Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Venres, 27 de maio de 2022 Páx. 31187

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2022 pola que se convocan, para a anualidade 2022, as axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas, con financiamento plurianual (código de procedemento VI406B).

No Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) do 14 de xaneiro de 2020 publicouse a Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se estableceron as bases reguladoras das axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas. En virtude da citada orde, regulouse unha liña de préstamos para financiar a execución de obras de rehabilitación de edificios e vivendas situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, cuxa concesión poderá ir acompañada dunha axuda económica directa consistente na subsidiación dos xuros dos préstamos cualificados.

A citada orde foi modificada pola Orde do 28 de xaneiro de 2022 (DOG do 3 de febreiro), co obxecto de ampliar o importe dos préstamos para comunidades de persoas propietarias ata un máximo de 20.000 euros por vivenda e, así mesmo, para incluír as obras de ampliación de elementos comúns dos edificios e as obras de ampliación de vivendas, sempre e cando estean vinculadas a proxectos de rehabilitación que supoñan unha mellora da habitabilidade, da eficiencia enerxética e/ou da súa accesibilidade.

Esta resolución ten por obxecto convocar as axudas financeiras do referido programa para a anualidade 2022 e suxéitase ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

De conformidade coas competencias atribuídas polo artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para a anualidade 2022 as axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas (código de procedemento VI406B), que poderán consistir en:

a) Préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas concedidos polas entidades de crédito, no ámbito dos convenios asinados para estes efectos co Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).

b) Axudas económicas directas, consistentes na subsidiación dos xuros do préstamo cualificado outorgado pola entidade financeira.

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto nesta convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Bases reguladoras

As bases reguladoras das axudas do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas previstas nesta convocatoria están recollidas na Orde do 20 de decembro de 2019, publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 8, do 14 de xaneiro de 2020. As citadas bases foron modificadas pola Resolución do 28 de xaneiro de 2022 (DOG do 3 de febreiro).

Terceiro. Crédito orzamentario

1. As axudas para a subsidiación dos xuros do préstamo cualificado previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación 08.81.451A.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 65.000 euros para a anualidade 2022, por importe de 90.670 euros para a anualidade 2023, por importe de 91.000 euros para a anualidade 2024, por importe de 88.000 euros para a anualidade 2025 e por importe de 60.000 euros para a anualidade 2026.

2. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Cuarto. Actuacións protexibles polo programa de préstamos cualificados

1. Serán actuacións susceptibles de acollerse ao programa de préstamos cualificados as previstas no anexo II das bases reguladoras deste programa.

No caso de obras consistentes no remate en edificios ou vivendas cuxos paramentos de fachada e/ou cubertas non estivesen rematados, deberanse cumprir as seguintes condicións para acceder ao programa:

a) Incluír o remate de todas as fachadas e/ou cubertas da edificación.

b) Xustificar que a edificación ten unha antigüidade mínima de dez anos e que foi habitada durante un mínimo de cinco anos.

2. Non se poderán acoller a este programa as obras que afecten elementos decorativos e ornamentais, así como a instalación ou reforma de mobiliario, electrodomésticos ou similares.

3. As actuacións deberanse axustar ao proxecto de execución das obras presentado coa solicitude ou, de ser o caso, á memoria asinada por técnico/a competente, sendo este o/a profesional con capacidade técnica suficiente para redactar o orzamento, dirixir ou executar a obra. Ademais, deberán dispoñer de licenza municipal ou, de ser o caso, someterse ao réxime de intervención municipal de comunicación previa, así como dispoñer de todas as autorizacións sectoriais preceptivas.

4. As obras de rehabilitación non poderán estar iniciadas no momento de presentar a solicitude da axuda.

5. Nas actuacións de reparación, rehabilitación ou conservación de fachadas, carpintaría exterior e/ou cuberta das edificacións seguiranse os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

Quinto. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas que promovan as actuacións de rehabilitación, xa sexan propietarias ou teñan calquera outro título que acredite a posesión do inmoble, así como as persoas membros de comunidades de propietarios/as partícipes nas actuacións promovidas pola correspondente comunidade en función da súa porcentaxe de participación.

Así mesmo, as comunidades de propietarios/as poderán ser beneficiarias dos préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios, ben que non poderán obter axudas de subsidiación dos xuros dos citados préstamos.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas propietarias de locais, agás os casos en que se pretenda a súa conversión en vivenda.

3. Para acceder aos préstamos, os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante non deberán superar 6,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM). Esta limitación non se aplicará aos supostos de préstamos solicitados directamente polas comunidades de propietarios/as.

4. Para poder acollerse ás axudas económicas directas, os ingresos da citada unidade de convivencia non poderán ser superiores a 5,5 veces o IPREM.

5. Non poderá obter a condición de persoa beneficiaria quen incorra nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 1 de setembro de 2022 aínda que, respecto ás axudas económicas directas de subsidiación, rematará en todo caso no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Sétimo. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

A presentación electrónica será obrigatoria para as comunidades de persoas propietarias e as súas persoas representantes.

De conformidade co previsto no artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As persoas físicas, en canto persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. No modelo de solicitude, a persoa ou entidade interesada realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración de que a persoa ou entidade solicitante non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que sexa solicitada ou obtida pola persoa ou entidade solicitante para a mesma finalidade.

c) Declaración responsable de que a persoa ou entidade solicitante está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento.

d) Declaración responsable de que a persoa ou entidade solicitante non está incursa nas causas de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Declaración de que todos os datos da solicitude son certos.

Oitavo. Documentación complementaria

1. Coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante, de ser o caso.

b) Documento que acredite a propiedade ou a posesión do inmoble que se pretende rehabilitar, no caso de solicitudes non presentadas por comunidades de persoas propietarias.

c) Anexo II, no suposto de solicitudes non presentadas por comunidades de persoas propietarias, de declaración responsable de composición da unidade de convivencia da persoa solicitante e comprobación de datos. Consultaranse os datos das persoas membros da unidade de convivencia maiores de idade e das menores para o caso de haber algunha circunstancia que lles sexa de aplicación.

d) Autorización da persoa propietaria do inmoble para realizar as actuacións de rehabilitación, no suposto de solicitudes presentadas por persoas posuidoras.

e) Acordo da comunidade de persoas propietarias de solicitar o préstamo cualificado para a rehabilitación do inmoble, no suposto de solicitudes presentadas por comunidades de persoas propietarias.

f) Acta de constitución da comunidade de persoas propietarias, tanto no suposto de solicitudes presentadas por comunidades de persoas propietarias, como as presentadas por persoas físicas para financiar a súa participación en actuacións promovidas por comunidades de persoas propietarias.

g) Autorización das restantes persoas propietarias para a realización da actuación obxecto de rehabilitación, no suposto de que a vivenda ou edificio pertenza pro indiviso a varias persoas e a solicitude non fose presentada por comunidades de persoas propietarias.

h) Proxecto de execución das obras que se pretenden realizar, elaborado por técnico competente ou, de ser o caso, memoria asinada por técnico/a competente, sendo este/a profesional con capacidade técnica suficiente para redactar o orzamento, dirixir ou executar a obra.

i) Licenza municipal, no caso de que sexa necesaria pola actuación que se vai realizar, ou comunicación previa ao concello, cando a actuación non estea sometida a licenza e, de ser o caso, autorizacións sectoriais preceptivas. A comunicación previa ao concello deberá ir acompañada dunha declaración responsable da persoa ou entidade promotora da actuación de non ter sido requirida para a súa emenda, no suposto de ter transcorrido máis de quince (15) días hábiles, contados desde a data da súa presentación.

j) Certificado de quen exerza as funcións de secretario/a da comunidade de persoas propietarias no cal se recolla o acordo da comunidade de realizar as actuacións de rehabilitación, a relación de vivendas partícipes nestas actuacións e a porcentaxe e o importe de participación de cada unha no orzamento protexible, no suposto de solicitudes presentadas por comunidades de persoas propietarias e por persoas físicas para financiar a súa participación en actuacións promovidas por comunidades de persoas propietarias.

k) Licenza de primeira ocupación, certificado de fin de obra ou calquera outro documento que acredite que a edificación ten unha antigüidade mínima de dez anos, no caso de obras consistentes no remate en edificios ou vivendas cuxos paramentos de fachada e/ou cubertas non estivesen finalizados.

l) Certificado municipal en que conste que a edificación ou vivenda foi habitada durante un mínimo de cinco anos, no caso de obras consistentes no remate en edificios ou vivendas cuxos paramentos de fachada e/ou cubertas non estivesen finalizados.

m) Certificación médica que acredite o embarazo da solicitante e/ou dalgunha muller membro da unidade de convivencia no momento de presentar a solicitude de axudas financeiras, no suposto de solicitudes non presentadas por comunidades de persoas propietarias, de ser o caso.

n) Certificado acreditativo da existencia dalgún proceso de adopción en trámite por parte da persoa solicitante e/ou dalgunha persoa membro da unidade de convivencia no momento de presentar a solicitude de axudas financeiras, no suposto de solicitudes non presentadas por comunidades de persoas propietarias, de ser o caso.

o) Certificado de discapacidade da persoa solicitante e/ou das persoas membros da unidade de convivencia nas cales concorra a dita circunstancia, de ser o caso e para o suposto de non ter sido expedido pola Xunta de Galicia, no suposto de solicitudes non presentadas por comunidades de persoas propietarias.

p) Declaración responsable, da persoa solicitante e/ou das persoas membros das súas unidades de convivencia, dos ingresos obtidos, á cal se deberá xuntar, se é o caso, o certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas en que estivese de alta no dito exercicio, certificado de pensións, prestacións periódicas, certificado do INEM e/ou certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario, para o suposto de que algunha desas persoas non estivese obrigada a presentar a declaración do IRPF, no caso de solicitudes non presentadas por comunidades de persoas propietarias.

q) Certificado de empadroamento conxunto relativo ás persoas empadroadas na vivenda, con referencia ás datas próximas á presentación da solicitude.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa ou entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

Noveno. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para as comunidades de persoas propietarias e as súas persoas representantes. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas físicas, non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As persoas e as comunidades de persoas propietarias interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o IGVS poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal se poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. No caso de que os documentos se presenten separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que os documentos que se van presentar de forma electrónica superen os tamaños máximos establecidos ou teñan un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial na forma indicada no parágrafo tres. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI), número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, das persoas que figuren no anexo II como persoas integrantes da súa unidade de convivencia ou, de ser o caso, número de identificación fiscal (en diante, NIF) da entidade solicitante.

b) DNI, NIE da persoa representante ou, de ser o caso, NIF da entidade representante.

c) Certificado da renda expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria (en diante, AEAT) da persoa solicitante, correspondente ao último período impositivo co prazo de presentación vencido no momento de presentación da solicitude e, de ser o caso, das persoas que figuren no anexo II como persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

d) Certificado acreditativo de non ter débedas coa AEAT, da persoa ou entidade solicitante e, de ser o caso, das persoas que figuren no anexo II como persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

e) Certificado acreditativo de non ter débedas coa Seguridade Social, da persoa ou entidade solicitante e, de ser o caso, das persoas que figuren no anexo II como persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

f) Certificado acreditativo de non ter débedas coa Comunidade Autónoma de Galicia, da persoa ou entidade solicitante e, de ser o caso, das persoas que figuren no anexo II como persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

g) Consulta de datos de residencia con data da última variación do padrón da persoa solicitante e, de ser o caso, das persoas que figuren no anexo II como persoas integrantes da súa unidade de convivencia, no suposto de actuacións non promovidas por comunidades.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa solicitante, e, de ser o caso, das persoas que figuren no anexo II como persoas integrantes da súa unidade de convivencia, no suposto de actuacións non promovidas por comunidades.

i) Consulta de concesións de subvencións e axudas da persoa solicitante.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

j) Certificado de discapacidade, emitido pola Xunta de Galicia, da persoa solicitante, así como das persoas membros da unidade de convivencia nas cales concorra a dita circunstancia.

2. No caso de que as persoas ou entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo nos recadros correspondentes habilitados nos anexos I e II e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Décimo primeiro. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas ou entidades interesadas realizaren trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas ou entidades interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén se poderán tramitar de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo segundo. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica de Fomento do IGVS.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre o recoñecemento de concesión do préstamo cualificado e, de ser o caso, o outorgamento da concesión da axuda de subsidiación de xuros.

Décimo terceiro. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento para o recoñecemento do acceso ao financiamento e a concesión das axudas directas de subsidiación de xuros iníciase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a correspondente resolución de convocatoria.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos no ordinal sétimo e/ou non vai acompañada da documentación relacionada no ordinal oitavo, a persoa ou a entidade solicitante será requirida para que no prazo de dez (10) días hábiles emende a falta e/ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Examinada a documentación, a persoa titular da Dirección Técnica de Fomento do IGVS remitirá unha proposta de recoñecemento do acceso ao financiamento e, de ser o caso, de concesión das axudas económicas directas de subsidiación de xuros á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá o que en dereito proceda.

4. A resolución da persoa titular da Dirección Xeral de IGVS non implicará en ningún caso a obrigatoriedade para a entidade financeira de conceder o préstamo cualificado. No suposto de que as entidades financeiras, segundo os seus criterios de solvencia, deneguen a concesión do préstamo, perderase o dereito a percibir a axuda á subsidiación de xuros, sen que esta perda implique dereito a percibir indemnización ningunha.

Décimo cuarto. Resolución e recursos

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da solicitude de acceso ao préstamo cualificado e, de ser o caso, da concesión da axuda de subsidiación dos xuros será de tres meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen se ditar e notificar a resolución expresa, a persoa ou entidade solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. A resolución estimatoria recoñecerá o dereito da persoa interesada a solicitar un préstamo cualificado en calquera entidade financeira que participe no desenvolvemento deste programa, nos termos previstos no artigo 4 da Orde do 20 de decembro de 2019, e, de ser o caso, concederá unha axuda de subsidiación dos xuros do referido préstamo. Así mesmo, a citada resolución establecerá o tipo de préstamo recoñecido e especificará se se trata dun préstamo persoal ou con garantía hipotecaria, o seu importe máximo e o prazo para a súa formalización, que non poderá exceder os tres meses, contados desde o día seguinte ao da notificación da citada resolución.

3. Contra a resolución poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de vivenda. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Décimo quinto. Xustificación e pagamento da axuda de subsidiación dos xuros

1. A xustificación da concesión da axuda de subsidiación dos xuros do préstamo cualificado realizarase coa formalización do contrato de préstamo coa entidade financeira, de conformidade coas estipulacións contidas no convenio de financiamento subscrito para estes efectos entre o IGVS e a dita entidade.

Se non se formaliza o préstamo no prazo establecido na resolución de concesión da axuda ou se formaliza un tipo de préstamo, persoal ou hipotecario, diferente do indicado nela, producirase a perda do dereito ao cobramento da axuda, que se declarará mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

2. O pagamento da axuda de subsidiación dos xuros do préstamo cualificado satisfaránllelo ás persoas beneficiarias directamente as entidades financeiras, que posteriormente liquidarán os correspondentes importes ao IGVS, de acordo coas cláusulas contidas no correspondente convenio de financiamento.

3. A xustificación final da subvención realizaraa a persoa beneficiaria mediante a presentación do modelo que figura como anexo III desta resolución, dirixido á Dirección Técnica de Fomento do IGVS, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da data de finalización das obras, acompañado dos seguintes documentos:

a) Certificado final de obra.

b) Contrato de arrendamento da vivenda en que se realizaron as actuacións de rehabilitación, no caso de non destinarse aquela a uso propio da persoa propietaria.

Esta documentación presentarase na mesma forma que a solicitude e a documentación complementaria, tendo en conta o establecido no artigo décimo primeiro.

Décimo sexto. Obrigas das persoas e das comunidades de propietarios/as beneficiarias

As persoas e as comunidades de propietarios/as beneficiarias, ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, terán as seguintes obrigas:

a) Destinar o importe íntegro do préstamo ao pagamento das correspondentes actuacións.

b) Comunicarlle ao órgano instrutor calquera modificación das condicións que motivaron o recoñecemento da concesión do préstamo ou da axuda de subsidiación que poida determinar a perda sobrevida do dereito ás ditas axudas.

c) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que o IGVS considere pertinentes durante a vixencia da subvención.

d) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) Destinar a vivenda en que se realicen as obras de rehabilitación a residencia habitual e permanente da persoa promotora ou, de ser o caso, da/das persoa/s á/ás cal/es lla/llela arrende.

Non obstante, esta obriga só será exixible para quen obteña a axuda de subsidiación e durante o período de duración desta.

Décimo sétimo. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía, como é o caso das comunidades e as súas persoas representantes. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar, en calquera momento, que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar no formulario de inicio expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso, no formulario do anexo I, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo oitavo. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar ao IGVS, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte deste das obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo noveno. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas deste programa, e modificada pola Orde do 28 de xaneiro de 2022.

Vixésimo. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión deste programa de axudas.

Vixésimo primeiro. Recursos contra esta resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/20015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Vixésimo segundo. Efectos

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file