Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Luns, 30 de maio de 2022 Páx. 31523

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

DECRETO 80/2022, do 25 de maio, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas derivadas da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, de persoal funcionario dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

O artigo 2 da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, establece que, adicionalmente ao establecido nos artigos 19.Un.6 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017, e 19.Un.9 da Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018, se autoriza unha taxa adicional para a estabilización de emprego temporal que incluirá as prazas de natureza estrutural que, estean ou non dentro das relacións de postos de traballo, cadros de persoal ou outra forma de organización de recursos humanos que estean previstas nas distintas administracións públicas e estando dotadas orzamentariamente, estivesen ocupadas, de forma temporal e ininterrompidamente, polo menos nos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2020, e que as ofertas de emprego que articulen estes procesos de estabilización deberán aprobarse e publicarse nos respectivos diarios oficiais con anterioridade ao 1 de xuño de 2022.

A disposición adicional sexta da citada lei establece unha convocatoria excepcional de estabilización de emprego temporal de longa duración, mediante o sistema de concurso, daquelas prazas que, reunindo os requisitos establecidos no artigo 2.1, estivesen ocupadas con carácter temporal de forma ininterrompida con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2016. De conformidade coa disposición adicional oitava, a estas prazas engadiranse as prazas vacantes de natureza estrutural ocupadas de forma temporal por persoal cunha relación, desta natureza, anterior ao 1 de xaneiro de 2016.

De conformidade co establecido no número 1 do artigo 80 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, nas convocatorias de probas selectivas que teñan por obxecto a estabilización do emprego temporal non se reservarán prazas para o persoal funcionario pertencente a corpos ou escalas do subgrupo ou grupo de clasificación profesional, no suposto de que este non teña subgrupo, inmediatamente inferior.

Polo anterior, cómpre aprobar a oferta de emprego público relativa aos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, derivada da aplicación da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes de redución da temporalidade no emprego público.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia, e de conformidade co establecido no artigo 13.2.g) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e cinco de maio de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público dos corpos docentes derivada da aplicación da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes de redución da temporalidade do emprego público

Apróbase a oferta de emprego público correspondente aos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, derivada da aplicación da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes de redución da temporalidade no emprego público.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público relativa ás disposicións adicionais sexta e oitava da Lei 20/2021, do 28 de decembro

O número de prazas que se convocan nesta oferta de emprego público, relativa ás disposicións adicionais sexta e oitava da Lei 20/2021, do 28 de decembro, é de 1156.

Artigo 3. Cuantificación da oferta de emprego público relativa ás disposicións adicionais sexta e oitava da Lei 20/2021, do 28 de decembro, distribuída por corpos

Corpo de mestres:

333

Corpo de profesores de ensino secundario:

595

Corpo profesores especialistas de sectores singulares da formación profesional:

44

Corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas:

63

Corpo de catedráticos de música e artes escénicas:

9

Corpo de profesores de música e artes escénicas:

78

Corpo de profesores de artes plásticas e deseño:

26

Corpo de mestres de taller de artes plásticas e deseño:

8

Artigo 4. Cuantificación da oferta de emprego público relativa ao artigo 2.1 da Lei 10/2021, do 28 de decembro

O número de prazas que se convocan nesta oferta de emprego público, relativa ao artigo 2.1 da Lei 20/2021, do 28 de decembro, unha vez excluídas as prazas que corresponde convocar polo artigo anterior deste decreto, é de 125.

Artigo 5. Cuantificación da oferta de emprego público relativa ao artigo 2.1 da Lei 20/2021, do 28 de decembro, distribuída por corpos

Corpo de mestres:

17

Corpo de profesores de ensino secundario:

88

Corpo profesores especialistas de sectores singulares da formación profesional:

6

Corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas:

8

Corpo de profesores de música e artes escénicas:

1

Corpo de profesores de artes plásticas e deseño:

5

Artigo 6. Sistema de ingreso

1. As prazas previstas no artigo 2 e distribuídas por corpos segundo o artigo 3 deste decreto convocaranse, con carácter excepcional, polo sistema de concurso, de acordo co establecido na disposición adicional sexta da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, e que consistirá exclusivamente na valoración de méritos.

2. As prazas previstas no artigo 4 e distribuídas por corpos segundo o artigo 5 deste decreto convocaranse polo sistema de concurso-oposición.

Artigo 7. Reserva para persoas con discapacidade

Do total de prazas ofertadas neste decreto para ingreso nos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, reservarase unha cota do 7 % do conxunto delas para seren cubertas por persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % sempre que superen os procesos selectivos e acrediten a súa discapacidade, así como a compatibilidade no desempeño das súas funcións. A distribución da dita reserva por corpos e especialidades efectuarase na convocatoria dos procedementos selectivos. No suposto de que algunha persoa aspirante con discapacidade que se presentase pola quenda de reserva ao concurso de méritos ou ao concurso-oposición superase a proba e non obtivese praza na citada quenda e a súa puntuación fose superior á obtida por outro persoal aspirante do sistema de ingreso (quenda) libre, será incluída pola súa orde de puntuación no sistema que proceda.

Artigo 8. Admisión de persoas con discapacidade

1. Nos procedementos selectivos para o ingreso ás prazas ofertadas serán admitidas as persoas con discapacidade en igualdade de condicións que as demais persoas aspirantes.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións físicas ou psíquicas, sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. Nas probas selectivas do concurso-oposición estableceranse, para as persoas con discapacidade que o soliciten, as adaptacións de tempo e medios para a súa realización, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, pola que se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade. Nas convocatorias indicarase claramente esta posibilidade, así como que o persoal interesado deberá formular a petición concreta na correspondente solicitude de participación.

Para tal efecto, os tribunais de selección e/ou comisión de selección poderán requirir o informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración competente.

Artigo 9. Acumulación das prazas

As prazas que, se é o caso, queden vacantes da quenda de discapacidade polo sistema de concurso ou polo sistema de concurso-oposición acumularanse ás convocadas no dito sistema por ingreso libre, na correspondente especialidade.

Artigo 10. Composición da comisión de selección que resolverá o concurso

A selección do persoal aspirante que participe no concurso previsto na disposición adicional sexta da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, será realizada por unha comisión que estará integrada por persoal funcionario que presta servizos na Consellería de Cultura, Educación Formación Profesional e Universidades e será nomeada pola persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

Artigo 11. Non superación do número máximo de prazas convocadas

1. A comisión de selección non poderá declarar que supera o concurso un número de persoas superior ao de prazas convocadas por corpo e especialidade.

2. Os tribunais non poderán declarar que superou o concurso-oposición un número de persoas superior ao de prazas que lles sexan asignadas.

3. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, se for o caso, a través da estimación de recursos, non poderá declarar que superou o concurso, ou as fases de oposición e concurso, un número de persoas superior ao conxunto de prazas convocadas neste ano 2022.

Artigo 12. Presentación electrónica das solicitudes

As solicitudes de participación nos procedementos selectivos presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Autorización de desenvolvemento

Facúltase o conselleiro da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de maio de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación
Profesional e Universidades