Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Luns, 6 de xuño de 2022 Páx. 32907

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 1 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a concellos para a adquisición de vehículos alternativos, mediante o sistema de renting, con destino aos corpos de policía local, financiadas polo Fondo de Compensación Ambiental (código de procedemento PR483E).

A Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, aprobada polo Consello da Xunta de Galicia en outubro de 2019, sinala que o transporte é o sector que máis enerxía consome en Galicia. Para contrarrestar esta situación e limitar e reducir o incremento das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI), incluíronse na estratexia unha serie de medidas que pasan, entre outras, por renovar o parque de vehículos. Non cabe dúbida de que o seu elevado volume de emisións de GEI e así mismo, o seu potencial de redución son motivos que xustifican que o uso dos turismos sexa unha das actividades sobre as cales se ten que incidir en materia de cambio climático.

A este obxectivo preténdese contribuír con esta liña de subvencións para a renovación en verde do parque de vehículos dos corpos de policía local de Galicia, mediante a promoción daquelas solucións que teñan asociada unha menor ou nula taxa de emisión de dióxido de carbono e que impulsen a mobilidade sustentable a través da potenciación do uso de vehículos alternativos, híbridos ou eléctricos.

Converxen nesta actuación varios elementos que responden a diversas vertentes da acción de goberno da Xunta de Galicia.

Por unha banda, o apoio á prestación de servizos por parte dos concellos como medio para conseguir o equilibrio territorial e para que a cidadanía teña óptimas condicións de vida con independencia do seu lugar de residencia, a través de medidas como o fomento dunha adecuada dotación de medios dirixida, neste caso, á dotación de vehículos de policía local para o exercicio das súas funcións.

Pola outra, contribuír á mudanza cara a un modelo de mobilidade e transporte facilitador de vida en contornos saudables e compatible coa sustentabilidade ambiental pero, ao tempo conciliable coa promoción do desenvolvemento económico.

É precisamente o compoñente ambiental o que permite incardinar esta actuación de fomento da renovación dos vehículos de policía local no Fondo de Compensación Ambiental. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, configura este como ferramenta para xestionar os ingresos derivados do canon eólico. O obxectivo é aplicalo en actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e do reequilibrio territorial, financiando actuacións dirixidas á protección do ambiente, incluídas aquelas que teñan por obxecto a prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou de risco.

A través da orde reguladora do Fondo para 2022 incorporouse un catálogo de actuacións subvencionables orientadas ao fin sinalado na dita lei e ao cumprimento dos obxectivos marcados pola Unión Europea, recollidos na Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, relativos á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro. Entre estas actuacións, sinálanse os proxectos para implantación de tecnoloxías máis eficientes e respectuosas co ambiente, como son a adquisición de vehículos que reúnan as condicións para obteren distintivo ambiental Cero emisións ou Eco, entre outros, os vehículos eléctricos e os híbridos enchufables e non enchufables.

Desde o punto de vista da estabilidade orzamentaria, o respecto ás normas de contención do gasto público condicionan, en moitos casos, a capacidade de investimento das administracións públicas. Neste contexto, o recurso a fórmulas como o sistema de arrendamento ou renting de vehículos permite a necesaria renovación dos recursos materiais precisos para unha adecuada prestación de servizos públicos, en ámbitos tan esenciais como o da seguridade cidadá, de maneira compatible co cumprimento das regras fiscais que limitan o déficit e propician un escenario estable de gasto.

Nesta mesma liña de colaboración para o mantemento da estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira das entidades locais, a orde prevé o pagamento anticipado do 100 % do importe da subvención correspondente a cada anualidade, de maneira que esta entrega dos fondos con carácter previo á xustificación lles permita aos concellos beneficiarios disporen do financiamento necesario para atender con regularidade e puntualidade o pagamento das cotas do renting dos vehículos cumprindo cos prazos máximos de pagamento a provedores, o que supón, en definitiva, evitar calquera desviación nos obxectivos de déficit, débeda e regra de gasto.

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes é o departamento da Xunta de Galicia ao cal lle corresponde a elaboración, proposta e execución da política do Goberno en materia de administración local, atribuíndolle, entre outras, as competencias en materia de asistencia á Administración local, de conformidade co previsto no Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, e na disposición transitoria do Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 94, do 16 de maio), sen prexuízo das demais competencias que legal e regulamentariamente teña atribuídas.

Pola súa parte, o artigo 22 do Decreto 214/2020, do 3 de decembro, determina que a Dirección Xeral de Administración Local é o órgano encargado da xestión das competencias atribuídas á Xunta de Galicia en materia de administración local, e a este centro directivo correspóndelle, en particular, o fomento das liñas de colaboración coas entidades locais galegas no referente á convocatoria e execución das subvencións destinadas a elas.

Conforme con todo o anterior, dispoño:

Artigo 1. Obxecto e bases reguladoras

Por medio desta orde establécense as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a concellos de Galicia, para o financiamento da subministración de vehículos eléctricos ou vehículos híbridos enchufables e non enchufables, que reúnan as condicións para obteren o distintivo ambiental Cero emisións ou Eco, mediante o sistema de renting, con destino aos corpos de policía local para o exercicio das súas funcións, financiadas polo Fondo de Compensación Ambiental (código de procedemento PR483E).

Para os efectos destas bases reguladoras, entenderase por renting o contrato administrativo de subministración mediante arrendamento sen opción de compra, que inclúe, entre outras prestacións, o mantemento do vehículo.

Artigo 2. Gastos subvencionables e requisitos

1. Considéranse gastos subvencionables as cotas mensuais que deba aboar o concello beneficiario polo renting do vehículo durante un período máximo de 48 meses posteriores á sinatura do contrato, contados desde a entrega do vehículo e efectivamente pagadas dentro do exercicio orzamentario a que correspondan.

En todo caso, o asinamento do contrato deberase formalizar dentro do ano natural 2022.

2. Os vehículos deberán reunir as características seguintes:

a. Serán vehículos turismo ou SUV, tipo coche patrulla, adscritos ao servizo do corpo de policía local.

b. Estarán especialmente equipados e transformados para o cumprimento das súas funcións e incluirán os elementos de configuración externa e o deseño para a marcación e rotulación dos vehículos á disposición das policías locais e vixilantes municipais recollidos na Orde do 29 de decembro de 2010 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (DOG núm. 1, do 3 de xaneiro).

c. Os vehículos serán eléctricos ou híbridos enchufables ou non enchufables e deberán cumprir as condicións para obteren o distintivo ambiental Cero emisións ou Eco.

Artigo 3. Beneficiarios e requisitos das solicitudes

1. Poderán ser beneficiarios desta subvención aqueles concellos de Galicia que subscribisen ou vaian subscribir un contrato de renting con data igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2022 e que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter menos de 50.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en xaneiro de 2021, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

b) Ter remitida a conta xeral do concello, correspondente ao exercicio orzamentario de 2020, ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase mediante certificación emitida pola persoa secretaria ou interventora do concello.

c) Contar con corpo de policía local, segundo os datos facilitados pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

2. As solicitudes presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Cada concello poderá presentar unha única solicitude e para un só vehículo.

Cando o órgano tramitador observe que un concello presentou dúas ou máis solicitudes ou que a solicitude presentada se refire a dous ou máis vehículos, porao de manifesto para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido neste artigo.

De non se ter recibido a comunicación da desistencia dentro do prazo establecido, inadmitiranse todas as solicitudes en que o concello participe.

b) O orzamento da solicitude estará integrado polo custo total das cotas do renting e incluirá o imposto sobre o valor engadido, que será tamén subvencionable.

c) Que existe acordo do concello polo cal se solicita a subvención para a adquisición, mediante renting, do vehículo descrito na memoria detallada e valorada, e que se aceptan expresamente as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.

Este acordo deberá estar adoptado antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase mediante certificación emitida pola persoa secretaria do concello solicitante no modelo do anexo II.

3. O incumprimento de calquera das condicións ou requisitos establecidos neste artigo na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes constituirá causa de inadmisión da solicitude, sen prexuízo de calquera outra que poida derivar da normativa aplicable.

Artigo 4. Crédito e importe máximo das subvencións

1. Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 05.23.141.A.461.0 (código de proxecto: 2015 00168), ata un importe máximo de 600.000,00 €, coa seguinte distribución por anualidades:

Anualidade

Total anual

2022

112.500,00

2023

150.000,00

2024

150.000,00

2025

150.000,00

2026

37.500,00

Total

600.000,00

2. Existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nestes casos, o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. A axuda económica que se conceda financiará ata un máximo do 75% do custo total das cotas do renting, cun límite de 33.600 euros de subvención por concello beneficiario para o período de 48 meses.

Para a determinación do importe da subvención no período que corresponda, se é inferior ao ano natural, naqueles casos en que a duración do renting sexa inferior a 48 meses e para o cálculo da distribución en anualidades, establécense uns importes máximos de 8.400,00 € por ano natural completo ou de 700,00 € por mensualidade.

4. O importe da subvención e a súa distribución por anualidades establecerase con base no orzamento achegado pola entidade solicitante, con referencia ao mes de inicio previsto na memoria explicativa sinalada no artigo 6.1.2 destas bases reguladoras, sen prexuízo de que se modifique a distribución inicialmente aprobada unha vez que se adxudique o contrato e se sinale a data efectiva de inicio da prestación, logo da tramitación do correspondente reaxuste de anualidades, se procede.

5. No caso de que o contrato se adxudique por un importe inferior ao inicialmente previsto, se a proporción entre o importe de adxudicación e a subvención concedida supera a porcentaxe máxima de financiamento establecida nestas bases, modificarase a resolución de concesión para minorar o importe da subvención e tramitarase o correspondente axuste contable.

Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. Os concellos que desexen acollerse aos beneficios desta orde presentarán solicitude dirixida á Dirección Xeral de Administración Local, segundo o modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras e que inclúe a declaración responsable asinada electronicamente pola persoa representante do concello solicitante, na cal se fai constar:

a) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

b) Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

c) Que todos os datos contidos na solicitude, incluídos os relativos á conta bancaria en que se realizará o pagamento da subvención, de ser o caso, e nos documentos que se achegan son certos.

A solicitude deberá ir acompañada da documentación que se establece no artigo 6 desta mesma orde.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. Os concellos interesados deberán achegar co anexo I de solicitude, debidamente cuberto, a seguinte documentación:

1. Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa secretaria do concello solicitante no modelo do anexo II, na cal se faga constar:

a) O acordo do concello polo cal se solicita a subvención para a adquisición, mediante renting, dun vehículo destinado ao corpo de policía local, coas características exixidas no artigo 2 destas bases reguladoras, e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.

No referido acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e os demais requisitos establecidos na orde, e o acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

b) A remisión das contas do concello ao Consello de Contas de Galicia, correspondentes ao exercicio orzamentario de 2020, á cal fai referencia o artigo 3.1.b) desta orde.

No certificado quedará acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que se consignará a data de remisión ao Consello de Contas e non se admitirán aquelas en que non se faga constar a data de remisión.

2. Memoria explicativa, asinada electronicamente pola persoa representante da entidade local solicitante, co seguinte contido mínimo:

a) Xustificación da necesidade da adquisición. Relación de vehículos adscritos ao corpo de policía local e data de matriculación de cada un. Relación de funcións relacionadas coa protección do ambiente e do espazo natural desenvolvidas polo corpo de policía local, incluídas aquelas que teñan por obxecto a prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou de risco.

b) Definición das características técnicas do vehículo que se vai adquirir mediante renting e o seu equipamento policial.

c) Duración en meses do contrato de renting e orzamento total (IVE incluído). Previsión do mes de inicio (2022) e do ano e mes de finalización.

2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Defectos na solicitude e outra documentación

1. A Dirección Xeral de Administración Local, que é o órgano competente para a ordenación e instrución do procedemento, notificaralles ás entidades solicitantes os defectos emendables nas solicitudes e, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, daralles un prazo máximo e improrrogable de dez (10) días para emendaren os erros ou omisións, coa indicación de que, de non o faceren así, se considerarán desistidas da súa petición, logo da resolución que se deberá ditar nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A Dirección Xeral de Administración Local poderá requirir as entidades solicitantes para achegaren cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a correcta verificación da solicitude ou para a súa tramitación e resolución.

Artigo 8. Instrución e resolución

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación das solicitudes, revisadas estas e a súa documentación e feitas as emendas necesarias, aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e conteñan a documentación preceptiva serán trasladados a unha comisión para que as valore de acordo cos criterios establecidos no artigo 9 destas bases reguladoras.

2. A Comisión de Valoración estará presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local e dela formarán parte os delegados e as delegadas territoriais da Xunta de Galicia. Actuará como secretaria a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais da Dirección Xeral de Administración Local, ou unha persoa funcionaria da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo.

3. Unha vez que a Comisión realice a valoración das solicitudes presentadas de conformidade cos criterios de avaliación e repartición establecidos no artigo 9, da cal quedará constancia en acta motivada, a Dirección Xeral de Administración Local elevará proposta á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que resolverá.

4. A resolución notificaráselles a todas as entidades interesadas segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, de conformidade co artigo 23.5 da mesma lei, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os/as interesados/as para entenderen desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

5. Contra esta resolución, as entidades interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o xulgado do contencioso-administrativo que corresponda.

6. Sen prexuízo do establecido no artigo 21, o órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria, sempre e cando non se cause prexuízo a terceiro, no prazo e na forma previstos no artigo 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

7. O prazo para resolver e notificar os procedementos de subvención iniciados en virtude desta orde será de tres meses contados desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

8. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida por esta.

Artigo 9. Criterios de avaliación

Na valoración das solicitudes presentadas teranse en conta os seguintes aspectos, ata un máximo de 100 puntos:

1. Relacionados coa dotación de medios do corpo de policía local, valoraranse os criterios que se indican a continuación ata un máximo de 40 puntos:

a) O maior número de membros do corpo de policía local valorarase ata 5 puntos.

b) O maior grao de cobertura de postos medido polo menor índice de vacantes sobre o total de prazas do corpo de policía local valorarase ata 5 puntos.

c) O menor número de vehículos adscritos ao parque móbil da policía local valorarase ata 10 puntos.

d) A maior antigüidade media do parque móbil da policía local valorarase ata 20 puntos.

2. Os aspectos relacionados co ámbito territorial do concello e as necesidades que cómpre atender puntuaranse con base nas características seguintes ata un máximo de 20 puntos:

a) Pola maior extensión territorial do concello en km², asignarase un máximo de 10 puntos.

b) Polo maior número de núcleos de poboación asignarase un máximo de 5 puntos.

c) Pola maior dispersión da poboación medida en habitantes por km², asignarase un máximo de 5 puntos.

3. Valoraranse os aspectos relacionados con consideracións ambientais ata un máximo de 35 puntos distribuídos entre:

a) A maior superficie do concello situada en Rede Natura valorarase ata 15 puntos.

b) As necesidades para o desempeño de funcións relacionadas coa protección do ambiente e do espazo natural, incluídas aquelas que teñan por obxecto a prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou de risco, recollidas na memoria sinalada no artigo 6.1.2, valoraranse ata 20 puntos.

4. Valoranse os aspectos relacionados coa eficiencia na asignación dos recursos e atribuiráselles un máximo de 5 puntos ás solicitudes daqueles concellos que iniciasen a licitación do vehículo ou teñan adxudicado o contrato antes a fin do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuafa e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Aceptación

1. A entidade beneficiaria disporá dun prazo de dez (10) días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.

2. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención.

Artigo 13. Obrigas das entidades beneficiarias

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o órgano concedente, nos prazos e na forma establecidos nestas bases reguladoras e demais normativa de aplicación, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como o cumprimento da finalidade da subvención, a realización do proxecto que fundamentou a concesión da subvención e o seu custo real.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e executar a totalidade das actuacións que integran o proxecto presentado xunto coa solicitude e que fundamentou a resolución de concesión, sen prexuízo das modificacións das características do proxecto subvencionado que o órgano competente poida autorizar consonte as prescricións da normativa de aplicación.

4. Realizar o proceso de tramitación e adxudicación da contratación conforme as prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa das entidades locais e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas. Serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que poidan derivar dos incumprimentos.

Especificamente, o concello beneficiario deberalles exixir a todos os licitadores ou adxudicatarios, de ser o caso, unha declaración responsable en que fagan constar que o vehículo obxecto do renting non foi adquirido con cargo a ningunha axuda ou subvención pública.

5. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

6. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

7. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e o artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A aceptación da axuda supón a súa publicación nunha lista pública de beneficiarios.

8. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e prestar colaboración e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

9. Proceder ao reintegro total ou parcial das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, seguindo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención nestas bases reguladoras e na normativa xeral de aplicación.

b) Incumprimento da obriga de xustificar os pagamentos das cotas do renting, nos termos establecidos no artigo 16 desta orde.

c) En todo caso, será reintegrado o financiamento público polo importe pagado da subvención que supere a cantidade que efectivamente lle corresponda percibir á entidade beneficiaria, calculada como unha porcentaxe sobre o custo final xustificado do proxecto subvencionado.

d) Incumprimento da normativa vixente en materia de contratación do sector público, especificamente a que rexe as contratacións das entidades locais.

e) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos supostos establecidos no artigo 33 da dita Lei de subvencións de Galicia ou calquera outro que resulte da normativa aplicable.

Artigo 14. Contratación

1. Os concellos poderán concertar con terceiros a execución total do proxecto que constitúe o obxecto da subvención. Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Administración concedente.

2. A tramitación da contratación do renting será realizada polas entidades beneficiarias conforme a normativa vixente en materia de contratación do sector público, especificamente a que rexe as contratacións das entidades locais, e serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que poidan derivar dos incumprimentos poidan derivar.

3. O concello contratante deberalles exixir a todos os licitadores ou, de ser o caso, adxudicatarios unha declaración responsable en que fagan constar que o vehículo obxecto do renting non foi adquirido con cargo a ningunha axuda ou subvención pública.

A omisión deste requisito na contratación e a súa necesaria acreditación neste procedemento de subvencións suporá a perda do dereito total ao cobramento da subvención.

4. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para o contrato menor na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, as entidades beneficiarias deberán acreditar, xunto coa documentación xustificativa da subvención, a publicación do anuncio da licitación do contrato por calquera dos medios establecidos no artigo 347 da dita lei.

Tamén deberán achegar a resolución de adxudicación do vehículo, na cal se xustifique que a elección entre as ofertas presentadas se realizou con base en criterios de adxudicación fundados na mellor relación calidade-prezo ou, nos supostos permitidos pola lei, nun único criterio de adxudicación relacionado cos custos.

Artigo 15. Pagamento anticipado das subvencións

1. En cada exercicio orzamentario poderase realizar o pagamento do 100% da contía da subvención correspondente á anualidade, en concepto de pagamento anticipado que se fará efectivo por solicitude da entidade beneficiaria.

Ao abeiro do disposto no artigo 63.1.un do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada do órgano concedente.

2. Conforme o artigo 65.4.d) do dito decreto en relación co previsto no artigo 173.2 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, para a concesión dos pagamentos anticipados as entidades beneficiarias están exoneradas da constitución de garantías.

3. Para o libramento do anticipo da primeira anualidade da subvención, as entidades beneficiarias deberán ter aceptado expresamente a subvención, na forma establecida no artigo 12 destas bases reguladoras, e presentarán a seguinte documentación:

a. Contrato de renting subscrito con data igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2022.

b. Ficha técnica e permiso de circulación do vehículo obxecto do renting.

c. Declaración da persoa representante da empresa de renting na cal conste que o vehículo non foi adquirido con ningunha axuda ou subvención pública.

d. Certificado emitido e asinado electronicamente pola persoa secretaria do concello, no modelo do anexo III, en que faga constar:

1. Que, segundo informe da persoa secretaria do concello, na tramitación do renting se cumpriu a normativa de contratación do sector público, especificamente a que rexe as contratacións das entidades locais.

2. O importe das cotas de renting para o período elixible (máximo 48 mensualidades), expedido no modelo do anexo III, que servirá de base para o cálculo do importe do libramento anticipado e para a determinación do importe definitivo da subvención e a súa distribución por anualidades.

e. Nos supostos en que sexa exixible, consonte o artigo 14 destas bases reguladoras, a entidade beneficiaria deberá presentar:

1. Documento acreditativo da publicación do anuncio da licitación do contrato por calquera dos medios establecidos no artigo 347 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

2. Copia da resolución de adxudicación do contrato, onde quede acreditado que a elección entre as ofertas se realizou con base en criterios de adxudicación fundados na mellor relación calidade-prezo ou, nos supostos permitidos pola lei, nun único criterio de adxudicación relacionado cos custos.

f. Declaración responsable asinada electronicamente pola persoa representante da entidade beneficiaria, segundo o modelo do anexo IV desta orde, en que se faga constar:

1. O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

2. Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 31.7 e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

4. O prazo para a solicitude do pagamento anticipado da primeira anualidade rematará o 1 de decembro de 2022. O pagamento anticipado da segunda anualidade e seguintes realizarase ao comezo de cada exercicio orzamentario e xuntaráselle á solicitude a documentación sinalada na letra f) da alínea 3 deste mesmo artigo.

5. En ningún caso se librará o importe correspondente ao anticipo dunha anualidade mentres non estea correctamente xustificado o pagamento das cotas de renting do exercicio anterior, nos prazos e na forma sinalada no artigo 16.

Artigo 16. Xustificación das subvencións

1. As entidades beneficiarias terán de prazo para presentaren a documentación xustificativa dos gastos e dos pagamentos do renting ata o 31 de xaneiro do ano inmediatamente posterior a cada libramento anual.

2. A documentación xustificativa que deberán achegar as entidades beneficiarias no prazo indicado no número 1 deste artigo é a seguinte:

a) Conta xustificativa dos gastos, emitida no modelo do anexo V e asinada electronicamente pola persoa secretaria ou interventora do concello, na cal se faga constar que, antes da finalización do exercicio orzamentario, se tomou razón na contabilidade dos gastos das cotas do renting do vehículo correspondentes á dita anualidade, e relacionaranse as facturas ou documentos con valor probatorio no tráfico mercantil e administrativo, con identificación da empresa de renting, o seu NIF, número de factura, concepto e importe, data de emisión e data de pagamento.

b) Facturas correspondentes ás cotas do renting e xustificantes bancarios acreditativos do seu pagamento.

c) No suposto de remanentes non aplicados, xustificante bancario acreditativo do reintegro na forma indicada no artigo 18.

3. No suposto de non ter solicitado o pagamento anticipado da subvención, para a xustificación e, de ser o caso, o cobramento da subvención, as entidades beneficiarias deberán presentar, dentro do prazo sinalado no número 1 deste artigo, a seguinte documentación:

a. Para a xustificación da primeira anualidade da subvención e, de ser o caso, o seu cobramento, deberán achegar os documentos relacionados nas letras a) a f) do artigo 15.3 destas bases.

b. Para a xustificación e, de ser o caso, o cobramento da segunda e sucesivas anualidades, presentarán a declaración responsable sinalada no artigo 15.3.f) destas bases.

4. A Dirección Xeral de Administración Local poderá solicitar calquera outra documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto nos artigos 45.2 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 17. Liquidación

1. Sempre que o beneficiario cumpra a obriga de executar o proxecto ou realizar a actividade que fundamentou a concesión, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Dirección Xeral de Administración Local, de encontrar conforme a documentación, proporá o pagamento da subvención ou emitirá declaración de conformidade coa xustificación presentada, segundo o caso.

2. A liquidación da subvención realizarase de acordo co custo real dos gastos executados e xustificados na forma establecida nestas bases reguladoras.

3. No caso de que o gasto realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, se a proporción entre o importe de adxudicación e a subvención concedida supera a porcentaxe máxima de financiamento establecida nestas bases, a contía da subvención reducirase proporcionalmente e manterase constante a porcentaxe de financiamento establecida na resolución de concesión.

4. Unha vez que o órgano tramitador revise a documentación que a entidade beneficiaria debe presentar conforme o establecido no artigo 16 destas bases reguladoras, de comprobar que ao importe xustificado na anualidade lle corresponde unha subvención inferior á cantidade librada en concepto de anticipos, procederá a compensar o exceso de financiamento de forma automática na seguinte anualidade mediante a dedución do seu importe sobre o anticipo que a entidade beneficiaria deba percibir.

Exceptúase do anterior o suposto de remanentes non aplicados na última anualidade da subvención, en que se deberá presentar o xustificante bancario acreditativo do reintegro na forma indicada no artigo 18, sen prexuízo da iniciación dun procedemento de reintegro naqueles casos en que proceda, de acordo coa normativa xeral en materia de subvencións e co disposto nestas bases reguladoras.

5. En ningún caso o menor custo de execución do proxecto ou de realización da actividade subvencionada pode supor unha execución deficiente e a entidade beneficiaria da subvención debe cumprir as condicións da concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

Artigo 18. Devolución voluntaria da subvención

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención pagada, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante a Dirección Xeral de Administración Local a copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número de expediente e denominación da subvención concedida.

Para estes efectos, no texto da operación farase constar sempre o texto «Devolución subvención. PR483E/2022».

Artigo 19. Perda do dereito ao cobramento da subvención

Sen prexuízo de calquera outra causa que derive da normativa aplicable á subvención, constitúen causa de perda do dereito ao cobramento da subvención as seguintes:

1. Non presentar a documentación xustificativa en tempo e/ou en forma ou a súa presentación insuficiente ou incompleta con respecto aos termos exixidos polos artigos 16 e 17 destas bases reguladoras.

2. Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención. Sen prexuízo doutros supostos aplicables, consideraranse incumprimento das condicións establecidas para a concesión as seguintes:

a) Non cumprir e acreditar o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 2 destas bases reguladoras que exixen ter subscrito un contrato de renting con data igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2022 e ter formalizado o contrato, na forma establecida na normativa de contratación do sector público, antes da finalización dese ano natural.

b) Incumprimento da normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas na tramitación e contratación das obras e/ou equipamentos que constitúen o obxecto da subvención.

c) Calquera outra causa que poña de manifesto que a entidade non reunía os requisitos para ser beneficiaria destas subvencións ou a alteración dos supostos que serviron de base para a avaliación das solicitudes.

3. De acordo co principio de proporcionalidade, a perda de dereito será parcial no suposto de que, estando vixente a contratación, non se realice o pagamento efectivo das cotas de renting dentro do exercicio orzamentario a que correspondan, polo importe destas.

Artigo 20. Cantidades dispoñibles

As cantidades que resultaren sobrantes por causa de renuncia ou non presentación das xustificacións correspondentes por parte dos concellos beneficiarios poderanse dedicar a subvencionar os concellos que presentaron, en prazo, solicitude de subvención ao abeiro desta orde, de acordo coa orde de prelación resultante da valoración efectuada pola comisión indicada no artigo 8 destas bases reguladoras.

Artigo 21. Modificación

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Estas bases habilitan para autorizar as modificacións da resolución de concesión atendendo aos obxectivos e requisitos da orde e ao cumprimento da normativa de aplicación, en particular, ao establecido no artigo 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

A autorización para a modificación do proxecto acordarase por resolución do órgano competente para a concesión destas axudas, sempre e cando non se cause prexuízo a terceiro.

3. En todo caso, procederá a modificación da resolución, no tocante ao importe da subvención concedida e determinación do importe definitivo, naqueles casos en que a adxudicación do contrato de renting se realice por unha cifra inferior ao orzamento de licitación e a proporción entre o importe de adxudicación e a subvención concedida supere a porcentaxe máxima de financiamento establecida nestas bases.

4. Unha vez que se adxudique o contrato de renting e se sinale a data efectiva de inicio da prestación, deberase modificar a resolución de concesión se a data de inicio do contrato implica unha variación da distribución inicialmente aprobada e o correspondente reaxuste de anualidades, de ser o caso.

Artigo 22. Alteración dos modelos normalizados

Non se aceptará ningún modelo normalizado, que os concellos solicitantes ou beneficiarios deban presentar segundo as prescricións destas bases reguladoras, que conteña emendas ou riscadas.

As observacións ou aclaracións que as persoas interesadas precisen realizaranse nun documento á parte.

O incumprimento desta norma podería dar lugar á inadmisión da solicitude, á perda do dereito ao cobramento da subvención ou ao seu reintegro.

Artigo 23. Concorrencia de axudas e subvencións públicas

Estas subvencións son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Porén, o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo do proxecto subvencionado.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición derradeira primeira

De conformidade co previsto no artigo 4 da Orde do 29 de decembro de 2017 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e noutros órganos da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e entidades adscritas (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro), e na disposición transitoria do Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 94, do 16 de maio), delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Disposición derradeira cuarta

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2022

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deporte

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file