Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Luns, 30 de maio de 2022 Páx. 31483

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 11 de maio de 2022 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade desta consellería para o curso 2022/23 (código de procedemento ED516A).

A Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, recolle no seu artigo 5 as bibliotecas escolares como integrantes do Sistema galego de bibliotecas e no artigo 6 recoñece, entre as obrigas das persoas físicas ou xurídicas titulares das bibliotecas integradas neste Sistema galego de bibliotecas, a de promover, no ámbito das súas competencias, un desenvolvemento sustentable, coherente, innovador e constante dos seus propios servizos bibliotecarios.

Pola súa parte, a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), no seu artigo 113 fai unha mención específica ás bibliotecas escolares e sinala que os centros de ensinanza disporán dunha biblioteca escolar, que estes instrumentos educativos contribuirán a fomentar a lectura e a que o alumnado acceda á información e outros recursos para a aprendizaxe das demais áreas e materias, e poida formarse no seu uso crítico, e estas bibliotecas escolares deben contribuír a facer efectivos os principios pedagóxicos referidos á lectura. Así mesmo, dispón que a organización das bibliotecas escolares deberá permitir o seu funcionamento como espazo aberto á comunidade educativa dos respectivos centros, así como que a súa dotación se fará de forma progresiva.

Así mesmo, o vixente Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, recollen a obrigatoriedade de que todos os centros de ensino non universitario elaboren os seus proxectos lectores de centro, co fin de articular as actuacións de todo o profesorado destinadas ao fomento da lectura, da escritura e das habilidades no uso, no tratamento e na produción da información, en apoio da adquisición das competencias clave. Entre os requisitos destes proxectos lectores prevén a existencia dunha biblioteca escolar convenientemente atendida.

En efecto, para o desenvolvemento dos proxectos lectores de centro as bibliotecas escolares son instrumentos imprescindibles que as comunidades escolares deben organizar e dinamizar como un centro de recursos para a lectura, a información e a aprendizaxe, un «centro creativo das aprendizaxes», de carácter dinámico e en constante actualización. Así entendida, a biblioteca escolar pode ser un elemento estratéxico para a innovación pedagóxica, que axude a revitalizar as prácticas educativas e a vida cultural dos centros, proporcionando ao profesorado e ao alumnado oportunidades para o emprego de múltiples recursos que permitan unha progresiva autonomía na aprendizaxe.

A biblioteca escolar serve, ademais, de canle para a integración nos centros educativos das tecnoloxías da comunicación que a sociedade vai desenvolvendo e ofrece a posibilidade de acceso igualitario aos bens culturais, independentemente do estrato económico e cultural de procedencia, actuando así como axente de compensación social. Así mesmo, devén nun axente mediador fundamental para a formación do alumnado nunha sociedade da información que demanda unha cidadanía activa, dotada de destrezas para a consulta eficaz das distintas fontes informativas, a selección crítica da información e a construción autónoma do coñecemento, que lle axude a conformar e definir unha identidade dixital segura e confiable.

Resulta, tamén, un espazo privilexiado para o achegamento á lectura de textos literarios e informativos, sexa en formato impreso ou dixital, de forma presencial ou telemática, e para a adquisición paulatina do hábito lector. Por outra parte, a biblioteca escolar contribúe a desenvolver os programas de integración das tecnoloxías da información e da comunicación nas actividades de aprendizaxe, e constitúe un instrumento esencial para o desenvolvemento da materia de libre configuración para 1º e 2º de educación secundaria obrigatoria denominada Investigación e Tratamento da Información (ou para as adaptacións que se poidan facer desta materia para a etapa de primaria ou outras), incluída na Orde do 15 de xullo de 2015 pola que se establece a relación de materias de libre configuración autonómica de elección para os centros docentes.

As metodoloxías activas e colaborativas que os actuais currículos propoñen para garantir o desenvolvemento de competencias clave exixen transformacións na organización dos centros e demandan enfoques diferentes para as prácticas educativas. Así, o Decreto 86/2015 antes citado, no seu artigo 11, punto 9, explicita que «para unha adquisición eficaz das competencias e a súa integración efectiva no currículo, deberán deseñarse actividades de aprendizaxe integradas que lle permitan ao alumnado avanzar cara aos resultados de aprendizaxe de máis dunha competencia ao mesmo tempo. Para isto aproveitaranse as posibilidades que ofrecen as metodoloxías de proxectos, entre outras, así como os recursos e as actividades da biblioteca escolar». Nestes últimos anos, as bibliotecas escolares veñen desempeñando un papel de liderado á hora de introducir metodoloxías de traballo por proxectos e propostas de carácter interdisciplinario que cómpre afianzar e aproveitar.

A incorporación de novos recursos tecnolóxicos ás prácticas educativas cotiás e os cambios que se están a producir na forma de acceder á información, de comunicarse e de realizar as aprendizaxes, exixen competencias avanzadas en múltiples rexistros. Os resultados das avaliacións individualizadas de primaria ou doutros estudos sobre as competencias do alumnado evidencian a necesidade de mudar metodoloxías e procurar maiores índices de excelencia, ao tempo que se diminúen os índices de fracaso escolar. Un uso continuado de fontes informativas diversificadas, a extensión de prácticas innovadoras no tratamento dos contidos curriculares, así como a educación para a lectura crítica e o uso eficaz e responsable da información, poden contribuír a mellores logros. As bibliotecas, neste sentido, teñen o reto de favorecer a alfabetización múltiple a que fai referencia o Documento do Consello da Unión Europea do 26 de novembro de 2012, que a salienta como competencia esencial para a vida e para todas as aprendizaxes e a define como a «comprensión, utilización e avaliación crítica de diferentes formas de información, incluídos os textos e imaxes, escritos, impresos ou en versión electrónica».

Todas as bibliotecas, tamén as escolares, poden contribuír a unha aprendizaxe de alta calidade, así como favorecer a colaboración entre os diferentes sectores educativos, en especial para o alumnado máis desfavorecido, tal e como recolle o Informe de 2015 do Consello e da Comisión Europea sobre a aplicación do marco estratéxico para a cooperación europea no ámbito da educación e da formación (ET 2020), onde se afirma que a educación e a formación deben aproveitar as vantaxes da evolución no ámbito das TIC e adoptar pedagoxías innovadoras e activas, tomando como base métodos participativos e baseados en traballo por proxectos.

Unha biblioteca escolar activa e renovada, segundo o modelo que se está a difundir, ofrece oportunidades excelentes para que alumnado e profesorado poidan avanzar nos seus obxectivos e ampliar a calidade dos procesos de aprendizaxe ou de ensino en que están inmersos. Proporciona un apoio imprescindible no desenvolvemento doutros programas do centro que poidan contribuír ao incremento do éxito escolar.

E así reforzar as bibliotecas escolares como espazos para o desenvolvemento persoal, social e cultural de todo o alumnado e das comunidades educativas no seu conxunto, incidindo nun enfoque inclusivo e na potencialidade da biblioteca escolar como factor de compensación social e de equidade, promovendo a participación activa do alumnado e a presenza das familias, e contribuír á consecución dos obxectivos 2030 de equidade, calidade, dixitalización e inclusión, así como a promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todos e todas.

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade recolle nas instrucións do 8 de setembro de 2021 en relación coa organización e funcionamento das bibliotecas escolares para o curso 2021/22, que «todos os centros de nivel non universitario deberán establecer as medidas organizativas oportunas para poñer á disposición do alumnado, do profesorado e, na medida do posible, do resto da comunidade educativa unha biblioteca escolar que favoreza o achegamento a libros informativos e de ficción, e a outros recursos informativos, en soporte impreso, audiovisual ou electrónico; presentes na biblioteca ou dispoñibles a través da internet; relacionados cos contidos do currículo ou que poidan cubrir a variedade de intereses de lectura e de aprendizaxe». Lémbrase nestas instrucións que «o espazo da biblioteca deberá organizarse en función das prácticas que interesa incentivar». Incídese, así mesmo, en que «esta biblioteca deberá ser cada vez máis inclusiva, que dea resposta ás necesidades de todo o alumnado no que atinxe á accesibilidade, aos recursos dispoñibles a través da colección física ou virtual, aos equipamentos e ás actividades propostas» e, tamén, en que «a biblioteca escolar deberá facilitar o tratamento transversal dos contidos e un enfoque interdisciplinario en proxectos e actividades, contribuíndo así aos cambios metodolóxicos imprescindibles».

Segundo prevé a LOE no seu artigo 112, correspóndelles ás administracións educativas dotar os centros públicos dos medios materiais e humanos necesarios para ofrecer unha educación de calidade e garantir a igualdade de oportunidades na educación.

O novo Plan LIA (2021-2025) ten entre os seus obxectivos fundamentais dotar os centros educativos de bibliotecas escolares útiles, estables, sustentables e acordes coas necesidades do século XXI, facendo delas espazos creativos de aprendizaxes innovadoras e inclusivas que apoien a adquisición das competencias clave do alumnado.

Así, cómpre tomar medidas que aseguren non só a estabilidade e a continuidade das bibliotecas escolares no sistema educativo galego, senón que reforcen e melloren o nivel de excelencia conseguido pola Rede de bibliotecas escolares galegas.

Con esta finalidade é preciso continuar e poñer en marcha unha nova convocatoria, a décimo oitava, para o proceso de selección de centros de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que se incorporan ao Plan de mellora de bibliotecas escolares, ao tempo que se continúa, na medida do posible, coa liña de incentivos a aqueles centros públicos xa integrados no programa que, segundo se pode apreciar no seguimento que se leva a cabo e nas memorias preceptivas, están a realizar un traballo coherente e axustado aos compromisos adquiridos, camiñando cara á consolidación destes recursos educativos ao servizo das súas respectivas comunidades educativas.

Por todo o anterior exposto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e destinatarios

1. A través do procedemento desta orde (ED516A) preténdese seleccionar novos centros públicos para a súa incorporación ao Plan de mellora de bibliotecas escolares, así como apoiar a continuidade deste programa mediante a concesión de novas contías aos centros educativos incluídos en anteriores convocatorias, sempre que a través do seguimento que se realiza desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares, e moi especialmente, a través da memoria correspondente ao actual curso 2021/22, acaden unha valoración positiva.

2. O plan de mellora procura incentivar e impulsar o desenvolvemento de proxectos de biblioteca escolar que recollan:

a) A organización, a actualización e a dinamización da biblioteca de centro, entendida como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, en evolución cara a un «centro creativo das aprendizaxes».

b) O deseño da biblioteca cun enfoque inclusivo, con atención aos espazos, os recursos, as oportunidades e a actitude para unha correcta atención da diversidade.

c) A incorporación de novas tendencias en materia bibliotecaria: espazos para a creación, a aprendizaxe manipulativa, a investigación, o traballo colaborativo e a construción do coñecemento de xeito compartido.

d) A súa contribución á mellora dos procesos de ensino e de aprendizaxe e á adquisición das competencias clave do alumnado.

e) O concepto de alfabetización múltiple (ou multialfabetismo) á hora de abordar a formación lectora do alumnado.

f) O deseño e o desenvolvemento de programas para a adquisición de competencias informacionais e mediáticas, é dicir, as competencias de uso, tratamento e produción de información nos diferentes soportes e formatos, así como o tratamento das linguaxes dos diferentes medios de comunicación.

g) A imprescindible integración da cultura impresa e a cultura dixital.

h) A realización de actividades de formación de usuarios das bibliotecas e os seus recursos.

i) O papel da biblioteca escolar no desenvolvemento do proxecto lector de centro.

j) O fomento da lectura e da escritura.

k) A contribución da biblioteca á compensación das desigualdades sociais e á calidade do ensino que se imparte no centro.

l) As posibilidades que ofrece para a incorporación de metodoloxías innovadoras e consecuentes coas necesidades educativas actuais.

m) A implicación da biblioteca en actividades de extensión cultural destinadas a toda a comunidade escolar.

n) A contribución da biblioteca á consecución dos obxectivos de desenvolvemento sustentable da ONU (ODS da Axenda 2030).

3. Poden participar nesta convocatoria os centros non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade incluídos nas seguintes epígrafes:

a) Os centros integrados no programa en convocatorias anteriores:

1º. Centros que poderán recibir asignacións para fondos: todos os centros Plambe 1 a 17 (convocatorias 2005/06 a 2021/22).

2º. Centros que poderán recibir asignacións para mobiliario e outros equipamentos: centros Plambe 4, 5, 6, 7, 8 (convocatorias 2008/09 a 2012/13) e Plambe 17 (convocatoria 2021/22).

3º. Centros que poderán recibir asignacións para gastos de funcionamento específicos da biblioteca: centros Plambe 17 (convocatoria 17).

b) Novos centros: seleccionarase un mínimo de 25 novos centros para a súa integración no Plan de mellora de bibliotecas escolares no curso 2022/23 (número que poderá incrementarse no caso de producírense baixas ou renuncias de centros xa integrados anteriormente no Plambe). En igualdade de puntuación terán preferencia os centros situados en concellos que teñan menos poboación.

4. Os centros incluídos neste programa poderán recibir formación específica, no contexto do Plan anual de formación do profesorado e do propio programa, así como asesoramento a través da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, dependente da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos (Subdirección Xeral de Centros), desde onde se coordinará o plan de mellora e se levarán a cabo o seguimento e supervisión oportunos.

5. As asignacións ou axudas, se é o caso, para os centros de nova incorporación estarán destinadas á actualización dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e outro equipamento necesario, así como para outros gastos de funcionamento, e fixaranse logo da análise das necesidades descritas na solicitude presentada, en función da maior adaptación aos criterios recollidos nesta orde (que se materializará na puntuación acadada pola memoria e programas presentados), e das características de cada centro: número de unidades e de alumnos e alumnas matriculados.

Artigo 2. Dotación orzamentaria

1. As dotacións económicas correspondentes a este plan de mellora realizaranse con cargo ás seguintes aplicacións dos orzamentos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para o ano 2022:

a) 950.000 € con cargo á aplicación 10.31.423A.628.1, destinada á adquisición de fondos documentais, en distinto soporte.

b) 600.000 € para a renovación de mobiliario e outros equipamentos, con cargo á aplicación 10.31.423A.625.1.

c) 40.000 € con cargo á aplicación 10.31.423A.229.15, con destino a gastos de funcionamento da biblioteca escolar.

Estas cantidades poderán ser ampliadas antes da publicación no DOG da resolución definitiva desta convocatoria, en función da dispoñibilidade orzamentaria.

2. Nos centros de nova incorporación, á hora de establecer as contías consideraranse tres supostos:

a) Os centros seleccionados de menos 6 unidades poderán recibir ata un máximo de 4.000 €.

b) Os centros de 6 ou máis unidades percibirán 4.000 € como asignación mínima. Esta contía poderá incrementarse segundo o recollido no artigo 1, punto 5, desta orde, e dependendo da dispoñibilidade orzamentaria final.

c) Aqueles centros que soliciten a incorporación ao Plan de mellora de bibliotecas escolares na presente convocatoria, pero que xa tivesen formado parte do programa e causado baixa anteriormente por diferentes razóns, poderán ser seleccionados sempre que acaden a valoración suficiente e sempre que transcorrese un mínimo de catro anos desde a data da baixa. Neste suposto poderán percibir como máximo 4.000 €.

3. Xunto coa asignación total concedida a cada proxecto detallaranse as contías que deberán ser destinadas a sufragar gastos comprendidos nos seguintes conceptos:

a) Adquisicións de fondos documentais impresos, electrónicos, audiovisuais ou multimedia; subscricións a publicacións periódicas con destino á biblioteca escolar, tamén en soporte papel ou electrónico.

As adquisicións realizaranse, preferentemente, a través das librarías da zona de referencia do centro.

Deberán incluírse materiais destinados á atención da diversidade (libros e outros materiais destinados ao alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe, necesidades educativas especiais, altas capacidades, alumnado inmigrante etc.). A multiculturalidade e as diversas linguas con presenza no centro deberán ser convenientemente consideradas, e sempre de acordo co proxecto lingüístico do centro. Un mínimo do 50 % deberá ser en lingua galega. Así mesmo, e coa finalidade de equilibrar a colección e atender ás necesidades de todas as áreas de aprendizaxe, no curso 2022/23, a asignación desta partida destinarase nunha porcentaxe significativa (non menos do 50 %) a materiais informativos relacionados coas diferentes áreas de coñecemento (vinculados, por exemplo, aos proxectos de investigación que se leven a cabo no centro durante o ano escolar).

b) Adquisición de mobiliario específico e adaptado: expositores, andeis, mobiliario para os espazos de lectura informal, mesas e cadeiras etc. Incluirase aquí a adquisición doutro equipamento específico para a biblioteca, necesario para atender as necesidades da comunidade educativa e cumprir as súas funcións como centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe e, en especial, para poder abordar a imprescindible alfabetización múltiple.

c) Outros gastos de funcionamento da biblioteca escolar (material funxible, pequenas obras, material non inventariable; edición de materiais impresos para o alumnado ou as familias, como guías de lectura, guías da biblioteca, materiais para a formación de usuarios ou programas para a competencia informacional etc.).

Artigo 3. Requisitos

Os centros solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

1. Contar cun espazo destinado exclusivamente á biblioteca escolar de centro.

2. Presentar un programa para o funcionamento e utilización da biblioteca escolar, acorde coas pautas recollidas nesta convocatoria, cunha xestión centralizada dos fondos documentais e unha organización que permita o seu aproveitamento por toda a comunidade escolar, con prioridade do alumnado e do profesorado.

3. Designar un profesor ou profesora responsable da biblioteca escolar, entre o profesorado definitivo no centro, por un período mínimo de dous anos e asignación de horas, dentro do seu horario lectivo e/ou complementario, en número suficiente para as funcións que lle son propias, aproveitando as marxes que ofrece a actual configuración do réxime horario do profesorado. Este responsable integrarase na comisión de coordinación pedagóxica do centro.

4. Crear un equipo de biblioteca ou grupo de apoio, de carácter interdisciplinario, formado por profesorado dos diferentes ciclos ou departamentos presentes no centro, con dispoñibilidade e dedicación específica para a realización das distintas tarefas derivadas do programa, que se terá en conta na elaboración dos horarios do profesorado a comezo do curso escolar. Preferentemente, será este profesorado o que realice as gardas de biblioteca, co fin de garantir a unificación de criterios na xestión e organización dos fondos, e un maior aproveitamento dese tempo lectivo para formación, orientación, asesoramento do alumnado como usuarios de fontes informativas, como lectores críticos e como produtores de información en diversos soportes e formatos, e tamén para a propia organización de todas as actuacións en que intervén a biblioteca.

5. Integrar a biblioteca no desenvolvemento do proxecto lector de centro. Incluír o programa da biblioteca na Programación xeral anual de centro.

6. Detallar unha serie de compromisos para o vindeiro curso:

a) Asignar un orzamento anual específico (entre un 5 % e un 10 % do orzamento ordinario do centro), para o funcionamento e actualización da biblioteca escolar, independente das asignacións a que puidese dar lugar a participación na presente convocatoria.

b) Destinar a totalidade do financiamento conseguido ao abeiro desta convocatoria para a actualización e funcionamento da biblioteca escolar do centro.

c) Crear unha comisión de biblioteca no seo do consello escolar (agás naqueles centros que non conten con este órgano).

d) Participar nas actividades de formación sobre biblioteca escolar que se oferten de forma específica desde a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para os centros integrantes do programa. Ademais, todos os centros que se incorporan a este programa deberán solicitar un PFPP ao centro de formación e recursos de referencia, nos prazos establecidos, para realizar ao longo do período 2022-2024, relacionado co funcionamento da biblioteca escolar e os seus principais aspectos, ou incluír unha liña específica de biblioteca escolar nos PFPP xa en marcha, de ser o caso.

7. Presentar as actividades da biblioteca escolar nas actividades de formación organizadas pola consellería, de ser requiridos pola unidade de seguimento do Plan de mellora de bibliotecas escolares.

8. Contar coa aprobación do claustro e presentar o proxecto ao consello escolar, de ser o caso, para a súa valoración, así como o compromiso de ambos os órganos para facilitar a posta en práctica do proxecto.

Artigo 4. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado de solicitude (ED516A-anexo I. Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios) dispoñible na aplicación informática «programasbibliotecas» (https://www.edu.xunta.gal/programasbibliotecas) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Así mesmo, o formulario de solicitude (ED516A-anexo I) e os demais vinculados (anexos II a IX) a esta orde, estarán accesibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal (para efectos informativos).

3. O prazo para presentar a solicitude será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Enténdese por último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. A solicitude deberá estar asinada pola persoa representante do centro e a súa presentación implicará que acepta as bases da convocatoria e que son certos os datos indicados nesta e na documentación achegada.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. Os centros públicos interesados deberán achegar coa solicitude (ED516A-anexo I) a seguinte documentación:

a) Centros do Plambe-1 a Plambe-16 (convocatorias 2005/06 a 2020/21):

1º. Anexo VIII. Liñas prioritarias de actuación na biblioteca escolar para o curso 2022/23 (centros xa integrados no Plambe).

b) Centros do Plambe-17 (integrados na convocatoria 2021/22):

1º Anexo V. Profesorado responsable da biblioteca escolar (curso 2022/23).

2º. Anexo VI. Certificado da aprobación no claustro do programa da biblioteca escolar (curso 2022/23).

3º. Anexo VIII. Liñas prioritarias de actuación na biblioteca escolar para o curso 2022/23 (centros xa integrados no Plambe).

c) Centros que solicitan por primeira vez (convocatoria 2022/23):

1º. Anexo II. Datos da biblioteca escolar.

2º. Anexo III. Memoria de actividades levadas a cabo no centro en relación coa organización da biblioteca escolar, o fomento da lectura e outras (período 2020-2022).

3º. Anexo IV. Programa da biblioteca escolar (curso 2022/23).

4º. Anexo V. Profesorado responsable da biblioteca escolar e do equipo de apoio (curso 2022/23).

5º. Anexo VI. Certificado da aprobación no claustro do programa de biblioteca escolar (curso 2022/23).

6º. Anexo VII. Certificado da presentación no consello escolar do programa da biblioteca escolar (curso 2022/23).

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbida derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos citados poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deben realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Publicación de actos

Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución definitiva.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (http://www.edu.xunta.gal): a relación de solicitudes con deficiencias ou documentación incompleta e a proposta provisional de resolución.

Artigo 9. Inicio do procedemento de selección

1. Presentada a solicitude, examinarase para ver se reúne os requisitos exixidos e se vén acompañada da preceptiva documentación, e, en caso contrario, requirirase o solicitante para que, no prazo de dez días, emende e/ou complete os documentos e/ou datos que deben achegarse, advertíndolle que se, así non o fixer, se terá por desistido da súa petición e se procederá ao seu arquivamento logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementar o expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos peticionarios. Calquera alteración que se produza nos datos contidos na solicitude ou na documentación que a acompaña será comunicada polo solicitante a esta dirección xeral.

Artigo 10. Criterios de selección

Para a selección dos centros participantes teranse en conta os seguintes aspectos:

1. Calidade global do programa presentado, considerando o punto de partida, as propostas e previsións de mellora, así como a dinámica de atención á biblioteca escolar xa creada, como espazo para a lectura, información e aprendizaxe (ata 6 puntos).

2. Coherencia interna do programa, entre propostas presentadas, situación real da biblioteca e o modelo proposto pola consellería (ata 9 puntos).

3. Viabilidade do programa presentado cunha axeitada correspondencia entra as intervencións programadas e os obxectivos previstos (ata 9 puntos).

4. Grao de adecuación do programa ás orientacións recollidas nesta convocatoria, segundo a disposición adicional primeira, en que se desenvolven os obxectivos e funcións da biblioteca como centro de recursos que favoreza a lectura e a escritura (nos seus máis variados contidos, soportes e formatos), a autonomía na aprendizaxe, o estudo, o traballo colaborativo, a adquisición de habilidades no uso e tratamento da información, o acceso ás tecnoloxías da comunicación e da información, a adquisición das competencias clave no seu conxunto, e o achegamento dos bens culturais a toda a comunidade escolar (máximo de 45 puntos):

a) Utilización da biblioteca escolar como centro de recursos centralizado da información e participación activa no desenvolvemento do proxecto lector (ata 12 puntos).

b) Existencia de actividades para o fomento da lectura e outros programas de difusión cultural á comunidade e propostas de utilización como lugar de traballo (ata 12 puntos).

c) Existencia de fondos en diferentes soportes con unha colección equilibrada e con atención á diversidade (ata 12 puntos).

d) Apertura da biblioteca á comunidade de xeito amplo e accesible, incluíndo a atención a actividades formativas (ata 9 puntos).

5. Integración do programa nas actuacións destinadas á adquisición das competencias clave do alumnado e o cumprimento dos obxectivos recollidos no proxecto educativo, así como o grao de participación da biblioteca, dos seus recursos materiais e humanos, no desenvolvemento do proxecto lector de centro (ata 15 puntos).

6. Formación específica da persoa responsable da biblioteca escolar (acreditada mediante os certificados correspondentes), horario destinado á atención da biblioteca e organización do horario do profesorado integrante do equipo de apoio, máximo 9 puntos:

a) Por formación específica, concretada en cursos ou xornadas relacionadas coa xestión da biblioteca escolar e as súas funcións (máximo 3 puntos): formación entre 60 horas (duración mínima) e 80 horas, 1 punto; formación por máis de 80 horas e ata 100 horas, 2 puntos, e formación por máis de 100 horas, 3 puntos.

b) Por horario destinado á atención da biblioteca (máximo 3 puntos).

– En educación primaria: de 3 horas semanais a menos de 5 horas, 1 punto; de 5 ou máis horas semanais a menos de 9 horas, 2 puntos; de 9 ou máis horas, 3 puntos.

– En educación secundaria: de 5 horas semanais a menos de 7 horas, 1 punto; de 7 ou máis horas semanais a menos de 9 horas, 2 puntos; de 9 ou máis horas, 3 puntos.

c) Por organización do horario do profesorado integrante do equipo de apoio, máximo 3 puntos.

7. Número de membros do equipo de apoio e formación específica destes (acreditada mediante os certificados correspondentes), dispoñibilidade para realizar actividades de formación no centro e organización do horario do profesorado que posibilite a viabilidade do programa (máximo 9 puntos).

a) Por número de membros do equipo de apoio e formación específica destes (máximo 3 puntos). Por persoas: entre 2 e 4 persoas, 0,50 puntos; de 5 ou 6 persoas, 1 punto; máis de 6 persoas, 1,50 puntos. Pola suma de horas dos cursos dos membros do equipo: entre 20 e 40 horas, 0,50 puntos; máis de 40 horas e menos de 60, 1 punto; máis de 60 horas, 1,50 puntos.

b) Por dispoñibilidade para realizar actividades de formación no centro (máximo 3 puntos): non dispoñibilidade, 0 puntos; dispoñibilidade para facer grupos de traballo e/ou seminarios: entre 1 e 2 puntos; dispoñibilidade para actividades PFPP, 3 puntos.

c) Por organización do horario do profesorado que posibilite a viabilidade do programa (máximo 3 puntos).

8. Grao de implicación do equipo directivo e do profesorado do centro no seu conxunto (ata 12 puntos).

9. Atención á biblioteca escolar por parte do centro nos dous cursos anteriores en canto a orzamento, melloras, organización e actividades realizadas, especialmente as destinadas á formación do alumnado como usuario de distintas fontes informativas, así como o apoio a programas e actividades do centro (máximo de 81 puntos):

a) Existencia de intervención no espazo físico da biblioteca, así como na colección (fondos bibliográficos, recursos...) e equipamento nos dous últimos cursos con fondos propios (ata 9 puntos).

b) Utilización de sistemas estandarizados de clasificación (CDU) con rexistro e préstamo actualizado e automatizado nos dous últimos cursos (ata 12 puntos).

c) Realización de actividades de formación de usuarios e actividades de traballos coa información nos dous últimos cursos (ata 12 puntos).

d) Coordinación de proxectos de carácter interdisciplinario e realización de actividades para a competencia mediática nos dous últimos cursos (ata 12 puntos).

e) Sistematización de activades de fomento da lectura (hora de ler, mochilas viaxeiras, lecturas compartidas...) nos dous últimos cursos (ata 12 puntos).

f) Integración da cultura impresa e a cultura dixital desde a concepción da lectura como alfabetización múltiple nos dous últimos cursos (ata 12 puntos).

g) Publicación de diferentes recursos como boletíns informativos, recomendacións, guías de lectura... tendo en conta a atención á diversidade e a implicación das familias (ata 12 puntos).

10. Propostas de mellora nos servizos ofertados pola biblioteca e uso que deles fan os diversos sectores da comunidade escolar, así como na atención aos usuarios da biblioteca, con especial atención á diversidade (máximo de 33 puntos):

a) Oferta servizos de lectura en sala, consulta de libros e outros soportes, acceso á internet e préstamo individual e colectivo (ata 9 puntos).

b) Realización de actividades de fomento da lectura , formación de lectores e asesoramento en materia de lectura e de información (ata 9 puntos).

c) Programas específicos de apoio ao estudo con atención á diversidade (ata 6 puntos).

d) Horario de apertura da biblioteca, adaptación ás necesidades da comunidade educativa, colaboración e integración no contorno sociocultural (ata 9 puntos).

11. Avaliación da calidade dos servizos prestados pola biblioteca á comunidade educativa, así como do desenvolvemento e resultado das actividades desenvolvidas (máximo de 18 puntos):

a) Existencia de criterios para a avaliación do proxecto prevendo procedementos e instrumentos e indicadores de calidade (ata 12 puntos).

b) Existencia de ferramentas para a avaliación dos servizos e a súa calidade seguindo as recomendacións da asesoría (ata 6 puntos).

Artigo 11. Comisión de Valoración

1. Baixo a presidencia do titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou persoa en quen delegue, constituirase unha Comisión de Valoración dos programas presentados, integrada polos seguintes membros:

a) A titular da Subdirección Xeral de Centros ou a persoa en quen delegue.

b) O titular da Subdirección Xeral de Ordenación, Inspección e Avaliación do Sistema Educativo, ou a persoa en quen delegue.

c) O xefe do Servizo de Xestión de Apoio Económico e Axudas ao Estudo.

d) As persoas responsables da Asesoría de Bibliotecas Escolares na Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

e) O/a asesor/a responsable da área de bibliotecas escolares no CAFI.

f) Un/unha funcionario/a da Subdirección Xeral de Centros, que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

2. A Comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada para os efectos de colaboración na valoración das solicitudes, que incluirá asesores/as dos centros de formación e recursos e profesorado con experiencia na xestión e dinamización das bibliotecas dos centros.

Artigo 12. Resolución

1. A Comisión de Selección, unha vez estudadas as solicitudes presentadas, emitirá unha proposta provisional de resolución, que incluirá aqueles centros que mellor adecúen os seus programas ás bases da convocatoria, indicando as cantidades asignadas a cada centro, segundo se recolle no artigo segundo desta orde.

Esta proposta provisional publicarase no portal educativo e, ademais, enviarase un aviso da publicación ao correo electrónico de todos os centros solicitantes.

2. A partir do día seguinte ao da publicación desta proposta abrirase un prazo de cinco días naturais co fin de que se poidan presentar cantas alegacións se consideren oportunas. No mesmo prazo poderá renunciarse á participación no Plan de mellora de bibliotecas escolares presentando o anexo I e indicando esta opción. Unha vez revisadas as reclamacións a comisión elevará a proposta definitiva á persoa titular da consellería para a resolución que proceda.

3. A resolución incluirá os novos centros seleccionados, así como as cantidades asignadas para o curso 2022/23 aos centros procedentes de anteriores convocatorias que continúan no programa segundo o previsto no artigo primeiro da presente orde. Se houbese baixas ou renuncias dalgún destes últimos, podería incrementarse o número de centros de nova incorporación.

4. Será ditada polo titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e publicarase no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de 5 meses contados desde a publicación desta convocatoria.

No suposto de que non se ditase resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, os solicitantes deberán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 13. Pagamento

As cantidades asignadas por este plan serán transferidas aos centros nun único pagamento, no período correspondente ao exercicio económico de 2022. Poderán xustificarse gastos con cargo ás asignacións percibidas ao abeiro desta convocatoria con data desde o 1 de setembro de 2022. O gasto non realizado antes de remate do ano incorporarase ao orzamento do centro do ano 2023 de acordo co establecido no artigo 5, alínea h), do Decreto 201/2003, do 20 de marzo, polo que se desenvolve a autonomía na xestión económica dos centros docentes públicos non universitarios (DOG do 4 de abril). Tomarase como data final para efectuar o gasto o 10 de xuño de 2023.

Artigo 14. Xustificación, memoria e avaliación

1. Co 10 de xuño de 2023 como data límite, os centros integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares en virtude desta convocatoria deberán remitir á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos a xustificación económica correspondente, mediante certificación asinada pola persoa representante legal do centro (anexo IX. Xustificación económica).

2. Así mesmo, no terceiro trimestre do curso 2022/23, desde a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos remitirase aos centros integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares un enderezo web personalizado a cada centro, co acceso a un formulario web en que deberán detallarse diversos aspectos de interese en relación coa situación da biblioteca, as actividades desenvolvidas e o seu papel como recurso imprescindible na vida do centro. Este formulario, cuberto pola persoa responsable da xestión da axuda recibida, visado pola dirección do centro e acompañado da documentación (en arquivo electrónico) indicada a continuación, enviarase á dita dirección xeral, coa data límite anteriormente indicada. No formulario web deberán detallarse diversos aspectos de interese en relación coa situación da biblioteca, as actividades desenvolvidas e o seu papel como recurso imprescindible na vida do centro. Incluirá espazo suficiente para detallar, entre outras, as seguintes cuestións específicas:

a) O grao de cumprimento dos obxectivos propostos no programa inicial ou nas liñas prioritarias para o curso 2022/23.

b) Unha breve descrición das actividades desenvolvidas (en relación coa xestión técnica, o fomento da lectura, a educación para a competencia en información e outras).

c) A avaliación realizada das actividades deseñadas e desenvolvidas pola biblioteca, así como do funcionamento dos servizos da propia biblioteca en beneficio da comunidade escolar.

d) As previsións de futuro.

A través do formulario web achegaranse, así mesmo:

a) Exemplos de materiais xerados pola biblioteca (en formato pdf).

b) O Plan anual de lectura e, no caso de que fose revisado no curso 2022/23, o proxecto lector de centro.

c) Imaxes actualizadas da biblioteca escolar e dalgunha das actividades relacionadas (máximo 5 imaxes, en formato jpg, cun máximo de 150 kb por imaxe).

3. Para a cualificación final das actividades da biblioteca durante o curso 2022/23 terase en conta toda a información recollida neste formulario web. A data final para a cubrilo rematará o 10 de xuño de 2023.

4. No caso de non enviarse o formulario (cuberto na súa totalidade), así como a xustificación do gasto no prazo sinalado, poderá ser causa de revogación das cantidades asignadas, debendo proceder o centro ao reintegro da cantidade percibida, sen prexuízo das responsabilidades que se lle poidan exixir. Da mesma forma, o incumprimento total ou parcial dos programas ou das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión, poderá dar lugar á anulación ou modificación da contía do importe concedido.

5. Tanto a inspección educativa como as persoas responsables en materia de bibliotecas escolares da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos poderán supervisar e avaliar o desenvolvemento do plan.

Artigo 15. Certificación

A participación do profesorado implicado neste programa de innovación educativa, en calidade de responsable da biblioteca escolar, con funcións de coordinación do equipo de apoio á biblioteca, e pola especial dedicación que require, recibirá unha certificación de innovación, equivalente a 30 horas de formación do profesorado por ano académico, ao abeiro do artigo 37 da Orde do 14 de maio de 2013 pola que se regula a convocatoria, o recoñecemento, a certificación e o rexistro das actividades de formación permanente do profesorado de Galicia.

Artigo 16. Visibilidade da participación no programa

Os centros integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares en virtude desta convocatoria están obrigados a integrar o logo oficial deste programa nos seus espazos web e nos documentos que difundan actividades da biblioteca escolar, para o que lles será remitido o correspondente arquivo desde a unidade de seguimento do programa. Da mesma forma, a páxina web do centro deberá incluír, entre a información das súas instalacións, imaxes e unha descrición mínima da biblioteca escolar, así como dos seus principais recursos e servizos á comunidade educativa.

Disposición adicional primeira. Información coas directrices para elaborar a documentación necesaria para tramitar o presente procedemento

1. Modelo de biblioteca escolar.

Tal e como aparece recollido no Marco de referencia sobre as bibliotecas escolares, publicado polo Ministerio de Educación en 2011, as bibliotecas escolares que se precisan na actualidade son centros de recursos de lectura, información e aprendizaxe: «contornos» educativos específicos integrados na vida da institución escolar. Apoian o profesorado no exercicio das súas prácticas de ensino e facilitan ao alumnado a aprendizaxe dos contidos curriculares, así como a adquisición de competencias e de hábitos de lectura, nunha dinámica aberta á comunidade educativa.

Na biblioteca centralízase todo o material informativo que pode empregarse para os traballos escolares e para o tratamento e fomento da lectura (libros, revistas, xornais, discos, vídeos, discos DVD, mapas, fotografías, diapositivas, materiais de produción propia, seleccións de recursos electrónicos dispoñibles na rede...). A biblioteca acolle, organiza, facilita e difunde, entre os diversos sectores da comunidade escolar, os recursos existentes para un uso eficaz destes. Presta diversos servizos (lectura en sala, préstamo, información, formación de usuarios, orientacións e materiais para a educación documental, actividades de fomento da lectura, acceso á internet...). A súa principal misión é contribuír á adquisición das competencias clave recollidas no currículo e apoiar os proxectos e programas que leva a cabo o centro educativo, favorecendo, así mesmo, a adquisición e o desenvolvemento de hábitos de lectura entre os distintos sectores da comunidade educativa. Constitúe un instrumento imprescindible para a integración da cultura impresa e a cultura dixital nas intervencións do profesorado e nas prácticas de aprendizaxe do alumnado.

Así mesmo, debe afrontar o reto de contribuír á correcta alfabetización múltiple do alumnado, competencia esencial para a vida e para as aprendizaxes, tal e como se recolle no Documento do Consello da Unión Europea do 26 de novembro de 2012, e que a define como a «comprensión, utilización e avaliación crítica de diferentes formas de información, incluídos os textos e imaxes, escritos, impresos ou en versión electrónica».

A biblioteca debe, así mesmo, abrirse a novas tendencias sociais no ámbito das bibliotecas e configurarse como centros creativos de construción do coñecemento, habilitando espazos e proporcionando oportunidades para que as persoas usuarias (alumnado, profesorado, outros membros da comunidade escolar) poidan atoparse para pensar, deseñar, debater e desenvolver proxectos persoais ou sociais de carácter cultural, manipulativo, de investigación, de creación, de axuda..., sexan de carácter informal ou vinculados á educación formal específica do centro educativo. Desta forma a biblioteca pode ser un instrumento útil e apreciado para a aprendizaxe ao longo da vida. Integrar os medios para desenvolver proxectos maker, a robótica, os videoxogos ou o equipamento necesario para a produción autónoma de contidos audiovisuais ou transmedia poden servir para atraer á cultura e ao mundo do coñecemento o alumnado en risco de exclusión, por exemplo.

Para unha axeitada xestión e organización dos materiais, cómpre seguir criterios estandarizados no ámbito bibliotecario, simplificando o sistema de clasificación e adaptándoo ao contexto escolar. A Asesoría de Bibliotecas Escolares publicou no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade diversos materiais de apoio neste sentido (Adaptación da CDU para bibliotecas escolares galegas, orientacións etc.). Desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través da Amtega (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), facilítase aos centros que o soliciten o programa de xestión correspondente para a informatización da biblioteca escolar.

O equipo de biblioteca elaborará un plan de adquisicións que acolla as suxestións e necesidades dos diversos niveis ou departamentos do centro, establecendo prioridades en función dunha actualización equilibrada dos fondos. Segundo as directrices internacionais, unha proporción recomendable sería a dun 60 % de materiais de carácter informativo e un 40 % de materiais de ficción, incluídos todos os soportes. A este respecto, cómpre consultar diferentes recursos dispoñibles no espazo temático das Bibliotecas Escolares de Galicia, do portal educativo, no enderezo http://www.edu.xunta.gal/biblioteca

É recomendable que todos os recursos documentais do centro (agás os de carácter administrativo) sexan xestionados pola biblioteca central, evitando a dispersión destes por aulas, ciclos, departamentos, seminarios e outros lugares, o que dificulta o coñecemento dos fondos existentes e a súa accesibilidade. Isto non quita que a biblioteca realice préstamos temporais en función das necesidades do profesorado, na súa práctica pedagóxica, e do alumnado. As necesidades derivadas da posta en marcha do proxecto lector ou do tratamento dos distintos aspectos do currículo poden exixir a creación de «seccións de aula», que se nutrirán dos recursos da biblioteca do centro (ou doutras bibliotecas), mediante o sistema de préstamo temporal.

O criterio para a colocación dos fondos terá en conta a accesibilidade a eles por parte do alumnado. Os andeis serán preferentemente abertos, sen pechos nin barreiras innecesarias. Os armarios pechados non facilitan «o acceso directo» promovido no ámbito bibliotecario, tampouco actitudes responsables nin autonomía no uso dos bens comúns.

A existencia dunha biblioteca escolar, organizada e dinamizada, facilita:

– Apoio aos procesos de ensino e de aprendizaxe.

– Aprendizaxe autónoma.

– Tratamento da lectura comprensiva en todas as áreas curriculares.

– Desenvolvemento de habilidades e de competencias básicas.

– Achegamento aos distintos soportes e formatos en que se transmite a información: alfabetización múltiple.

– Educación para a competencia informacional: para o uso, tratamento e produción da información.

– Integración das tecnoloxías da comunicación e da información na recollida e tratamento dela, e na selección de lecturas.

– Creación e consolidación de hábitos de lectura e de escritura.

– Acceso igualitario aos recursos culturais.

– Educación nunha vivencia saudable do tempo de lecer.

– Apoio ao alumnado con necesidades educativas específicas.

O horario de funcionamento da biblioteca deberá ser o máis amplo posible, segundo a dispoñibilidade horaria do profesorado; en calquera caso, procurarase que estea aberta, e atendida pola persoa responsable ou por integrantes do equipo de apoio a totalidade do tempo lectivo. Para a súa apertura no horario extraescolar poderá contarse con persoal auxiliar, en colaboración con outras institucións como a asociación de nais e pais, o concello ou outras, baixo a indispensable coordinación, sempre, do responsable designado pola dirección, logo de acordo escrito e con coñecemento das autoridades educativas.

Os equipos directivos dos centros, atendendo á normativa vixente, considerarán o funcionamento da biblioteca escolar como unha das necesidades organizativas do centro e, en consecuencia, terán en conta esta circunstancia á hora da distribución horaria de comezo de curso.

Así, o Decreto 86/2015, do 25 de xuño, que establece os currículos para a educación secundaria e o bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, prevé no seu artigo 38, dedicado ás bibliotecas escolares e á lectura, que «Os centros docentes disporán dunha biblioteca escolar. Tomaranse as medidas organizativas necesarias para que a biblioteca escolar teña un funcionamento estable e sirva aos obxectivos do proxecto lector de centro. A biblioteca ten como obxectivos ser un centro de recursos e oportunidades para a lectura, a aprendizaxe e a información; un punto de encontro entre o alumnado, o profesorado e as familias que facilite a comunicación, a creatividade, as aprendizaxes, a adquisición de competencias clave, as metodoloxías activas e o traballo colaborativo, e ademais que estimule os intercambios culturais no centro docente».

Pola súa parte, o Decreto 105/2014, do 4 de setembro, que establece o currículo de educación primaria para Galicia, recolle no seu artigo 18 que «Os centros docentes contarán cunha biblioteca escolar, instrumento fundamental para o desenvolvemento do programa de promoción da lectura (proxecto lector de centro), como centro de referencia de recursos da lectura, da información e da aprendizaxe e punto de encontro entre alumnado, o profesorado e as familias que facilite a comunicación, a creatividade, as aprendizaxes e o traballo colaborativo ademais de estimular os intercambios culturais no centro.

Para ampliar estas orientacións, recoméndase a consulta do Marco de referencia sobre as bibliotecas escolares, publicado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (2011), accesible no seguinte enderezo: http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=node/409

Así mesmo, deberán terse en conta as instrucións do 8 de setembro de 2021, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, en relación coa organización e o funcionamento das bibliotecas escolares, durante o curso 2021/22, nos centros docentes de niveis non universitarios, de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ou aquelas que especificamente se publiquen para o curso 2022/23.

2. Centros de especial tipoloxía.

Existen algúns tipos de centros non universitarios que, polas características das ensinanzas que imparten ou pola súa configuración especial, precisan realizar adaptacións das orientacións xerais aquí recollidas, así como as pautas recollidas nas devanditas instrucións da Dirección Xeral de Centros do 8 de setembro de 2021 en relación coa organización e o funcionamento das bibliotecas escolares. En calquera caso, a biblioteca deberá responder ás demandas e necesidades da comunidade educativa, orientando as súas actividades a apoiar e reforzar o desenvolvemento do currículo propio, a estimular o uso dos recursos dispoñibles e a favorecer o desenvolvemento de hábitos de lectura entre o seu alumnado.

CRA e CPI: cómpre un esforzo organizativo para que a biblioteca responda ás necesidades do alumnado deste tipo de centros. Con carácter xeral, e aínda que por razóns organizativas e de accesibilidade aos recursos resulte conveniente nalgúns casos a distribución dos materiais da colección en espazos diferenciados, configuraranse como biblioteca escolar única, cunha soa base de datos para o rexistro dos materiais dispoñibles e unha programación conxunta, entendendo que o total de seccións de aula ou nivel conforman «a biblioteca» do centro.

EPA, EOI, CIFP e CMUS: orientarán as súas actividades á integración da lectura e dos recursos informativos directamente relacionados coas ensinanzas que imparten nunha dinámica de apoio ao currículo e de fomento da lectura entre os distintos membros da comunidade educativa. O concepto de alfabetización múltiple e unha visión interdisciplanaria dos distintos ámbitos do coñecemento para facilitar as aprendizaxes serán moi útiles para enfocar as actividades de forma que resulten máis eficaces.

CEE: adaptarán o seu mobiliario, equipamento, recursos e actividades ao alumnado presente no centro, na procura de que a biblioteca, como espazo creativo de aprendizaxe, responda ás necesidades deste alumnado, ofertándolle oportunidades de achegamento á lectura, á escritura e á información, pero tamén á creación e á expresión en toda a súa amplitude e a participación activa en prácticas de traballo colaborativo e enriquecedor.

3. Educación en información. Fomento da lectura.

No deseño de programas de dinamización da biblioteca escolar cómpre ter en conta dous tipos de actividades: aquelas dirixidas á formación do alumnado en canto que usuario da biblioteca e á adquisición de habilidades e procedementos para o acceso á información e o seu tratamento (o que se coñece como alfabetización informacional ou competencia informacional, e que constitúe un dos obxectivos básicos da biblioteca escolar), e aqueloutras que se engloban no concepto de fomento da lectura: narracións, lectura individual, lecturas compartidas, presentacións de libros, encontros con autores ou ilustradores, libro-fórum, clubs de lectura, apadriñamentos lectores, lecturas compartidas, xogos de animación, obradoiros de escritura creativa... Cómpre considerar a lectura nun senso amplo: a lectura para aprender, para facer un resumo, para buscar un dato, para resolver un problema, para elaborar un traballo; pero tamén a lectura pracenteira, a que realizada en soidade ou en compañía ten como único obxectivo o desfrute do texto literario. Así mesmo, é imprescindible orientar e facilitar prácticas de lectura en todo tipo de soportes, atendendo ás particularidades da lectura en pantalla e ampliando a experiencia lectora do alumnado.

A biblioteca escolar ten un papel preponderante á hora de deseñar e desenvolver o proxecto lector de centro, documento que, segundo o previsto na normativa curricular, articulará todas as intervencións que o centro vai levar a cabo en relación coa lectura, a escritura e as habilidades informativas, e que se plasmará en plans anuais de lectura.

Da mesma forma, a biblioteca escolar é o espazo natural de achegamento á información en calquera formato, incluído o electrónico. As bibliotecas deben ser espazos de integración da cultura impresa e da cultura dixital.

Para o desenvolvemento das competencias en información e medios, os centros educativos teñen á súa disposición propostas de actuación como a materia de libre configuración Investigación e Tratamento da Información, para 1º e 2º curso de ESO, recollida na Orde do 15 de xullo de 2015 (DOG do 21.7.2015), así como adaptacións desta materia para o ensino primario publicadas na páxina de Bibliotecas Escolares de Galicia.

4. Responsable da biblioteca escolar.

O funcionamento eficaz da biblioteca escolar supón unha axuda fundamental para o labor de todo o profesorado e cómpre a colaboración de todos e todas para a súa existencia. Porén, resulta imprescindible a presenza dunha persoa responsable deste recurso do centro. O/a responsable da biblioteca escolar debe ser designado pola dirección, garantindo dentro do posible a estabilidade e o bo funcionamento deste servizo. Para iso, terase en conta o interese, a idoneidade, a formación ou a experiencia neste ámbito, así como a dispoñibilidade horaria do profesorado.

As funcións do responsable da biblioteca escolar son:

– Elaborar a programación anual de biblioteca escolar, atendendo aos proxectos curriculares do centro e unha memoria final.

– Colaborar no deseño e posta en práctica do proxecto lector de centro, coordinándoo, se é o caso.

– Realizar o tratamento técnico dos fondos (seleccionar, organizar, clasificar e catalogar).

– Informar o claustro das actividades da biblioteca e integrar as súas suxestións.

– Difundir os fondos existentes e as súas posibilidades de consulta entre toda a comunidade escolar.

– Definir os criterios para o préstamo e atender o servizo xunto co equipo de apoio.

– Asesorar o profesorado en técnicas de animación á lectura, estratexias de dinamización, formación de usuarios e traballo documental, seleccionando e elaborando materiais, xunto co resto do profesorado, para a formación do alumnado nestes aspectos e a dinamización cultural do centro.

– Coordinar o equipo de apoio á biblioteca escolar.

Estas e outras cuestións sobre a dinamización específica da biblioteca escolar están recollidas na Orde do 17 de xullo de 2007 pola que se regula a percepción da compoñente singular do complemento específico para a función titorial e outras funcións docentes (DOG do 24 de xullo).

Deberán terse en conta tamén as instrucións do 8 de setembro de 2021, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, para a organización e o funcionamento da biblioteca escolar, xa aludidas, ou aquelas que especificamente se publiquen para o curso 2022/23.

5. Equipo de apoio.

Estará formado por profesoras e profesores dos diferentes ciclos ou departamentos existentes no centro, que traballarán en coordinación co responsable da biblioteca para a consecución dos obxectivos previstos e a posta en marcha das actividades organizadas. A xefatura de estudos, aproveitando as marxes horarias do cadro de persoal de profesorado, preverá as necesidades da biblioteca escolar á hora de elaborar os horarios daquel, en que quedará recollida a súa participación neste servizo.

As funcións dos integrantes do equipo de biblioteca son:

– Apoiar o responsable da biblioteca na súa organización e dinamización, desenvolvendo así as funcións que se lle encomendan á biblioteca escolar.

– Recompilar informacións, materiais e recursos necesarios para o bo funcionamento do servizo, co fin de facilitárllelos aos usuarios da biblioteca escolar.

– Cooperar no deseño, organización e posta en marcha das actividades programadas.

– Establecer criterios para a adquisición e actualización dos fondos da biblioteca.

– Recoller propostas e suxestións do profesorado e do alumnado co fin de mellorar as intervencións e colaborar no desenvolvemento da competencia lectora, o hábito lector e as habilidades de traballo intelectual.

6. Comisión de biblioteca no consello escolar.

A creación dunha comisión de biblioteca no seo do consello escolar resulta de grande interese para a sensibilización de todos os membros da comunidade escolar respecto da necesidade deste servizo, procurándolle atención e estabilidade, así como a necesaria colaboración coa biblioteca pública de referencia (inclúese como requisito para a participación na convocatoria do plan de mellora).

A comisión de biblioteca podería ter a seguinte composición: por parte do consello escolar, un/unha profesor/a, un/unha pai/nai, un/unha representante do concello, un/unha representante da dirección; por parte da asociación de nais e pais, un/unha representante; por parte da biblioteca pública máis próxima, o/a responsable; o/a responsable da biblioteca escolar, quen actuará como secretario/a. A comisión reunirase unha vez ao trimestre, presidida pola xefatura de estudos ou o/a director/a.

As funcións desta comisión de biblioteca serían:

– Analizar as necesidades da biblioteca escolar referidas a infraestrutura, equipamento, mantemento e atención en horario lectivo e en horario extraescolar.

– Realizar propostas ao consello escolar para as melloras necesarias.

– Xestionar a apertura da biblioteca en horario extraescolar, procurando as necesarias colaboracións e garantindo que todas as intervencións se realizarán seguindo os criterios establecidos polo equipo de apoio e o responsable da biblioteca escolar.

– Propor estratexias de colaboración entre a biblioteca escolar e a biblioteca pública máis próxima.

– Promover actividades de sensibilización e dinamización cultural entre toda a comunidade escolar.

– Realizar propostas para a adquisición de fondos e equipamento, co correspondente proxecto orzamentario, que se remitirán ao consello escolar.

– Realizar xestións cos sectores culturais, educativos, sociais e económicos do contorno do centro educativo que poidan colaborar coa biblioteca escolar e os seus obxectivos.

Disposición adicional segunda. Autorización para ditar instrucións

Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición adicional terceira. Recurso

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas) ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde a mesma data (artigos 8, 10 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa).

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

missing image file
missing image file

ANEXO II

Datos da biblioteca escolar

ED516A-Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios

1. INFRAESTRUTURA E EQUIPAMENTO. ASPECTO

Espazo exclusivo para uso da biblioteca escolar. Superficie: … m2

□ SI

□ NON

Accesibilidade para persoas con discapacidade

□ SI

□ NON

Existencia de espazos habilitados para lectura infantil, xuvenil, sección audiovisual,

informática

□ SI

□ NON

Mobiliario e equipamento apropiado e suficiente

□ SI

□ NON

2. FONDOS DOCUMENTAIS. TIPOLOXÍA E ORGANIZACIÓN

Libros informativos apropiados aos usuarios do centro (porcentaxe) sobre o total: ... %

□ SI

□ NON

Libros de ficción, literatura infantil e xuvenil, clásicos (porcentaxe) sobre o total: ...%

□ SI

□ NON

Número total de volumes rexistrados na biblioteca: ...

DVD

□ SI

□ NON

Discos/CD audio

□ SI

□ NON

Medios audiovisuais

□ SI

□ NON

Lectores electrónicos

□ SI

□ NON

Subscricións de carácter periódico

Revistas para o profesorado

□ SI

□ NON

Publicacións de carácter divulgativo e de lecer apropiadas para o alumnado

□ SI

□ NON

Cobertura das necesidades de todas as áreas curriculares

Documentos para o tratamento dos contidos transversais, materias optativas

□ SI

□ NON

Materiais apropiados para a alumnado con necesidades específicas

□ SI

□ NON

Existencia dun sistema para a clasificación dos fondos

CDU

□ SI

□ NON

Outros (especificar)

□ SI

□ NON

O rexistro dos fondos está informatizado

□ SI

□ NON

Programa de xestión (especificar): ...

Conexión á internet (indicar número de postos): …

□ SI

□ NON

O préstamo está automatizado

□ SI

□ NON

Realizouse unha expurgación nos últimos tres anos

□ SI

□ NON

Os fondos están ben conservados

□ SI

□ NON

Os fondos están actualizados

□ SI

□ NON

Os fondos son apropiados para os usuarios do centro

□ SI

□ NON

Todos os fondos están xestionados desde a biblioteca escolar e centralizados nesta

□ SI

□ NON

Rexístranse fondos radicados, localizados noutros espazos (bibliotecas de aula,

departamentos)

□ SI

□ NON

Realízanse seleccións de recursos electrónicos en función dos contidos traballados que se poñen á disposición da comunidade educativa

□ SI

□ NON

3. FINANCIAMENTO

Cantidades asignadas ao funcionamento da biblioteca escolar como orzamento específico

2021: …

2022: ...

A biblioteca recibe axudas da asociación de nais e pais ou doutras

□ SI

□ NON

4. FUNCIONAMENTO. ASPECTO

A biblioteca recolle, xestiona, organiza e facilita os fondos informativos do centro

□ SI

□ NON

Existe unha persoa responsable da biblioteca escolar

□ SI

□ NON

Funciona un equipo estable de apoio á biblioteca escolar

□ SI

□ NON

Existen normas de funcionamento da biblioteca

□ SI

□ NON

A biblioteca publica boletíns informativos, recomendacións de lectura

□ SI

□ NON

Realízanse exposicións de novidades, temáticas

□ SI

□ NON

Prográmanse actividades de fomento da lectura

□ SI

□ NON

Realízanse actividades de formación de usuarios, educación no uso da información

□ SI

□ NON

Prográmanse actividades de educación para os medios (prensa, cine, tv, radio, internet)

□ SI

□ NON

Existe un programa de dinamización da biblioteca e os seus diversos usos

□ SI

□ NON

A biblioteca está aberta e atendida en período lectivo

□ SI

□ NON

A biblioteca está aberta á comunidade en período extraescolar

□ SI

□ NON

O profesorado utiliza a biblioteca como espazo de aprendizaxe

□ SI

□ NON

Á hora de seleccionar fondos, consúltanse os diversos ciclos e departamentos

□ SI

□ NON

ANEXO III

Memoria de actividades levadas a cabo no centro en relación coa organización da biblioteca escolar, o fomento da lectura e outras (período 2020-2022)

Breve descrición das actuacións no período 2020-2022, con detalle, se for o caso, dos seguintes aspectos (máximo 5 páx., tamaño de fonte 12, imaxes á parte):

1. Intervencións en relación co espazo físico da biblioteca escolar, equipamento, recursos, fondos...

2. Actuacións para a centralización dos fondos documentais existentes no centro, organización, rexistro e catalogación e automatización. Programa informático empregado.

3. Criterios e forma de realizar o préstamo.

4. Orzamento anual específico para a biblioteca, de carácter ordinario.

5. Horario de apertura da biblioteca, con atención específica.

6. Número total de horas semanais destinadas á biblioteca escolar no último curso (2021/22) fixadas no horario do profesorado do equipo da biblioteca e da persoa responsable.

7. Organización do profesorado para a súa atención.

8. Publicación de boletíns, guías de lectura, blogs ou páxinas web da biblioteca etc.

9. Actividades relacionadas co fomento da lectura. Apoio ao proxecto lector de centro.

10. Actuacións de apoio a outros programas ou proxectos de aula/centro.

11. Actividades relacionadas coa formación de usuarios e a educación en información ou de extensión cultural.

12. Actuacións, desde a biblioteca, destinadas á compensación das desigualdades socioculturais, ou atención á diversidade.

13. Presenza da biblioteca escolar nos documentos organizativos e nas prácticas pedagóxicas do centro.

14. Incidencia das intervencións realizadas no conxunto da comunidade educativa. Impacto nos logros educativos, se o houber.

15. Imaxes. Poden incluírse imaxes que reflictan a situación actual do centro e outras imaxes, en páxinas separadas e co correspondente pé de foto, e tamén ligazóns á páxina web do centro ou ao blog da biblioteca.

ANEXO IV

Programa da biblioteca escolar. Curso 2022/23

Deberá incluír (nun máximo de 16 páx., corpo 12, dobre espazo) as seguintes epígrafes:

1. Xustificación.

2. Análise da situación real da biblioteca e das necesidades máis urxentes en materia de fondos, equipamento, mobiliario e outros.

3. Obxectivos (realistas e concretos).

4. Tipo de organización e funcionamento previsto.

5. Optimización dos espazos, organización e automatización dos fondos.

6. Actuacións previstas nos seguintes ámbitos:

a) Xestión técnica e organización.

b) Formación para o uso, tratamento e produción de información.

c) Formación de usuarios.

d) Programas de formación para a competencia informacional e mediática.

e) Proxectos de carácter interdisciplinario ou outros.

f) Actividades para o fomento da lectura e a comprensión lectora en todas as áreas e materias.

g) Apoio ao desenvolvemento do proxecto lector de centro (en materia de lectura, escritura e habilidades no uso, tratamento e produción de información).

h) Apoio a outros programas e proxectos de aula/centro.

i) Apoio ao estudo e ao desenvolvemento do currículo das distintas áreas e materias e outras actividades desde a biblioteca para a compensación das desigualdades sociais e a correcta atención á diversidade.

j) Accións para a integración da cultura impresa/cultura dixital. Multialfabetismos.

k) Difusión dos recursos dispoñibles na biblioteca.

l) Implicación das familias e colaboración con outras bibliotecas.

m) Dinamización cultural do centro en materia de lectura e extensión cultural: presentación de libros, recitais, lecturas públicas, edicións de boletíns informativos etc.

n) Outros.

7. Horario previsto de atención específica (responsable e integrantes do equipo de apoio).

8. Criterios e procedementos de avaliación. Indicadores que se terán en conta e instrumentos que se van utilizar.

ANEXO V

Profesorado responsable da biblioteca escolar e do equipo de apoio

(curso 2022/23)

ED516A-Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios

PROFESOR/A RESPONSABLE DA BIBLIOTECA ESCOLAR

NOME

PRIMEIRO APELIDO

SEGUNDO APELIDO

NIF

SITUACIÓN ADMINISTRATIVA

HORAS SEMANAIS DE ATENCIÓN Á BIBLIOTECA

USUARIO/A DAS TECNOLOXÍAS DA INFORMACIÓN E DA COMUNICACIÓN

□ Nivel básico

□ Nivel medio

□ Nivel alto

ACTIVIDADES DE FORMACIÓN ESPECÍFICAS SOBRE BIBLIOTECA ESCOLAR E FOMENTO DA LECTURA (só para novos responsables)

TÍTULO DA ACTIVIDADE

LUGAR

ANO

NÚM. DE HORAS

RELACIÓN E DATOS DOS MEMBROS DO EQUIPO DE APOIO Á BIBLIOTECA ESCOLAR

NOME E APELIDOS

TIPO DE DESTINO

NIVEL/DEPARTAMENTO

TOTAL DE HORAS SEMANAIS DEDICADAS Á BIBLIOTECA POLO EQUIPO DE APOIO

NÚM. DE PROFESORES DO EQUIPO CON FORMACIÓN ESPECÍFICA EN BIBLIOTECA ESCOLAR OU ANIMACIÓN Á LECTURA (CURSO, G.T., SEMINARIO, PFPP...)

O EQUIPO DA BIBLIOTECA CONSTITÚESE COMO GRUPO DE TRABALLO INTERNO

O EQUIPO DE APOIO CONSTITUIRASE COMO GRUPO DE TRABALLO, SEMINARIO

O CENTRO DISPÓN DE PERSOAL AUXILIAR DEDICADO AOS LABORES DA BIBLIOTECA

□ SI □ NON

□ SI □ NON

□ SI □ NON

DOCUMENTACIÓN ACREDITATIVA DA FORMACIÓN DO PROFESORADO (en bibliotecas escolares, fomento da lectura, escritura, competencia dixital, metodoloxías activas etc.)

TÍTULO DA ACTIVIDADE

LUGAR

ANO

NÚM. DE HORAS

DECLARACIÓN RESPONSABLE

O profesorado abaixo relacionado, responsable da biblioteca escolar e/ou integrante do equipo de apoio, manifesta a súa dispoñibilidade para participar en actividades de formación do profesorado que se organicen de forma específica para os centros seleccionados no Plan de mellora de bibliotecas escolares ao abeiro desta convocatoria, ou nas actividades relacionadas con esta temática incluídas no Plan anual de formación do profesorado durante o curso 2022/23

NOME E APELIDOS

NIF

SINATURA

ANEXO VI

Certificado da aprobación no claustro do programa de biblioteca escolar

(curso 2022/23)

ED516A- Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios

.....................................................................................................................................................

persoa secretaria do claustro do centro ............................................................................................................

CERTIFICA

Que na sesión do claustro deste centro do día .................... de 2022 figurou na orde do día o programa de biblioteca escolar, elaborado polo profesorado deste equipo, que asume este claustro, co compromiso de incluílo no programa anual do centro e de colaborar en cantas actuacións deriven da súa posta en marcha. Así mesmo, o claustro acordou presentar a solicitude de participación, co citado programa, ao Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2022/23, convocado pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

O que asino coa aprobación da persoa titular da dirección do centro.

SINATURA DA PERSOA SECRETARIA

Lugar e data

,

de

de

ANEXO VII

Certificado da presentación no consello escolar do programa de biblioteca escolar (curso 2022/23)

ED516A- Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios

.....................................................................................................................................................

persoa secretaria do consello escolar do centro ......................................................................................................

CERTIFICA

Que na sesión do consello escolar deste centro do día .................... de 2022 adoptou os seguintes acordos:

Valorar o proxecto de biblioteca escolar do centro, coa previsión de incluílo na programación anual correspondente ao curso 2022/23, colaborar en cantas actuacións deriven da súa posta en marcha e presentar a solicitude de participación no Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2022/23, convocado pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

O que asino coa aprobación da persoa titular da dirección do centro.

SINATURA DA PERSOA SECRETARIA

Lugar e data

,

de

de

ANEXO VIII

Liñas prioritarias de actuación na biblioteca escolar para o curso 2022/23

(centros xa integrados no Plambe)

Documento que detallará, nun máximo de 4 páxinas, as liñas prioritarias de actuación nas seguintes epígrafes

1. En relación coa organización e xestión; a configuración da biblioteca como «laboratorio creativo de aprendizaxes.

2. En relación coa dinamización e promoción dos recursos da biblioteca, a súa integración no tratamento do currículo e a súa contribución á alfabetización múltiple e ao desenvolvemento das competencias básicas do alumnado.

3. En relación coa formación de usuarios e adquisición da competencia informacional (competencia para o tratamento da información incluída na actual competencia dixital).

4. En relación co fomento da lectura e co desenvolvemento do proxecto lector de centro (en materia de lectura, escritura e habilidades no uso, tratamento e produción de información).

5. En relación cos avances cara a unha biblioteca inclusiva.

6. Outras actuacións.

7. Criterios e procedementos de avaliación. Indicadores e instrumentos que se van utilizar.

8. Persoa designada como responsable/dinamizadora da biblioteca escolar. Equipo de apoio. Horario previsto.

Este documento deberá vir asinado pola persoa responsable da biblioteca e visado pola dirección do centro.

missing image file