Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Mércores, 8 de xuño de 2022 Páx. 33542

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 31 de maio de 2022 pola que se modifica a Orde do 3 de abril de 2009 pola que se aproba o Regulamento de funcionamento do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

O Regulamento de funcionamento do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia aprobouse mediante a Orde da Consellería do Medio Rural do 3 de abril de 2009 (DOG núm. 70, do 14 de abril). Posteriormente, este regulamento modificouse mediante as ordes desa mesma consellería do 4 de febreiro de 2011 (DOG núm. 28, do 10 de febreiro) e do 14 de decembro de 2018 (DOG núm. 244, do 24 de decembro).

Ante a proximidade do proceso electoral que vai servir para a renovación dos órganos de goberno do Consello Regulador, este organismo, na súa sesión plenaria do pasado día 12 de novembro de 2021, aprobou as bases para unha modificación puntual do seu regulamento e, posteriormente, no pleno do día 4 de febreiro de 2022, aprobou o texto da proposta de modificación.

A dita modificación afecta exclusivamente o punto 1 do artigo 17 do regulamento e faise co obxecto de adaptalo aos cambios producidos nos últimos anos nos censos e aos criterios de representatividade que se recollen no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

Por todo o anterior, tras a proposta do Pleno do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia e de acordo co establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do anexo da Orde do 3 de abril de 2009 pola que se aproba o Regulamento de funcionamento do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia

O número 1 do artigo 17 do anexo da Orde do 3 de abril de 2009 pola que se aproba o Regulamento de funcionamento do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia queda redactado do seguinte xeito:

«1. O Pleno do Craega é o seu órgano superior de goberno, elixido por un período de catro anos. Está constituído polos seguintes vogais:

a) Tres vogais en representación dos titulares de empresas agrarias de produción vexetal, elixidos democraticamente por e entre os inscritos no rexistro da letra a) do artigo 5.1.

b) Tres vogais en representación dos titulares de empresas agrarias de produción animal, elixidos democraticamente por e entre os inscritos no rexistro da letra b) do artigo 5.1.

c) Seis vogais en representación dos titulares de industrias elaboradoras e/ou envasadoras, elixidos democraticamente por e entre os inscritos no rexistro da letra c) do artigo 5.1.

Estes seis vogais distribuiranse do seguinte xeito:

– Tres vogais en representación das empresas cunha facturación anual de produtos controlados polo Craega superior a 600.000 €.

– Dous vogais en representación das empresas con facturación anual de produtos controlados polo Craega igual ou inferior a 600.000 € e superior a 100.000 €.

– Un vogal en representación das empresas con facturación anual de produtos controlados polo Craega igual ou inferior a 100.000 €.

d) Un vogal en representación dos titulares de empresas de importación e/ou comercialización, elixido por e entre os inscritos no rexistro da letra d) do artigo 5.1.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural