Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Luns, 30 de maio de 2022 Páx. 31549

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 13 de maio de 2022 pola que se modifica parcialmente a Orde do 16 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2023, e se realiza a súa segunda convocatoria para os exercicios 2022 e 2023 (código de procedemento TR301K).

A Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, estableceu un marco normativo que trata de consolidar no sistema produtivo unha cultura de formación profesional favorecedora da creación de emprego estable e de calidade garantindo o exercicio do dereito á formación das persoas traballadoras.

A dita lei regula a planificación e o financiamento do Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, así como a programación e execución das accións formativas, o seu control e seguimento, o réxime sancionador e o sistema de información, avaliación, xestión da calidade e gobernanza.

O Real decreto 694/2017, do 3 de xullo (BOE núm. 159, do 5 de xullo), desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, no seu artigo 29 atribúelle á Comunidade Autónoma galega a execución da lexislación do Estado en materia laboral e de fondos de ámbito nacional e de emprego.

A Comunidade Autónoma de Galicia, en aplicación do Decreto 69/1993, do 10 de marzo, asume as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado en materia de formación profesional para o emprego.

O Decreto 215/2020, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, atribúe á Dirección Xeral de Formación e Colocación as competencias relativas á dirección e xestión da formación profesional para o emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante a Orde do 16 de abril de 2021 (DOG núm. 81, do 30 de abril), a Consellería de Emprego e Igualdade estableceu as bases reguladoras para as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2023 e realizou a súa primeira convocatoria para os exercicios 2021 e 2022.

A resolución das subvencións correspondentes á primeira convocatoria do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2023, e a posterior execución das accións formativas concedidas, puxo de manifesto a mellora que para a xestión das actividades formativas suporía simplificar determinadas formalidades suxeitas a requisitos susceptibles de flexibilización.

A presente orde divídese en dous capítulos. No primeiro capítulo, que consta dun único artigo, modifícase parcialmente a Orde do 16 de abril de 2021, na cal se establecen as bases reguladoras. No capítulo II realízase a segunda convocatoria de accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) para as anualidades 2022 e 2023.

Esta orde modificadora, mantendo o principio de seguridade xurídica, simplifica e axiliza determinados trámites e procedementos regulados na Orde de bases do 16 de abril de 2021, gañando en operatividade e eficacia, e resolve e aclara determinadas dúbidas formuladas en relación coa interpretación dalgún dos seus artigos reguladores.

Esta disposición axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 5.2, relativo aos seus principios xerais, establece que a concesión de axudas e subvencións se axustará aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos cales se adecúa esta norma. Tamén será de aplicación o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Consecuentemente con todo o anteriormente exposto, logo de consultar o Consello Galego de Formación Profesional e o Consello Galego de Relacións Laborais, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro (DOG núm. 23, do 21 de marzo), reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Modificación da Orde do 16 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2023, e se realiza a súa primeira convocatoria para os exercicios 2021 e 2022

Artigo 1. Modificación da Orde do 16 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2023

Un. Modificación do artigo 2 da Orde do 16 de abril de 2021, relativo á programación, financiamento e reservas de crédito.

O artigo 2 queda redactado do seguinte xeito:

«As accións formativas para as cales se pode solicitar financiamento mediante subvención son as da modalidade de programación da oferta formativa para persoas traballadoras desempregadas, en que poderán participar as entidades a que se refire o artigo 3 da orde de bases reguladoras.

Poderán ser obxecto de financiamento aquelas especialidades formativas que se determinen no anexo II de cada convocatoria, así como os módulos transversais e complementarios que se impartan asociados a estas.

Cada convocatoria, ademais de cumprir o que ao respecto dispón o capítulo IV da presente orde, especificará as accións formativas que se consideran prioritarias, o financiamento e as reservas de crédito que, de ser o caso, se establezan para determinadas accións formativas que se detallarán no correspondente anexo, e fixará, de ser o caso, o número límite de edicións de accións formativas por especialidade que se financien por entidade de formación, por número de censo e/ou por comarca, segundo se determine, así como o modelo de formulario de solicitude para os efectos informativos e as listaxes de especialidades formativas que se conteñan nos anexos que repercuten no procedemento de valoración recollido nos artigos 9 e 10 da Orde de bases reguladoras do 16 de abril de 2021».

Dous. Modificación do artigo 4.2 da Orde do 16 de abril de 2021, relativo á forma e lugar de presentación das solicitudes e a documentación complementaria.

O artigo 4.2 queda redactado do seguinte xeito:

«2. As solicitudes dirixiranse á xefatura territorial en cuxa provincia se imparta a correspondente acción formativa.

No suposto de que a formación se imparta na modalidade mixta ou de teleformación, a solicitude deberá dirixirse á xefatura territorial da provincia en que estea localizado o centro en que se impartirá a parte presencial da acción formativa.

Cada entidade de formación só poderá formular un máximo dunha solicitude en cada unha das provincias do territorio galego, e incluirá nela, dentro da súa capacidade real de execución e con respecto aos límites e requisitos que se determinan nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria, todas e cada unha das accións formativas para as cales solicita subvención nos correspondentes centros de cada provincia.

Para os posibles efectos de desempate, as accións formativas para as cales se solicita subvención deberán ir ordenadas en función da prioridade de impartición que lles outorgue a entidade solicitante, de xeito que os centros que se consideren prioritarios figuren en primeiro lugar na solicitude e que, dentro de cada centro, as accións formativas se ordenen tamén de maior a menor prioridade.

Para cada número de censo poderase solicitar, como máximo, o número de edicións por especialidade que, de ser o caso, se determinen na correspondente convocatoria, na cal tamén se poderán indicar excepcións ao dito límite. Así mesmo, cada convocatoria poderá establecer límites relativos ao número de edicións de especialidades formativas e/ou familias profesionais que se impartirán por comarca.

Na modalidade presencial e na parte presencial da modalidade de teleformación ou mixta, no caso de que se solicite impartir máis dunha especialidade por aula, deberá manifestarse expresamente na declaración responsable que, de acordo co disposto no artigo 5.3 do Decreto 106/2011, do 19 de maio, polo que se crea o Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego e se regula o procedemento para a súa inscrición e, de ser o caso, a acreditación dos centros e entidades que impartan formación para o emprego no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a aula dispón dos medios exixidos e cumpre cos requisitos establecidos para impartir as especialidades solicitadas».

Tres. Modificación do artigo 6.1.f) da Orde do 16 de abril de 2021, relativo á documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento.

O artigo 6.1.f) queda redactado do seguinte xeito:

«Naquelas accións formativas en que estea previsto o uso de aula virtual como medio complementario e adicional para desenvolver o proceso formativo, memoria explicativa detallada que acredite, de acordo co disposto no artigo 31.5 da Orde de bases do 16 de abril de 2021, a viabilidade de impartir mediante aula virtual aqueles contidos do programa formativo que estea previsto realizar utilizando este medio.

A memoria deberá indicar expresamente que contidos se impartirán mediante aula virtual, a súa duración e datas de realización, o calendario de sesións presenciais e de exames que se van realizar».

Catro. Modificación do punto 1.2º do artigo 10 da Orde do 16 de abril de 2021, relativo aos criterios de avaliación.

O artigo 10.1.2º queda redactado do seguinte xeito:

«2º. Accións formativas relativas a especialidades formativas cunha maior demanda ou con maiores perspectivas de emprego (anexo V): 5 puntos».

Cinco. Modificación dos puntos 2.k) e 5 do artigo 15 da Orde do 16 de abril de 2021, relativo ás obrigas das entidades beneficiarias.

O primeiro parágrafo do artigo 15.2.k) queda redactado do seguinte xeito:

«k) As chaves de acceso á correspondente plataforma informática, se é o caso, para os efectos de seguimento e control do desenvolvemento do curso».

O artigo 15.5 queda redactado do seguinte xeito:

«5. Mensualmente, achegarase a seguinte información:

a) Nas actividades de carácter presencial, e de terse producido incidencias no sistema de control biométrico de asistencia debidamente acreditadas perante o equipo de soporte informático, partes diarios e mensuais de asistencia no modelo xerado pola aplicación SIFO asinados polo alumnado participante e polo persoal formador ao inicio e ao final de cada xornada, así como da persoa responsable da entidade beneficiaria. Nos ditos partes deberanse identificar as persoas participantes e expresar as horas realizadas diariamente por cada unha delas, reflectindo expresamente o número de horas de ausencia.

b) Comunicación das incidencias producidas, de ser o caso».

Seis. Modificación do artigo 18.7.b) da Orde do 16 de abril de 2021, relativo á execución da actividade por parte das entidades beneficiarias.

O artigo 18.7.b) queda redactado do seguinte xeito:

«b) Nos cursos que se vaian impartir na modalidade de teleformación ou na parte de teleformación da modalidade mixta, e naqueles casos en que a formación presencial se desenvolva mediante aula virtual, o control de asistencia deberá efectuarse a través dos instrumentos previstos na Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, en relación coa oferta formativa das administracións competentes e o seu financiamento, e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento, e na Orde TMS/369/2019, do 28 de marzo, pola que se regula o Rexistro Estatal de Entidades de Formación do Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, así como os procesos comúns de acreditación e inscrición das entidades de formación para impartir especialidades formativas incluídas no Catálogo de especialidades formativas.

As entidades deberán dispor da tecnoloxía necesaria para verificar e acreditar a participación ou asistencia do alumnado e do persoal docente, segundo o caso, mediante o uso de control biométrico, DNI electrónico, sinatura dixital ou calquera outro método que garanta a identificación correcta e inequívoca dos participantes.

Na modalidade de teleformación será admisible unha declaración responsable, que se presentará a través da aplicación SIFO, na cal se determine a correspondencia entre o código de usuario e a persoa alumna e permita o adecuado seguimento e control da participación do alumnado e titores-formadores na acción formativa, o número de horas de conexión, a realización de exercicios prácticos e a superación dos controis periódicos.

Na formación presencial desenvolvida mediante aula virtual, esta deberá impartirse obrigatoriamente a través do campus virtual que, para estes efectos, a Consellería de Emprego e Igualdade porá á disposición das entidades de formación.

Os datos de asistencia do alumnado na formación presencial desenvolvida mediante a aula virtual deberán ser mecanizados pola entidade beneficiaria na aplicación Cobipe, no prazo improrrogable de 3 días hábiles desde a impartición da sesión a que se refiran. O incumprimento desta obriga de mecanización en prazo suporá a perda ao dereito a percibir a liquidación correspondente á sesión non mecanizada.

Así mesmo, a través do sistema informático SIFO e no momento de solicitar a liquidación, deberán incluír os xustificantes e/ou partes de asistencia ou facilitar os medios de acceso ás aplicacións correspondentes, para os efectos do oportuno control por parte da unidade administrativa competente».

Sete. Modificación do artigo 18.17 da Orde do 16 de abril de 2021, relativo á execución da actividade por parte das entidades beneficiarias.

O artigo 18.17 queda redactado do seguinte xeito:

«17. Comunicarlle previamente á xefatura territorial da Consellería de Emprego e Igualdade correspondente, con cinco días hábiles de antelación ao día en que vaian ter lugar, a realización de viaxes ou visitas de carácter didáctico.

A xefatura territorial só poderá denegar estas actividades mediante resolución motivada, especialmente nos casos en que se propoña máis dunha visita por módulo, cando o seu contido non supoña unha achega formativa para o alumnado ou reitere actividades xa realizada».

Oito. Modificación do artigo 21.5 da Orde do 16 de abril de 2021, relativo á subvención das accións formativas.

O artigo 21.5 queda redactado do seguinte xeito:

«5. Nas especialidades formativas impartidas na modalidade de teleformación será de aplicación para o cálculo do custo subvencionable o 70 % do importe do módulo económico €/hora por persoa alumna, cunha contía máxima de 5 €, que para a correspondente familia, área profesional ou especialidade formativa se prevexa, para a modalidade presencial, no anexo I das correspondentes ordes de convocatoria.

No caso de que a impartición da formación se realice mediante aula virtual, está porcentaxe será do 100 % sobre o importe do módulo económico €/hora por persoa alumno».

Nove. Modificación do artigo 26.3 da Orde do 16 de abril de 2021, relativo ao seguimento e control dos cursos.

O artigo 26.3 queda redactado do seguinte xeito:

«3. Cando a acción formativa se desenvolva a través de aula virtual, efectuaranse conexións durante o tempo de impartición da formación por parte dos órganos de control para os efectos de realizar aquelas actuacións de seguimento que procedan».

Dez. Modificación dos puntos 3 e 7 do artigo 31 da Orde do 16 de abril de 2021, relativo ás modalidades de impartición.

O artigo 31.3, queda redactado do seguinte xeito:

«3. Considérase, salvo supostos específicos en que a normativa estipule outra porcentaxe, que a acción formativa se imparte na modalidade de teleformación cando a parte presencial que precise sexa igual ou inferior ao 20 % da súa duración total.

Enténdese por modalidade mixta aquela que combine para unha mesma acción formativa as modalidades presencial e de teleformación. En cada acción formativa que se imparta en modalidade mixta, o número de horas de teleformación será inferior ao 80 % das horas da acción formativa.

Nesta porcentaxe incluirase o número de horas de docencia e de titorías correspondentes a teleformación».

As accións formativas non poderán impartirse naquelas modalidades que non estean expresamente permitidas pola normativa reguladora e os programas formativos vixentes para cada especialidade.

Non poderán ser obxecto de subvención aquelas accións formativas solicitadas polas entidades de formación que incumpran o requisito establecido no parágrafo anterior.

O artigo 31.7 queda redactado do seguinte xeito:

«7. Logo de comunicación á xefatura territorial correspondente a través da aplicación informática SIFO, as empresas beneficiarias poderán excepcionalmente facer uso da aula virtual para posibilitar o seguimento da acción formativa por parte daqueles alumnos que non poidan asistir á actividade por causas sobrevidas consecuencia da COVID-19.

O uso da aula virtual será individual para cada persoa alumna, abranguerá o tempo indispensable necesario para garantir o respecto ás medidas de seguridade e saúde establecidas polas autoridades competentes, e estará suxeito ao cumprimento dos requisitos establecidos nos puntos 5 e 6 do artigo 31 da Orde do 16 de abril de 2021 e nas instrucións que para tal efecto estableza e publique a Dirección Xeral de Formación e Colocación».

Para os efectos exclusivos do disposto neste punto, as empresas poderán facer uso de medios virtuais propios sen necesidade de utilizar o campus virtual.

Once. Modificación do artigo 33.5 da Orde do 16 de abril de 2021, relativo á selección do alumnado.

O artigo 33.5 queda redactado do seguinte xeito:

«5. Sen prexuízo do que determinen as autoridades en materia sanitaria e de prevención de riscos laborais, nos casos en que as instalacións cumpran os requisitos que posibiliten esta capacidade, o número máximo de participantes en cursos que se impartan na modalidade presencial ou mixta será de 15 persoas por acción formativa e non poderá iniciarse a acción formativa se non se reúne un mínimo de 10 persoas alumnas o primeiro día.

No suposto de que o curso se inicie con 10 ou máis persoas alumnas e menos de 15, poderá completarse o dito número dentro do primeiro cuarto da acción formativa.

Na formación que se imparta na modalidade de teleformación o número máximo de participantes será de 30 persoas por acción formativa e non poderá iniciarse esta se non se reúne un mínimo de 10 persoas alumnas o primeiro día. Así mesmo, deberá haber, como mínimo, un titor por cada 80 persoas alumnas cando a súa dedicación sexa de 40 horas semanais. Para xornadas inferiores reducirase proporcionalmente o número máximo de persoas alumnas, de xeito que o mínimo de dedicación do titor equivalla a 10 horas semanais por cada 20 alumnos/as, incluídas, de ser o caso, as titorías presenciais.

Para a regulación da capacidade nas actividades presenciais da acción formativa impartida na modalidade de teleformación, serán de aplicación os límites establecidos para a modalidade presencial.

Nas accións formativas mixtas, definidas de acordo co disposto no artigo 31.3 da presente orde, serán de aplicación os límites de capacidade sinalados nos puntos anteriores en función da respectiva modalidade de impartición.

De non se incorporar o alumnado seleccionado ou de se produciren baixas dentro do primeiro cuarto do curso, poderán substituírse por novas persoas alumnas, sempre que, a xuízo dos responsables da entidade de formación, as persoas que se incorporen poidan seguir as clases con aproveitamento, unha vez superadas as probas de nivel correspondentes, e non dificulten a aprendizaxe do grupo inicial.

Cada nova alta ou baixa de alumnado que se produza no curso deberá ser comunicada á oficina de emprego correspondente no prazo máximo de 3 días hábiles desde que se produza.

De se tratar de accións formativas vinculadas a certificados de profesionalidade, unicamente se poderá incorporar alumnado durante os primeiros 5 días lectivos desde o inicio da acción formativa, sempre que non se superase o primeiro cuarto do primeiro módulo formativo. Superados os primeiros 5 días lectivos, só poderán incorporarse ao curso aquelas persoas alumnas que teñan pendentes un ou varios módulos formativos para finalizar a súa formación. A súa incorporación só poderá realizarse dentro dos cinco primeiros días lectivos do/dos módulo/s formativo/s que teña/n pendente/s, sempre que non se superase o primeiro cuarto deste módulo. A persoa responsable da súa impartición deberá comprobar, mediante as probas e/ou a xustificación documental pertinente, o nivel da persoa alumna.

Para estes efectos, naqueles casos en que os módulos transversais se impartan con anterioridade aos módulos formativos integrantes do certificado de profesionalidade, os primeiros cinco días lectivos entenderanse referidos aos cinco primeiros días lectivos do módulo formativo integrante do certificado, non aos cinco primeiros días lectivos do módulo transversal.

De se produciren abandonos con posterioridade á impartición do 25 % das horas de formación, poderase admitir unha desviación do 15 % con respecto ao número de participantes que comezasen as accións formativas, nos termos sinalados pola Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, e o disposto no artigo 21 desta orde».

Doce. Modificación dos puntos 2 e 10 do artigo 36 da Orde do 16 de abril de 2021, relativo aos módulos transversais

O artigo 36.2 queda redactado do seguinte xeito:

2. Será obrigatorio o curso básico de prevención de riscos laborais de 60 horas naquelas especialidades formativas para as cales así se determine no anexo II.

A superación da formación impartida no módulo de prevención de riscos laborais garantirá o nivel de coñecementos necesarios para desempeñar as funcións de nivel básico en prevención de riscos laborais, de acordo co establecido no artigo 35 do Regulamento dos servizos de prevención aprobado polo Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro (RSP). Esta formación impartiraa persoal cualificado e co contido mínimo do programa de formación establecido no anexo IV do RSP.

Naqueles sectores ou actividades en que o seu respectivo convenio colectivo regule a formación en prevención de riscos laborais de nivel básico, deberá impartirse de acordo co indicado nel.

O artigo 36.10 queda redactado do seguinte xeito:

«10. A impartición dos módulos formativos transversais poderá realizarse en calquera momento dentro do intervalo de datas da acción formativa.

Non poderá simultanearse a impartición dos contidos específicos dos módulos transversais cos contidos propios do programa formativo da especialidade. Neste senso, os módulos transversais poderán desenvolverse tanto ao inicio coma ao remate da acción formativa ou, así mesmo, no período que vai desde o remate dun módulo formativo ata o comezo do seguinte.

CAPÍTULO II

Segunda convocatoria de accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia
para os exercicios 2022 e 2023

Artigo 2. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto realizar, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a segunda convocatoria de subvencións para o financiamento das accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para os exercicios 2022 e 2023 (código de procedemento TR301K).

2. As bases reguladoras desta convocatoria están recollidas na Orde do 16 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2023, e se realiza a súa primeira convocatoria para os exercicios 2021 e 2022 (DOG núm. 81, do 30 de abril), modificada polo artigo 1 desta orde.

3. Para o exercicio das funcións que lles corresponden, as xefaturas territoriais poderán actuar a través das unidades administrativas competentes en materia de formación profesional para o emprego, das oficinas de emprego e dos centros de formación profesional para o emprego adscritos a elas.

4. A convocatoria das subvencións previstas nesta norma realizaranse mediante réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 3. Financiamento

1. Destínase a esta segunda convocatoria un crédito por importe total de 49.766.589 €, distribuído en dúas anualidades, que se imputarán ás aplicacións orzamentarias seguintes, co código de proxecto 2021 00149:

Aplicación orzamentaria

Anualidade 2022

Anualidade 2023

Importe total

11.05.323A.460.1

1.787.154 €

2.660.690 €

4.447.844 €

11.05.323A.471.0

15.132.337 €

14.920.350 €

30.052.687 €

11.05.323A.481.0

7.313.920 €

7.952.138 €

15.266.058 €

Total

24.233.411 €

25.533.178 €

49.766.589 €

2. En cada unha das provincias galegas a repartición dos anteditos importes por aplicación orzamentaria e anualidade realizarase en atención ás seguintes porcentaxes:

Provincia

Porcentaxe

A Coruña

33 %

Lugo

17 %

Ourense

17 %

Pontevedra

33 %

3. Os créditos orzamentarios a que se refire este artigo poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial do Sistema de Cualificación e Formación Profesional para o Emprego.

Poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Calquera modificación ou ampliación dos créditos dispoñibles estará condicionada ao cumprimento dos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia, segundo o previsto na disposición adicional primeira desta orde.

4. Reservaranse as seguintes porcentaxes de cada unha das anteriores contías por aplicación orzamentaria ás solicitudes de financiamento presentadas para as seguintes acción formativas:

• Competencias clave relacionadas no anexo III: 10 %.

• Especialidades formativas máis demandadas ou con maiores perspectivas de emprego relacionadas no anexo V: 40 %.

Se, unha vez concedidas as subvencións para as accións formativas que contan con reserva de crédito, resultan remanentes nas reservas de crédito establecidas, as contías sobrantes poderán utilizarse para o financiamento das restantes actividades formativas solicitadas.

5. Poderán ser obxecto de financiamento aquelas especialidades formativas conducentes á obtención de certificados de profesionalidade e aquelas relativas a competencias clave que se determinen no anexo II desta convocatoria, así como os módulos transversais e complementarios que se impartan asociados a estas.

O custo unitario aplicable a esta convocatoria de subvencións é o que figura, para cada especialidade formativa e modalidade de impartición, no seu anexo II.

Para os custos adicionais de adaptación da acción formativa á participación do alumnado con discapacidade establécese un custo unitario de 16 € por hora lectiva.

6. O módulo de prácticas non laborais en empresas das accións formativas conducentes á obtención de certificados de profesionalidade financiarase con 3 € por alumna ou alumno e hora de prácticas efectivamente titorizadas, que se destinará ao financiamento dos custos da actividade da titorización das prácticas, así como ao custo da subscrición dunha póliza colectiva de accidentes de traballo e de responsabilidade civil.

Excluiranse deste computo as horas correspondentes ás prácticas non realizadas polos participantes exentos.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións a que se refire esta orde, as entidades que, na data de entrada en vigor da segunda convocatoria, sexan titulares de centros ou entidades de formación acreditados e/ou inscritos para impartir formación profesional para o emprego, no ámbito laboral da Comunidade Autónoma de Galicia, naquelas especialidades formativas conducentes á obtención de certificados de profesionalidade ou naquelas competencias clave para as que soliciten subvención, xa sexa na modalidade presencial, de teleformación ou mixta.

As entidades deberán dispor no ámbito territorial de Galicia das instalacións debidamente acreditadas e/ou inscritas que permitan impartir as accións formativas solicitadas.

Así mesmo, os centros presenciais vinculados a entidades acreditadas e/ou inscritas para impartir especialidades formativas na modalidade de teleformación deberán estar homologados na correspondente especialidade na data de entrada en vigor da convocatoria e localizados na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Non poderán obter a condición de entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde aquelas nas cales concorran algunhas das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 6.7 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo.

A xustificación polas entidades solicitantes de non estaren incursas en ningunha das ditas circunstancias realizarase mediante unha declaración responsable no modelo de solicitude que se contén no anexo VII de cada convocatoria, cuxo contido deberá respectar o que establece o artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como referirse á capacidade suficiente, en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos, e de aulas, talleres e instalacións en xeral, para asumir a xestión da totalidade dos cursos que solicita, que dispón da documentación que acredita tal cumprimento e que a porá á disposición da Administración cando lle sexa requirida, ademais de que se compromete a manter os ditos requisitos durante todo o período de tempo inherente ao recoñecemento de tal dereito.

3. Coa finalidade de garantir o cumprimento das esixencias deste artigo, as aplicacións informáticas de Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o emprego e SIFO contarán con controis específicos que permitan detectar posibles incumprimentos.

Así mesmo, poderán realizarse comprobacións por mostra estatística durante calquera das fases do procedemento por parte do persoal técnico das xefaturas territoriais ou do Servizo de Verificación de Fondos da Consellería de Emprego e Igualdade, das que poderán derivar, de ser o caso, as consecuencias sinaladas no artigo 6.2 desta orde, para os supostos de falseamento do contido das declaracións responsables.

De ser o caso, estas actuacións de comprobación poderán efectuarse a través dunha entidade contratada para o efecto.

4. Será requisito para a concesión de subvencións a entidades locais titulares de entidades ou centros de formación que cumprisen o deber de remitir as contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación das solicitudes e da documentación complementaria

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, anexo VII, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude ou a documentación presencialmente, será requirida para que a emende mediante a súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados nas bases reguladoras e/ou na correspondente convocatoria, ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase a persoa solicitante para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

2. As solicitudes dirixiranse á xefatura territorial en cuxa provincia se imparta a correspondente acción formativa.

No suposto de que a formación se imparta na modalidade mixta ou de teleformación, a solicitude deberá dirixirse á xefatura territorial da provincia en que estea localizado o centro en que se impartirá a parte presencial da acción formativa.

Cada entidade de formación só poderá formular un máximo dunha solicitude en cada unha das provincias do territorio galego e incluirá nela, dentro da súa capacidade real de execución e con respecto aos límites e requisitos que se determinan nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria, todas e cada unha das accións formativas para as que solicita subvención nos correspondentes centros de cada provincia.

Para os posibles efectos de desempate, as accións formativas para as que se solicita subvención deberán ir ordenadas en función da prioridade de impartición que lles outorgue a entidade solicitante, de xeito que os centros que se consideren prioritarios figuren en primeiro lugar na solicitude e, dentro de cada centro, as accións formativas se ordenen tamén de maior a menor prioridade.

Para cada número de censo poderanse solicitar, como máximo, o número de edicións por especialidade que, de ser o caso, se determinen na correspondente convocatoria, na cal tamén poderán indicarse excepcións ao dito límite.

Na modalidade presencial e na parte presencial da modalidade de teleformación ou mixta, caso de que se solicite impartir máis dunha especialidade por aula deberá manifestarse expresamente na declaración responsable que, de acordo co disposto no artigo 5.3 do Decreto 106/2011, do 19 de maio, polo que se crea o Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego e se regula o procedemento para a súa inscrición e, de ser o caso, a acreditación dos centros e entidades que impartan formación para o emprego no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a aula dispón dos medio exixidos e cumpre cos requisitos establecidos para impartir as especialidades solicitadas.

3. A solicitude deberá presentarse acompañada da documentación complementaria indicada no artigo 7 desta orde.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

A documentación complementaria, tanto a presentada na solicitude como noutras fases do procedemento, achegarase electronicamente mediante a presentación do documento orixinal de se tratar dun documento dixital ou da imaxe electrónica do documento orixinal, de se tratar dun documento en papel. Neste último caso, a imaxe electrónica adaptarase ao previsto no Real decreto 4/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de interoperabilidade no ámbito da Administración electrónica, e na Resolución do 19 de xullo de 2011, da Secretaría de Estado para a Función Pública, pola que se aproba a Norma técnica de interoperabilidade de dixitalización de documentos.

5. As imaxes electrónicas aplicarán os formatos establecidos para ficheiros de imaxe na Norma técnica de interoperabilidade do catálogo de estándares; o nivel de resolución mínimo para imaxes electrónicas será de 200 píxeles por polgada, tanto para as imaxes obtidas en branco e negro, cor ou gradación de grises; a imaxe electrónica será fiel ao documento orixe (respectará a xeometría do documento orixe en tamaños e proporcións, non conterá caracteres ou gráficos que non figurasen no documento de orixe e a súa xeración realizarase por un medio fotoeléctrico).

As imaxes electrónicas que acheguen as entidades interesadas ao procedemento administrativo terán eficacia, exclusivamente, no ámbito da actividade das administracións públicas.

As imaxes electrónicas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para estes efectos, a entidade interesada deberá conservar o documento orixinal por un prazo de 5 anos desde a presentación da imaxe electrónica.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, de non se poderen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Artigo 6. Declaración responsable que forma parte da solicitude

1. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nela e na cal se farán constar os aspectos seguintes:

a) Que, en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas:

• Non se solicitou nin se concedeu ningunha outra axuda para este mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita esta subvención.

• De se solicitar e/ou conceder outras axudas para este mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita esta subvención, deberán relacionarse estas.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se xuntan son certos.

c) Que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no punto 2 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 6.7 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo.

e) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Que os lugares e modalidades de impartición das accións formativas serán aqueles para as que están inscritas ou acreditadas para tal fin, nos termos do artigo 15 da Lei 30/2015, do 9 de setembro, e do artigo 6 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, e que son aptos e cumpren e manterán as condicións e requisitos que exixe a normativa aplicable á correspondente especialidade formativa, particularmente, a obriga de impartir a formación nos espazos e cos medios formativos acreditados e/ou inscritos para tal fin, así como a de manter as exixencias técnico-pedagóxicas, de instalacións, equipamento e medios humanos e tecnolóxicos tidos en conta para a acreditación ou inscrición da especialidade.

g) Que coñece as estipulacións da orde de bases e convocatoria, que cumpre cos requisitos sinalados nela e que se compromete a destinar o importe da axuda ao obxecto da subvención indicada.

h) Que a entidade conta con capacidade suficiente, en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos, así como de aulas, talleres e instalacións en xeral, para asumir na súa totalidade a execución completa das accións formativas que solicita.

i) Que a entidade dispón da documentación que acredita o cumprimento dos anteriores aspectos e que a porá á disposición da Administración cando lle sexa requirida, ademais de que se compromete a manter os ditos requisitos durante todo o período de tempo inherente ao recoñecemento de tal dereito.

j) Que, de ser o caso e de acordo co disposto no artigo 18 da Orde de bases reguladoras do 16 de abril de 2021, as pegadas dixitais do alumnado e persoal docente rexistradas pola propia entidade formadora se corresponden coas das persoas que din ser.

2. A presentación dunha declaración responsable que falsee ou oculte circunstancias que impidan ou limiten a concesión da subvención ou o seu pagamento, así como que alteren a puntuación obtida na baremación, terá a consideración dunha infracción moi grave nos termos do artigo 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas posibles consecuencias sancionadoras que se recollen na dita norma e no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo VII, a seguinte documentación:

a) Ficha das accións formativas, anexo VIII.

b) Acreditación documental de dispor dun sistema de calidade vixente no correspondente centro de formación na data límite de presentación das solicitudes relativo á súa actividade de formación profesional para o emprego, anexo VIII, de ser o caso.

c) Xustificación documental de ter cumprido na execución das accións formativas concedidas nas convocatorias correspondentes co compromiso de inserción laboral, para os efectos do establecido no artigo 10 da Orde de bases reguladoras do 16 de abril de 2021, de ser o caso.

No suposto de que o 100 % do alumnado que se propuxo inserir laboralmente sexan persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial recoñecida polo organismo competente, esta documentación achegarase cunha declaración responsable de que o 100 % das persoas inseridas son persoas con discapacidade.

d) Acreditación da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude (escritura notarial de poderes ou calquera outro medio válido en dereito).

e) Cando as especialidades formativas que se solicitan correspondan a certificados de profesionalidade, as entidades deberán achegar no anexo VIII de cada convocatoria o compromiso da subscrición do convenio ou acordo coa empresa ou empresas en que se realizará o módulo de prácticas profesionais non laborais en empresas incluído no certificado de profesionalidade, de ser o caso.

f) Naquelas accións formativas en que estea previsto o uso de aula virtual como medio complementario e adicional para desenvolver o proceso formativo, memoria explicativa detallada que acredite, de acordo co disposto no artigo 31.5 da orde de bases reguladoras e nas instrucións da Dirección Xeral de Formación e Colocación sobre criterios que se aplicarán para a autorización do uso da aula virtual, a viabilidade de impartir mediante aula virtual aqueles contidos do programa formativo que estea previsto realizar utilizando este medio.

A memoria deberá indicar expresamente que contidos se impartirán mediante aula virtual, a súa duración e datas de realización, o calendario de sesións presenciais e de exames que se realizarán, así como dos medios tecnolóxicos que se utilizarán para garantir, de acordo co disposto na presente orde, o correcto desenvolvemento, seguimento e control da actividade.

g) Para os efectos do disposto no artigo 10.1.9 da Orde de bases reguladoras do 16 de abril de 2021, sobre a non aplicación de penalizacións por incumprimento do compromiso de inserción laboral, solicitude de recoñecemento pola persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación de que a familia profesional a que pertence a especialidade impartida corresponde a un sector afectado negativamente pola COVID-19, de ser o caso.

h) Xustificación documental de ter remitido ao Consello de Contas as contas xerais do último exercicio a que estean obrigadas, segundo o establecido no artigo 223 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, no caso de tratarse de entidades locais.

2. A documentación complementaria presentarase electronicamente, de acordo co disposto no artigo 5 desta orde.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña a súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os correspondentes documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites posteriores á presentación da solicitude e documentación complementaria

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban efectuar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática SIFO, e a presentación de documentación derivada das notificacións practicadas pola Administración deberá adecuarse ao disposto no artigo 11.6 da presente orde.

Artigo 10. Prazo de resolución e notificación

A resolución dos expedientes de axudas a que se refire esta orde de convocatoria, logo do informe da Comisión de Valoración e unha vez fiscalizada a proposta pola respectiva intervención, corresponderalles ás persoas titulares das xefaturas territoriais, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade.

O prazo para resolver e notificar é de tres meses, que se computarán desde a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de subvencións indicado na convocatoria. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 11. Réxime das notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal

Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude.

Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico.

En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. A presentación de documentación derivada das notificacións practicadas será realizada exclusivamente mediante o programa informático SIFO ou a través do programa de notificación xenérico do aplicativo FORMAN, que disporá dun punto único para efectuar todos os envíos de documentación á Administración.

Unicamente no caso de que non fose posible, por problemas técnicos acreditados que imposibilitasen a presentación de documentación polos medios establecidos no parágrafo anterior, o interesado podería realizar a súa presentación por medio dos trámites comúns da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), a través do procedemento PR004A.

Artigo 12. Recursos

As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, se o acto fose expreso, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, se o acto non fose expreso, de conformidade co que preceptúan os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Accións formativas

1. O obxectivo prioritario das accións formativas reguladas na presente orde é a inserción e reinserción laboral das persoas traballadoras desempregadas naqueles empregos que demanda o sistema produtivo.

2. As accións formativas estarán constituídas polas especialidades formativas do Catálogo de especialidades formativas, no marco do Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, relacionadas no anexo II desta orde, e polos módulos transversais e complementarios recollidos no artigo 36 da Orde de bases reguladoras do 16 de abril de 2021.

3. Os criterios de avaliación técnica das solicitudes serán os establecidos no artigo 10 da Orde de 16 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para as accións formativas do Plan formativo para o emprego da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2023.

Artigo 15. Modalidades de impartición

1. A formación profesional para o emprego obxecto de financiamento mediante esta orde poderá impartirse a través das modalidades presencial e/ou mixta.

Así mesmo, poderán impartirse na modalidade de teleformación aquelas especialidades formativas do Catálogo de especialidades formativas no marco do Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral conducentes á obtención de certificados de profesionalidade.

As accións formativas non poderán impartirse nunha modalidade que non estea expresamente permitida pola normativa reguladora e o programa formativo vixente para cada especialidade.

Non poderán ser obxecto de subvención aquelas accións formativas solicitadas polas entidades de formación que incumpran o requisito establecido no parágrafo anterior.

2. Na formación presencial desenvolvida mediante aula virtual, esta deberá impartirse obrigatoriamente a través do campus virtual que, para estes efectos, a Consellería de Emprego e Igualdade porá á disposición das entidades de formación.

Artigo 16. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día da entrada en vigor da orde.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da súa entrada en vigor. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 17. Límite de edicións que se poderán impartir

1. Con carácter xeral, o número máximo de edicións dunha determinada especialidade formativa que se poderán impartir nunha comarca serán dúas. Este límite incrementarase até as catro edicións naquelas comarcas en que, o 1 de xaneiro de 2021, a súa poboación fose superior aos 75.000 habitantes.

Para estes efectos, as comarcas cuxa cifra de poboación supera os 75.000 habitantes son as seguintes: A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, O Morrazo, Pontevedra, O Salnés e Vigo. Esta información pode consultarse na seguinte páxina web do Instituto Galego de Estatística:

https://www.ige.eu/igebdt/esq.jsp?idioma=gl&paxina=002003003&c=-1&ruta=verEjes.jsp?COD=589&M=2&S=&RET=

Para cada número de censo poderanse solicitar, como máximo, dúas edicións dunha especialidade formativa.

O límite de edicións establecido nos parágrafos anteriores non será de aplicación cando se trate de competencias clave.

As anteriores limitacións relativas ao número de edicións das especialidades formativas deberán respectar, en calquera caso e para a modalidade presencial ou a parte presencial da modalidade de teleformación, o número máximo de horas por aula permitido no artigo 9 da Orde de bases reguladoras do 16 de abril de 2021.

Artigo 18. Penalizacións por incumprimentos na execución das accións formativas concedidas en anteriores convocatorias

En aplicación do disposto no artigo 10.1, puntos 9, 10 e 11, da Orde de bases reguladoras do 16 de abril de 2021, aplicaranse os seguintes criterios de minoración da puntuación sobre a valoración técnica obtida, como consecuencia de incumprimentos na execución das accións formativas impartidas en anteriores convocatorias:

1. Puntuaranse negativamente todas as accións formativas solicitadas por aquelas entidades que non cumpriran o seu compromiso de inserción, nos termos dalgunha das 3 convocatorias previas e con cómputo dunha soa vez de cada incumprimento dunha convocatoria concreta, con ata -5 puntos.

No suposto de que a entidade asumise o compromiso de que o 100 % do alumnado por inserir sexan persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial recoñecida polo organismo competente, a puntuación negativa que se aplicará será de -6 puntos.

Non será de aplicación a penalización referida no anterior parágrafo naquelas entidades que non cumprisen o seu compromiso de inserción por mor da situación de emerxencia sanitaria ou o estado de alarma provocados pola COVID-19 durante as anualidades 2020 e 2021.

Para estes efectos, a familia profesional a que pertenza a especialidade impartida deberá corresponder a un sector afectado negativamente pola COVID-19. Esta condición determinaraa a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación mediante indicación expresa e conxunta para todas as entidades que así o solicitasen.

Para determinar a puntuación negativa que, de ser o caso, corresponda, aplicarase o seguinte criterio de cálculo sobre a totalidade das accións formativas executadas:

1) Calcúlase a porcentaxe de inserción neta respecto ao alumnado formado.

2) Ao resultado obtido réstaselle a porcentaxe de compromiso de inserción, que dará lugar á porcentaxe de penalización que se debe aplicar.

3) A porcentaxe de penalización multiplícase pola penalización máxima expresada en puntos e o valor resultante será a puntuación de penalización.

2. Serán obxecto de puntuación negativa todas as accións formativas solicitadas por entidades que incumprisen o seu compromiso de colaboración na xestión das subvencións en concepto de bolsas e axudas do alumnado, nos termos dalgunha das 3 convocatorias previas e con cómputo dunha soa vez de cada incumprimento dunha convocatoria concreta, con ata -10 puntos.

Non será de aplicación este punto cando a entidade comunique que o incumprimento da colaboración está motivado pola negativa das persoas alumnas a recibir o dito apoio na xestión da súa bolsa ou axuda. Para os efectos de acreditar esta negativa, deberá quedar constancia escrita asinada polo alumnado afectado en que se manifeste que rexeita a colaboración ofrecida pola entidade, caso en que non procederá ningunha minoración sobre a puntuación acadada.

Para determinar a puntuación negativa que, de ser o caso, corresponda, aplicarase o seguinte criterio de cálculo sobre a totalidade das accións formativas executadas e para o alumnado que inicia a acción formativa:

1) Calcúlase a porcentaxe do alumnado respecto do cal se incumpriu o compromiso de colaboración, en relación co número total de persoas alumnas que iniciaron as accións formativas executadas pola entidade.

2) A porcentaxe de incumprimento do compromiso de contratación obtida multiplícase pola penalización máxima expresada en puntos e o valor resultante será a puntuación de penalización.

3. Puntuaranse negativamente con ata -15 puntos todas as accións formativas solicitadas por aquelas entidades que renunciasen expresa ou tacitamente, e fóra dos supostos permitidos no artigo 11.4 da Orde de bases reguladoras do 16 de abril de 2021, a algunha das accións formativas concedidas no marco da primeira convocatoria.

Para determinar a puntuación negativa aplicarase a seguinte fórmula de cálculo:

(Núm. de accións formativas a que se renunciou* -15) / Núm. total de accións formativas concedidas

Artigo 19. Prazos de realización das accións formativas

As accións formativas correspondentes a esta convocatoria non poderán comezar antes do 1 de setembro de 2022, polo que non se admitirá ningunha solicitude que presente datas anteriores.

A data límite para o remate das accións formativas que se desenvolvan exclusivamente durante a anualidade 2022 será o 20 de decembro de 2022.

Para cursos que se desenvolvan durante as anualidades 2022 e 2023 ou exclusivamente durante a anualidade 2023, a data límite para o remate das accións formativas será o 30 de setembro de 2023.

En calquera caso, o inicio das accións formativas requirirá a validación previa, a través da aplicación informática SIFO, do cumprimento dos requisitos e condicións, por parte do persoal técnico da unidade administrativa competente.

Artigo 20. Prazos de xustificación das accións formativas

1. Os prazos para a xustificación das accións formativas axustaranse ao límite máximo dun mes desde o remate da acción formativa e de acordo cos seguintes criterios:

a) Nas accións formativas que rematen ata o 30 de novembro de 2022, a data límite para a presentación da xustificación final dos cursos será o 14 de decembro de 2022.

b) Nas accións formativas que rematen despois do 30 de novembro de 2022, a data límite para a presentación da xustificación final dos cursos será o 15 de novembro de 2023.

No caso das accións formativas que rematen despois do 30 de novembro de 2022, deberá facerse unha xustificación parcial da actividade realizada ata o 30 de novembro de 2022.

A data límite para presentar esta xustificación parcial dos cursos será o 14 de decembro de 2022.

2. Se a documentación presentada for insuficiente para considerar correctamente xustificada a subvención concedida, a xefatura territorial poñerá en coñecemento da entidade beneficiaria afectada as insuficiencias detectadas para a súa emenda no prazo de 10 días hábiles.

3. No caso de concesión de anticipos, os gastos realizados con cargo a eles deberán referirse á anualidade orzamentaria para a cal foron concedidos e deberán xustificarse antes do 1 de abril de 2023, para o caso de anticipos concedidos con cargo a 2022, e antes do 31 de outubro de 2023, para o caso de anticipos concedidos con cargo a 2023.

Artigo 21. Anexos

• Anexo I: procedemento de selección das accións formativas por provincia e comarca.

• Anexo II: módulos económicos por hora e alumno/a aplicables a cada especialidade formativa segundo a súa modalidade de impartición, e relación de especialidades que deben impartir o módulo básico de prevención de riscos laborais

• Anexo III: competencias clave con reserva de crédito orzamentario.

• Anexo IV: especialidades formativas vinculadas coa industria 4.0 e competencias dixitais.

• Anexo V: especialidades formativas máis demandadas ou con maiores perspectivas de emprego e con reserva de crédito.

• Anexo VI: especialidades formativas prioritarias segundo a disposición transitoria segunda da Lei 30/2015, do 9 de setembro

• Anexo VII: modelo de solicitude.

• Anexo VIII: ficha do acción formativa.

Disposición transitoria. Accións formativas impartidas na primeira convocatoria ao abeiro do disposto na Orde de bases reguladoras do 16 de abril de 2021

Non será de aplicación, nas accións formativas concedidas e impartidas ao abeiro da primeira convocatoria, o disposto no artigo 1 desta orde pola que se modifica parcialmente a Orde de bases reguladoras do 16 de abril de 2021.

Disposición derradeira primeira. Autorización para ditar resolucións e instrucións

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta disposición.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día hábil seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2022

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file