 651/2014, isto é o 35 % dos custos subvencionables que se pode incrementar nun 10 % para as medianas empresas e nun 20 % para as pequenas empresas. Para determinar o cumprimento da intensidade máxima de axuda debe terse en conta o importe total das axudas estatais concedidas para os mesmos custos subvencionables.

Décimo. Axente ou xestor da rehabilitación

1. As persoas ou entidades beneficiarias das axudas poderán facultar e autorizar, mediante o correspondente acordo, que un axente ou xestor da rehabilitación actúe por conta daquelas.

2. O axente ou xestor da rehabilitación é aquela persoa física ou xurídica, ou entidade pública ou privada que poida realizar actuacións de impulso, seguimento, xestión e percepción de axudas públicas, mediante mecanismos de cesión do dereito de cobramento ou similares, acceso ao financiamento, elaboración de documentación ou proxectos técnicos ou outras actuacións necesarias para o desenvolvemento das actuacións subvencionables, ao abeiro do artigo 8 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro.

3. A participación do axente ou xestor da rehabilitación non exime a persoa beneficiaria de cumprir as obrigas que lle incumben, sen prexuízo da responsabilidade que, ademais, poida exixirse ao dito axente ou xestor.

Décimo primeiro. Prazo de presentación de solicitudes

As axudas previstas nesta convocatoria poderanse solicitar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución ata o 30 de novembro de 2022, agás que, con anterioridade, se tivese esgotado o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG e na páxina web do IGVS mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Décimo segundo. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e que se incorpora na presente resolución como anexo I.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. No modelo de solicitude deberán constar os seguintes campos: o tipo de persoa ou entidade solicitante, os datos do edificio ou edificios para o/s que se elabora o libro do edificio existente ou o proxecto de rehabilitación; o número de vivendas e, de ser o caso, locais do edificio ou edificios obxecto do libro ou do proxecto con indicación da súa superficie construída e número de alturas, incluída a planta baixa; a referencia catastral ou referencias catastrais; a porcentaxe de superficie construída sobre rasante, excluída a planta baixa ou plantas inferiores se ten ou teñen outros usos compatibles, destinada a uso residencial de vivenda; o consumo de enerxía primaria non renovable e a demanda enerxética conxunta de calefacción e refrixeración actual e a prevista tras a rehabilitación; as emisións de CO2 antes e despois da actuación; a cualificación enerxética do edificio en consumo enerxético e en emisións antes e despois da actuación; o investimento total; o custo subvencionable; a contía da axuda solicitada; o número e a data da inscrición do certificado de eficiencia enerxética actual no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia (RGEEE), así como, no caso de solicitar as axudas da liña B, a anualidade prevista de entrega do proxecto, no caso de entregar a memoria xustificativa prevista no artigo 54.6 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro.

3. No modelo de solicitude deberán realizarse as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que non solicitou nin se lle concedeu ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Declaración responsable de que non se lle concedeu ningunha axuda de minimis. No caso de ter solicitado ou obtido axuda de minimis, deberá indicar cales e a súa contía.

c) Compromiso de comunicar inmediatamente calquera outra subvención que solicite e/ou obteña en réxime de minimis doutras administracións públicas ou doutros entes públicos, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración, con indicación da súa contía.

d) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, agás a da letra e) dos ditos artigos relativa á obriga de atoparse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, no suposto de solicitude de axuda da liña B se presenta a memoria xustificativa da actuación proposta, no caso de non dispoñer de proxecto técnico de rehabilitación integral.

e) Declaración responsable de que están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, de conformidade co artigo 21 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; ao artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ao artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Declaración responsable de que as actuacións subvencionables non se iniciaron antes do 1 de febreiro de 2020.

g) Declaración responsable de que a empresa á cal se represente non está en crise de acordo coa definición de «empresa en crise» que establece o punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) núm. 651/2014, do 17 de xuño de 2014, no seu caso.

h) Declaración responsable de que coñece e acepta os contidos e as obrigas recollidos nas bases reguladoras e na convocatoria deste programa.

i) Declaración de que todos os datos da súa solicitude son certos.

Décimo terceiro. Documentación complementaria

1. As persoas e entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, de forma individualizada:

a) Documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa ou entidade solicitante, de ser o caso. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) Escritura pública, certificado ou nota simple rexistral ou calquera outro documento que acredite a titularidade do edificio no caso de que a persoa ou entidade non conste como titular catastral e acredite que o edificio está rematado antes do ano 2000 e que polo menos o 50 % da súa superficie construída sobre rasante, excluída a planta baixa ou plantas inferiores se ten ou teñen outros usos compatibles, teña uso residencial de vivenda.

c) Acta ou certificado da persoa titular da secretaría ou administración da comunidade de persoas propietarias, das comunidades de persoas propietarias debidamente agrupadas ou da asemblea da cooperativa, en que conste o nomeamento do representante autorizado para solicitar a subvención, de ser o caso.

d) Avaliación favorable de adecuación ou declaración responsable do cumprimento do principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» no sentido establecido no punto 6) do artigo 2 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento europeo e do Consello do 12 de febreiro de 2021 polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. No caso de optar pola declaración responsable axustarase ao contido do anexo III.

e) Anexo IV, de declaración de compromiso de cumprimento dos principios transversais establecidos no PRTR e que puidesen afectar o obxecto de xestión, e de ausencia de conflito de intereses en relación coa execución e actuacións do PRTR.

f) Anexo V, de declaración de cesión e tratamento de datos en relación coa execución e actuacións do PRTR.

g) Anexo VI, documento acreditativo do acordo de cesión do dereito de cobramento da subvención da persoa ou entidade interesada na subvención do dereito de cobramento a un axente ou xestor de rehabilitación do dereito de cobramento, de ser o caso.

2. No caso de solicitar as axudas da liña A deberá achegarse, ademais da establecida no punto 1 deste ordinal, a seguinte documentación:

a) Libro do edificio existente para a rehabilitación.

b) Declaración responsable da persoa técnica redactora na cal conste que o libro do edificio existente está completo e elaborado de acordo co definido no ordinal sexto.

c) Documento no cal conste a conformidade da persoa ou entidade solicitante co libro do edificio existente para a rehabilitación.

d) Acta ou certificado da persoa titular da secretaría ou administración co acordo da comunidade de persoas propietarias, das comunidades de persoas propietarias debidamente agrupadas ou da asemblea da cooperativa, pola que se aproba a realización do libro do edificio existente para a rehabilitación, de ser o caso.

e) Factura de honorarios, emitida polo/a profesional ou profesionais que redactaron o libro do edificio existente para a rehabilitación.

f) Documentación xustificativa do gasto realizado, mediante transferencias, certificacións ou extractos bancarios que acrediten o pagamento do libro do edificio existente para a rehabilitación, de acordo co establecido nos artigos 42 e 60 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

g) Certificado de eficiencia enerxética que xustifique a redución do consumo de enerxía primaria non renovable de acordo co bloque II.2 do anexo I do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, realizado co mesmo programa recoñecido de certificación que o utilizado para o certificado de eficiencia enerxética do edificio existente no seu estado actual (inscrito no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia (RGEEE) e subscrito por técnico competente.

3. No caso de solicitar as axudas da liña B deberá achegarse, ademais da establecida no punto 1 deste ordinal, de forma individualizada, a seguinte documentación:

a) Proxecto técnico de rehabilitación integral do edificio. No caso de non ter elaborado o proxecto técnico de rehabilitación integral no momento de presentar a solicitude, presentará a memoria xustificativa da actuación proposta, co seguinte contido mínimo:

1º. Descrición pormenorizada da actuación proposta.

2º. Orzamento desagregado por ámbitos de actuación.

3º. Planos da actuación proposta.

4º. Especificación do aforro de consumo de enerxía primaria non renovable estimado con respecto á situación inicial e contía da axuda solicitada.

b) Declaración da persoa técnica redactora na cal conste que o proxecto está completo e elaborado de acordo coa normativa vixente e co definido no ordinal quinto, de ser o caso.

c) Documento en que conste a conformidade da persoa ou entidade solicitante co proxecto técnico de rehabilitación integral do edificio no caso de que se presente o proxecto técnico coa solicitude, de ser o caso.

d) Reportaxe fotográfica, preferentemente en cor, de todas aquelas zonas que vaian ser afectadas polo proxecto, así como da fachada principal do edificio.

e) Certificado de eficiencia enerxética de proxecto, en que se inclúan as actuacións recollidas no proxecto, realizado co mesmo programa recoñecido de certificación có utilizado para o certificado de eficiencia enerxética do edificio existente no seu estado actual subscrito por técnico competente, no caso de que se presente o proxecto técnico coa solicitude.

f) Acta ou certificado da persoa titular da secretaría ou administración co acordo da comunidade de persoas propietarias, das comunidades de persoas propietarias debidamente agrupadas ou da asemblea da cooperativa, pola que se aproba a realización do proxecto técnico de rehabilitación integral do edificio, de ser o caso.

g) Factura de honorarios, emitida polo/a profesional ou profesionais que redactaron o proxecto técnico de rehabilitación integral do edificio. No caso de que se presente unha memoria xustificativa da actuación, orzamento correspondente aos honorarios de redacción do proxecto técnico de rehabilitación integral do edificio.

h) Documentación xustificativa do gasto realizado, mediante transferencias, certificacións ou extractos bancarios que acrediten o pagamento do proxecto técnico de rehabilitación integral do edificio, de acordo co establecido nos artigos 42 e 60 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no caso de que se presente o proxecto técnico coa solicitude.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderase solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

Décimo cuarto. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presentase a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias presentadas pola persoa ou entidade interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número do expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo quinto. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas excepto que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (en diante, NIE) da persoa solicitante.

b) Número de identificación fiscal (en diante, NIF) da persoa xurídica de natureza privada ou da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante, no seu caso.

d) Número de identificación fiscal (en diante, NIF) da entidade representante, no seu caso.

e) Certificado acreditativo de non ter débedas no momento do pagamento da subvención coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (en diante, AEAT), coa Seguridade Social e/ou coa Comunidade Autónoma de Galicia da persoa solicitante.

f) Certificado catastral de titularidade correspondente á persoa solicitante.

g) Consulta descritiva e gráfica dos datos catastrais dos edificios obxecto das actuacións subvencionables que acredite o seu uso e ano de construción.

h) Consulta de bens inmobles.

i) Consulta de subvencións e axudas.

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

k) Consulta de concesións de subvencións pola regra de minimis, no caso de que a persoa beneficiaria da axuda sexa unha persoa física ou xurídica de natureza privada que exerza actividades económicas ou comerciais.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas ou ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes

Décimo sexto. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo sétimo. Órganos administrativos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica de Fomento do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas solicitadas.

Décimo oitavo. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iniciarase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a publicación desta convocatoria.

2. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos nas bases reguladoras ou nesta convocatoria, requiriráselle á persoa solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se lle terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. O órgano instrutor poderá requirir a persoa solicitante para que presente cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento e solicitará os informes pertinentes para comprobar que as solicitudes presentadas cumpren os requisitos exixidos polas bases reguladoras, por esta convocatoria e pola demais normativa de aplicación.

4. Unha vez completado o expediente, e despois das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da Dirección Técnica de Fomento do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá o que en dereito proceda.

5. Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Considérase data de presentación aquela en que a solicitude quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e vir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta resolución. Así mesmo, considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria.

6. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as resolucións de denegación das axudas solicitadas poderán publicarse na páxina web do IGVS http://igvs.xunta.gal, logo da publicación desta circunstancia no DOG.

Décimo noveno. Resolución e recursos

1. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución deste procedemento será de tres meses, contados desde a data de presentación da solicitude que inclúa a documentación relacionada no ordinal décimo terceiro. Finalizado o citado prazo sen que se dite e notifique a resolución, as persoas solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. A resolución estimatoria indicará a persoa beneficiaria, as actuacións subvencionables, o custo elixible, a contía da subvención concedida e a mención expresa de que a axuda concedida está financiada con cargo a fondos europeos do PRTR coa colaboración do Goberno de España, nos termos especificados no artigo 4.1.f) do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro.

3. Cando a actuación proposta requira proxecto e a solicitude inclúa inicialmente só a memoria, o órgano competente poderá ditar resolución de concesión da axuda suxeita expresamente á condición resolutoria de que, nun prazo máximo de tres meses desde a notificación da resolución de concesión, se achegue o proxecto da actuación que se vai realizar correspondente á axuda concedida.

4. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada perante a persoa titular da Presidencia do IGVS.

O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Vixésimo. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias

Ademais das recollidas nos artigos 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas ou entidades beneficiarias terán as seguintes obrigas:

a) Xustificar a execución da actuación presentando os documentos sinalados nos ordinais décimo terceiro e vixésimo terceiro desta resolución.

b) Destinar o importe íntegro da axuda ao pagamento das actuacións subvencionables.

c) Permitirlle o IGVS a realización das inspeccións e/ou as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados e/ou o destino da subvención concedida e as que se deriven da normativa aplicable á xestión de axudas financiadas cos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, «Regulamento do MRR», e demais disposicións que articulen o MRR e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR).

d) Estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento en que se aboe a subvención.

e) Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o IGVS ou a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a Intervención Xeral da Administración Xeral do Estado, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, así como ás medidas de control e auditoría recollidas no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia e o Regulamento (UE, Euratrom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión. En particular, deberán autorizar a Comisión, a OLAF, o Tribunal de Contas Europeo, e cando proceda, a Fiscalía europea a exercer os dereitos que recoñece o artigo 129, punto 1, do referido regulamento financeiro.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control, durante un período de cinco años a partir do pagamento do saldo, ou a falta do dito pagamento, da operación. Este período será de tres anos se o financiamento é dun importe inferior ou igual a 60.000 €.

g) Cumprir cos requisitos que figuran no Manual de imaxe do programa que estará dispoñible na web do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (http://www.mitma.es), así como o establecido en medidas de publicidade no Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello do 12 de febreiro de 2021 polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, en toda referencia en calquera medio de difusión á actuación obxecto das axudas. En concreto, cumprir co establecido no citado artigo 34.2 do Regulamento (UE) 2021/241, que indica que «Os perceptores de fondos da Unión farán mención da orixe deste financiamento e velarán por darlle visibilidade, cando proceda, mediante o emblema da Unión e unha declaración de financiamento adecuada que indique «financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU», en particular cando promovan as accións e os seu resultados, facilitando información coherente, efectiva e proporcionada dirixida a múltiples destinatarios, incluídos os medios de comunicación e o público».

h) Cumprir na execución das actuacións subvencionables o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (DNSH polas súas siglas en inglés).

i) As demais obrigas que derivan desta resolución, do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro; da Orde HFP 1030/2021, do 29 de setembro, así como a normativa da Unión Europea aplicable para a certificación dos fondos europeos.

Vixésimo primeiro. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, no seu caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas, fóra dos casos permitidos por esta resolución, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención ou á súa revogación.

2. En todo caso, a modificación da resolución de concesión realizarase nos termos do artigo 35 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Vixésimo segundo. Xustificación e pagamento da subvención

1. As persoas ou entidades beneficiarias deberán xustificar a subvención, no caso da liña B, mediante a achega do anexo II e da seguinte documentación, no caso de que non se presentase con anterioridade:

a) Proxecto técnico de rehabilitación integral do edificio.

b) Declaración responsable da persoa técnica redactora en que conste que o proxecto está completo e elaborado de acordo coa normativa vixente e co definido no ordinal sétimo, de ser o caso.

c) Documento en que conste a conformidade da persoa ou entidade beneficiaria co proxecto técnico de rehabilitación integral do edificio.

d) Certificado de eficiencia enerxética de proxecto, no cal se inclúan as actuacións recollidas no proxecto, realizado co mesmo programa recoñecido de certificación que o utilizado para o certificado de eficiencia enerxética do edificio existente no seu estado actual subscrito por técnico competente.

e) Factura de honorarios, emitida polo/a profesional ou profesionais que redactaron o proxecto técnico de rehabilitación integral do edificio.

f) Documentación xustificativa do gasto realizado, mediante transferencias, certificacións ou extractos bancarios que acrediten o pagamento do proxecto técnico de rehabilitación integral do edificio, de acordo co establecido nos artigos 42 e 60 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

g) Anexo VI, no caso de cesión do dereito de cobramento da subvención ao axente ou xestor da rehabilitación.

2. A documentación xustificativa deberá presentarse no prazo máximo de tres meses desde a notificación da resolución de concesión. No suposto da liña A non deberá presentarse máis documentación que a remitida xunto coa solicitude.

3. A subvención pagaráselle á persoa beneficiaria mediante transferencia bancaria no número de conta sinalado para estes efectos no anexo I, sen prexuízo do establecido no ordinal seguinte respecto da cesión do dereito de cobramento da subvención.

4. Poderanse dotar de anticipos as persoas e entidades beneficiarias que así o soliciten, mediante o anexo VII, sempre e cando, ao abeiro do disposto no artigo 56.2 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, e o artigo 63 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, se cumpran as seguintes condicións:

a) Que non superen o 50 % do importe total da axuda concedida á persoa ou entidade beneficiaria, nin a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

b) Que se destinen exclusivamente a cubrir gastos da actuación obxecto da subvención e que se xustifiquen adecuadamente.

c) Que os destinatarios últimos destes anticipos acrediten que se encontran ao día do pagamento das obrigas de reembolso de calquera outros anticipos concedidos anteriormente con cargo aos créditos especificamente consignados para a xestión de fondos europeos nos orzamentos xerais do Estado, de acordo co establecido no artigo 61.3 do Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, e nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As persoas e entidades beneficiarias deberán presentar co anexo VII de solicitude do anticipo un documento coa xustificación da necesidade do anticipo con indicación do/s investimento/s que exixe/n pagamentos inmediatos.

Estes anticipos non terán que ser obxecto de garantía por parte da persoa beneficiaria, de acordo co establecido no artigo 56 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro.

Vixésimo terceiro. Cesión do dereito de cobramento

1. As persoas ou entidades beneficiarias poderán ceder o dereito de cobramento da súa subvención ao axente ou xestor da rehabilitación, de ser o caso. Neste caso, deberán presentar, nos termos previstos para a presentación da documentación complementaria, o anexo VI, debidamente cuberto.

2. A cesión do dereito de cobramento non afectará as obrigas asumidas polas persoas ou entidades beneficiarias como consecuencia da concesión da axuda, incluídas as de xustificación da subvención, nin as facultades do IGVS, sobre a revogación, modificación ou revisión da resolución de concesión e, no seu caso, do reintegro da subvención.

3. No caso de cesión do dereito de cobramento da subvención ao axente ou xestor da rehabilitación, as persoas ou entidades beneficiarias estarán exentas de presentar os xustificantes de pagamento previstos nos ordinais décimo terceiro e vixésimo segundo do importe correspondente a estes dereitos cedidos.

Vixésimo cuarto. Compatibilidade das axudas

As subvencións deste programa serán compatibles con calquera outra axuda pública para o mesmo obxecto, sempre que non se supere o custo total das actuacións e sempre que a regulación das outras axudas, xa sexan de ámbito nacional ou europeo o admitan, sendo de aplicación o disposto no artigo 9 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, que establece que a axuda concedida no marco do Mecanismo se sumará á proporcionada con arranxo a outros programas e instrumentos da Unión, precisando que as reformas e os proxectos de inversión poderán recibir axuda doutros programas e instrumentos da Unión sempre que a dita axuda non cubra o mesmo custo, evitando o dobre financiamento entre programas do Mecanismo de recuperación e resiliencia, así como con outros instrumentos da Unión.

En concreto, as subvencións outorgadas neste programa serán compatibles coas axudas reguladas no programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio, edificio e no programa de fomento da mellora da eficiencia enerxética en vivendas.

Vixésimo quinto. Perda e reintegro da subvención

1. Poderán ser causa de perda e posterior reintegro da subvención, ademais dos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os seguintes:

a) O incumprimento das obrigas recollidas no ordinal vixésimo.

b) A falta de xustificación da subvención.

c) A falta de comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

d) O incumprimento do principio de DNSH e/ou do etiquetado climático.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención, así como o incumprimento de calquera outro aspecto da normativa que estea vinculada ao PRTR, conforme o artigo 7.Sétima da Lei 11/2020, do 30 de decembro, de orzamentos xerais do Estado, comportará, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento, máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.

3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, se é o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Vixésimo sexto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas e ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas e as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorreran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Vixésimo sétimo. Control e loita contra a fraude

1. Calquera persoa que teña coñecementos de feitos que poidan se constitutivos de fraude ou irregularidade en relación cos proxectos financiados con cargo a fondos procedentes da Unión Europea, como é o caso, poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) da Intervención Xeral da Administración do Estado, nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, do citado servizo, a través da canle habilitada na web https://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf. Sen prexuízo disto, tamén poderá empregar a canle de denuncias sobre irregularidades ou condutas de fraude que terá a súa sede no Sistema integrado de atención á cidadanía (SIACI) (https://www.xunta.gal/sistema-integrado-de-atencion-a-cidadania?langId=gl_ES).

2. No control e loita contra a fraude o IGVS actuará de conformidade co establecido no seu Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude.

Vixésimo oitavo. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Vixésimo noveno. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión deste programa de axudas.

Trixésimo. Recursos contra esta resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo perante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Trixésimo primeiro. Eficacia

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file