Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Mércores, 8 de xuño de 2022 Páx. 33519

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

RESOLUCIÓN do 27 de maio de 2022 pola que se establece a adscrición provisional e a atribución de competencias aos órganos desta consellería.

En virtude do Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, modifícase, entre outras, a estrutura da Consellería de Política Social e Xuventude co obxectivo de acadar unha mellor adecuación ás necesidades sociais actualmente demandadas.

Os cambios na estrutura de xeito específico coa creación da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade e da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, en substitución das anteriores Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e Dirección Xeral de Atención Sociosanitaria, obrigan a adoptar as medidas inmediatas que aseguren o correcto funcionamento dos servizos e dos asuntos encomendados á Consellería nas áreas competenciais que deberán asumir os referidos órganos de dirección mentres non se aprobe o decreto polo que se estableza a nova estrutura orgánica.

Polo exposto, de conformidade coa disposición transitoria primeira do Decreto 73/2022, do 25 de maio, e ao abeiro do disposto no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Adscrición provisional e atribución de competencias á Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade

A Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade asumirá, mentres non se aprobe o decreto polo que se estableza a nova estrutura da Consellería, as competencias da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade establecidas no Decreto 216/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, e adscribiránselle provisionalmente os órganos e unidades dependentes dela que a continuación se relacionan, que subsistirán coa mesma estrutura e funcións establecidas no dito decreto:

a) A Subdirección Xeral de Recursos Económicos, así como os órganos e unidades dependentes dela.

b) A Subdirección Xeral de Recursos Residenciais e de Atención Diúrna, así como os órganos e unidades dependentes dela.

c) A Subdirección Xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia, así como os órganos e unidades dependentes dela.

d) O Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi), así como as unidades dependentes del.

Artigo 2. Adscrición provisional e atribución de competencias á Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria

A Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria asumirá, mentres non se aprobe o decreto polo que se estableza a nova estrutura da Consellería, as competencias da Dirección Xeral de Atención Sociosanitaria establecidas no Decreto 216/2020, do 3 de decembro, e adscribiránselle provisionalmente os órganos e unidades dependentes dela que a continuación se relacionan, que subsistirán coa mesma estrutura e funcións establecidas no dito decreto:

a) A Subdirección Xeral de Planificación, Sistemas de Información, Calidade, Humanización e Innovación Asistencial, así como os órganos e unidades dependentes dela.

b) A Subdirección Xeral de Dependencia e Valoración da Discapacidade, así como os órganos e unidades dependentes dela.

Disposición adicional única. Servizos periféricos

Os servizos de Dependencia e Autonomía Persoal adscritos ás xefaturas territoriais da Consellería desenvolverán, no seu ámbito territorial, as funcións da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade e da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, atribuídas ás anteriores Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e Dirección Xeral de Atención Sociosanitaria, de conformidade co Decreto 216/2020, do 3 de decembro.

Disposición derradeira única. Efectos do acto

Esta resolución producirá os seus efectos na data da súa emisión.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude