Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Venres, 20 de maio de 2022 Páx. 29940

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 10 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras de concesión de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2022 (códigos de procedemento MR506A e MR506B).

O Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derrogan os regulamentos (CEE) nº 922/72, (CEE) nº 234/79, (CE) nº 1037/2001 e (CE) nº 1234/2007 (Regulamento único para a OCM), en prol a mellorar as condicións xerais de produción e comercialización dos produtos apícolas, establece, de conformidade co artigo 55 e seguintes, axudas no sector da apicultura para programas nacionais dunha duración de tres anos.

Este regulamento recolle tamén as medidas que se van financiar e un réxime de cofinanciamento comunitario do 50 % dos gastos orixinados polas actuacións previstas nos programas apícolas, así como a facultade da Comisión para adoptar actos delegados e de execución respecto delas.

Con base nesta facultade e co fin de garantir o correcto funcionamento do réxime de axudas no devandito marco xurídico, publicáronse os regulamentos delegados (UE) nº 2015/1366 da Comisión, do 11 de maio de 2015, polo que se completa o Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no relativo ás axudas da apicultura, e o Regulamento de execución (UE) nº 2015/1368 da Comisión, do 6 de agosto de 2015, polo que se establecen disposicións de aplicación ao devandito Regulamento (UE) nº 1308/2013.

A regulación, no ámbito nacional, deste réxime de concesión de axudas, así como as condicións de financiamento, está recollida no Real decreto 930/2017, do 27 de outubro, polo que se regula o réxime de axudas á apicultura no marco dos programas nacionais anuais, e se modifica o Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas, e derroga o Real decreto 519/1999, do 26 de marzo, polo que se regulaba o réxime de axudas á apicultura no marco dos programas nacionais anuais.

O Programa nacional de axuda á apicultura presentado por España para os anos 2020, 2021 e 2022, elaborado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e as comunidades autónomas, en colaboración cos representantes do sector, foi aprobado pola Decisión de execución (UE) nº 2019/974 da Comisión, do 12 de xuño de 2019 (DOUE L157, do 14 de xuño de 2019). Neste Programa nacional 2020-2022 establécese un réxime de axudas destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura, en que a participación financeira corresponde ata un 50 % ao financiamento comunitario, ata un 25 % corresponde ao financiamento do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a restante porcentaxe á Consellería do Medio Rural.

No artigo 7 do Regulamento de execución (UE) nº 2015/1368 da Comisión, do 6 de agosto de 2015, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello relativo ás axudas ao sector da apicultura, establécese que os pagamentos dos Estados membros deberán efectuarse, como máis tarde, o 15 de outubro, data en que se deben ter presentados os xustificantes de gasto por parte do Estado membro da Unión Europea. Para adiantar no posible a data de pagamento das axudas, cómpre que os gastos correspondentes ás accións realizadas se xustifiquen ante a Consellería do Medio Rural no prazo fixado na resolución de concesión da axuda, sen que en ningún caso poida exceder o 15 de agosto de 2022.

Na súa virtude, de conformidade co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confiren o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia competitiva, as bases reguladoras das axudas para o fomento daquelas actividades destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura e proceder á súa convocatoria para o ano 2022 (códigos de procedemento MR506A e MR506B).

2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 2. Finalidade das axudas, contías e límites

1. Poderán ser obxecto das axudas, de acordo coa normativa comunitaria, aquelas actividades ou investimentos que estean recollidos no programa nacional e encamiñados a acadar os obxectivos das seguintes liñas de actuación:

I) Liña A. Asistencia técnica a persoas apicultoras e organizacións de persoas apicultoras. A esta liña só poderán optar as cooperativas apícolas, organizacións representativas, agrupacións de defensa sanitaria e asociacións de apicultores, con personalidade xurídica propia, na medida que os seus integrantes cumpran os requisitos para seren beneficiarios dalgunha ou algunhas das axudas recollidas no Programa 2020-2022, no sucesivo, «entidades apícolas» (procedemento MR506B).

1º. Liña A.1. Contratación de persoal técnico e especialistas para información e asistencia a persoas apicultoras, e membros destas entidades apícolas, en aspectos de sanidade apícola, loita contra agresores da colmea, análises de laboratorio, cría e selección, optimización ambiental de explotacións e asesoramento global en produción e xestión apícola, así como en prácticas para a adaptación da apicultura ao cambio climático.

Cada entidade apícola deberá designar a un técnico como responsable da execución do programa de asistencia técnica, que, necesariamente, deberá ser unha persoa licenciada en veterinaria. Para o caso do restante persoal técnico, as titulacións admitidas serán as recollidas no terceiro parágrafo da letra e) do artigo 6 da presente orde.

A axuda para a contratación de persoal técnico poderá ser de ata o 90 % do seu custo, cunha limitación de 27.000 euros por técnico, e o importe total non poderá ser superior ao valor de 1 euro por colmea rexistrada na correspondente entidade apícola. Poderá subvencionarse a contratación de tantos técnicos como sexa necesario, atendendo á duración da contratación e á xornada de traballo establecida en cada contrato, e sempre e cando non se superen os citados límites.

En todo caso, o importe máximo da axuda nesta liña por entidade apícola non superará os 54.000 euros.

2º. Liña A.2. Organización, celebración e asistencia a cursos de formación e formación continuada especialmente sobre as materias indicadas no punto anterior, para persoas apicultoras, persoal técnico, de laboratorio e especialistas de entidades apícolas, incluídos os desprazamentos.

Poderá subvencionarse ata o 90 % do seu custo.

No caso de organización e celebración de cursos, serán subvencionables nesta liña os seguintes gastos:

– Custos de xestión e organización.

– Gastos de profesorado.

– Material didáctico.

– Alugamento de locais.

– Gastos de desprazamento e manutención do persoal docente.

– Custos de equipamento directamente vinculados á actividade formativa. Nesta epígrafe entrará o custo das plataformas dixitais para a formación e medios para o desenvolvemento da formación.

En ningún caso se poderán imputar:

– As comidas dos participantes nas accións formativas.

– A adquisición de material inventariable.

Para todos os cursos desenvolvidos, tanto de xeito telemático coma presencial, deberá quedar constancia documental dos asistentes mediante a sinatura electrónica ou manuscrita deles.

3º. Liña A.3. Medios de divulgación técnica, a través de folletos, catálogos e outras publicacións, así como de soportes audiovisuais e informáticos.

Poderá subvencionarse ata o 90 % do seu custo. Non son subvencionables os gastos de loxística e distribución.

4º. Liña A.4. Contratación de persoal administrativo.

Poderá subvencionarse ata o 90 % do custo da contratación de 1 persoa como administrativa, cun máximo de 0,5 euros por colmea rexistrada na correspondente entidade apícola e sen superar os 15.000 euros por beneficiario.

II) Liña B. Loita contra as agresións e enfermidades da colmea. Todas as axudas poderán ser solicitadas por persoas apicultoras e entidades apícolas, incluíndo cooperativas de segundo grao.

1º. Liña B.1. Tratamentos quimioterápicos contra a varroose, autorizados pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios, seleccionados e aplicados con base na correspondente prescrición veterinaria. No caso de produtos exentos de prescrición veterinaria, o tratamento aplicarase conforme as indicacións recollidas na ficha técnica do dito produto.

Poderá subvencionarse ata o 90 % do seu custo, cun máximo de ata 2,5 euros por colmea, e co límite de 18.000 euros para o caso de persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas.

Non son subvencionables os gastos de loxística e distribución.

2º. Liña B.2. Tratamentos contra a varroose autorizados pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios que sexan compatibles coa apicultura ecolóxica, para aqueles titulares de explotación apícola que produzan de acordo coas condicións que establece o Regulamento 2018/848 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018, sobre produción ecolóxica e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 834/2007 do Consello.

Os tratamentos serán seleccionados e aplicados sobre a base da correspondente prescrición veterinaria. No caso de produtos exentos de prescrición veterinaria, o tratamento aplicarase conforme as indicacións recollidas na ficha técnica do dito produto.

Poderá subvencionarse ata o 100 % do seu custo, cun máximo de 5 euros por colmea que sexa obxecto dalgún tipo de tratamento, e co límite de 18.000 euros para o caso de persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas.

Non son subvencionables os gastos de loxística e distribución.

O uso de produtos compatibles con apicultura ecolóxica por parte das persoas produtoras de apicultura convencional será subvencionable por medio da liña B.1.

3º. Liña B.4. Uso de produtos autorizados para a alimentación das abellas co fin de mellorar a vitalidade da colmea e renovación e/ou purificación de cera. Esta liña subdivídese en:

a) Liña B.4.1. Uso de produtos autorizados para a alimentación das abellas co fin de mellorar a vitalidade da colmea.

Poderá subvencionarse ata o 90 % do seu custo, co límite de 4 euros por colmea.

Non son subvencionables os gastos de loxística e distribución.

b) Liña B.4.2. Renovación e/ou purificación da cera.

Poderá subvencionarse ata o 90 % do seu custo, co límite de 6 euros por colmea.

Non son subvencionables os gastos de loxística e distribución.

As axudas para a liña B.4, só se poderán conceder a aquelas persoas beneficiarias das liñas B.1. e/ou B.2., sempre que se cubran as necesidades financeiras para asistir as solicitudes das mencionadas liñas B.1 e B.2.

4º. Liña B.5. Adquisición de trampas e atraentes para a captura, eliminación e control de Vespa velutina.

a) Liña B.5.1. Adquisición de trampas e atraentes para a captura e eliminación da Vespa velutina.

O número máximo de trampas e atraente subvencionables virá determinado polo número de colmeas da persoa apicultora en cada un dos asentamentos que posúa:

– 1 trampa en asentamentos de ata 10 colmeas.

– 2 trampas en asentamentos de ata 25 colmeas.

– 3 trampas en asentamentos de ata 50 colmeas.

– 4 trampas en asentamentos de máis de 50 colmeas.

Poderá subvencionarse ata o 100 % do custo das trampas e do atraente necesario para un período de catro meses, segundo as recomendacións do fabricante, cun límite máximo de 5 euros por trampa, e 12 euros polo atraente que necesita cada trampa.

Non son subvencionables os gastos de loxística e distribución.

b) Liña B.5.2. Adquisición doutros métodos de captura, eliminación, disuasión e control de Vespa velutina, como os fondos sanitarios, as reixas excluíntes, sistemas de protección mediante redes, etc.

Poderá subvencionarse ata o 70 % do seu custo, cun límite máximo de 3 € por colmea.

Non son subvencionables os gastos de loxística e distribución.

III) Liña C. Racionalización da transhumancia. Son destinatarias das liñas C.3 e C.4 tanto a apicultura estante coma a transhumante.

1º. Liña C.1. Adquisición, conservación e mellora dos medios de transporte. Material para o manexo das colmeas: guindastres, mallas de cobertura, cambio de colmeas para mellorar o seu rendemento, sistemas móbiles de extracción de mel e/ou pole, así como outros útiles e equipamento necesario para facilitar a transhumancia, a excepción de vehículos de transporte, combustible, produtos para a alimentación das abellas e cera. Poderá subvencionarse ata o 80 % do seu custo.

2º. Liña C.2. Sistemas de protección ou vixilancia antirroubo ou de xeolocalización das colmeas. Poderá subvencionarse ata o 80 % do seu custo.

3º. Liña C.3. Mellora e acondicionamento de asentamentos, camiños e sendas, incluíndo a incorporación de marxes florais e barbeitos melíferos que inclúan especies florais beneficiosas para a actividade das abellas melíferas e outros polinizadores. Poderá subvencionarse ata o 80 % do seu custo.

4º. Liña C.4. Cota do seguro de responsabilidade civil das colmeas. Poderá subvencionarse ata o 80 % do seu custo cun límite de 0,5 euros por colmea asegurada.

IV) Liña D. Medidas de apoio aos laboratorios de análise de produtos apícolas para axudas ás persoas apicultoras a comercializar e a valorizar os seus produtos.

1º. Liña D.1. Contratación de servizos de análise do mel e dos produtos apícolas por apicultores profesionais (segundo os define a letra g) do artigo 2 do Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas, modificado polo Real decreto 448/2005, do 22 de abril, e por entidades apícolas, que se realicen en laboratorios acreditados pola Norma ISO 17025.

Poderá subvencionarse ata o 90 % do custo da contratación, cun límite de 1 euro por colmea e sen superar os 10.000 euros por beneficiario.

V) Liña E. Medidas de apoio á repoboación dos efectivos apícolas.

1º. Liña E.1. Investimentos para a cría de raíñas (núcleos de fecundación, incubadoras e material para inseminación artificial de raíñas).

2º. Liña E.2. Adquisición de raíñas de razas e/ou subespecies autóctonas para reposición de baixas, sempre que se cubran as necesidades financeiras para asistir as solicitudes da medida anterior.

En ambas as liñas poderá subvencionarse ata o 70 % do custo de actuación, cun límite máximo de 5 euros por colmea.

VI) Liña G. Seguimento de mercado. A esta liña só poderán optar as entidades apícolas. (procedemento MR506B).

1º. Liña G.2. Realización de estudos de mercado ou elaboración de proxectos piloto sobre novos produtos apícolas e/ou novas formas para presentalos, por parte das entidades apícolas que acrediten unha dimensión significativa, expresada como volume de mel producido e comercializado e fixada, de ser o caso, pola autoridade competente.

Poderá subvencionarse ata un importe de 10.000 euros por entidade apícola, cun límite máximo de 1 € por colmea.

2. Para o cálculo das axudas terase en conta o número de colmeas que os solicitantes teñen inscritas no Rexistro Galego de Explotacións Apícolas (Rgeap), segundo a declaración censual anual obrigatoria correspondente ao ano 2021, realizada con data de referencia do 31 de decembro, antes do 1 de marzo de 2022.

3. Os gastos e investimentos obxecto da axuda deberán realizarse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2021 e o 31 de xullo de 2022, ambos incluídos, período de duración da campaña apícola de acordo co establecido no artigo 2 do Regulamento de execución (UE) nº 2015/1368 da Comisión, do 6 de agosto de 2015, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello relativo ás axudas ao sector da apicultura.

Artigo 3. Beneficiarios e requisitos

1. Poderán optar ás axudas:

a) Aquelas persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas, incluídas aquelas de titularidade compartida recollidas na Lei 35/2011, do 4 de outubro, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias. Ademais, as persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

b) Cooperativas apícolas, organizacións representativas, agrupacións de defensa sanitaria e asociacións de apicultores, con personalidade xurídica propia, na medida que os seus integrantes cumpran os requisitos establecidos no punto 2, «entidades apícolas».

2. Para acollerse ás axudas, as persoas apicultoras, a título individual ou como integrantes dunha entidade apícola, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ser titular con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2022 dunha explotación apícola inscrita no Rexistro Galego de Explotacións Apícolas (Rgeap), fóra daquelas persoas que adquirisen a titularidade con posterioridade por falecemento, xubilación ou incapacidade laboral da anterior titular e sexan parentes desta en, como máximo, cuarto grao. Así mesmo, exceptúanse do devandito requisito os supostos de forza maior.

b) Seren titulares dunha explotación con máis de 15 colmeas para o caso das persoas apicultoras que soliciten a axuda a título individual, e con máis de 50, se solicitan axuda para realizar a transhumancia, sexan ou non persoas traballadoras autónomas.

c) Realizaren polo menos un tratamento ao ano fronte á varroose, de acordo co establecido no Real decreto 608/2006, do 19 de maio, polo que se establece e regula un Programa nacional de loita e control das enfermidades das abellas do mel.

d) Disporen dun seguro de responsabilidade civil das colmeas.

e) Cumpriren as previsións contidas no Real decreto 209/2002.

f) Teren realizada a declaración censual anual obrigatoria referida o 31 de decembro de 2021 antes do día 1 de marzo de 2022.

g) Teren realizada a validación anual do libro de rexistro de explotación apícola (CEAT) con resultado favorable antes do 1 de marzo de 2022, segundo o recollido no artigo 7, punto 2 do Real decreto 209/2002 e no artigo 6 do Decreto 339/2009, do 11 de xuño, sobre ordenación sanitaria e zootécnica das explotacións apícolas na Comunidade Autónoma de Galicia.

As alvarizas abandonadas e as colmeas mortas non darán dereito ao cobramento de axudas.

3. Para o caso das entidades apícolas, para seren beneficiarias, a solicitude de axuda deberá incluír, como mínimo, 1.500 colmeas.

4. Unha mesma persoa apicultora só poderá ser beneficiaria da axuda para cada unha das súas colmeas por unha mesma liña, ben a título individual ben, como integrante dunha entidade apícola. Deberá indicar na solicitude individual da axuda as liñas que solicita a través dunha entidade apícola, de ser o caso.

Non obstante, as persoas apicultoras incluídas na solicitude de axuda presentada por unha entidade apícola, ben sexa para unha ou varias liñas de axuda, non poderán solicitar a axuda como integrante doutra entidade apícola.

De ser o caso, soamente se terá en conta esa persoa apicultora na solicitude da entidade apícola que o inclúa como beneficiario naquela liña de axuda que ocupe o primeiro lugar atendendo á orde de prelación que se establece no artigo 9.1 desta orde de axudas.

Artigo 4. Forma, lugar e prazo de presentación

1. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través dos formularios normalizados dispoñibles (anexo I para o procedemento MR506A e o anexo II para o procedemento MR506B) na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, que serán de uso obrigatorio para as persoas interesadas en aplicación do artigo 66.6 da Lei 39/2015.

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas titulares de explotacións apícolas, as entidades apícolas e as persoas traballadoras autónomas para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional, así como as persoas representantes dunha das anteriores. As persoas físicas titulares de explotacións apícolas que non sexan traballadoras autónomas poderán presentar, opcionalmente, a solicitude de forma presencial.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán examinadas polo órgano xestor que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda ao solicitante, concedéndolle un prazo de dez días, consonte o artigo 68 da Lei 39/2015. Transcorrido este prazo sen se producir a emenda ao expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

4. A falsidade do declarado na solicitude determinará a imposibilidade de percibir, se é o caso, a axuda concedida, desde o momento en que se teña constancia da falsidade, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedan.

Artigo 5. Documentación complementaria (MR506A)

1. As persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas, integradas ou non nunha entidade apícola, que presenten solicitudes individuais, deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Autorización para facer a solicitude no caso de representación, nos termos exixidos no artigo 5 da Lei 39/2015.

b) Declaración responsable do persoal veterinario sobre o programa de loita contra a varroose, para as liñas de axuda B1 e B2. Consistirá nun compromiso de elaboración e execución do dito programa.

c) Programa de actuación que pretende desenvolver para cada unha das liñas solicitadas: memoria onde figuren os datos da persoa apicultora, número de colmeas, descrición dos investimentos e finalidade destes, incluíndo orzamentos ou facturas pro forma dos investimentos, desagregado para todas e cada unha das liñas para a que se solicita axuda.

No caso de que unha persoa apicultora solicitante de axuda a título individual sexa solicitante tamén de axuda para outra liña a través dunha entidade apícola, deberá indicalo expresamente na memoria e no impreso de solicitude.

No caso de solicitar axuda para a liña C.4, para ser considerados válidos, os orzamentos ou facturas pro forma dos seguros deberán desagregar as distintas coberturas, os prezos por colmea e o custo a pagar pola persoa apicultora por cada unha delas, no suposto de que inclúan outras distintas da responsabilidade civil das colmeas.

d) Documentación relativa ás ofertas achegadas e xustificación de non vinculación entre as empresas invitadas a ofertar.

Independentemente da liña de axuda e do tipo de gasto subvencionable, en todos os gastos, a persoa beneficiaria deberá incluír un sistema de avaliación dos custos que lle permita á Administración comprobar o valor de mercado dos gastos subvencionables como é a comparación de ofertas.

Para a comparación de ofertas, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben; agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

A escolla entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse, xunto coa solicitude da axuda, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e debe xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa ou cando a número de ofertas sexa menor a tres por inexistencia no mercado de suficientes entidades que presten os servizos.

As empresas invitadas a presentar ofertas non poderán estar vinculadas entre elas e exixiráselles sempre unha declaración das empresas con que teñan vinculación. No expediente deberá deixarse constancia das invitacións cursadas, das ofertas recibidas e das razóns para a súa aceptación ou rexeitamento.

Todas as ofertas teñen que estar detalladas e desagregadas de tal xeito que inclúan os mesmos elementos para seren comparables entre si. Os requisitos mínimos que deben cumprir os orzamentos ou facturas pro forma que se presenten son os seguintes:

– Identificación clara de que o documento é un orzamento ou unha factura pro forma.

– Razón social e NIF do solicitante da oferta.

– Razón social e NIF do provedor.

– Data de emisión.

– Desagregación detallada dos distintos conceptos orzados, de ser o caso, indicando o número de unidades e o prezo unitario.

– Deberá figurar o IVE ou indicación de que non se reflicte, aínda que non se considere a efectos do cálculo do investimento elixible.

Outros posibles sistemas válidos para realizar a moderación de custos son os prezos de mercado, cotizacións de mercados nacionais, estimación por referencia aos valores recollidos en rexistros oficiais de carácter fiscal, ditame de peritos da Administración, taxación pericial contraditoria e calquera outro medio de proba admitido en dereito.

e) Dispoñibilidade dos terreos para a realización da transhumancia, así como permisos ou licenza das obras que pretenda realizar para a colocación das colmeas e/ou de adecuación ou mellora dos accesos (autorización das obras e dispoñibilidade dos terreos), de ser o caso.

f) Memoria explicativa da realización da transhumancia (resumo e esquema da situación de orixe das colmeas e do destino onde se pretende realizar a transhumancia e datas probables do movemento), de ser o caso.

g) Xustificación da exclusividade dos equipamentos para a actividade transhumante, se é o caso.

h) Copia da póliza do seguro de responsabilidade civil das colmeas en vigor e xustificante bancario do seu pagamento.

A póliza especificará o nome do titular, o código Rega da explotación e o número de colmeas aseguradas. Todo isto para os efectos de comprobar o cumprimento do requisito recollido no artigo 3.2.d).

i) Documentación que acredite, de ser o caso, o cumprimento dos criterios sinalados nos puntos b), f) e g) do artigo 9.2. desta orde:

– Certificación da indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia que acredite que o solicitante pertence a esta en data do 1 de xaneiro do ano de presentación da solicitude.

– Certificación do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia que acredite que o solicitante pertence a el en data do 1 de xaneiro do ano de presentación da solicitude.

– Certificación da cooperativa apícola que acredite que o solicitante é socio dela en data do 1 de xaneiro do ano de presentación da solicitude.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o afecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarse preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Non será necesario achegar o documento da letra a) que xa fose presentado anteriormente.

Artigo 6. Documentación complementaria (MR506B)

1. As entidades apícolas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación do órgano competente na cal se especifique o acordo polo que se concede autorización para facer a solicitude ao asinante dela.

Se actúa en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia. De non ser así, deberá acreditarse a representación conforme ao artigo 5 da Lei 39/2015.

b) Certificación do órgano competente que acredite o desempeño actual do cargo.

c) Acta de constitución da entidade apícola, ou copia dos estatutos.

d) Relación nominal de socios actualizada, en formato electrónico, concretamente nun arquivo ‘.csv’.

O arquivo conterá os seguintes campos, de cada un dos socios:

– Nome ou razón social.

– Primeiro apelido.

– Segundo apelido.

– NIF.

– Código Rega da explotación.

– Número de colmeas da explotación.

En función das liñas solicitadas a través da entidade apícola:

– Produto ou produtos empregados (liñas B.1, B.2, B.4.1 e B.4.2).

– Número de tratamentos aplicados contra a varroose (liñas B.1 ou B.2).

– Cantidade de cada un dos produtos (liña B.4.1 e B.4.2).

– Descrición (liñas B.5.2, C.1, C.2, C.3 e E.1).

– Cantidade (liñas B.5.1 e B.5.2).

– Custo (liñas C.1, C.2, C.3, E.1 e E.2).

– Número de póliza (liña C.4).

– Colmeas cubertas pola póliza de seguro da entidade (liña C.4).

Todos os datos deberán ir en maiúsculas, sen acentos e os campos de tipo alfanumérico, sen espazos entre os caracteres.

e) Copia do contrato e titulación do persoal veterinario e doutro persoal técnico titulado responsable da execución do programa sanitario de loita contra a varroose.

Para poder realizar o cálculo da axuda correspondente, todos os contratos deberán recoller o período de duración da contratación do persoal técnico, a xornada laboral contratada, así como os importes desagregados por cada mes de traballo.

Para o caso doutro persoal técnico titulado, as titulacións admitidas serán as de veterinaria, bioloxía, enxeñaría agrónoma, enxeñaría técnica agrícola, enxeñaría forestal, enxeñaría técnica forestal, técnica en produción agropecuaria, persoal técnico que dispoña da certificación de cualificación profesional da familia agraria en apicultura nivel 2 de acordo co Real decreto 1784/2011, do 16 de decembro, polo que se establecen os certificados de profesionalidade da familia profesional agraria e se inclúen no Repertorio nacional de certificados de profesionalidade. Para outras titulacións será necesario presentar a documentación acreditativa da formación do persoal técnico que xustifique a experiencia no sector apícola, cuxa validez será sometida á valoración por parte do órgano colexiado recollido no artigo 10.

f) Copia do contrato do persoal administrativo.

Para poder realizar o cálculo da axuda correspondente, todos os contratos deberán recoller o período de duración da contratación do persoal, a xornada laboral contratada, así como os importes desagregados por cada mes de traballo.

g) Certificación do contido dos contratos de traballo.

Para contratos subscritos en datas anteriores á de presentación da solicitude, no caso de que non recollan a información citada, esta deberá vir sinalada nunha certificación asinada polo representante legal ou persoa en que teña delegada a representación da entidade apícola.

h) Solicitude de autorización previa para a contratación das actividades subvencionadas a persoas ou entidades vinculadas co beneficiario, de acordo co recollido no artigo 27.7.d da Lei 9/2007.

i) Nas axudas das liñas B.1 e B.2 de loita contra a varroose: declaración responsable do persoal veterinario de compromiso previo de execución e posterior xustificación do programa.

j) Programa de actuación que pretende desenvolver para cada unha das liñas de axuda solicitadas.

Memoria descritiva de cada actuación onde figuren os datos das persoas apicultoras incluídas no programa ou liña de axuda, número de colmeas afectadas, descrición dos investimentos e finalidade deles, incluíndo orzamentos pormenorizados e/ou facturas pro forma dos investimentos. No caso de solicitar axuda para a liña C.4., para seren considerados válidos, os orzamentos ou facturas pro forma do seguro deberán desagregar as distintas coberturas, o custo que paga a cooperativa ou agrupación ou asociación apícola por cada unha delas e os prezos por colmea, no suposto de que inclúan coberturas distintas da responsabilidade civil das colmeas.

k) Documentación relativa ás ofertas achegadas e xustificación de non vinculación entre as empresas invitadas a ofertar.

Independentemente da liña de axuda e do tipo de gasto subvencionable, en todos os gastos, a entidade apícola deberá incluír un sistema de avaliación dos custos que lle permita á Administración comprobar o valor de mercado dos gastos subvencionables como é a comparación de ofertas.

Para a comparación de ofertas, a entidade apícola deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben; agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

A escolla entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse, xunto coa solicitude da axuda, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e debe xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa ou cando o número de ofertas sexa menor a tres por inexistencia no mercado de suficientes entidades que presten os servizos.

As empresas invitadas a presentar ofertas non poderán estar vinculadas entre elas e exixiráselles sempre unha declaración das empresas con que teñan vinculación. No expediente deberá deixarse constancia das invitacións cursadas, das ofertas recibidas e das razóns para a súa aceptación ou rexeitamento.

Todas as ofertas teñen que estar detalladas e desagregadas de tal xeito que inclúan os mesmos elementos para seren comparables entre si. Os requisitos mínimos que deben cumprir os orzamentos ou facturas pro forma que se presenten son os seguintes:

– Identificación clara de que o documento é un orzamento ou unha factura pro forma.

– Razón social e NIF do solicitante da oferta.

– Razón social e NIF do provedor.

– Data de emisión.

– Desagregación detallada dos distintos conceptos orzados, de ser o caso, indicando o número de unidades e o prezo unitario.

– Deberá figurar o IVE ou indicación de que non se reflicte, aínda que non se considere para efectos do cálculo do investimento elixible.

Outros posibles sistemas válidos para realizar a moderación de custos son os prezos de mercado, cotizacións de mercados nacionais, estimación por referencia aos valores recollidos en rexistros oficiais de carácter fiscal, ditame de peritos da Administración, taxación pericial contraditoria e calquera outro medio de proba admitido en dereito.

l) Dispoñibilidade dos terreos para a realización da transhumancia, así como permisos ou licenza das obras que pretenda realizar para a colocación das colmeas e/ou de adecuación ou mellora dos accesos (autorización das obras e dispoñibilidade dos terreos), de ser o caso.

m) Memoria explicativa da realización da transhumancia (resumo e esquema da situación de orixe das colmeas e do destino onde se pretende realizar a transhumancia e datas probables do movemento), de ser o caso.

n) Xustificación da exclusividade dos equipamentos para a actividade transhumante, se é o caso.

o) Copia da póliza do seguro de responsabilidade civil das colmeas en vigor e xustificante bancario do seu pagamento.

A póliza especificará os nomes dos titulares das explotacións apícolas aseguradas, o código Rega das explotacións e o número de colmeas aseguradas por cada titular. Todo isto para os efectos de comprobar o cumprimento do requisito recollido no artigo 3.2.d).

p) Documentación que acredite, de ser o caso, o cumprimento dos criterios sinalados nas letras b), f) e g) do artigo 9.2. desta orde:

– Certificación da indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia na que se acrediten as persoas apicultoras socias da entidade apícola solicitante que pertencen á I.X.P. na data do 1 de xaneiro do ano de presentación da solicitude.

– Certificación do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia en que se acrediten as persoas apicultoras socias da entidade apícola solicitante que pertencen ao consello regulador en data do 1 de xaneiro do ano de presentación da solicitude.

– Certificación da cooperativa apícola que acredite que as persoas apicultoras socias da cooperativa solicitante o son desde a data do 1 de xaneiro do ano de presentación da solicitude.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o afecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Non será necesario achegar os documentos das letras a), b) e c) que xa fosen presentados anteriormente.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI da persoa solicitante, so para o procedemento MR506A, ou NIF da entidade solicitante.

b) DNI da persoa representante ou NIF da entidade representante.

c) A información relativa ao titular, tipo e clase de explotación, así como o número de colmeas (dimensión das explotacións acollidas á axuda).

d) A obriga de ter realizado polo menos un tratamento ao ano fronte á varroose, de acordo co establecido no Real decreto 608/2006, do 19 de maio, polo que se establece e regula un Programa nacional de loita e control das enfermidades das abellas do mel.

e) A validación anual do libro de rexistro de explotación apícola (CEAT) segundo o recollido no artigo 7.2 do Real decreto 209/2002.

f) As certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitalas segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007.

g) A pertenza da persoa solicitante a unha agrupación de defensa sanitaria gandeira legalmente recoñecida, será comprobada de oficio polo órgano xestor da axuda mediante consulta realizada ao Rexistro Oficial de Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira de Galicia da Consellería do Medio Rural.

h) Documentación acreditativa de explotación apícola situada en zona desfavorecida na Lista comunitaria de zonas agrícolas desfavorecidas, tal como se definen nos puntos 3 e 4 do artigo 3 da Directiva 75/268/CEE (equivalentes aos artigos 18 e 19 do Regulamento (CE) nº 1257/99, respectivamente), de acordo coa Directiva do Consello (86/466/CEE), do 14 de xullo de 1986, coa Decisión da Comisión (86/566/CEE), do 16 de outubro de 1989, coa Directiva do Consello (91/465/CEE), do 22 de xullo de 1991.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

i) A condición de explotación de titularidade compartida para os efectos do establecido na Lei 35/2011.

j) A condición de agricultor mozo.

De acordo coa definición de «agricultor mozo» e condicións establecidas no Regulamento (UE) nº 1307/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen normas aplicables aos pagamentos directos aos agricultores en virtude dos réximes de axuda incluídos no marco da PAC, e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 637/2008 e (CE) nº 73/2009 do Consello.

k) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

l) Concesións de subvencións e axudas.

Os datos das letras c), d), e), i) e j) xa figuran en poder da Administración. Comprobaraos de oficio o órgano xestor mediante a consulta realizada ás aplicacións Regan, Ingan e Reaga da Consellería do Medio Rural.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán realizar os trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Criterios obxectivos de outorgamento da axuda e ponderación destes

1. A concesión destas axudas realizarase mediante o réxime de concorrencia competitiva. No caso de que as axudas superen o crédito dispoñible, e de acordo co artigo 6 do Real decreto 930/2017, atendendo ás particularidades da produción apícola na nosa comunidade autónoma, seguirase a prioridade seguinte entre as diferentes liñas sinaladas no artigo 2.1:

1. Axudas da Liña B.1.

2. Axudas da Liña B.2.

3. Axudas da Liña A.1.

4. Axudas da Liña B.5.1.

5. Axudas da Liña B.4.1.

6. Axudas da Liña B.4.2.

7. Axudas da Liña A.4.

8. Axudas da Liña C.4.

9. Axudas da Liña B.5.2.

10. Axudas da Liña C.1.

11. Axudas da Liña C.2.

12. Axudas da Liña C.3.

13. Axudas da Liña A.2.

14. Axudas da Liña A.3.

15. Axudas da Liña D.1.

16. Axudas da Liña E.1.

17. Axudas da Liña E.2.

18. Axudas da Liña G.2.

2. Os criterios obxectivos de outorgamento serán os establecidos mediante a seguinte valoración de puntos:

a) Dimensión das explotacións acollidas á axuda: entendida como o número de colmeas potencialmente destinatarias da medida, tanto no caso de solicitudes presentadas por titulares de explotacións como de solicitudes presentadas por entidades apícolas (máximo 5 puntos), segundo os seguintes tramos en función do número de colmeas:

– De 16 a 1.500 colmeas: 3 puntos.

– De 1.501 a 10.000 colmeas: 4 puntos.

– 10.001 ou máis: 5 puntos.

b) Pertenza da persoa solicitante á indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia: 1 punto.

c) Pertenza da persoa solicitante a unha agrupación de defensa sanitaria gandeira legalmente recoñecida: 1 punto.

d) Que as explotacións solicitantes ostenten titularidade compartida, ou cuxa titularidade a ostente un agricultor mozo: 1 punto.

e) Explotación apícola da persoa solicitante situada en zona desfavorecida: 1 punto.

f) Explotación apícola da persoa solicitante rexistrada no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia: 1 punto.

g) Pertenza da persoa solicitante a unha cooperativa apícola: 1 punto.

h) Solicitude presentada por unha entidade apícola: 2 puntos.

Estes criterios serán aplicables tanto ás solicitudes presentadas por titulares de explotacións, como ás presentadas por entidades apícolas.

Para o caso de solicitudes presentadas por entidades apícolas, deberán cumprir os distintos criterios polo menos o 50 % dos apicultores titulares das explotacións polas que se solicita a axuda.

Aqueles solicitantes que non obteñan unha puntuación mínima de cinco puntos non poderán ter a consideración de beneficiarios. Para a valoración das solicitudes soamente serán tidos en conta os criterios que o solicitante sinale que cumpre no cadro «Criterios obxectivos de outorgamento da axuda» no anexo correspondente (MR506A/MR506B).

As axudas serán adxudicadas a aquelas solicitudes que queden colocadas diante na prelación establecida en función dos criterios anteriores.

Dada a finalidade colectiva desta axuda, e para acadar satisfactoriamente os seus obxectivos facilitando as actuacións ao máximo número da persoas apicultoras, naquela liña onde teña lugar o esgotamento do crédito distribuirase o crédito dispoñible nela entre todas as solicitantes que cumpran os requisitos necesarios para poder percibila, sempre de xeito proporcional ao número de colmeas de cada solicitante obtido segundo a prelación establecida nesa liña.

Para o caso daqueles criterios comprobados de oficio polo órgano xestor das axudas, no caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente no cadro «Criterios obxectivos de outorgamento da axuda» no anexo correspondente (MR506A/MR506B) e achegar os documentos correspondentes.

Artigo 10. Tramitación e resolución

1. O órgano competente para a instrución e tramitación do procedemento é a Subdirección Xeral de Gandaría. Unha vez recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán examinadas polo órgano xestor, que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda ao solicitante, concedéndolle un prazo de dez días, consonte o artigo 68 da Lei 39/2015. Transcorrido este prazo sen que se producira a emenda ao expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

2. Efectuadas as comprobacións e estudos pertinentes, para a avaliación das solicitudes presentadas constituirase un órgano colexiado constituído para o efecto, integrado por tres persoas funcionarias da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias con categoría non inferior a xefatura de negociado, unha das cales actuará na función de secretaría e que estará presidido pola persoa titular da xefatura do Servizo ou por unha das xefaturas de Área do Servizo de Producións Gandeiras e Benestar Animal, que emitirá un informe que conterá unha relación das persoas solicitantes para os que se propón a concesión de subvención e a contía, así como daquelas para os que se propón a denegación da subvención solicitada. Á vista deste informe, a persoa titular da Subdirección Xeral de Gandaría elevará a proposta de resolución ao órgano administrativo competente, que resolverá as solicitudes presentadas.

3. A resolución do expediente correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural, por proposta da persoa titular da Subdirección Xeral de Gandaría. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de cinco meses desde o día seguinte ao da publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 23 da Lei 9/2007.

4. A publicación da resolución realizarase no Diario Oficial de Galicia, consonte o previsto no artigo 15.1 da Lei 9/2007.

Artigo 11. Notificacións e publicación dos actos

1. As notificacións dos actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. De conformidade co establecido na letra a) do artigo 45.1 da Lei 39/2015, as notificación da resolución destas axudas realizarase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, de conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, especificarase a data da convocatoria, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como a indicación, se é o caso, das causas da desestimación, e expresaranse, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, o órgano administrativo ou xudicial ante o que deben presentarse e o prazo para interpoñelos.

Artigo 12. Recursos administrativos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso- administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se transcorrido o prazo para resolver o establecido no artigo 10. Tramitación e resolución, non lle é notificada a resolución ao interesado, entenderase desestimada por silencio administrativo e caberá interpor o recurso potestativo de reposición contra a desestimación por silencio administrativo en calquera momento, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, como sinala o artigo 124 da Lei 39/2015, ou o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Sen prexuízo do anterior, os interesados poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 13. Xustificacións e pagamento

1. A data límite para a presentación das xustificacións técnicas e económicas da realización do programa será o 15 de agosto de 2022. A documentación xustificativa presentarase preferiblemente por vía electrónica e deberá ser perfectamente lexible. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica das xustificacións será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta as xustificacións presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación xustificativa presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. O pagamento tramitarase logo de xustificación da execución do proxecto no prazo sinalado e, para tal efecto, o beneficiario deberá presentar a seguinte documentación:

a) Memoria de realización de actividades. En relación co asesoramento técnico, deberá achegarse unha lista das explotacións que recibiron a visita do persoal técnico, indicando a data da visita e o seu obxecto. Para outras actividades de asesoramento e cursos de formación para os apicultores, deberá indicarse na memoria o tipo de actividade, as datas de realización, o seu contido e o nome das persoas apicultoras asistentes, así como calquera outro aspecto de interese. Ademais, deberá achegarse a documentación relacionada coa actividade, tal como programas, folletos, notas de prensa e outros.

b) Facturas e nóminas. No caso de que o responsable da realización da asistencia técnica sexa persoal asalariado, deberán achegarse, ademais das correspondentes nóminas, a «Relación nominal de traballadores» e «Recibo de liquidación de cotizacións» da Seguridade Social e o «Modelo 111» correspondente ao IRPF.

Os gastos virán acompañados do documento que verifique o pagamento efectivo, é dicir, un xustificante bancario do pagamento, o cal pode ser un xustificante de transferencia bancaria, un xustificante bancario de ingreso de efectivo por mostrador ou unha certificación bancaria.

No xustificante de pagamento constará o número da factura aboada, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberase xuntar unha relación delas.

No caso dunha factura aboada en varios pagamentos, cada un dos xustificantes debe facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento, así como acompañarse dunha relación de todos os documentos de pago e importes acreditativos do pagamento desa factura.

No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, a xustificación do pagamento realizarase mediante a achega do correspondente extracto bancario, acompañado dun dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibo do provedor.

Todos os pagamentos efectuados polas persoas beneficiarias xustificaranse mediante facturas e documentos de pagamento. Cando isto non sexa posible, os pagamentos xustificaranse mediante documentos de valor probatorio equivalente.

c) Se a actividade subvencionada correspondese á publicación en formato impreso, audiovisual ou multimedia de orixinais de material didáctico ou de divulgación sobre temas apícolas, dirixidos á formación en materia apícola, incluída a súa preparación e elaboración sempre que a súa finalidade sexa a distribución de balde entre o público, entregarase, ademais do establecido no parágrafo anterior, un exemplar orixinal ou unha copia equivalente do material realizado, cunha memoria que indique o seu destino e a xustificación da distribución.

d) No programa de loita contra a varroose, certificación/informe do persoal veterinario responsable acerca da/s explotación/s en que é executado:

– Nome e apelidos.

– NIF.

– Código Rega da explotación.

– Número de colmeas implicadas.

– Nome comercial e doses de tratamento químico empregado ou a empregar, se é o caso, e de cumprimento da normativa vixente en materia de medicamentos veterinarios.

e) Os titulares de explotación beneficiarios a título individual achegarán un documento no que reflictan, de ser o caso, as variacións na cantidade de colmeas para as distintas liñas e de trampas e atraente por asentamento respecto ás indicadas na solicitude de axuda, así coma o motivo da variación.

f) As entidades apícolas presentarán, ademais:

i. Relación nominal de socios actualizada, en formato electrónico, concretamente nun arquivo ‘.csv’ que conteña os seguintes campos, de cada un dos socios:

– Nome ou razón social.

– Primeiro apelido.

– Segundo apelido.

– NIF.

– Código Rega da explotación.

Variacións nos datos considerados para a adxudicación, de ser o caso:

– Número de colmeas da explotación.

– Produto ou produtos empregados (liñas B.1, B.2, B.4.1 e B.4.2).

– Número de tratamentos aplicados contra a varroose (liñas B.1 ou B.2).

– Cantidade de cada un dos produtos (liña B.4.1 e B.4.2).

– Descrición (liñas B.5.2, C.1, C.2, C.3 e E.1).

– Cantidade (liñas B.5.1 e B.5.2).

– Custo (liñas C.1, C.2, C.3, E.1 e E.2).

– Número de póliza (liña C.4).

– Colmeas cubertas pola póliza de seguro da entidade (liña C.4).

– Variacións no número de trampas que foron consideradas para a adxudicación dentro da liña B.5.1., de ser o caso.

– Variacións na cantidade de atraentes que foron consideradas para a adxudicación dentro da liña B.5.1., de ser o caso.

Todos os datos deberán ir en maiúsculas, sen acentos e os campos de tipo alfanumérico, sen espazos entre os caracteres.

ii. Unha copia en formato electrónico da anotación contable de cada un dos gastos e ingresos relacionados coa axuda, concretamente nun arquivo ‘.pdf’.

3. Xunto coa xustificación, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, segundo o modelo recollido no anexo III.

4. A contía das axudas será satisfeita unha vez realizados os investimentos previstos en cada caso, tras a súa comprobación por parte dos servizos correspondentes da Consellería do Medio Rural. En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda. Para estes efectos, a entidades apícolas que estean incluídas nos supostos de non recuperación do IVE deberán comunicar esta circunstancia á Consellería do Medio Rural no momento da solicitude da axuda, mediante declaración responsable asinada polo representante legal ou persoa na que teña delegada a representación a entidade apícola.

5. Os beneficiarios teñen a obriga de conservar a documentación xustificativa relacionada coa operación comprendida dentro do sistema de financiamento do Feaga por un prazo de 3 anos contados desde o pagamento da axuda.

6. O incumprimento das obrigas asumidas polo beneficiario suporá a perda total ou parcial da axuda, así como a obriga de restituír as cantidades percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades en que puidesen incorrer os beneficiarios.

Artigo 14. Outras condicións

En todas as actuacións e documentación relacionada coas actividades obxecto da axuda farase constar a frase «Esta actividade foi realizada cunha axuda económica da Consellería do Medio Rural, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e fondos Feaga da Unión Europea», cos correspondentes logotipos institucionais. Deberá existir constancia documental do cumprimento desta condición.

Artigo 15. Modificación das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da axuda no suposto de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 37 da Lei 38/2003.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 16. Control da execución das actuacións

1. O control da execución dos programas executarase desde a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, realizando as comprobacións e inspeccións que considere necesarias, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como do lóxico seguimento e control das axudas concedidas.

2. Os beneficiarios deberán comunicar previamente á súa realización, o lugar, datas e horas de realización das actividades obxecto de axuda con prazo suficiente para poder efectuar as comprobacións que se consideren oportunas. Ademais, están obrigados a facilitar os labores de inspección ao persoal técnico das distintas administracións que cofinancian o programa, achegando todos os datos que sobre o particular lles sexan solicitados.

3. O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e o Servizo de Auditoría Interna do Fogga no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

4. No suposto de que unha vez notificada a resolución de concesión houbese algunha variación no calendario, nos prazos de execución da actividade sinalados na memoria da solicitude, ou calquera outra modificación, será comunicada á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias coa antelación suficiente para que poida realizar as comprobacións que considere necesarias, para os efectos de tramitar e propoñer a aprobación ou denegación da devandita modificación.

Artigo 17. Financiamento

1. O financiamento das axudas recollidas na presente orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.713E.770.2 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, na cal existe crédito adecuado para o ano 2022 de 1.312.953 euros (un millón trescentos doce mil novecentos cincuenta e tres euros). Esta axuda está cofinanciada polo Feaga da UE ata un 50 %, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) ata un 25 % e a porcentaxe restante a Xunta de Galicia en virtude do Regulamento (CE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e o Real decreto 930/2017. As ditas aplicacións orzamentarias poderán incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da comunidade autónoma.

2. En ningún caso poderá a axuda financeira do Estado membro ser superior á da Comunidade, en virtude do artigo 1 da decisión da Comisión do 10 de agosto de 2007. Polo tanto, a contía total de axudas aprobadas dependerá do importe de Feaga consignado a Galicia na repartición estatal.

3. Segundo o establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, o crédito dispoñible para o financiamento destas axudas poderá ampliarse, previamente á resolución do expediente, se existe unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou pola existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 18. Reintegro da axuda, infraccións e sancións

1. O interesado ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida, xunto cos xuros de demora xerados desde o seu pagamento nos supostos previstos no artigo 37 da Lei 38/2003.

2. Se como consecuencia dos controis se detectasen incumprimentos na execución do programa de actuacións aprobado en aspectos relevantes para a súa efectividade, aplicaranse deducións sobre as axudas aprobadas ponderando a gravidade e frecuencia dos incumprimentos.

As deducións parciais aplicables serán as seguintes:

– Do 5 % do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 10 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

– Do 15 % do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 20 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

– Do 25 % do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 30 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

– Do 50 % do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 40 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

En caso de detectar un mesmo tipo de incumprimento na execución do programa sanitario en máis dun 40 % das explotacións gandeiras inspeccionadas, perderase o dereito á axuda.

Ademais, se nas inspeccións efectuadas sobre o terreo se comproba que o número de colmeas que hai na explotación é inferior ao número de colmeas declaradas na xustificación da axuda, sen existir unha causa xustificada da redución delas, o importe para percibir polos beneficiarios recalcularase a partir das colmeas comprobadas, coa aplicación das porcentaxes de penalización seguintes:

a) Se a diferenza entre as colmeas declaradas e as colmeas comprobadas é inferior ou igual ao 5 %, ao importe destinado por colmea aplicaráselle unha porcentaxe de penalización igual ao dobre da porcentaxe de diferenza.

b) Se a diferenza entre as colmeas declaradas e as colmeas comprobadas é superior ao 5 % e inferior ou igual ao 15 %, ao importe destinado por colmea aplicaráselle unha porcentaxe de penalización igual ao triplo da porcentaxe de diferenza.

c) Se a diferenza entre as colmeas declaradas e as colmeas comprobadas é superior ao 15 %, non se contabilizarán as colmeas desta persoa apicultora para o cálculo final da axuda que se vai percibir no caso de que o solicitante sexa unha entidade apícola. Se se trata dunha persoa apicultora individual, perderá o dereito ao cobramento da axuda.

3. No que respecta aos impagos e penalizacións, e sen prexuízo de ulteriores actuacións efectuadas pola autoridade inspectora no ámbito das súas competencias, será de aplicación o seguinte:

a) O xuro engadido ao importe dos pagamentos indebidos recuperados de conformidade co artigo 54, punto 1, o artigo 58, punto 1, letra e), ou o artigo 63, punto 3, do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o financiamento, xestión e seguimento da política agrícola común, polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 352/78, (CE) nº 165/94, (CE) nº 2799/98, (CE) nº 814/2000, (CE) nº 1290/2005 e (CE) nº 485/2008 do Consello, calcularase de conformidade co artigo 27 do Regulamento de Execución (UE) nº 908/2014 da Comisión, do 6 de agosto de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello en relación cos organismos pagadores e outros organismos, a xestión financeira, a liquidación de contas, as normas relativas aos controis, as garantías e a transparencia.

b) No caso de fraude ou neglixencia grave dos que sexan responsables, os beneficiarios, ademais de devolver os pagamentos indebidos e os xuros correspondentes de conformidade co artigo 63, punto 3, do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, deberán aboar un importe equivalente á diferenza entre o importe inicialmente pagado e o importe a que teñen dereito.

Artigo 19. Incumprimentos

Se o beneficiario da axuda cumpre coas condicións establecidas na resolución de concesión, executando e xustificando todos os conceptos e elementos dos investimentos aprobados nos prazos establecidos, e cumprindo co resto dos requisitos establecidos, procederá a aboarse a totalidade da subvención concedida.

En calquera outro caso considerarase que existe un incumprimento, que poderá ser parcial ou total.

1. Considérase que existe un incumprimento parcial:

a) Cando o beneficiario non realice ou non xustifique nos prazos establecidos a totalidade do importe do investimento subvencionado, e o importe dos conceptos e elementos xustificados admisibles coincidentes cos aprobados representen como mínimo o 60 % do importe total do investimento subvencionable aprobado, e se cumpra co resto dos requisitos establecidos. Neste caso aboarase a parte proporcional da subvención correspondente ao investimento admisible.

b) Cando para unha liña de axuda, o importe dos conceptos e elementos xustificados admisibles coincidentes cos aprobados non representen como mínimo o 50 % do importe total do investimento subvencionable aprobado para esa liña, considerarase como incumprimento parcial e perderá o dereito ao cobramento do total do importe aprobado para esa liña de axuda.

2. Considerarase que existe un incumprimento total nos seguintes casos:

a) Cando o importe total dos gastos e elementos admisibles realizados e xustificados polo beneficiario que sexan coincidentes cos aprobados non alcance como mínimo o 60 % do investimento total subvencionable aprobado.

b) Cando non se executen e xustifiquen nos prazos establecidos todas as accións que formen parte da operación global cuberta pola solicitude de axuda, aprobada ou modificada, salvo nos casos de forza maior ou circunstancias excepcionais na acepción do artigo 2.2 do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013. No caso de incumprimento total, o beneficiario non cobrará ningunha axuda e deberá devolver, de ser o caso, os importes xa percibidos, sen prexuízo das sancións establecidas no artigo 56, letra c), da Lei 38/2003.

3. Ademais, sen prexuízo do establecido nos parágrafos anteriores, deberán terse en conta as causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.

Artigo 20. Devolución voluntaria da subvención

As persoas beneficiarias que pretendan devolver voluntariamente as axudas concedidas deberán presentar unha solicitude de devolución voluntaria segundo o modelo que figura como anexo IV, xunto co certificado bancario de devolución da axuda concedida.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional primeira

As actividades subvencionables por esta orde enmárcanse no disposto no Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derrogan os regulamentos (CEE) nº 922/72, (CEE) nº 234/79, (CE) nº 1037/2001 e (CE) nº 1234/2007 (Regulamento único para a OCM) e no establecido no Programa nacional de axuda á apicultura presentado por España para os anos 2020, 2021 e 2022 aprobado pola Decisión de execución (UE) nº 2019/974, da Comisión, do 12 de xuño de 2019 (DOUE L157, do 14 de xuño de 2019), así como no Real decreto 930/2017.

Disposición adicional segunda

En todas aquelas cuestións non previstas na presente orde será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da citada lei e nas súas normas de desenvolvemento, sen prexuízo da aplicación das normas de organización e procedemento dispostas na Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para ditar as instrucións precisas para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural en funcións

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file