Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Venres, 27 de maio de 2022 Páx. 31185

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 18 de maio de 2022 pola que se modifica a Orde do 14 de agosto de 2009 pola que se aproba o Regulamento da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia e do seu consello regulador.

O Regulamento vixente da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia e do seu Consello Regulador aprobouse mediante a Orde da Consellería do Medio Rural do 14 de agosto de 2009 (DOG núm. 170, do 31 de agosto). Posteriormente modificouse a través da Orde desa mesma consellería do 13 de febreiro de 2017 (DOG núm. 37, do 22 de febreiro).

Ante a proximidade do proceso electoral que vai servir para a renovación dos órganos de goberno do Consello Regulador, este organismo, na súa sesión plenaria do pasado día 8 de novembro, aprobou unha modificación puntual do seu Regulamento.

A dita modificación afecta exclusivamente o punto 1 do artigo 32 do Regulamento e faise co obxecto de adaptalo aos cambios producidos nos últimos anos nos censos e aos criterios de representatividade que se recollen no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

Por todo o anterior, tras a proposta do Pleno do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e de acordo co establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do anexo da Orde do 14 de agosto de 2009 pola que se aproba o Regulamento da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia e do seu Consello Regulador.

O punto 1 do artigo 32 do Regulamento da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia e do seu Consello Regulador queda redactado do seguinte xeito:

«1. O Pleno do Consello Regulador estará constituído por:

a) Catro vogais en representación das explotacións, elixidos democraticamente por e entre as persoas titulares das explotacións inscritas no Rexistro de Explotacións do Consello Regulador. Destes catro vogais, un será elixido por e entre os titulares de explotacións cun número de colmeas igual ou inferior a 150; outro será elixido por e entre os titulares de explotacións con máis de 151 colmeas sen superar as 400; e dous por e entre os titulares de explotacións con máis de 400 colmeas.

b) Cinco vogais en representación das instalacións de extracción, almacenamento e/ou envasado, elixidos democraticamente por e entre as persoas titulares das instalación inscritas no Rexistro de Instalacións de Extracción, almacenamento e/ou envasado do Consello Regulador. Destes vogais, dous serano en representación das instalacións cunha produción comercializada baixo a indicación xeográfica protexida maior a 50.000 kg anuais e dous en representación das instalacións cunha produción comercializada baixo a indicación xeográfica protexida igual ou menor a 50.000 kg anuais. O quinto vogal elixirano os electores do subcenso que acumule un maior volume de produción no momento da convocatoria electoral, salvo que no subcenso a que corresponda este non haxa candidatos elixibles suficientes. Nese caso, ese vogal sería elixido polo outro subcenso».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural