Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Xoves, 2 de xuño de 2022 Páx. 32449

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Monte do Marco, sito nos concellos de Monterroso e Palas de Rei (Lugo) e promovido por Aventoa, S.L. (expediente LU-11/135-EOL).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Aventoa, S.L. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción do parque eólico Monte do Marco, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG nº 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico Monte do Marco (en diante, o parque eólico), cunha potencia de 6 MW e promovido por Aventoa, S.L. (en diante, a promotora).

Segundo. O 24.6.2011, a promotora solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, o outorgamento da condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica e a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico.

Terceiro. O 11.4.2012, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo (en diante, a xefatura territorial) emitiu o informe sobre as instalacións electromecánicas descritas no proxecto de execución do parque eólico.

Cuarto. O 22.5.2012, a xefatura territorial emitiu o informe sobre a non existencia de limitacións á constitución de servidume de paso de enerxía eléctrica, para a declaración de utilidade pública do parque eólico.

Quinto. Mediante a Resolución do 4 de xuño de 2012, da Xefatura Territorial de Lugo, sometéronse a información pública para autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, así como a inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e a aprobación do seu estudo de impacto ambiental e do correspondente proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, as instalacións relativas ao parque eólico Monte do Marco.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 20.7.2012 (e a súa corrección de erros o 3.8.2012), no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 6.7.2012 e no xornal El Progreso do 4.7.2012. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados de Monterroso e de Palas de Rei, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A continuación, resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública e na tramitación do expediente:

– Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados, maioritariamente en relación coa titularidade das parcelas, coas superficies afectadas, coa clasificación do solo, co tipo de aproveitamento, cos enderezos para os efectos de notificacións, etc.

– Que non se autorice a afección de aeroxeradores e vieiros sobre hábitats de conservación prioritaria na UE presentes na zona, sobre especies incluídas no anexo II da Lei 42/2007, do patrimonio natural e a biodiversidade, e sobre as zonas previstas para a ampliación da Rede Natura 2000, por non concorrer no proxecto ningunha das consideracións establecidas no artigo 45.6 da Lei 42/2007, do patrimonio natural e a biodiversidade.

– Adopción de medidas para evitar afeccións sobre especies incluídas no anexo I da Directiva de aves, nos libros vermellos estatais e no Catálogo galego de especies ameazadas.

– Que se inclúan no proxecto medidas recomendadas nos plans de conservación de especies ameazadas da Xunta de Galicia.

– Que se adopten medidas para mitigar a mortaldade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nos vieiros de acceso, e de aves e morcegos por impacto cos aeroxeradores, así como perturbacións dos hábitats na contorna do parque eólico.

Sexto. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Monterroso, Concello de Palas de Rei, Retegal, S.A., Retevisión I, S.A. e Agencia Estatal de Seguridad Aérea.

Sétimo. O 21.6.2012, Retegal, S.A. emitiu condicionado en que establece a necesidade de compromiso por parte da promotora de realizar campañas de medición de cobertura e corrección de defectos futuros. O 19.7.2012, a promotora comunica a súa conformidade coas actuacións necesarias no caso de confirmarse as afeccións sobre os servizos de TDT xeradas pola posta en marcha do parque eólico.

Oitavo. O 27.6.2012, Retevisión I, S.A. emitiu, en relación coas instalacións do parque eólico, o correspondente condicionado técnico, onde comunica que non desexa manter ningunha oposición ao proxecto e solicita que se lle comunique calquera modificación para avaliar as posibles afeccións, sen prexuízo de requirir o compromiso da promotora de corrixir as posibles deficiencias que se poidan producir na recepción do sinal de televisión derivada da construción do parque eólico. O 31.7.2012, a promotora manifesta a súa conformidade.

Noveno. O 3.8.2012, a xefatura territorial reiterou a solicitude de condicionado técnico, feita o 5.6.2012, ao Concello de Palas de Rei.

Décimo. O 20.12.2012, o Concello de Monterroso presta a súa conformidade á autorización solicitada, nos termos expostos no propio informe. O 28.1.203, a promotora manifesta o coñecemento da conformidade do Concello de Monterroso.

Décimo primeiro. O 29.10.2012, a Agencia Estatal de Seguridad Aérea autorizou as instalacións do parque eólico establece o correspondente condicionado.

Décimo segundo. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Axencia Turismo de Galicia (antiga Secretaría Xeral para o Turismo) e Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

O 30.3.2016, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante a Resolución do 26 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG nº 108, do 8 de xuño).

Décimo terceiro. O 7.4.2016, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que facía referencia o artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, segundo a redacción da lei ata a súa modificación pola Lei 5/2017, do 19 de outubro.

Décimo cuarto. O 2.3.2020, a promotora achega a acreditación do permiso de acceso e conexión á rede do parque eólico no circuíto Lugo-Chantada 132 kV.

Décimo quinto. O 24.5.2020, a promotora presentou unha solicitude de modificación do proxecto derivada do permiso de acceso e conexión concedido por UFD o 16.7.2019 e da compartición do nó de conexión entre promotores. Estes cambios consisten, con carácter xeral, na substitución da subestación transformadora por un novo centro de seccionamento (CSM), que conectará o sistema colector de media tensión do parque coa liña de evacuación 30 kV Monte do Marco-Eirexe (expediente independente-IN408A 2020/051), cambio a 30 kV do sistema colector de media tensión do parque, novo tramo de liña de media tensión soterrado entre o aeroxerador MM2 e o CSM e cambio dos transformadores de potencia interiores aos aeroxeradores, cunha relación de transformación 0,65/30 kV.

Décimo sexto. O 1.2.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo informou que o proxecto modificado do parque eólico cumpre os requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable, establecidos no Plan sectorial eólico de Galicia.

Décimo sétimo. O 12.4.2021, o Instituto de Estudos do Territorio informou que, de acordo co establecido na disposición transitoria única do Decreto 238/2020, do 29 de decembro, polo que se aproban as directrices de paisaxe de Galicia, non é obrigatorio que o proxecto do parque eólico adapte o seu contido ás ditas directrices.

Décimo oitavo. Mediante a Resolución do 17 de setembro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Monte do Marco, por ser declarado o dito proxecto como iniciativa empresarial prioritaria polo Consello da Xunta de Galicia o 29.7.2021.

Décimo noveno. O 4.11.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático considerou que non existen obxeccións aos cambios solicitados pola promotora, recollidos no antecedente de feito décimo quinto.

Vixésimo. O 21.4.2022, a Xefatura Territorial informou favorablemente sobre o cumprimento da normativa de instalacións industriais e eléctricas do proxecto de execución do parque eólico Monte do Marco, presentado o 7.4.2022 por Aventoa, S.L. e que recolle a antedita modificación.

Vixésimo primeiro. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 6 MW, segundo informe do xestor de rede do 16.7.2019.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 20 do Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG nº 5, do 11 de xaneiro de 2021), e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG nº 203, do 25 de outubro), pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG nº 39, do 26 de febreiro), e polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG nº 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, recollidas no anexo desta resolución, e resumidas no antecedente de feito quinto, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. As alegacións relacionadas coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, así como coas compensacións económicas que se poidan percibir por parte dos afectados pola eventual expropiación daqueles, cómpre indicar que serán tidas en conta na resolución do procedemento de declaración de utilidade pública do parque eólico, que non é obxecto da presente resolución. Con todo, hai que indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas.

2. No que respecta a todas as alegacións de carácter ambiental e afeccións ao patrimonio cultural, natural e paisaxístico, cabe indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 30.3.2016, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias.

Cuarto. A continuación, recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Monte do Marco, formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 30.3.2016, e recollida no feito décimo terceiro desta resolución:

a) Na epígrafe 4 da DIA recóllese a proposta de resolución, que literalmente di: «Logo de examinar a documentación que constitúe o expediente ambiental, este Servizo de Avaliación Ambiental de Proxectos considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran, ademais das condicións incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, as que se recollen ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre ambas as dúas, prevalecerá o disposto nesta proposta de DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Monte do Marco.

Na epígrafe 3 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

3.1. Protección da atmosfera.

3.2. Protección das augas e leitos fluviais.

3.3. Protección do solo e infraestruturas.

3.4. Xestión de residuos.

3.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

3.6. Protección do patrimonio cultural.

3.7. Integración paisaxística e restauración.

3.8. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

3.9. Outras condicións.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Monte do Marco, sito nos concellos de Monterroso e Palas de Rei (Lugo) e promovido por Aventoa, S.L., cunha potencia de 6 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Monte do Marco, composto polo documento: «proxecto de execución parque eólico Monte do Marco», asinado polo enxeñeiro industrial Eloy Prada Hervella, colexiado nº 1898 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, e visado o 7.4.2022 co nº 20220919.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Aventoa, S.L.

Domicilio social: avenida Compostela, 11, 27200 Palas de Rei (Lugo).

Denominación: parque eólico Monte do Marco.

Potencia instalada: 6 MW.

Potencia autorizada: 6 MW.

Produción neta: 18.881 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.147 h.

Concellos afectados: Monterroso e Palas de Rei (Lugo).

Orzamento de execución material (sen IVE): 6.405.498,00 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico a que se circunscriben as autorizacións:

Vértice

Coordenadas UTM

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ED50)

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

X

Y

1

600.154

4.748.738

600.029,30

4.748.523,79

2

600.756

4.749.259

600.631,30

4.749.044,80

3

602.416

4.748.352

602.291,31

4.748.137,80

4

601.811

4.747.654

601.686,31

4.747.439,79

5

600.784

4.747.654

600.659,30

4.747.439,78

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ED50)

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

X

Y

MM1

601.419

4.748.428

601.294,31

4.748.213,79

MM2

601.622

4.748.229

601.497,31

4.748.014,79

Coordenadas da torre meteorolóxica do parque eólico:

Torre meteorolóxica

Coordenadas UTM

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ED50)

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

X

Y

1

601.255

4.748.535

601.130,31

4.748.320,79

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 2 aeroxeradores Vestas V112 de 3 MW de potencia nominal unitaria, 84 metros de altura de buxa e 112 metros de diámetro de rotor.

– 2 centros de transformación de 3.450 kVA e relación de transformación 0,65/30 kV, instalados no interior de cada aeroxerador.

– 1 torre meteorolóxica de 81,5 metros de altura, equipada con viraventos, anemómetros, medidores de temperatura, medidores de presión e rexistrador de datos.

– Centro de seccionamento e medida, que conectará o sistema colector de media tensión do parque coa liña de evacuación 30 kV Monte do Marco-Eirexe (obxecto de expediente independente IN408A 2020/051).

– Sistema colector composto por liñas eléctricas subterráneas de 30 kV de tensión nominal.

– Camiños ou vías para o acceso aos aeroxeradores, torre meteorolóxica e centro de seccionamento.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Aventoa, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en 70.069,00 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 3.8 da declaración de impacto ambiental.

5. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións a promotora deberá presentar, ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

6. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

7. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Aventoa, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

8. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

9. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, que lle resulten de aplicación.

10. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 30.3.2016, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen pertinente.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2022

Paula Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais

ANEXO

Alegacións presentadas durante a tramitación do expediente.

Daniel González Martínez, o 2.7.2012; José Manuel Rodríguez Vázquez, o 24.7.2012; Darío Rodríguez Vázquez, o 4.7.2012; Francisco Vázquez Bruzos, o 10.8.2012; e a Sociedade Galega de Historia Natural, o 13.8.2012.