Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Luns, 30 de maio de 2022 Páx. 31464

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 16 de maio de 2022 pola que se acorda a adxudicación do procedemento de alleamento, mediante poxa pública, de 846,5 gramos de granalla de ouro da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia procedente dunha herdanza ab intestato.

Pola Orde da Consellería de Facenda e Administración Pública do 17 de febreiro de 2021 acordouse o alleamento, mediante poxa, de 846,5 gramos de granalla de ouro puro de 999,99 milésimas.

Logo de publicarse no Diario Oficial de Galicia núm. 61, do 29 de marzo de 2022, e nun xornal de ampla difusión (La Voz de Galicia, do mesmo día) o Anuncio do 14 de marzo de 2022, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, de alleamento do citado ben, o 11 de maio de 2022 tivo lugar a poxa pública anunciada, co que á vista da acta da mesa de contratación, de conformidade co disposto no artigo 70 do Decreto 50/1989, polo que se aproba o Regulamento de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e tras a proposta da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio,

DISPOÑO:

Primeiro. Aprobar a seguinte adxudicación:

A José Luis Tusset Bertoa, polo prezo de trinta e nove mil cen euros (39.100 €), o lote consistente en 846,5 gramos de granalla de ouro puro de 999,99 milésimas.

Segundo. O pagamento do prezo deste ben adxudicado efectuarase segundo o estipulado no artigo 70.3 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. A venda formalizarase en documento administrativo que se poderá elevar a escritura pública por solicitude do comprador e á súa custa. Os tributos derivados da transmisión serán exixidos conforme o disposto na lexislación tributaria. Así mesmo, queda a cargo do adxudicatario o pagamento dos custos dos anuncios que se producisen neste procedemento de alleamento.

Cuarto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante esta consellería no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2022

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 15.12.2021, DOG do 24 de decembro)
Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico e do Patrimonio
da Consellería de Facenda e Administración Pública