Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Luns, 23 de maio de 2022 Páx. 30327

III. Outras disposicións

Consello da Cultura Galega

RESOLUCIÓN do 9 de maio de 2022 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria pública de tres bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta entidade e se procede á súa convocatoria (código de procedemento PR970B).

O artigo 6 da Lei 8/1983, do 8 de xullo, do Consello da Cultura Galega, establece que lle compete ao Consello da Cultura Galega investigar e valorar as necesidades culturais do pobo galego.

Dentro do plan de actividades do Consello da Cultura Galega para os anos 2022-2023 figura a convocatoria pública de tres bolsas de colaboración para proxectos de investigación sobre diversos aspectos da cultura galega.

O seu outorgamento enmárcase nas funcións atribuídas ao Consello da Cultura Galega na Lei 8/1983, do 8 de xullo, do Consello da Cultura Galega, que desenvolve o artigo 32 do Estatuto de autonomía.

Atendendo a estas consideracións xerais, e en virtude das competencias que me foron atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Convocatoria e bases reguladoras

Aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de tres (3) bolsas de colaboración en proxectos de investigación no Consello da Cultura Galega durante os anos 2022 e 2023.

Segundo. Solicitudes

a) Para poder ser persoa beneficiaria das bolsas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo V desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican na base reguladora 6.

b) As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos na base 5 da convocatoria.

Terceiro. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Cuarto. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional, a través dos seguintes medios:

a) Sede electrónica da Xunta de Galicia (https:sede.xunta.gal)

b) Páxina web oficial do Consello da Cultura Galega: http://www.consellodacultura.gal

c) Teléfono 981 95 72 02 ou enderezo electrónico rexistro@consellodacultura.gal

d) Presencialmente: Consello da Cultura Galega, Pazo de Raxoi, 2º andar; Praza do Obradoiro; 15705 Santiago de Compostela.

e) Para dúbidas referidas a dificultades técnicas relacionadas coa presentación de formularios por vía electrónica, poderán facer as súas consultas no teléfono de información 012 ou no correo electrónico 012@xunta.gal

Quinto. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as/os interesadas/os poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do Consello da Cultura Galega, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, que empezarán a contar desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2022

Rosario Álvarez Blanco
Presidenta do Consello da Cultura Galega

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de tres bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están
a desenvolver no Consello da Cultura Galega durante os anos 2022-2023

Primeira. Obxecto e destinatarios

Esta resolución ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións que rexerán a convocatoria de tres bolsas de colaboración en proxectos de investigación concretos que se están a desenvolver no Consello da Cultura Galega (código de procedemento PR970B).

Os proxectos concretos inclúense nos anexos II, III e IV a esta resolución e nel detállanse os requisitos específicos que deben reunir as persoas solicitantes, coa finalidade de contribuír á especialización na súa formación académica, profesional e investigadora.

As bolsas reguladas nesta resolución concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Para poder ser beneficiaria/o das bolsas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo V desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican na base 6 da convocatoria.

Segunda. Contía das bolsas e dotación orzamentaria

A contía das bolsas, por todos os conceptos, será de 1.100,00 euros mensuais. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que proceden, de conformidade co establecido no Real decreto 439/2007, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre a renda das persoas físicas, así como ao réxime de cotización establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

A dotación das bolsas, que ten carácter plurianual, é de 49.000,00 €, distribuídos como segue:

– Para a dotación das bolsas destinaranse 46.200,00 €, con cargo á aplicación orzamentaria 03.01.111D.480.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2022 e 2023 , dos cales 23.100,00 € corresponden ao ano 2022 e 23.100,00 € corresponden ao ano 2023.

– Para as cotizacións á Seguridade Social destinaranse 2.800,00 €, con cargo á aplicación orzamentaria 03.01.111D.484.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2022 e 2023, do cales 1.400,00 € corresponden ao ano 2022 e 1.400,00 € corresponden ao ano 2023. Para o cálculo deste importe aplícanse as regras de cotización correspondentes aos contratos para a formación e aprendizaxe, tomando como referencia a cota empresarial para o ano 2021, máis unha cantidade adicional para posibles incrementos da cota ou que poidan derivar de altas e baixas na mesma bolsa e no mesmo mes.

O Consello da Cultura Galega contratará unha póliza de seguros que cubra o risco de accidentes durante o período de realización das bolsas no Consello da Cultura Galega.

Terceira. Duración

As bolsas darán comezo coa incorporación da persoa seleccionada, tal e como dispón a base décimo terceira desta convocatoria.

A data de incorporación ao centro establecerase na notificación da adxudicación da bolsa. As bolsas finalizarán o 31 de xullo de 2023 e terán unha duración máxima de catorce (14) meses.

As persoas que non se incorporen no prazo establecido perderán os dereitos inherentes á bolsa concedida, agás causa xustificada de atraso apreciada pola Presidencia do Consello da Cultura Galega.

Cuarta. Requisitos xerais

Poderán solicitar estas bolsas ou ser persoas beneficiarias delas as persoas en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan, ademais dos requisitos específicos que para cada bolsa se sinalen nos anexos desta resolución, os seguintes requisitos xerais, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Estar en posesión da titulación universitaria requirida para o proxecto ao cal presenten a solicitude. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematados os estudos conducentes a el no curso académico 2011/12 ou posterior.

c) Acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4, agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciatura en Filoloxía Galega ou graos equivalentes.

d) Non resultar persoa beneficiaria dunha bolsa de colaboración convocada polo Consello da Cultura Galega en convocatorias anteriores durante un prazo superior a 12 meses.

e) Posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 6 puntos, calculada de acordo cos parámetros publicados pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG nº 188, do 30 de setembro).

As persoas solicitantes que cursasen os seus estudos en universidades non pertencentes ao Sistema universitario de Galicia e posúan certificación académica nun idioma distinto do galego ou do castelán deberán xuntar a correspondente tradución xurada. A certificación do expediente académico indicará: a data de iniciación e remate dos estudos, os créditos superados e as cualificacións obtidas. Deberá axustarse aos criterios estatais, tanto aos do Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional (BOE núm. 224, do 18 de setembro), como aos que deben incluírse no suplemento europeo ao título (SET); e a nota media do expediente académico calcularase de acordo cos parámetros fixados pola devandita Resolución do 15 de setembro de 2011.

Quinta. Presentación de solicitudes e prazo

A capacidade técnica e formación das persoas ás cales van dirixidas estas bolsas permítenlles o acceso e a dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios para se relacionaren por este medio co sector público autonómico. Polo tanto, ao abeiro do artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e do artigo 10.2 e 3 da Lei 4/2019, do 14 de xullo, de administración dixital de Galicia.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación de solicitudes e da documentación sinalada na base sexta será de un (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

No anexo V (solicitude) inclúense as seguintes declaracións responsables:

a) Declaración de non atoparse incursa/o en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Declaración responsable de estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Declaración responsable da persoa solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Declaración responsable das axudas ou de bolsas solicitadas ou concedidas polas administracións públicas, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades para o mesmo período.

e) Declaración conforme non resultou persoa beneficiaria dunha bolsa de colaboración convocada polo Consello da Cultura Galega en convocatorias anteriores durante un prazo superior a 12 meses.

Sexta. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación académica oficial completa (non extracto de expediente virtual), en que se fará constar a nota media do expediente académico da titulación, obtida de acordo co establecido na base cuarta e) desta resolución. Os titulados que accederon a estudos de 2º ciclo desde unha titulación de 1º ciclo deberán enviar, ademais, a certificación dese 1º ciclo, igualmente con expresión da nota media do expediente académico.

b) Documentación acreditativa dos requisitos específicos.

c) Certificado de Celga 4 ou perfeccionamento da lingua galega (orixinal ou copia debidamente cotexada), agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciado/a en Filoloxía Galega ou graos equivalentes.

d) Relación de méritos puntuables da persoa solicitante da bolsa, cubrindo o anexo VI das bases reguladoras, xunto coa documentación acreditativa dos requisitos específicos e méritos alegados.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento
administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada de solicitude e o número de expediente se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sétima. Comprobacións de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– Títulos oficiais universitarios.

– Títulos oficiais non universitarios.

– Certificación de estar ao día no pagamento de obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

– Certificación de non ter débedas contraídas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

– Certificación de non ter débedas contraídas coa Axencia Tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Oitava. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Novena. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Porén, por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45, punto 1.b), da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as notificacións cos requirimentos de emenda, coas puntuacións provisionais e coas correccións de erros previos á resolución desta convocatoria, se as houber, realizaranse mediante publicación na páxina web do Consello da Cultura Galega (www.consellodacultura.gal).

Décima. Instrución do procedemento e tramitación

O órgano instrutor do procedemento será a Xerencia do Consello da Cultura Galega.

Rematado o prazo de presentación de instancias, a Xerencia do Consello da Cultura Galega revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No suposto de que as solicitudes estean incompletas, conteñan erros ou non acheguen toda a documentación acreditativa, a persoa solicitante poderá ser requirida para que, nun prazo de dez (10) días, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición de bolsa e arquivarase o seu expediente na forma e termos indicados no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Non serán obxecto de requirimento os documentos acreditativos dos méritos alegados no currículo.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os citados requirimentos de emenda realizaranse mediante publicación na páxina web do Consello da Cultura Galega (www.consellodacultura.gal).

A avaliación das solicitudes efectuaraa unha Comisión de Valoración, conforme os criterios establecidos nesta convocatoria e, supletoriamente, os preceptos contidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na sección 3ª do capítulo I, título I, da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

A Comisión de Valoración estará integrada polos seguintes membros:

– Presidente/a: un membro da Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega.

– Vogais: tres persoas especialistas nos ámbitos de coñecemento para os cales se convocan as bolsas.

– Secretario/a: o/a secretario/a do Consello da Cultura Galega.

A composición da Comisión de Valoración farase pública na páxina web do Consello da Cultura Galega (http://www.consellodacultura.gal).

Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algún ou algunha dos/das compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para os efectos se nomee.

Se ningunha das persoas candidatas presentadas resulta idóneo/a, a Comisión de Valoración poderá establecelo así no seu informe.

Décimo primeira. Criterios xerais de selección

A) Criterios xerais de valoración das solicitudes.

A Comisión examinará as solicitudes presentadas e valorará os méritos acreditados documentalmente.

a) Expediente académico, que se valorará de forma proporcional ata un máximo de 10 puntos.

A nota media do expediente académico persoal calcularase de acordo co baremo establecido na Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro).

b) Formación complementaria e experiencia dentro dos ámbitos de coñecemento a que van destinadas estas bolsas: ata un máximo de 10 puntos.

Pola realización de cada máster relacionado coa actividade a que se opta: 2 puntos.

Pola realización de cada DEA relacionada coa actividade a que se opta: 2 puntos.

Pola realización da memoria de licenciatura: 1 punto.

Por segundas titulacións universitarias: 1 punto.

Pola realización de prácticas externas de grao ou de mestrados relacionados coa actividade: 0,5 puntos.

Asistencia a cursos de duración igual ou superior a 100 horas: 0,20 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

Asistencia a cursos de duración igual ou superior a 40 horas: 0,15 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

Asistencia a cursos de duración inferior a 40 horas: 0,10 puntos por curso, ata o máximo de 1 punto.

Non se valorarán os cursos de menos de 10 horas lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas.

Forma de acreditación: copia dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas.

c) Presentación de comunicacións en congresos relacionados co obxecto da bolsa: 0,25 puntos por comunicación, ata un máximo de 2 puntos.

Forma de acreditación: copia dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas.

d) Traballos individuais publicados e participación en publicacións colectivas relacionadas co obxecto da bolsa ata un máximo de 3 puntos.

Publicacións individuais (máis de 100 páxinas): 1 punto por publicación.

Artigos e colaboracións de máis de 20 páxinas: 0,40 por publicación.

Artigos inferiores a 20 páxinas: 0,20 puntos por publicación.

Non se valorarán as publicacións que non consignen o ISBN ou ISSN.

O mesmo mérito valorarase unha soa vez, ben como comunicación, ben como publicación. Forma de acreditación: copia das referidas publicacións.

A Comisión non valorará aqueles méritos alegados polas persoas solicitantes que non fosen acreditados documentalmente dentro do prazo de presentación de solicitudes.

En caso de empate terase en conta, en primeiro lugar, o expediente académico e, en segundo lugar, o currículo.

B) Procedemento.

Rematado o proceso de avaliación, a Comisión de Valoración elaborará un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada e a puntuación obtida, que será remitido ao órgano instrutor.

A Xerencia do Consello da Cultura Galega, como órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da Comisión de Valoración, formulará a proposta de resolución provisional debidamente motivada.

Esta proposta farase pública na páxina web do Consello da Cultura Galega (http://consellodacultura.gal), xunto coa relación de suplentes, por orde decrecente de puntuación.

No suposto de que unha mesma persoa resulte ser a titular en máis dunha bolsa, atenderase á orde de prelación indicada na solicitude (anexo V), por rigorosa orde de puntuación.

A listaxe de suplentes poderá ser operativa no caso de que a persoa seleccionada non se incorporase na data establecida, cando manifestase expresamente a súa non aceptación da bolsa ou renunciase a esta unha vez aceptada, así como cando se proceda á súa revogación.

Décimo segunda. Alegacións e trámite de audiencia

Segundo o artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, instruído o procedemento e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución definitiva, o prazo de exposición pública da proposta de resolución provisional será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da data de publicación, durante os cales se poderán facer as alegacións pertinentes nos lugares e forma indicados na base quinta desta convocatoria.

Non obstante, ao abeiro do artigo 76, as persoas interesadas poderán presentar alegacións en calquera momento do procedemento anterior ao trámite de audiencia.

Examinadas as alegacións presentadas, de ser o caso, formularase a proposta de resolución definitiva.

De non presentarse solicitudes ou de non cumpriren algún dos requisitos xerais e específicos, a convocatoria será declarada deserta.

Décimo terceira. Resolución. Notificación e publicación

Unha vez transcorrido o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a súa proposta de resolución definitiva á Presidencia do Consello da Cultura Galega, quen resolverá e fará constar a relación de bolsas concedidas, cos suplentes, se os houber. Na resolución constará a relación de bolsas concedidas, cos suplentes, se os houber, e os denegados coas causas de denegación, así como os demais aspectos previstos no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A resolución de concesión da bolsa publicarase na páxina web do Consello da Cultura Galega (http://www.consellodacultura.gal), mediante relación nominal da persoa beneficiaria e suplentes e demais supostos, polo que se entenderán notificados/as para todos os efectos, sen prexuízo das notificacións individuais ao abeiro do recollido na base oitava desta convocatoria, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición, perante a Presidencia do Consello da Cultura Galega, no prazo dun mes a partir do día seguinte a aquel en que se publique a resolución, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante os xulgados do contencioso-administrativo.

De acordo co disposto no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de cinco meses, contados a partir de que se publique esta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo, sen que sexa notificada a resolución, lexitima as persoas interesadas para considerar desestimadas por silencio administrativo as solicitudes presentadas.

As persoas solicitantes excluídas terán un prazo de dous meses, a partir da publicación da concesión das bolsas no Diario Oficial de Galicia, para recuperar a documentación presentada.

Décimo cuarta. Aceptación e incorporación das persoas bolseiras

Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, a persoa beneficiaria disporá dun prazo de dez (10) días naturais para comunicar ao Consello da Cultura Galega a súa aceptación, cubrindo o anexo VII. Transcorrido este prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e desde ese momento adquirirán a condición de beneficiarios. No caso de aceptación, achegarase no referido prazo un documento facilitado pola entidade bancaria a nome da persoa interesada, en que conste o código IBAN, onde deberá ser aboada a bolsa.

Se nese prazo algunha das persoas beneficiarias fai renuncia expresa da bolsa (anexo VII), procederase automaticamente á adxudicación da bolsa ao/á seguinte aspirante en puntuación.

A data de incorporación ao Consello da Cultura Galega establecerase na notificación da adxudicación da bolsa. Se o adxudicatario ou adxudicataria da bolsa non se incorpora na data sinalada, perderá os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa debidamente xustificada mediante un escrito achegado con anterioridade á data de incorporación, así apreciada pola Presidencia do Consello da Cultura Galega. No suposto de incorporación tardía xustificada, dun prazo máximo de dez días naturais, reducirase proporcionalmente o importe da contía que se vai percibir.

Décimo quinta. Natureza xurídica da relación

O aproveitamento destas bolsas non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra natureza contractual ou legal entre a Administración autonómica e os/as bolseiros/as. De acordo co Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, o persoal bolseiro queda asimilado a traballadores por conta allea, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social. Os dereitos e obrigas cínguense en exclusiva aos estipulados nestas bases reguladoras.

Décimo sexta. Aboamento das bolsas

O aboamento das bolsas realizarase a mes vencido na conta bancaria indicada pola persoa interesada, logo da correspondente certificación emitida polo secretario do Consello da Cultura Galega, de acordo co informe emitido polo director/a do proxecto de investigación a que estea adscrita a persoa bolseira, sempre que as actividades desenvolvidas se realicen con normalidade e de acordo coas bases establecidas. Os meses serán considerados en todos os casos de 30 días. A contía percibida estará en función dos días transcorridos desde a incorporación á bolsa.

En todos os pagamentos efectuarase a correspondente retención á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas (Real decreto 439/2007, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre a renda das persoas físicas) e da Seguridade Social (Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro).

Décimo sétima. Titores e/ou titoras

O obxectivo das bolsas é fomentar o perfeccionamento profesional das persoas bolseiras mediante a realización de prácticas formativas nas áreas dependentes do Consello da Cultura Galega con suxeición ao plan de formación que se lles entregará ao comezo das súas prácticas e coas indicacións que lles transmita o/a titor/a que teñan asignado/a.

Cada unha das persoas bolseiras contará cun titor ou cunha titora, que será o encargado de orientalos na súa formación. Deste xeito, as tarefas que as persoas bolseiras levarán a cabo estarán unicamente encamiñadas a completar a súa formación en cada eido investigador, non podendo desenvolver ocupacións relacionadas coas tarefas administrativas propias do Consello da Cultura Galega.

Décimo oitava. Condicións, incompatibilidades, obrigas e cumprimento dos/das bolseiros/as

1. As persoas beneficiarias das bolsas comprométense a cumprir todas as condicións recollidas nesta orde.

2. A Presidencia do Consello da Cultura Galega poderá conceder ou denegar, en función das necesidades do proxecto de investigación a que está adscrito, a interrupción temporal da bolsa, por petición razoada da persoa interesada, logo do informe do seu director de proxecto. O tempo máximo de interrupción será de dous meses e unicamente poderá fraccionarse en dous bloques dun mes. En ningún caso existirá a posibilidade de recuperar o período interrompido e tampouco terá dereito a percibir as mensualidades correspondentes ao período que dure a súa suspensión.

3. Se a formación e o aproveitamento non ten unha evolución positiva nin acada os obxectivos mínimos previstos no programa de formación que lle asignen, a bolsa poderá ser revogada. Isto deberá ser confirmado mediante un informe do director do proxecto, logo de audiencia ao interesado. Esta revogación seralle comunicada por escrito no prazo de quince días previos ao fin da bolsa.

4. Estas bolsas son incompatibles con outras bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos ou privados, así como soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria do bolseiro ou calquera tipo de ingresos habituais pola prestación de servizos profesionais ou a realización de traballo remunerado, excepto con aquelas bolsas ou axudas destinadas a cubrir algunha das accións formativas que o/a solicitante vai realizar segundo os seus estudos (asistencia a reunións, congresos, seminarios ou cursos de especialización).

5. O Consello da Cultura Galega resolverá todas as dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación da presente convocatoria.

6. As persoas beneficiarias das bolsas están obrigadas a:

a) Formarse no Consello da Cultura Galega, en horario de mañá e/ou tarde, a non ser cando a natureza do proxecto obrigue a desprazar a investigación a outro lugar.

b) Realizar as actividades previstas nos programas de formación e cumprir os obxectivos destes con aproveitamento.

c) Entregar mensualmente aos/ás coordinadores/as ou titores/as do proxecto un informe da súa actividade e, ao finalizar a bolsa, a memoria explicativa do resultado daquela.

d) Facer constar na produción escrita derivada dos traballos en que participe ou realice no seu proceso de formación a expresión: «Co apoio do Consello da Cultura Galega» e achegar un exemplar do traballo publicado.

e) As persoas beneficiarias teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das bolsas, así como as demais que deriven do artigo 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Se algunha das persoas beneficiarias destas bolsas decide renunciar a ela, é seleccionada para outra bolsa, axuda ou proxecto, ou se produce algunha circunstancia determinante de incompatibilidade con esta bolsa, deberá comunicarllo á Presidencia do Consello da Cultura Galega, que procederá á suspensión da bolsa correspondente. A bolsa vacante poderáselle adxudicar ao/á candidato/a seguinte da lista de suplentes.

A renuncia poderá realizarse por calquera medio que permita a súa constancia conforme o artigo 94 da Lei 39/2015 e, no caso de que se comunique a renuncia, o órgano competente para resolver ditará a correspondente resolución nos termos previstos no artigo 21.1 da Lei 39/2015.

g) O incumprimento por parte da persoa bolseira de calquera das condicións recollidas na presente resolución e nas demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial pola persoa beneficiaria das cantidades percibidas xunto cos xuros de mora que lle puidesen corresponder en cada caso, en aplicación do disposto no artigo 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo novena. Transparencia e bo goberno

Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Vixésima. Publicidade

As resolucións así como os datos que se deban notificar de forma conxunta publicaranse na páxina web do Consello da Cultura Galega (http://www.consellodacultura.gal).

Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os seus efectos.

Disposición adicional primeira

En todo o non recollido na presente resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia, na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificada pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na actualidade correspondente.

Disposición adicional segunda

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional terceira

A concesión das bolsas regulamentadas nesta resolución terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para este fin.

Disposición adicional cuarta

Esta convocatoria poderase impugnar mediante un recurso potestativo de reposición, ante a Presidencia do Consello da Cultura Galega, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, ou ben directamente a través dun recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición adicional quinta. Información básica sobre protección de datos persoais

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición derradeira

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO II

Proxecto de investigación Unidade de Publicacións

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de investigación da Unidade de Publicacións do Consello da Cultura Galega.

Requisitos específicos das persoas solicitantes.

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

Posuír o título de licenciatura ou grao en Filoloxía Galega, Galego-Portuguesa, Lingua e Literatura Galegas, ou titulacións equivalentes.

Valoraranse como méritos:

• Posuír experiencia en edición de textos e edición dixital.

• Posuír experiencia en tradución e corrección.

• Posuír coñecementos de informática.

ANEXO III

Proxecto de investigación Área de Documentación

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de investigación da Área de Documentación do Consello da Cultura Galega.

Requisitos específicos das persoas solicitantes:

Para solicitar a bolsa a que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

– Posuír o título de licenciatura ou grao en Documentación ou titulacións equivalentes.

Valoraranse como méritos:

• Ter experiencia en catalogación en formatos Marc.

• Posuír coñecementos de programas de catalogación bibliográfica e de descrición arquivística.

• Posuír coñecementos de informática.

• Posuír experiencia en xestión documental.

ANEXO IV

Proxecto de investigación Unidade de divulgación de contidos e difusión

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de investigación da Unidade de divulgación de contidos e difusión do Consello da Cultura Galega.

Requisitos específicos das persoas solicitantes.

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

– Posuír o título de licenciatura ou grao en Ciencias da Comunicación, Comunicación Audiovisual ou titulacións equivalentes.

Valoráranse como méritos:

• Posuír experiencia en edición de textos, edición dixital e audiovisual.

• Posuír coñecementos de edición de páxina web.

• Posuír coñecementos en deseño e xestión de bases de datos.

• Posuír coñecementos de informática.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file