Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Venres, 20 de maio de 2022 Páx. 30001

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 10 de maio de 2022 pola que se dá publicidade da encomenda de xestión á Fundación Semana Verde de Galicia para a posta á disposición dos espazos precisos e os traballos de apoio para a organización das probas selectivas correspondentes a diversas categorías de persoal estatutario.

De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade da Resolución do 25 de abril de 2022 pola que se encomenda á Fundación Semana Verde de Galicia a posta á disposición dos espazos precisos e os traballos de apoio para a organización das probas selectivas correspondentes a diversas categorías de persoal estatutario.

1. Actividades:

Posta á disposición dos espazos precisos e os traballos de apoio para a realización das probas selectivas do Servizo Galego de Saúde para a cobertura de 680 prazas correspondentes ás seguintes categorías profesionais de persoal estatutario:

– Calefactor/a.

– Cociñeiro/a.

– Condutor/a.

– Costureiro/a.

– Electricista.

– Facultativo/a especialista da Área de Cirurxía Oral e Maxilofacial.

– Facultativo/a especialista da Área de Cirurxía Pediátrica.

– Facultativo/a especialista da Área de Cirurxía Plástica, Estética e Reparadora.

– Facultativo/a especialista da Área de Inmunoloxía.

– Facultativo/a especialista da Área de Oncoloxía Radioterápica.

– Fontaneiro/a.

– Lavandeiro/a.

– Logopeda.

– Mecánico/a.

– Pasador/a de ferro.

– Pinche (quendas de acceso libre, promoción interna, discapacidade xeral e discapacidade intelectual).

– Técnico/a en farmacia (quenda de discapacidade intelectual).

– Técnico/a superior de sistemas e tecnoloxías da información.

– Técnico/a de xestión de sistemas e tecnoloxías da información.

– Técnico/a especialista de sistemas e tecnoloxías da información.

– Telefonista.

– Terapeuta ocupacional.

– Traballador/a social.

A actividade encomendada inclúe a posta á disposición dos espazos para a realización das probas co mobiliario e equipamento necesarios (megafonía, pantallas LED, material de imprenta e sinalización), servizo de vixilancia e seguridade, sistemas antimóbil e detectores de metais, aparcadoiros, servizo de limpeza, conexión á internet, material hixiénico e anteparos.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: a Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, ten por obxecto a racionalización de todo o sector público autonómico e da actividade administrativa, así como a adopción de medidas dirixidas a unha maior eficiencia do gasto e á mellora da xestión do sector público autonómico.

O artigo 10 desta lei prevé os instrumentos e procedementos para facer efectivos os principios de cooperación, colaboración e asistencia, entre os cales se encontran as encomendas de xestión, reguladas especificamente no artigo 13, que remite á Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (Lofaxga).

O artigo 10 da Lofaxga prevé a posibilidade de encargar a realización de tarefas a entidades de dereito privado que reúnan a condición de medio propio da Administración ou entidade pública encomendante mediante resolución unilateral. A Fundación Semana Verde de Galicia é unha fundación do sector público autonómico de acordo co artigo 113 da Lofaxga, na medida en que o seu patrimonio fundacional, con carácter de permanencia, está formado en máis dun 50 % por bens e dereitos achegados ou cedidos pola Xunta de Galicia. De acordo co artigo 47 da Lofaxga, ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Xunta de Galicia.

– Prazo de vixencia: o encargo terá unha duración comprendida entre a data da súa sinatura e o 22 de maio de 2022, tendo en conta as datas de realización das probas e o período de sete días previos e posteriores a elas, para o depósito e retirada de materiais.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2022

Julio García Comesaña
Presidente do Servizo Galego de Saúde