Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Mércores, 8 de xuño de 2022 Páx. 33540

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 31 de maio de 2022 pola que se modifica a Orde do 29 de setembro de 2009 pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe Ribeira Sacra e do seu Consello Regulador.

O Regulamento vixente da denominación de orixe Ribeira Sacra e do seu Consello Regulador aprobouse mediante a Orde do 29 de setembro de 2009, da Consellería do Medio Rural (DOG núm. 194, do 2 de outubro).

Ante a proximidade do proceso electoral que vai servir para a renovación dos órganos de goberno do Consello Regulador, este organismo, na súa sesión plenaria do pasado día 9 de decembro, aprobou as bases para unha modificación puntual do seu Regulamento e logo, en reunión do día 10.2.2022, aprobou o texto expreso da proposta de modificación.

A dita modificación afecta exclusivamente o número 1 do artigo 37 do Regulamento e faise co obxecto de adaptalo aos cambios producidos nos últimos anos nos censos e aos criterios de representatividade que se recollen no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

Por todo o anterior, tras a proposta do Pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e de acordo co establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do anexo da Orde do 29 de setembro de 2009 pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe Ribeira Sacra e do seu Consello Regulador

O número 1 do artigo 37 do Regulamento da denominación de orixe Ribeira Sacra e do seu Consello Regulador queda redactado do seguinte xeito:

«1. O Pleno está constituído por:

– Seis vogais en representación do sector vitícola, elixidos democraticamente por e entre os titulares dos viñedos inscritos no Rexistro de Viñas do Consello Regulador. Destes vogais, un representará os viticultores que non comercializan uva, dous representarán os viticultores de maior extensión ata a suma dunha superficie do 45 % da superficie inscrita polos viticultores que venden uva, e os tres vogais restantes o resto dos viticultores que venden uva.

Para elaborar estes baremos terase en conta a listaxe das explotacións vitícolas que venden uva ordenadas de maior a menor superficie.

– Seis vogais en representación do sector vinícola, elixidos democraticamente por e entre os titulares de adegas inscritas nos rexistros do Consello Regulador. Destes vogais, tres representarán as adegas que representen un 65 % de quilos de uva vinificada, un representará o seguinte tramo de adegas de maior cantidade ata un 15 % e as restantes terán unha representación de dous vogais.

Para elaborar estes baremos terase en conta a listaxe das adegas ordenadas de maior a menor elaboración.

Para a realización dos cálculos a que se refiren os parágrafos anteriores e a determinación dos censos electorais terase en conta a media das tres últimas campañas».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural