Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Venres, 3 de xuño de 2022 Páx. 32635

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2022 pola que se invitan as grandes empresas a manifestaren o seu interese na realización de proxectos tractores nos territorios de transición xusta de Galicia.

A Lei 5/1992, de creación do Igape, establece como funcións propias do instituto o fomento da prestación de servizos a empresas, en particular ás pemes, así como a promoción, fomento e potenciación de actividades económicas que favorezan o desenvolvemento equilibrado e integrado tanto en termos sectoriais coma territoriais.

O Fondo de Transición Xusta (en diante, FTX) é un novo instrumento, no marco da política de cohesión para o período 2021-2027, que ten por obxecto mitigar os efectos negativos da transición climática, prestando apoio aos territorios máis prexudicados e aos traballadores afectados, e promover unha transición socioeconómica equilibrada.

En consonancia co obxectivo específico único do FTX, as accións que reciban o seu apoio deben contribuír directamente a facer posible que as rexións e as persoas afronten as repercusións sociais, laborais, económicas e ambientais da transición cara aos obxectivos da Unión para 2030 en materia de enerxía e clima e unha economía da Unión climaticamente neutra de aquí a 2050, consonte o Acordo de París.

De acordo co texto do Regulamento 2021/1056, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo de Transición Xusta (en diante, Regulamento FTX), recentemente aprobado polo Consello Europeo, o FTX debe abranguer todos os Estados membros, pero a distribución dos seus recursos financeiros debe centrarse nos territorios máis prexudicados polo proceso de transición climática.

Polo anterior, os Estados membros deben identificar aqueles territorios co nivel 3 da nomenclatura común de unidades territoriais estatísticas (rexións do nivel NUTS-3, ou provincia), ou partes deles, máis afectados pola transición do carbón e cara a unha economía climaticamente neutra, e incluílos nos plans de transición xusta, que teñen por obxecto identificar os territorios en que debe concentrarse a axuda do FTX e describir as medidas específicas que deben adoptarse para abordar as consecuencias socioeconómicas e ambientais da devandita transición.

O punto de partida para a selección destes territorios foi o anexo D do Informe País 2020, que publicou a Comisión Europea no marco das orientacións do semestre europeo. Neste documento, a Comisión identifica oito rexións NUTS-3 (provincias) dentro do territorio nacional como as máis afectadas pola transición á neutralidade climática por mor do peche de minas de carbón e, fundamentalmente, polo desmantelamento en curso de centrais térmicas de carbón. Unha destas provincias identificadas, afectada polo peche de centrais térmicas, é a provincia da Coruña.

Neste marco, a Xunta de Galicia, co obxectivo de favorecer o desenvolvemento económico e o mantemento do emprego nos territorios afectados, identificará as actuacións e medidas que garantan a minimización dos impactos negativos do peche das centrais e que contribúan á transformación do tecido empresarial nestas zonas. Para isto, identificaranse grandes proxectos tractores que impulsen o reforzo de iniciativas empresariais de pequenas e medianas empresas que, conxuntamente, conformen un plan de desenvolvemento territorial sustentable e garante do mantemento do emprego nestes territorios.

O referido Regulamento FTX dispón, no seu artigo 8, relativo ao alcance do apoio que, en zonas designadas como asistidas para os efectos do artigo 107, número 3, letras a) e c), do TFUE, o FTX poderá apoiar investimentos produtivos en empresas distintas das pemes, coa condición de que tales investimentos fosen aprobados como parte do Plan territorial de transición xusta (en diante, PTTX). A este respecto, engade que estes investimentos só serán admisibles se son necesarios para a execución do PTTX, cando contribúan á transición a unha economía da Unión climaticamente neutra de aquí a 2050 e a lograr obxectivos ambientais conexos, cando o seu apoio sexa necesario para a creación de emprego no territorio identificado e cando non conduzan a relocalizacións, tal como se definen no artigo 2, punto 27, do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e á política de visados.

Pola súa banda, en relación cos PTTX, o artigo 11 do Regulamento FTX, no seu punto 2.h), establece que, cando se vaia conceder unha axuda para investimentos produtivos en empresas que non sexan pemes, o Plan deberá conter unha lista indicativa das operacións e empresas que vaian recibir axuda, así como unha xustificación da necesidade da dita axuda a través dunha análise das carencias que demostre que, na falta de investimento, as perdas esperadas de postos de traballo superarían o número previsto de postos de traballo creados.

A este respecto, o anexo II do citado regulamento, que estrutura a información que deben conter os PTTX recolle, no seu número 2.4., un campo para cubrir nos casos en que se preste apoio a investimentos produtivos en empresas distintas das pemes.

En consecuencia, os investimentos produtivos en grandes empresas só poderán ser cofinanciados co FTX se se dan as seguintes condicións:

• Son necesarias para a execución do Plan de transición xusta.

• Contribúen á transición dunha economía da UE climaticamente neutra para 2050 e a lograr obxectivos ambientais conexos, e

• Demóstrase que, se falta o investimento, as perdas esperadas de postos de traballo superarían o número previsto de postos de traballo creados (creación de emprego neto).

A normativa europea de axudas de Estado, artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea e o Regulamento (UE) Nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, de exención por categorías (en diante, RGEC), é de plena aplicación, polo que deben respectarse os limiares máximos de contías e as intensidades de axuda autorizadas para cada réxime de axudas e, en particular, para as axudas de finalidade rexional, no mapa de axudas rexionais que se atope en vigor tras a aprobación do PTTX.

a. Axudas de finalidade rexional.

Para grandes empresas a intensidade máxima de axuda de finalidade rexional na provincia da Coruña será do 15 %, e poderá concederse no caso de:

1. Investimentos iniciais en favor dunha nova actividade económica, entendendo por tales:

a) O investimento en activos materiais e inmateriais relacionado coa creación dun novo establecemento, ou a diversificación da actividade dun establecemento, coa condición de que a nova actividade non sexa unha actividade idéntica ou similar á realizada anteriormente no establecemento.

b) A adquisición de activos pertencentes a un establecemento que pechou ou que pecharía se non fose adquirido e que é comprado por un investidor non vinculado ao vendedor, coa condición de que a nova actividade que se vaia realizar non sexa idéntica ou similar á realizada polo establecemento con anterioridade á adquisición.

2. Investimentos iniciais (como excepción introducida polas directrices sobre as axudas estatais de finalidade rexional (2021/C 153/01) no seu punto 14), consistentes en investimentos en activos materiais e inmateriais para a diversificación da produción dun establecemento para fabricar produtos que antes non se producían nel ou para introducir un cambio fundamental no proceso de produción global do produto ou produtos afectados polo investimento nese establecemento.

b. Axudas para a protección do ambiente.

Investimentos para a xestión e valorización de residuos, así como a promoción da enerxía procedente de fontes renovables, de acordo co previsto no RGEC.

A identificación dos proxectos de investimento produtivo de grandes empresas que se inclúan no PTTX debe levarse cabo mediante un proceso transparente e non vinculante.

En virtude do anterior,

RESOLVO:

Primeiro.

Anunciar a convocatoria de manifestacións de interese de grandes empresas para a realización de proxectos tractores nos territorios de transición xusta de Galicia.

Segundo.

O prazo para que as grandes empresas que así o desexen poidan achegar as súas propostas de proxectos tractores comezará o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia e rematará o 23 de xuño de 2022.

As grandes empresas interesadas deberán cubrir o formulario que se xunta como anexo I. As manifestacións de interese deberán dirixirse telematicamente ao Igape mediante un dos seguintes procedementos:

– https://sede.xunta.gal (servizo PR004A-Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado).

– http://tramita.igape.es (procedemento PE001.2017.1-Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado).

Terceiro.

A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), organismos dependentes da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, conxuntamente co Instituto para a Transición Xusta, O.A., estudará as manifestacións de interese recibidas, avaliando a súa viabilidade e compatibilidade coa normativa de axudas de Estado e co Regulamento FTX.

Incorporarase ao PTTX a relación das grandes empresas susceptibles de recibiren apoio.

Cuarto.

A participación neste proceso e a incorporación, de ser o caso, do proxecto na relación de grandes empresas do PTTX non implican para a Administración ningunha obriga de financiamento ou aceptación das propostas presentadas. Os custos derivados desta participación serán por conta dos interesados. As condicións e características das futuras convocatorias de axudas que se poidan efectuar virán dadas polo que se determine no seu día nas correspondentes bases reguladoras.

Quinto.

A participación neste procedemento, os contactos mantidos cos participantes ou os intercambios de información non poderán dar lugar a infraccións dos principios comunitarios de transparencia, igualdade de trato e non discriminación, nin ter como efecto restrinxir ou limitar a competencia nin outorgar vantaxes ou dereitos exclusivos. A participación neste procedemento non outorgará dereito nin preferencia ningunha respecto das convocatorias de axudas que poidan ter lugar con posterioridade no ámbito do obxecto desta resolución.

Sexto.

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coa finalidade de tramitar este procedemento, verificar os datos e documentos que a persoa interesada achegue para comprobar a súa exactitude, levar a cabo as actuacións administrativas que deriven e informar sobre o estado de tramitación. Así mesmo, os datos persoais incluiranse na carpeta cidadá de cada persoa interesada para facilitar o acceso á información, tanto persoal como de carácter administrativo.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión realizada en interese público ou no exercicio de poderes públicos, derivada dunha competencia legalmente atribuída ao responsable do tratamento, así como o cumprimento de obrigas legais impostas ao dito responsable (artigo 6.1, letras c) e e), do RXPD, e 8 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais). En concreto, a competencia e as obrigas previstas nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que as persoas interesadas poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán solicitar o acceso, rectificación, oposición, limitación, portabilidade e supresión dos seus datos ou retirar, de ser o caso, o consentimento outorgado a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2022

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

missing image file
missing image file
missing image file