Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Mércores, 8 de xuño de 2022 Páx. 33521

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 25 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as axudas para o pagamento da comisión de apertura destinadas ás persoas beneficiarias dos préstamos para o adianto das axudas directas da política agrícola común, así como as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control da campaña 2022 (código de procedemento MR242A).

O día 31 de xaneiro de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 21 de xaneiro de 2022, que ten por obxecto regular e convocar na Comunidade Autónoma de Galicia, no ano 2022, os pagamentos directos á agricultura e á gandaría, así como as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.

Os pagamentos directos á agricultura e gandaría regulados nesa orde teñen o carácter de pagamentos compensatorios. O pagamento básico está disociado da produción e está baseado en criterios históricos de axudas compensatorias. Ten por finalidade estabilizar a renda das persoas agricultoras e compensalas pola prestación de servizos públicos de gran valor, como a protección do ambiente ou o benestar dos animais, entre outros. O mesmo carácter compensatorio teñen os pagamentos a zonas con limitacións naturais e as axudas de agroambiente e clima e de agricultura ecolóxica.

Nesta campaña 2022, a economía mundial segue a verse afectada pola pandemia internacional do virus COVID-19 e, tendo en conta en especial a evolución á alza dos prezos das materias primas experimentada nos últimos meses, e agravada posteriormente pola invasión rusa de Ucraína, é preciso dotar de liquidez os sectores económicos máis afectados, entre os que se atopa o sector primario.

Neste contexto de crise cómpre reivindicar o papel esencial da política agrícola común (PAC) para estimular o crecemento e amortecer os devastadores efectos da crise, máis aínda tendo en conta o citado carácter compensatorio das axudas que nela se integran.

No actual marco, a Consellería do Medio Rural asinou un convenio de colaboración con diversas entidades financeiras para formalizar os préstamos preferentes para o anticipo das axudas da PAC, isto é, as axudas directas e as axudas do Feader SIXC, reguladas na citada Orde do 21 de xaneiro de 2022, co fin de mellorar a liquidez do sector agrario.

Estes convenios teñen por obxecto establecer a forma e as condicións en que se desenvolverá a colaboración entre a Consellería do Medio Rural e as entidades financeiras para a instrumentación dunha liña de préstamos de xuro a tipo «0» a favor das persoas agricultoras e gandeiras solicitantes das axudas (directas e Feader SIXC) correspondentes á política agrícola común (PAC), incluídas na PAC 2022. Estes préstamos teñen por finalidade que as ditas persoas poidan dispoñer de forma anticipada do importe das axudas que van percibir da PAC, polo que o dito préstamo durará ata a data en que se faga efectivo o pagamento da axuda correspondente ás persoas beneficiarias, cun máximo de doce meses.

Na cláusula cuarta destes convenios regúlase unha comisión inicial de apertura do 2 % do importe do préstamo, que subvencionará a Consellería do Medio Rural con cargo aos seus orzamentos. Estas axudas son de concorrencia non competitiva e beneficiarán a todas as persoas solicitantes das axudas directas e Feader SIXC correspondentes á PAC da campaña 2022 que asinasen ou asinen préstamos coas entidades financeiras que permitan o adianto dos importes desas axudas.

Os convenios citados e as axudas que regula esta orde constitúen unha seria aposta por fornecer a PAC e o mundo rural neste período de crise que estamos a vivir e son unha ferramenta clave para satisfacer as necesidades do sector agrario, minimizando os danos derivados da pandemia mundial.

As axudas reguladas nesta orde concederanse a persoas agricultoras e gandeiras de Galicia con dereito a percibir axudas (directas e Feader SIXC) no marco da PAC na campaña 2022.

Por isto, co fin de reducir as cargas administrativas e acelerar a xestión, as axudas concederanse a todas as persoas agricultoras e gandeiras que, cumprindo os requisitos, presenten a solicitude única no ano 2022 prevista no marco do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, e que acrediten a formalización coas entidades financeiras dun préstamo para o adianto da PAC.

Esta axuda concédese ao abeiro das axudas de minimis no sector agrario, de acordo co Regulamento (UE) núm. 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, no uso das facultades que me confiren a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito

1. Esta orde ten por obxecto convocar e establecer as bases para a concesión de axudas de minimis para o pagamento da comisión inicial de apertura pola concesión dos préstamos para o adianto das axudas directas da PAC da campaña 2022, así como as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control, destinadas ás persoas beneficiarias dos préstamos.

2. Esta orde aplicarase no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e regula a forma de concesión e pagamento das axudas citadas no punto 1 deste artigo.

3. Nesta orde regúlase o procedemento MR242A, relativo á comunicación da declaración responsable sobre a formalización do préstamo do adianto da PAC 2022, que deberá achegarse coa documentación complementaria que recolle o anexo I desta orde.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas físicas ou xurídicas, ou entes sen personalidade xurídica, que cumpran todos os requisitos que se indican a seguir:

a) As persoas agricultoras e gandeiras solicitantes das axudas correspondentes á política agrícola común (PAC), que presenten ou presentasen a súa solicitude consonte o previsto na Orde do 21 de xaneiro de 2022 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.

b) Que subscriban ou subscribisen un préstamo persoal do anticipo da PAC 2022 con algunha das entidades financeiras que se relacionan no anexo IV, asinantes do convenio entre a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, e diversas entidades financeiras para formalizar préstamos preferentes para o anticipo das axudas directas, así como as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control correspondentes á PAC, relativas á Orde do 21 de xaneiro de 2022 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.

Artigo 3. Procedemento de concesión das axudas

A xestión destas subvencións realizarase polo procedemento de concorrencia non competitiva polo esgotamento do crédito, de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

Artigo 4. Solicitude das axudas e presentación de documentación xustificativa

1. A solicitude da axuda entenderase realizada pola presentación, no ano 2022, da solicitude única regulada na Orde do 21 de xaneiro de 2022 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control, sempre que exista a subscrición dun préstamo entre a persoa solicitante da PAC da campaña 2022 e as entidades financeiras asinantes do convenio, xa fosen subscritos os préstamos antes da sinatura do convenio xa con posterioridade á súa entrada en vigor, e que se considere o préstamo para o adianto da axuda da PAC da campaña 2022.

2. Corresponde ás entidades colaboradoras que se regulan no artigo 5.1 desta orde presentar ao Fogga a xustificación da sinatura dos préstamos previstos no número 1 deste artigo. Esta xustificación consistirá nunha comunicación asinada pola entidade financeira segundo o modelo que figura no anexo I desta orde.

As entidades colaboradoras presentarán, a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, a declaración responsable obrigatoriamente por medios electrónicos e responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para verificar o contido da declaración responsable.

3. As persoas solicitantes deberán asinar unha declaración responsable sobre se teñen concedidas axudas en réxime de minimis (Regulamento (UE) núm. 1408/2013) neste ano e nos dous anteriores, segundo o modelo que figura no anexo II desta orde. Neste anexo a persoa solicitante autorizará, así mesmo, a entidade colaboradora para a súa presentación ao Fogga.

4. As persoas solicitantes deberán estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias ou fronte á Seguridade Social, así como de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 5. Entidades colaboradoras, funcións e obrigas

1. Para os efectos desta orde, consideraranse entidades colaboradoras as entidades financeiras asinantes do convenio para o anticipo das axudas correspondentes á PAC relativas á Orde do 21 de xaneiro de 2022 coa Consellería do Medio Rural.

2. As entidades colaboradoras deberán comunicar, antes do 15 de setembro de 2022, a acreditación da formalización do préstamo do adianto da PAC 2022, segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, xunto coa documentación complementaria indicada no artigo 6.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As entidades financeiras deberán achegar coa comunicación do anexo I a seguinte documentación:

a) A declaración responsable da persoa asinante do préstamo sobre se teñen concedidas axudas en réxime de minimis (Regulamento (UE) nº 1408/2013) neste ano e nos dous anteriores, prevista no anexo II desta orde.

b) O ficheiro en formato folla de cálculo cos datos relativos aos préstamos previstos no anexo III desta orde.

2. Se algunha das entidades presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da comunicación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da comunicación deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Forma e lugar de presentación

A comunicación recollida no artigo 5 efectuarana as entidades colaboradoras exclusivamente a través de medios electrónicos. Para a comunicación empregarase o formulario normalizado cuxo modelo se inclúe como anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, accedendo ao procedemento MR242A.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades presenta a súa comunicación presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da comunicación aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Comprobación de datos

1. A tramitación do procedemento regulado nesta orde require a incorporación de datos en poder das administracións públicas ou entidades de asesoramento. De conformidade co disposto no artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poderanse consultar automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa declarante ou NIF da entidade declarante.

b) DNI/NIE da persoa representante ou NIF da entidade representante.

c) Información sobre o réxime de minimis das subvencións ou axudas da persoa solicitante da axuda. En concreto, se a persoa solicitante ten concedidas en réxime de minimis (Regulamento (UE) núm. 1408/2013), neste ano e nos dous anteriores, outras axudas para este mesmo fin, mediante consulta realizada aos datos que contén a Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

2. No caso de que as persoas solicitantes se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario que figura como anexo II desta orde e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

3. En caso de oposición á consulta de concesións pola regra de minimis, as persoas solicitantes deberán presentar ao Fogga unha declaración responsable sobre se recibiron por calquera concepto outras axudas de minimis de acordo co Regulamento (UE) núm. 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, en calquera período dentro deste exercicio fiscal e nos dous anteriores, a contía percibida por esas axudas, o organismo concedente e a súa disposición reguladora, e o compromiso de comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña en réxime de minimis doutras administracións públicas ou doutros entes públicos, nacionais ou internacionais, a partir da data desa declaración.

4. De acordo co establecido no artigo 14, punto 1.k), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios e as entidades colaboradoras teñen a obrigación de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 9. Resolución

1. A persoa titular da Dirección do Fogga será competente para resolver estas solicitudes de axuda.

2. Nas resolucións de concesión farase constar expresamente que a axuda concedida está suxeita ao réxime de minimis regulado polo Regulamento (UE) núm. 1408/2013 da Comisión Europea, do 18 de decembro.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos de posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, cos efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Publicación dos actos

1. As resolucións das solicitudes de axudas reguladas nesta orde serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro. De conformidade co establecido no artigo 45 da indicada lei, a notificación poderá realizarse mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia, cunha ligazón á páxina web do Fogga. Nesta notificación especificaranse a convocatoria, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como, se for o caso, as causas da desestimación, e expresará, ademais, os recursos que procedan contra a resolución, o órgano administrativo e xudicial ante o cal se deben presentar e o prazo para interpoñelos. As persoas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a aceptación da resolución. Transcorrido o dito prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada e non será admisible a renuncia posterior.

2. O prazo máximo para ditar as resolución das axudas previstas nesta orde será de 5 meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o devandito prazo sen que se dite e notifique a correspondente resolución, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude de axuda por silencio administrativo.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación da comunicación

Todos os trámites administrativos que as entidades financeiras deban realizar tras a presentación da comunicación deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Compatibilidade e contía das axudas

1. Se unha persoa beneficiaria recibiu por calquera concepto outras axudas de minimis de acordo co Regulamento (UE) núm. 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, que, sumadas á contía que puidese corresponderlle en virtude do previsto nesta orde, excedan o importe establecido no artigo 3 do Regulamento (UE) núm. 1408/2013 en calquera período dentro deste exercicio fiscal e nos dous anteriores, o importe da axuda prevista nesta orde reducirase de xeito proporcional ata non exceder o citado límite. Este límite operará por persoa beneficiaria, con independencia de cantas explotacións dispoña, situadas nunha ou varias comunidades autónomas.

2. A contía da axuda será do 2 % do importe do préstamo concertado entre a persoa solicitante da PAC e as entidades financeiras para o adianto de ata o 100 % dos importes das axudas directas, así como das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control. Esta contía calcularase tomando como referencia o importe pagado a cada persoa solicitante na campaña anterior.

No caso daqueles préstamos xa asinados previamente á sinatura do convenio, a axuda cubrirá todos os gastos financeiros desde a sinatura do préstamo ata o 15 de setembro. Esta axuda estará limitada a un máximo do 2 % do importe do préstamo.

Artigo 14. Financiamento e pagamento

1. Estas axudas financiaraas a Consellería do Medio Rural con cargo á aplicación orzamentaria 14.80.713F.470.1, habilitada para o efecto na anualidade 2022, cunha dotación máxima de 3.400.000 euros, que se esgotará no exercicio orzamentario 2022.

2. O Fogga xestionará o pagamento destas axudas ás persoas beneficiarias, nas contas bancarias indicadas na solicitude da PAC 2022, cos importes establecidos no punto 2 do artigo 13.

3. No caso de superación do límite establecido no punto 1, priorizarase por orde de sinatura do anexo II.

Artigo 15. Reintegro da axuda

Calquera incumprimento que teña como consecuencia a perda total das axudas da solicitude de PAC 2022 ou o reintegro total por parte da persoa beneficiaria da axuda, terá como consecuencia o reintegro total desta axuda.

Disposición adicional primeira. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional segunda. Transmisión de información á Base de datos nacional de subvencións (BDNS)

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Contido da folla de cálculo coa relación de datos

O contido mínimo do ficheiro que en formato folla de cálculo se indica na alínea b) do artigo 6 será o seguinte:

– Nome da persoa física subscritora da póliza coa entidade financeira ou nome completo da persoa xurídica subscritora da póliza.

– Primeiro apelido da persoa física subscritora da póliza coa entidade financeira.

– Segundo apelido da persoa física subscritora da póliza coa entidade financeira.

– NIF da persoa física ou xurídica subscritora da póliza.

– Data de formalización do préstamo.

– Data da sinatura do anexo II.

– Importe total do préstamo formalizado.

– Importe da comisión de apertura máis outros gastos financeiros no caso dos préstamos xa asinados previamente á sinatura do convenio.

– Cálculo do 2 % do préstamo formalizado ou dos gastos financeiros no caso dos préstamos xa asinados previamente á sinatura do convenio.

– Conta da solicitude da PAC 2022 onde se pagarán as axudas para o pagamento da comisión inicial de apertura nos préstamos para o adianto da PAC 2022.

ANEXO IV

Relación de entidades asinantes do convenio

Abanca Corporación Bancaria, S.A.

Banco Bilbao Vizcaya Argentaria, S.A.

Banco Santander, S.A.

Banco de Sabadell, S.A.

Caixa Rural Galega, Sdad. Coop. de Crédito Ltda. Gallega.

Caixabank, S.A.