Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Xoves, 9 de xuño de 2022 Páx. 33793

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 25 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento de bonos de innovación para pequenas e medianas empresas cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento IN848F).

A Constitución española, no seu artigo 44.2, obriga os poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece no artigo 149.1.15 que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

Pola súa banda, o Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 27.19 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, ten por obxecto establecer o marco de referencia para o fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico, da transferencia e valorización de resultados e da innovación en Galicia en todas as súas vertentes, así como da súa xestión eficiente. Esta lei, no seu capítulo III, crea o Plan galego de investigación e innovación como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo atribuíndolle no seu artigo 15.3 a consideración de plan estrataxico de subvencións, para os efectos do establecido no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación tecnolóxica dentro da Administración galega e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes. Entre os seus obxectivos destacan o de definir e desenvolver as políticas públicas que permitan ás empresas e ao resto de axentes o desenvolvemento de iniciativas de innovación construídas a partir de coñecementos que incrementen a súa competitividade e fomenten o seu crecemento; definir e desenvolver as políticas públicas orientadas á valorización do coñecemento desenvolvido polas empresas, universidades e centros de investigación de Galicia; fomentar a investigación e o desenvolvemento científico e tecnolóxico a través de iniciativas e programas específicos na Comunidade Autónoma galega; promover as relacións de colaboración entre os distintos axentes do Sistema galego de innovación impulsando a creación e o fortalecemento de redes de coñecemento entre axentes públicos e privados desde unha perspectiva de intercambio e de investigación aberta; favorecer a transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre os diferentes axentes e, particularmente, entre os organismos públicos de investigación e as empresas.

Nos artigos 17, 18 e 19 e seguintes da Lei 5/2013 atribúenselle á Axencia Galega de Innovación a execución e gobernanza do Plan galego de investigación e innovación, coa finalidade de fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e apoiar e impulsar o crecemento e a competitividade das empresas galegas.

O primeiro Plan que iniciou a senda de definición de políticas de innovación asociadas ao concepto de especialización intelixente foi o Plan de innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C). Este plan é o antecedente inmediato da Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia) que foi aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 7 de novembro de 2013, e que define o marco para as políticas de investigación e innovación en Galicia para o período 2014-2020 para a selección de prioridades de investimento.

A estratexia da RIS3 é a estratexia integral para artellar todas as actuacións da I+D+i en Galicia, integra os grandes obxectivos da política económica e industrial da Unión Europea, construída arredor da sustentabilidade, o Pacto verde europeo, a transformación dixital e a responsabilidade social.

Esta actuación tamén se encadra na Axenda de Competitividade Industrial: Industria 4.0, máis concretamente no punto 5.4 dedicado ao impulso da innovación no ámbito empresarial; así como na Estratexia galega de impulso á biotecnoloxía, que inclúe como un dos seus eixes prioritarios o Eixe 2: fortalecemento e consolidación empresarial, no cal se integra o programa de actuación B1: capacitación e competitividade innovadora.

Pola súa vez, a Axencia Galega de Innovación, no compromiso coa investigación e innovación responsable (IIR) e en consonancia coa Axenda 2030, a través desta actuación impulsa no ecosistema galego a adopción de medidas que axuden a garantir e incrementar o impacto social das actividades de I+D+i. Na práctica, a IIR impleméntase como un conxunto de medidas que inclúen e facilitan a participación de múltiples axentes e das persoas na investigación e na innovación, permitindo un acceso máis sinxelo aos seus resultados, a incorporación do xénero e da ética no contido e no proceso de I+D+i, e na educación científica formal e informal.

En Galicia existe un contorno moi propicio para o progreso da innovación toda vez que o sistema de I+D+i conta con numerosos axentes de primeiro nivel tanto no eido público como no privado (universidades, organismos públicos de investigación, centros tecnolóxicos, centros de innovación, empresas especializadas en servizos de apoio á I+D+i, empresas provedoras de servizos tecnolóxicos e de tecnoloxías facilitadoras...) que dotan a nosa comunidade dunha oferta moi importante de coñecemento científico e técnico para o tecido empresarial galego.

A abundante e ampla oferta de axentes tecnolóxicos presente no ecosistema galego de innovación non impide que, ao mesmo tempo, exista unha baixa taxa de absorción, por parte das pequenas e medianas empresas da I+D+i xerada en Galicia, especialmente naquelas pemes non tecnolóxicas pertencentes a sectores tradicionais.

O inicio do programa Innovapeme no ano 2017 cos plans de innovación, actualmente na convocatoria 2022, constitúe un instrumento de apoio a plans de innovación para incentivar as pemes galegas a pór en marcha accións planificadas cun impacto a medio prazo co fin de lograr melloras competitivas a través da innovación en todos os ámbitos empresariais.

No novo marco de especialización intelixente para o período 2021-2027 un dos obxectivos con respecto á innovación empresarial é definir itinerarios de apoio que respondan á heteroxeneidade do tecido empresarial e dean resposta tamén ás diferentes etapas de xeración e progreso da innovación ata converterse en valor no mercado.

As distintas convocatorias do programa Innovapeme teñen revelado un alto impacto nas pemes beneficiarias ao acadar un salto significativo na integración da función innovadora nas organizacións e na súa sistematización para ter continuidade no futuro de maneira integrada no resto da actividade diaria. Non obstante, tamén se ten identificado a dificultade deste instrumento para favorecer o inicio de actividades innovadoras daquelas microempresas e pemes que contan cunha estrutura interna reducida, ou que se basean en modelos de negocio e tecnolóxicos máis maduros. Estas microempresas e pemes son precisamente obxecto das políticas de impulso ás pemes, e é neste colectivo onde os instrumentos existentes non dan resposta ás súas necesidades concretas para comezar a innovar ou para facer actuacións que incidan de maneira puntual nas súas capacidades de innovar a curto prazo.

En consecuencia, é preciso articular un apoio á innovación empresarial que, con este obxectivo estrataxico de impulsar a innovación nas pemes, se focalice nas necesidades de actuación destas entidades. Por tanto, este instrumento de axudas, programa innovabonos, vai dirixido, por unha banda, ás microempresas e pequenas empresas que precisan contratar servizos dos axentes de innovación para acadar un salto cualitativo e cuantitativo na súa actividade de I+D+i a curto prazo, pero non requiren dunha acción integral e/ou de maior esforzo investidor como os plans de innovación. Doutra banda, neste instrumento artéllanse dúas vías de posta en valor de I+D+i nas pemes galegas mediante o fomento e axuda para a busca de financiamento de proxectos de I+D+i en axudas estatais, europeas ou internacionais, ou a obtención de beneficios e /ou exencións fiscais para a I+D+i.

O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e as axudas concedidas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido na normativa europea e baixo o réxime de minimis.

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPÓN:

Artigo 1. Bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás microempresas, pequenas e medianas empresas galegas (pemes) mediante bonos de innovación, código de procedemento IN848F:

Liña 1. Bonos para servizos de apoio á innovación, para o financiamento das actividades destinadas á protección da innovación e o coñecemento, transferencia tecnolóxica, comercialización e que permitan o desenvolvemento de novos produtos e servizos ou mellora da competitividade empresarial.

Liña 2. Bonos para xestión do financiamento da innovación, para a subvención dos custos de actividades de xestión, contratadas cos axentes da innovación, encamiñadas á:

Tipo A. Tramitación de incentivos e beneficios fiscais para a I+D+i.

Tipo B. Solicitude de financiamento a proxectos ou actuacións de I+D+i en convocatorias de axudas estatais, europeas ou internacionais.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2022 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva; as axudas concedidas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido na normativa europea do réxime de minimis, Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

As axudas de minimis consideraranse concedidas no momento en que se lle recoñeza á empresa o dereito legal a recibir a axuda en virtude do réxime xurídico estatal aplicable, con independencia da data de pagamento da axuda minimis á empresa.

Artigo 2. Definicións

1. Empresa: segundo o artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014, considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

2. Microempresa, pequena e mediana empresa: segundo o artigo 2 do anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014, consideraranse pemes as empresas que ocupan menos de 250 persoas e o seu volume de negocio anual non excede os 50 millóns de euros ou o seu balance xeral non excede os 43 millóns de euros. Dentro das pemes, considerarase pequena empresa aquela que ocupa menos de 50 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros, e microempresa, aquela que ocupa menos de 10 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.

Para o cálculo destes parámetros que definen o tipo de empresa deberán recollerse as indicacións incluídas nos artigos 3, 4, 5 e 6 do citado anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 e normativa europea complementaria.

3. Empresa en crise: a que así se defina consonte o previsto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 e ás directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (DOUEC núm. 249, do 31 de xullo), ou documento que o substitúa.

4. Empresa vinculada: son empresas vinculadas, segundo o artigo 3.3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, aquelas empresas entre as cales existe algunha das seguintes relacións:

• Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socios da outra empresa.

• Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros do órgano de administración, dirección ou control da outra empresa.

• Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato subscrito con ela ou dunha cláusula estatutaria da segunda empresa.

• Unha empresa, accionista ou asociada a outra, controla soa, en virtude dun acordo subscrito con outros accionistas ou socios da segunda empresa, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas ou socios.

Presumirase que non existe influencia dominante cando os investidores enunciados no artigo 3.2 (segundo parágrafo) do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 non teñan implicación directa ou indirecta na xestión da empresa en cuestión, sen prexuízo dos dereitos que lles correspondan na súa calidade de accionistas.

As empresas que manteñan calquera das relacións recollidas no parágrafo primeiro do artigo 3 do citado anexo I a través doutra ou doutras empresas, ou cos investidores enumerados no punto 2 do mesmo artigo, consideraranse tamén vinculadas.

Tamén se considerarán empresas vinculadas as que manteñan algunha das ditas relacións a través dunha persoa física ou un grupo de persoas físicas que actúen de común acordo, se as ditas empresas exercen a súa actividade ou parte desta no mesmo mercado de referencia ou en mercados contiguos, considerándose mercado contiguo o mercado dun produto ou servizo situado nunha posición inmediatamente anterior ou posterior á do mercado en cuestión.

5. Empresa asociada: son empresas que manteñen lazos significativos de asociación financeira con outras empresas, sen que ningunha exerza, directa ou indirectamente, un control efectivo sobre a outra.

Son asociadas as empresas que nin son autónomas nin están vinculadas entre si.

A empresa solicitante é asociada doutra empresa se:

• Posúe unha participación ou dereitos de votos superiores ou iguais ao 25 % da dita empresa, ou se a dita empresa posúe unha participación ou dereitos de voto superiores ou iguais ao 25 % da empresa solicitante.

• E as empresas non son empresas vinculadas, o que significa, entre outras cousas, que os dereitos de voto dunha delas na outra non supera o 50 %.

• E a empresa solicitante non elabora contas consolidadas que inclúan a dita empresa por consolidación, nin está incluída por consolidación nas contas da dita empresa nin nas de ningunha empresa vinculada a ela.

6. Única empresa: para os efectos do Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, inclúense todas as sociedades que teñan polo menos un dos seguintes vínculos entre si:

• Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socios doutra empresa.

• Unha empresa ten dereito a nomear ou revocar a maioría dos membros do órgano de administración, dirección ou control doutra sociedade.

• Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato subscrito con ela ou unha cláusula estatutaria da segunda empresa.

• Unha empresa, accionista ou asociada a outra, controla soa, en virtude dun acordo celebrado con outros accionistas ou socios da segunda, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas.

As empresas que manteñan calquera das relacións recollidas no parágrafo primeiro e cuarto deste punto a través doutra ou doutras empresas, tamén se considerarán unha única empresa.

7. Iniciativa empresarial emprendedora: empresa xa constituída que non supere a antigüidade máxima de 42 meses na data de presentación da solicitude, consonte o establecido no artigo 5 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

8. Investigación aplicada: a que ten como finalidade a obtención de novos coñecementos directamente vinculados a procesos empresariais no desenvolvemento de novos produtos ou procesos ou na mellora substancial dos xa existentes. Tamén se coñece como investigación industrial.

9. Desenvolvemento experimental: adquisición, combinación, configuración e emprego de coñecementos e técnicas xa existentes, de índole científica, tecnolóxica, empresarial ou doutro tipo, con vistas á elaboración de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados; pode incluír tamén, por exemplo, actividades de definición conceptual, planificación e documentación de novos produtos, procesos ou servizos.

10. Innovación: actividade que ten como resultado a obtención e a posta no mercado de novos produtos, servizos ou procesos, ou melloras substanciais dos xa existentes, de modo que presenten características ou aplicacións que difiran substancialmente dos existentes con anterioridade.

11. Innovación en produto: introdución no mercado dun produto mellorado que difire de xeito significativo dos produtos ou servizos previos tanto para a entidade que os desenvolve como para o mercado que os usa.

12. Innovación en proceso: concepto aplicado tanto aos sectores de produción como aos de distribución. Lógrase mediante cambios significativos nas técnicas, os materiais e/ou os programas informáticos empregados, que teñan por obxecto a diminución dos custos unitarios de produción ou distribución, a mellora da calidade, ou a produción ou distribución de produtos novos ou sensiblemente mellorados.

13. Transferencia: proceso desenvolvido polas persoas físicas ou xurídicas titulares de resultados de investigación ou tecnoloxías protexidos destinado a lle ceder a outra persoa física ou xurídica diferente da que os obtivo os dereitos sobre a titularidade e/ou o uso destes resultados ou tecnoloxías nos termos que se acorden entre as partes mediante un contrato específico chamado «contrato de transferencia», coa finalidade de incorporar estes resultados ou estas tecnoloxías en procesos de innovación.

14. Valorización: actividade consistente en dotar de valor comercial resultados de investigación ou tecnoloxías protexidos que carecen deste para conseguir a súa explotación empresarial ou a súa transferencia mediante o desenvolvemento de accións específicas e planificadas previamente.

15. Retos, prioridades e cadeas de valor da Estratexia RIS3 de Galicia: sintetiza o conxunto de obxectivos tecnolóxicos e de innovación da Estratexia RIS3 de Galicia, baseadas tanto en actividades existentes como en oportunidades de futuro.

Retos da RIS3:

• Reto 1: novo modelo de xestión dos recursos naturais e culturais baseados na innovación. Modernización dos sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovacións que incidan na mellora da eficiencia e o rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación aos usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais.

• Reto 2: novo modelo industrial sustentado na competitividade e o coñecemento. Aumentar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia, a través da hibridación e as tecnoloxías facilitadoras esenciais.

• Reto 3: novo modelo de vida saudable cimentado no envellecemento activo da poboación. Situar Galicia como a rexión líder do sur de Europa en oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable: envellecemento activo, aplicación terapéutica de recursos hídricos e mariños e a nutrición funcional.

Prioridades da RIS3 Galicia:

• Prioridade 1: solucións científico-tecnolóxicas para a sustentabilidade. Desenvolvemento e aplicación das diferentes solucións científico-tecnolóxicas e de innovación para avanzar na descarbonización das cadeas de valor, a sustentabilidade dos recursos naturais (terra e mar) e patrimoniais de Galicia, xerando, ademais, oportunidades para a diversificación a produtos sustentables competitivos internacionalmente e mellorando o benestar das persoas.

• Prioridade 2: dixitalización para o novo modelo industrial e social. Apoio á tecnificación e dixitalización (desenvolvemento e/ou incorporación de tecnoloxías) para impulsar o modelo industrial galego e a xestión e prestación de servizos sanitarios e sociais de calidade, como panca para a transformación resiliente de Galicia.

• Prioridade 3: orientación dos esforzos en I+D+i cara os retos da sociedade en alimentación, saúde e envellecemento activo, convertendo a Galicia nunha contorna de referencia mundial para o desenvolvemento e exame de novas oportunidades científico-tecnolóxicas e empresariais: Galicia Living Lab.

Cadeas de valor prioritarias de Galicia:

• Cadea de valor da industria aeroespacial e aeronáutica.

• Cadea de valor da industria da agroalimentación.

• Cadea de valor da industria da automoción.

• Cadea de valor das enerxías renovables e o almacenamento enerxético.

• Cadea de valor da industria forestal e da madeira.

• Cadea de valor da industria do mar e o medio mariño.

• Cadea de valor da industria naval.

• Cadea de valor da loxística.

• Cadea de valor da saúde, a calidade de vida e o envellecemento.

• Cadea de valor da industria téxtil e da moda.

• Cadea de valor do turismo e do patrimonio.

• Cadea de valor das TIC.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións imputaranse ao capítulo VII do orzamento da Axencia Galega de Innovación á aplicación orzamentaria que se indica neste artigo, en que existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma Galega, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria segundo o disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitudes que resulte da aplicación dos criterios de valoración.

A distribución de crédito para cada unha das liñas é:

Bonos

Aplicación /cód. proxecto

Total

Liña 1. Servizos de apoio á innovación

06.A2.561A.770.0 / 2016 00013

700.000,00 €

Liña 2. Xestión do financiamento da innovación

Tipo A. Tramitación de incentivos fiscais

150.000,00 €

Tipo B. Xestión de axudas

150.000,00 €

2. E por iso, poderán ampliarse os créditos dedicados a esta convocatoria logo de declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, de ser o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A distribución de fondos establecida para cada liña, na aplicación orzamentaria sinalada, é unha previsión que deberá axustarse tras a valoración das solicitudes de axuda.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias desta axuda as microempresas, pequenas e medianas empresas, conforme as definicións contidas no artigo 2, validamente constituídas no momento da presentación da solicitude, con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as que solicitan a axuda. Cada unha das liñas que compoñen esta axuda vai dirixa ás seguintes entidades:

Bonos

Beneficiarios

Liña 1. Servizos de apoio á innovación

Microempresas e pequenas empresas

Liña 2. Xestión do financiamento da innovación

Microempresas, pequenas e medianas empresas

2. Os beneficiarios das axudas deberán contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para a execución da axuda que se lles conceda, cuxas condicións se determinarán no documento que establece as condicións da axuda (DECA), conforme o disposto no artigo 20 desta convocatoria.

Artigo 5. Exclusións

1. Quedan excluídos da presente convocatoria e non poderán adquirir a condición de beneficiarios desta axuda:

a) As pemes en crise conforme a definición contida no artigo 2.3 desta convocatoria.

A Axencia Galega de Innovación realizará as comprobacións necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, e que se cumpren as condicións establecidas no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión, para considerar a unha empresa en crise.

b) As pemes nas cales concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

c) As pemes vinculadas ou asociadas e/ou pertencentes ao mesmo grupo empresarial, nos seguintes casos:

• Que fosen beneficiarias doutras convocatorias do programa Innovapeme nas condicións do punto 2 deste artigo.

• Que sexan beneficiarias simultaneamente na presente convocatoria nunha mesma liña. Neste caso, as pemes beneficiarias deberán determinar cal é o expediente que continúa no procedemento.

d) As asociacións, as fundacións e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro.

e) As entidades e sociedades públicas con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes das administracións públicas, así como aquelas pertencentes á Administración institucional, calquera que sexa a administración na que se integren.

f) Calquera ente, organismo ou entidade con personalidade xurídica propia, que se teñan creado especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos pertencentes ao sector público financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión, ou nomeen máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia, de acordo co establecido no artigo 3.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

2. De xeito específico quedan excluídas:

a) Para a liña 1, bonos para servizos de apoio á innovación:

• As microempresas e pequenas empresas, que xa resultasen beneficiarias dunha axuda no programa Innovapeme na súa convocatoria do ano 2017 (Resolución do 27 de novembro de 2017, DOG núm. 232, do 7 de decembro), do ano 2019 (Resolucións do 29 de xullo de 2019, DOG núm. 153, do 13 de agosto e Resolución do 29 de outubro de 2019, DOG núm. 226, do 27 de novembro), do ano 2020 (Resolución do 15 de setembro de 2020, DOG núm. 196, do 20 de setembro) e no ano 2021 (Resolución do 8 de outubro de 2021, DOG núm. 203, do 21 de outubro).

• As microempresas e pequenas empresas que, no momento da publicación desta resolución, inclúan como rúbricas exclusivas da Clasificación nacional de actividades económicas-CNAE-2009 algunha das seguintes:

– Sección J: información e comunicacións: quedan excluídas como beneficiarias as empresas das divisións 61: telecomunicacións; 62: programación, consultoría e outras actividades relacionadas coa informática; e 63: servizos de información.

b) Para a liña 2, bonos para a xestión do financiamento da I+D+i:

• As pemes que xa resultasen beneficiarias dunha axuda no programa Innovapeme na súa convocatoria do ano 2020 (Resolución do 15 de setembro de 2020, DOG núm. 196, do 20 de setembro) e no ano 2021 (Resolución do 8 de outubro de 2021, DOG núm. 203, do 21 de outubro).

Artigo 6. Contía, intensidade das axudas e concorrencia

1. As axudas concederanse en forma de subvencións non reembolsables. A contía máxima da axuda que pode ser concedida a cada beneficiario determinarase sobre o investimento total que se subvenciona segundo a seguinte táboa:

Modalidade bonos

Investimento

Subvención

Intesidade máxima

Liña 1. Apoio á innovación

De 30.000 € ata 50.000 €

De 21.000 € ata 35.000 €

70 %

Liña 2. Xestión financiamento

Sen límite

Máximo de 5.000 €

70 %

2. As axudas concedidas pola Axencia Galega de Innovación ao abeiro desta convocatoria serán compatibles coa percepción doutras axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, salvo que se superen as intensidades máximas de axuda establecidas do 70 %.

3. Esta convocatoria establécese en réxime de concorrencia competitiva ata o esgotamento de crédito e conforme os criterios de avaliación establecidos para cada unha das liñas de axuda.

Artigo 7. Actividades que se subvencionan

Serán subvencionables os custos de contratación de servizos externos efectuados desde o 1 de xaneiro de 2022 ata o 21 de outubro de 2022.

1. Para a liña 1, bonos para servizos de apoio á innovación, as actividades que se subvencionan serán as que reúnan, necesariamente, as seguintes características.

a) Constituirán unha ou máis actividades que estarán incluídas nunha memoria descritiva (anexo II) que se presentará xunto coa solicitude, que respondan a necesidades xustificadas e cun impacto contrastable na empresa, que permitan consolidar e/ou incrementar as capacidades tecnolóxicas e de impulso da I+D+i da empresa.

b) O orzamento subvencionable será dun mínimo de 30.000,00 € e dun máximo de 50.000,00 €.

A presentación dunha proposta cun orzamento fóra do rango establecido será causa de inadmisión da solicitude de axuda.

c) As actividades realizaranse mediante a contratación de servizos de apoio á innovación de entre as seguintes tipoloxías:

I. Protección do coñecemento, dos activos intanxibles da empresa, xestión da tramitación de novas patentes, modelos de utilidade e os dereitos de propiedade industrial que se solicite en España, excluíndose o mantemento ou ampliación das existentes.

II. Deseño, implantación e mellora de sistemas de xestión e organización da innovación. Certificacións da especificación EA0047 «Requisitos para a consideración como pequena ou mediana empresa innovadora», EA0043 «Requisitos da xove empresa innovadora» e as incluídas na serie de Normas UNE 166000 dedicadas a apoiar a optimización da «Xestión da I+D+i» e outras certificacións específicas para o desenvolvemento da investigación e innovación industrial, baixo a consideración discrecional da Axencia Galega de Innovación.

III. Estudos de vixilancia tecnolóxica e estado da arte, para dotarse de información da ciencia e tecnoloxía que permitan identificar oportunidades e tomar decisións para actuacións de I+D+i.

IV. Estudos de viabilidade tecnolóxica e industrial encamiñados ao desenvolvemento de novos produtos ou servizos, ou análise da mellora ou creación de novos procesos produtivos. Verificacións de parámetros, escalabilidade industrial, durabilidade, fiabilidade...

V. Accións para levar a mercado ou implementar os resultados da investigación e innovación industrial, deseño de novos produtos, servizos ou procesos industriais nas etapas previas á comercialización.

VI. Reconfiguración e redeseño de novos produtos e servizos para diversificación e mellora da capacidade produtiva, e incrementar así o impacto nos mercados.

VII. Accións de testaxe, validación, verificacións ou accións destinadas ao cumprimento de especificacións requiridas para a explotación comercial, previas á comercialización.

d) Soamente se financiarán as actividades desenvolvidas na Comunidade Autónoma Galega.

e) Non serán subvencionables os cambios ou melloras de importancia menor, os aumentos das capacidades de produción ou servizo mediante a introdución de sistemas de fabricación ou loxística moi similares aos xa utilizados, que non supoñan unha actividade de innovación.

Exclúense as actividades destinadas a:

I. Desenvolver accións que se financien pola liña 2 desta convocatoria.

II. Cumprimento da normativa obrigatoria.

III. Implantación de certificados de calidade, ambiente, boas prácticas ou similares.

IV. Análise, ensaios ou caracterizacións habituais ou recorrentes.

V. Calquera tipo de acción formativa.

VI. Asesoramento e asistencia técnica en materia xurídica, servizos de publicidade, comunicación e comercialización, salvo os asesoramentos xurídicos e estudos de mercado relativos ás actividades do punto 1, letra c).

VII. Accións de dixitalización na empresa como melloras de aplicacións ou software xa existente ou a súa adaptación, os desenvolvementos ofimáticos (ERP, CRM, páxinas web, plataformas de comercio electrónico, xestións de redes, clientes, intelixencia e análise de negocios), sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomas, interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados (intelixencia de negocio, big data e similares), ciberseguridade e ferramentas de oficina virtual, financeiros ou contables e calquera outra aplicación asimilable ás anteditas.

VIII. Servizos de telecomunicacións ou de almacenamento ou hospedaxe da información.

IX. Arrendamento de equipamentos (hardware), redes ou sistemas físicos de tecnoloxías da información ou das comunicacións.

2. Liña 2, bonos para a xestión do financiamento da innovación. Establécense dúas tipoloxías diferentes:

a) Tipo A. Contratación de servizos de consultoría para a tramitación de incentivos fiscais á I+D+i a través da obtención da cualificación fiscal correspondente ao exercicio fiscal 2021. Cun límite da axuda de ata 5.000,00 €.

b) Tipo B. Contratación de servizos de consultoría ou asesoramento para a tramitación de novas solicitudes de propostas de I+D+i en convocatorias de axudas estatais, europeas ou internacionais. Cun límite da axuda de ata 5.000,00 €.

A tramitación da solicitude de axuda a calquera convocatoria deberá estar presentada no período elixible de gastos, e a súa acreditación será a través do rexistro de entrada do organismo que proceda.

Cando a axuda solicitada sexa para convocatorias de subvencións a proxectos de colaboración, non poderá haber máis de dous beneficiarios deste bono para un mesmo proxecto.

As propostas presentadas deberán ter previsto a realización de actividades de I+D+i exclusivamente en Galicia por parte da entidade solicitante.

Artigo 8. Conceptos de gasto que se subvencionan

1. Os gastos que se subvencionan deberán respectar o establecido nesta convocatoria e serán exclusivamente custos directos. Estarán directa e inequivocamente relacionados coas accións que se subvencionan e cuxo nexo poida demostrarse.

2. Só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados e pagados nos períodos temporais establecidos para cada unha das liñas de axuda. A contratación e prestación do servizo subvencionado terá que facerse no antedito período temporal segundo o artigo 25.1.

3. De acordo co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto que se subvenciona iguale ou supere a contía de 15.000 euros, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

Estas excepcións deberán xustificarse expresamente. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

4. No suposto de que o importe do IVE non sexa recuperable, poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso deberase presentar un certificado relativo á situación da entidade con respecto ao IVE.

5. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades, ou prestación de servizos que se subvencionan con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas, asociadas e/ou do mesmo grupo empresarial co beneficiario, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Se empresas vinculadas, asociadas e/ou do mesmo grupo empresarial participan como entidades contratadas, como provedores, provedores de servizos ou dalgunha outra forma, a súa actividade non será subvencionable.

e) Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reunir os requisitos ou non alcanzar a valoración suficiente.

6. Os conceptos de gasto agruparanse:

a) Liña 1:

i. Custos da protección do coñecemento da innovación industrial nas empresas.

ii. Custos da transferencia de coñecemento e vixilancia tecnolóxica.

iii. Custos das accións estratéxicas para desenvolver novos produtos, procesos e servizos.

b) Liña 2:

i. Tipo A, custos da tramitación de incentivos e beneficios fiscais para a I+D+i.

ii. Tipo B, custos da tramitación de presentación de axudas de I+D+i estatais, europeas e internacionais.

Artigo 9. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderse que o prazo expira o derradeiro día do mes.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As entidades solicitantes deberán achegar, xunto co formulario de solicitude, a seguinte documentación:

a) Copia da escritura de constitución da entidade e as súas modificacións posteriores.

b) Certificación actualizada do Rexistro Mercantil, en que se especifique a data de constitución, o obxecto social, capital, sede social e clasificación CNAE.

c) Poder de representación verificado na súa suficiencia, de ser o caso.

d) Declaración completa do imposto de sociedades do último exercicio pechado, modelo 200 da Axencia Tributaria Estatal.

e) Informe do cadro de persoal medio anual emitido pola Seguridade Social do ano 2021.

No caso de non ter traballadores dados de alta no réxime xeral da Seguridade Social, achegarase documento acreditativo emitido pola Seguridade Social e declaración responsable do representante legal da entidade de non ter traballadores.

f) Anexo V, declaración da condición de peme.

No caso de pemes vinculadas, asociadas ou participadas de acordo cos criterios establecidos no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, deberanse achegar os anexos V-A, V-B, V-A.1, ou V-B.1, segundo corresponda.

Tamén, como documentación complementaria, deberase achegar, para cada unha das empresas vinculadas ou asociadas, a documentación das letras a), b), d), f) deste artigo.

g) Deberase presentar a documentación acreditativa daqueles criterios de avaliación que se detallan no artigo 18 desta convocatoria (información adicional anexo VI), de ser o caso.

2. Ademais, deberase achegar segundo o tipo de bonos:

a) Liña 1:

i. Memoria descritiva, segundo as especificacións do anexo II.

ii. Documentación acreditativa de criterios de avaliación.

b) Liña 2:

i. Memoria descritiva, segundo as especificacións do anexo III.

A memoria é un elemento de referencia para aplicar unha parte importante dos criterios de avaliación e a coherencia do investimento, polo que a súa ausencia, unha redacción incompleta, deficiencias nos seus contidos ou a súa difícil comprensión poderá producir minusvaloración da solicitude, sen que sexa susceptible dun requirimento de mellora.

Non se admitirán melloras, adicións ou substitucións das memorias, da información achegada xunto con estas con posterioridade ao vencemento do prazo máximo para a presentación de solicitude, por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva. A falla de presentación da memoria dentro do período de admisión de solicitudes non se considera emendable e acordarase, de oficio, a inadmisión da solicitude.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) DNI/NIE da persoa representante que asine a solicitude.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

h) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos que correspondan.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas se realizarán mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

De conformidade co artigo 47 da devandita lei, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

3. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora e do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Información aos interesados

1. Sobre o procedemento administrativos que se inclúe nesta convocatoria, co código IN848F, poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa lapela de axudas.

b) Nos teléfonos 981 95 70 17, 981 54 10 79 e 981 95 73 93 da dita Axencia.

c) No enderezo electrónico servizos.gain@xunta.gal

d) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento e as incidencias no funcionamento na sede electrónica poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14 letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 6 e seguintes da Lei orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

4. En cumprimento do previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 16. Instrución do procedemento e tramitación

1. A Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións e corresponderalle á Dirección da Axencia Galega de Innovación ditar as resolucións de outorgamento das ditas axudas.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, ou non se lle xunta a documentación exixida, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición logo da correspondente resolución.

A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver os procedementos e para o seguimento e avaliación da RIS3 en que se enmarcan estas axudas.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán avaliados conforme os criterios de avaliación e remitidos á comisión de selección.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria que se especifica na convocatoria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

6. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto para as infraccións e sancións nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Comisión de Selección

1. A Comisión de Selección será o órgano colexiado encargado de seleccionar as solicitudes e estará composta por:

a) Un/unha director/a de área da Axencia Galega de Innovación, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente/a.

b) Unha persoa que exerza a xefatura de departamento da Axencia Galega de Innovación ou persoa en que delegue.

c) Tres empregados públicos da Axencia Galega de Innovación, actuando un deles como secretario.

2. A Comisión realizará a selección de acordo co informe de avaliación realizado para cada solicitude, conforme os criterios de valoración establecidos nas bases reguladoras.

Proporase a concesión das solicitudes por orde decrecente de valoración ata esgotar os créditos dispoñibles, quedando, de ser o caso, como suplentes aquelas solicitudes para as cales non se dispón de crédito suficiente.

3. A Comisión de Selección emitirá un informe final no cal figurarán, de xeito individualizado, as solicitudes propostas para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde. Así mesmo, indicarase o importe do custo subvencionable e da subvención para cada un deles sen superar o crédito dispoñible e tendo en conta a intensidade de axuda prevista nesta convocatoria.

Artigo 18. Criterios de avaliación

A avaliación de cada solicitude que reúna os requisitos exixidos nesta convocatoria realizarana xestores/as técnicos/as da GAIN que poderán contar co apoio de persoal experto externo.

1. Os criterios de avaliación clasifícanse segundo as características a examinar en:

A. Características xerais da empresa solicitante.

B. Criterios específicos para cada liña de axuda.

Os criterios de avaliación descríbense en detalle a continuación:

A. Da empresa: ata 17 puntos.

1.A.1. Perfil da empresa: ata 7 puntos.

a) Microempresa: + 2 puntos.

b) Pequena empresa: + 1 punto.

c) Xeolocalización (zonas despoboadas ou rurais, segundo a Orde do 9 de febreiro de 2017 da Consellería de Facenda pola que se determinan as parroquias que teñen a consideración de zonas pouco poboadas ou áreas rurais (...) (DOG núm. 29, do 10 de febreiro): + 3 puntos.

d) IEE, iniciativa empresarial emprendedora: + 2 puntos.

1.A.2. Responsabilidade social e sustentabilidade: ata 10 puntos.

a) Dispoñer de plan de igualdade rexistrado: + 4 puntos.

b) Cadro de persoal:

i. 40-60 % mulleres: + 2 puntos.

ii. >60 % mulleres: + 4 puntos.

iii. >10 % con diversidade funcional recoñecida: + 2 puntos.

c) Compromiso coa sustentabilidade ambiental: + 1 punto.

d) Responsabilidade social empresarial: + 1 punto.

B. Liña 1, servizos de apoio á innovación: ata 33 puntos.

1.B.1. Contribución á mellora da competitividade: ata 18 puntos.

a) Adecuación e coherencia da proposta: ata 9 puntos.

b) Avaliación das accións para a innovación: ata 3 puntos.

c) Avaliación da mellora da capacidade produtiva ou custos: ata 3 puntos.

d) Diversificación da oferta de produtos e/ou servizos: ata 3 puntos.

1.B.2. Impactos, resultados e contribucións dos investimentos: ata 15 puntos.

a) Sustentabilidade: ata 6 puntos.

i. Redución do consumo enerxético, materias primas etc.: ata 2 puntos.

ii. Redución de contaminantes no proceso produtivo: ata 2 puntos.

iii. Outras melloras que contribúan á sustentabilidade: ata 2 puntos.

b) I+D+i: ata 9 puntos.

i. Novas patentes, propiedade industrial etc.: ata 3 puntos.

ii. Novos produtos ou servizos: ata 3 puntos.

iii. Accións de transferencia tecnolóxica: ata 3 puntos.

iv. Incorporación de TFE (anexo IV): ata 2 puntos.

C. Liña 2, tipo A, tramitación de incentivos fiscais: ata 8 puntos.

1.C.1. Deducións fiscais xeradas de I+D+i da empresa.

a) Non ter deducións de I+D+i nos dous últimos anos (2019-2020): + 3 puntos.

b) Incremento da dedución no ano 2020 respecto do ano 2019: + 2 puntos.

c) Mantemento do valor da dedución no ano 2020 ou descenso respecto das deducións do ano 2019: + 1 puntos.

1.C.2. Valoración de deducións fiscais xeradas de I+D+i no ano 2021.

a) Incremento da dedución no ano 2021 respecto de 2020: + 5 puntos.

b) Mantemento do valor da dedución no ano 2021 ou descenso respecto do valor da dedución do ano 2020: + 2 puntos.

D. Liña 2, tipo B solicitude de axudas á I+D+i estatais, europeas: ata 13 puntos.

1.D.1. Deducións fiscais xeradas de I+D+i da empresa: ata 3 puntos.

a) Non ter deducións de I+D+i nos dous últimos anos (2019-2020): + 3 puntos.

b) Incremento da dedución no ano 2020 respecto do ano 2019: + 2 puntos.

c) Mantemento do valor da dedución no ano 2020 ou descenso respecto das deducións do ano 2019: + 1 puntos.

1.D.2. Características da convocatoria de I+D+i: ata 5 puntos.

a) Axuda europea ou internacional: + 3 puntos.

b) Proxecto colaborativo con máis de dúas entidades: + 2 puntos.

1.D.3. Características do proxecto: ata 5 puntos.

a) Aliñamento coa RIS3 Galicia: ata 3 puntos.

b) Con implicacións en TFE (anexo IV): ata 2 puntos.

2. As puntuacións segundo a liña de axuda son:

Modalidade da axuda

Puntuación máxima

Liña 1. Servizos de apoio á innovación

50 puntos

Liña 2. Tipo A, tramitación de incentivos fiscais á I+D+i

25 puntos

Liña 2. Tipo B, solicitude de axudas á I+D+i estatais, europeas...

30 puntos

Se as empresas solicitantes empatan na puntuación que obteñen, como criterio de desempate establécese como orde de prelación:

Primeiro. A entidade que obtivese maior puntuación na letra B de criterios de avaliación.

Segundo. En caso de persistir o empate, considerarase en primeiro lugar a empresa que teña un plan de igualdade rexistrado e, a continuación, as puntuacións obtidas consecutivamente nos criterios de avaliación da letra A.2.

Artigo 19. Trámite de audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución en cada unha das liñas de axuda desta convocatoria, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 20. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola comisión de selección á directora da Axencia Galega de Innovación para ditar a resolución de concesión, que deberá estar debidamente motivada.

Na proposta de resolución figurarán, de xeito individualizado, as solicitudes propostas para obteren a subvención e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nas bases reguladoras. Indicarase, así mesmo, o importe da subvención para cada unha delas.

No expediente de concesión de subvencións tamén se fará constar o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren os requisitos necesarios para accederen ás axudas.

2. Á vista da proposta formulada e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, ao non seren tidos en conta outros feitos ou outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, a directora da Axencia Galega de Innovación ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación, que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. As resolucións expresarán, cando menos, e para cada liña de axuda:

a) A denominación das entidades beneficiarias da axuda.

b) O importe global da axuda concedida e a desagregación dos ditos importes por conceptos de gasto, se é o caso (liña 1).

c) A lista de solicitudes denegadas, xunto coa súa causa de denegación.

d) A desestimación expresa do resto das solicitudes.

4. En todo caso, deberá notificarse a cada beneficiario un documento en que deberán figurar, como mínimo, a identificación do beneficiario, a contía da subvención e obrigas que correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda, así como os demais requisitos previstos na normativa que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

5. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de dous meses, contados a partir do día seguinte ao de remate do prazo para a presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

6. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 da antedita lei, a notificación individual de concesión da axuda poderase substituír pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://gain.xunta.gal, con indicación da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da axuda outorgada.

Artigo 21. Réxime de recursos

1. Segundo o disposto no artigo 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria, os interesados poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor o recurso de alzada en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor o recurso de alzada en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

Artigo 22. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer na sede electrónica onde se tramitou o procedemento ou por calquera outro medio que permita a súa constancia, sempre que incorporen as sinaturas que correspondan ás persoas coa capacidade de obrar en nome da entidade beneficiaria, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A directora da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigos 21.1 da dita norma.

Artigo 23. Modificación das resolucións

1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e forma que se determinen nas resolucións de concesión, e deberase obter autorización previa da Axencia Galega de Innovación para realizar cambios nelas.

2. Porén, cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión polo órgano concedente, logo de solicitude.

3. As modificacións unicamente serán admitidas a trámite, sempre que a solicitude se presente cunha anterioridade mínima dun mes ata a data de finalización do prazo de xustificación correspondente, e faranse efectivas se:

a) A modificación é autorizada expresamente pola Axencia Galega de Innovación.

b) A modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais ou que tivesen sido determinantes para a concesión da axuda, á determinación do beneficiario, nin danan os dereitos de terceiros.

c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevidas que non puideron preverse no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non poderían supor a denegación da subvención, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. A solicitude de modificación debe formularse pola representación legal da entidade beneficiaria, expresando os motivos dos cambios que se propoñen e xustificando a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

Salvo naqueles supostos en que proceda a aplicación do establecido no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia, non se admitirán cambios con data anterior á entrada en rexistro da solicitude de modificación.

5. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola directora da Axencia Galega de Innovación, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa, e notificaráselle ao interesado.

Artigo 24. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria e normativa de aplicación, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

i. Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención e a acreditalo ante o órgano que a concede, así como cumprir os requisitos, prazos e condicións establecidos nas normas reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión, e no documento no que se establecen as condicións de axuda.

ii. Xustificar ante a Axencia Galega de Innovación, de acordo co previsto nestas bases e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e desfrute da subvención.

iii. Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto de casos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

iv. Subministrar á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

v. Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

vi. Comunicarlle á Axencia Galega de Innovación a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

vii. Desenvolver as actividades na Comunidade Autónoma de Galicia, segundo as consideracións desta convocatoria.

viii. Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación autorización previa para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actuacións aprobadas. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento que se financia suporá a non admisión das cantidades desviadas.

ix. Publicar a concesión da axuda na páxina web da empresa. As instrucións detalladas relativas ás obrigas de publicidade da axuda estarán a disposición na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.

x. Para a liña 1, colocar, nun lugar ben visible para o público, un cartel informativo, de tamaño mínimo A3, no que figurará, como mínimo, o nome da actividade subvencionada, o logotipo da Axencia Galega de Innovación e a frase «subvencionado pola Axencia Galega de Innovación».

xi. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta resolución, e conservar a documentación xustificativa relativa a esta subvención durante un prazo de cinco anos, contados a partir do ano en que rematan as actividades obxecto da axuda.

xii. Facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou doutros instrumentos, en particular as enquisas do INE, relacionados coa medición da I+D+i. Os datos asignados aos citados instrumentos de avaliación deberán estar consignados á Comunidade Autónoma de Galicia.

No marco do Plan de avaliación da RIS3 Galicia, desenvolverase un seguimento específico das axudas concedidas. Este seguimento estará baseado na recompilación de información acerca dos resultados económicos e científico-técnicos obtidos polas entidades beneficiarias, así como o seu nivel de satisfacción co apoio recibido. Para tales efectos, e por indicación da Axencia Galega de innovación, durante a execución e ao finalizar da axuda (ex-post), os beneficiarios deberán proporcionar información relativa a unha serie de indicadores, entre os que se incluirán indicadores xerais e específicos de I+D+i.

xiii. Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda.

Artigo 25. Xustificación da subvención

1. Prazos de xustificación:

O período de emisión de facturas (comezo de execución da actividade e facturación do gasto) e pagamento bancario do servizo será desde o 1 de xaneiro ata o 21 de outubro de 2022.

Poderá presentarse a documentación xustificativa, ata o 21 de outubro de 2022.

2. A xustificación da execución das accións para as que se concede a axuda deberá facerse accedendo á Carpeta cidadá, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e cubrindo o formulario de achega de documentación xustificativa deste procedemento.

Xunto co formulario antedito, achegaranse os documentos que se indican a continuación, que completan a xustificación económica e técnica necesaria para acreditar a execución dos custos e requisitos da convocatoria.

As instrucións detalladas, formularios adicionais e documentos tipo para a presentación da documentación xustificativa estarán dispoñibles na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) sendo preciso, se é o caso, presentar a documentación de xeito ordenado seguindo a estrutura establecida nas ditas indicacións.

3. Sen prexuízo da documentación que se indique, poderá requirirse información, datos, documentos complementarios e as aclaracións oportunas que resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Soamente serán admitidos os custos para os cales quede demostrado de xeito explícito a súa rastrexabilidade, con pistas de auditoría suficientes para a súa verificación e que cumpran os requisitos e preceptos establecidos na presente convocatoria e normativa de aplicación.

5. Se, transcorrido o prazo establecido para a xustificación da subvención, a empresa non presenta a documentación pertinente, a Axencia Galega de Innovación requirirao para que no prazo improrrogable de dez días a presente, advertíndolle que a falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito á subvención e a exixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Documentación xustificativa

Para a xustificación de cada anualidade, a empresa beneficiaria achegará a seguinte documentación, cuxos modelos estarán dispoñibles na web da Axencia Galega de Innovación xunto coas instrucións necesarias, a través da Carpeta do cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia:

1. Solicitude de libramento da axuda asinada pola representación legal da entidade.

2. As seguintes declaracións responsables segundo os modelos establecidos:

– Declaración do conxunto de axudas, solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade e tamén aquelas, solicitadas ou concedidas, para os mesmos custos aínda que a finalidade fose diferente, de todas as administracións públicas.

– Declaración de mantemento de contabilidade separada para o plan de innovación (liña 1).

– Declaración responsable dos datos de titularidade da conta bancaria da entidade beneficiaria onde se deba efectuar o pagamento.

3. No caso de que a entidade beneficiaria se opoña ou non manifesten o seu consentimento expreso para a súa consulta por parte do órgano xestor, achegaranse os certificados que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o beneficiario está ao día nas súas obrigas tributarias.

4. Documentación xustificativa do gasto: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 48 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o regulamento da citada lei. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionalas co gasto xustificado.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia en formato pdf dos documentos orixinais.

5. Documentación xustificativa do pagamento: os pagamentos xustificaranse con copia de transferencias bancarias, certificacións bancarias, extractos bancarios, ou documentos obtidos a través da banca electrónica. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor.

Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, o número de factura e a satisfacción do importe total da factura (IVE incluído), así como o concepto a que se refiren. No caso en que no documento de pagamento non se faga referencia ás facturas, deberá ir acompañado da documentación complementaria que permita verificar a correspondencia entre gasto e pagamento.

No caso en que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, xuntarase dunha relación detallada delas en que se poida apreciar que o pagamento se corresponde coas devanditas facturas. No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao plan, será necesario achegar o correspondente extracto bancario acompañado da orde de pagamento da empresa selada polo banco coa relación detallada das facturas e copia delas.

En ningún caso se admitirán pagamentos xustificados mediante recibos do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

6. Certificado relativo á situación da entidade co respecto ao IVE, só para os casos no que o seu importe non sexa recuperable total ou parcialmente, e poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso, deberase presentar un certificado de exención ou rateo relativo á situación da entidade co respecto ao IVE.

7. Comunicación escrita aos provedores do financiamento do servizo contratado.

8. De xeito específico:

Liña 1. Ademais da antedita documentación:

i. Resumo de execución de gastos.

ii. Memoria descritiva das accións desenvolvidas e os impactos que se prevén.

Liña 2. Achegarase:

i. Certificación fiscal correspondente ao/s proxecto/s de I+D+i obxecto do servizo subvencionable ou informe motivado vinculado emitido polo Ministerio de Ciencia e Innovación (tipo A).

ii. Rexistro de entrada da solicitude de axuda do proxecto subvencionable e formulario de solicitude conforme a convocatoria (tipo B).

9. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 27. Pagamento

O pagamento da axuda efectuarase ao beneficiario ou entidade con dereito ao seu cobramento, despois da verificación da documentación xustificativa presentada e as accións de inspección e verificacións que sexan pertinentes.

A concesión destes pagamentos realizarase mediante resolución motivada.

Artigo 28. Control

1. A Axencia Galega de Innovación poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxecto das subvencións.

En calquera momento, poderanse realizar visitas aos beneficiarios coa finalidade de realizar comprobacións e solicitudes de aclaracións que se consideren necesarias para a verificación do correcto desenvolvemento das actividades para as que se concedeu a axuda, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos para os que se concederon, poderá propoñer a suspensión da subvención concedida.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

3. Así mesmo, a Axencia Galega de Innovación poderá convocar os beneficiarios, se o considera necesario, a unha entrevista en relación coa execución das actividades e os resultados obtidos.

4. Se pola situación excepcional derivada pola pandemia da COVID non fose oportuno realizar a inspección in situ, transitoriamente poderá substituírse pola entrega de xustificación documental en que se constate, de forma razoable e suficiente, a realización da actividade subvencionada, e no caso de activos tanxibles polo envío de materiais fotográficos por parte do beneficiario, de modo que se poida comprobar o correcto funcionamento destes e as súas características, número de serie e o cumprimento dos requisitos de publicidade previstos na convocatoria, sen prexuízo de que, posteriormente, cando sexa posible, se efectúe a dita inspección.

Artigo 29. Gradación dos incumprimentos, reintegros e sancións

1. A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como os compromisos asumidos nela durante a execución das actividades subvencionadas e o tempo establecido na normativa de aplicación. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e os xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para facer efectiva esta devolución tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

2. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento do beneficiario da súa obriga de estar ao corrente das súas obrigas coa Facenda estatal, a autonómica e coa Seguridade Social.

3. Serán causas de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos fornecidos polo beneficiario que servisen de base para a concesión da axuda, ou a ocultación daqueles datos que a impedisen.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, tarefas, compromisos ou condicións da concesión da axuda inicial ou da finalidade para a cal a axuda foi concedida.

c) O incumprimento da obrigación de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables, ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.

d) O incumprimento da obrigación de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 24 da presente convocatoria.

e) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, de rexistro ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

g) Non facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros instrumentos relacionados coa medición da innovación nos termos e condicións establecidos no artigo 24.xii desta resolución.

h) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O incumprimento total dos fins para os que se concedeu a axuda, da realización do investimento que se financia ou da obriga de xustificación, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.

En todo caso, serán causas de incumprimento total:

a) Non xustificar a execución dun orzamento mínimo de 25.000 € do bono de servizos da innovación (liña 1) concedido.

5. Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, poderase apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

b) Se se incumpriron as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do plan de innovación dando lugar a un informe final negativo, o incumprimento valorarase en función deste e suporá a aplicación dunha minoración da axuda igual á porcentaxe de incumprimento sinalado no informe técnico, sempre que se acade a porcentaxe mínima para non dar lugar ao reintegro total.

c) Non comunicar a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas suporá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora e a perda dun 5 % da subvención concedida, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d) Non dar publicidade destas axudas de conformidade co artigo 24 ix e x desta resolución suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

e) Non comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención suporá a perda do 5 % da subvención concedida.

f) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados, suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

g) Non facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros instrumentos relacionados coa medición da innovación será causa de reintegro de ata o 2 % da subvención concedida.

No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc...), estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecten en controis posteriores o pagamento dalgún incumprimento relativo a esas obrigas.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á súa apreciación conxunta, aplicando á minoración conxunta correspondente.

6. Se o incumprimento deriva da inobservancia dalgunha condición ou suposto distinto dos anteriores, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida.

7. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 30. Procedemento de reintegro

1. Se aboada parte ou a totalidade da axuda, acaecesen os motivos que se indican no artigo 29 desta convocatoria, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas, e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento de pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo do órgano concedente destas e comunicarase ao beneficiario a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007 e 77 e seguintes do Decreto 11/2009.

4. A resolución do procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa.

5. Sen prexuízo do anterior, aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 31. Prescrición

1. O dereito da Administración a recoñecer ou liquidar o reintegro prescribirá aos catro anos, sen prexuízo do establecido na normativa de axudas de estado.

2. Este prazo computarase, en cada caso:

a) Desde o momento en que venceu o prazo para presentar a xustificación por parte do beneficiario.

b) Desde o momento da concesión, no suposto previsto no punto 9 do artigo 28 da Lei 9/2007.

c) No suposto de que se establecesen condicións ou obrigas que debesen ser cumpridas ou mantidas por parte do beneficiario durante un período determinado de tempo, desde o momento en que venceu o dito prazo.

3. O cómputo do prazo de prescrición interromperase:

a) Por calquera acción da Administración realizada con coñecemento formal do beneficiario, que conduza a determinar a existencia dalgunha das causas de reintegro.

b) Pola interposición de recursos de calquera clase, pola remisión do tanto de culpa á xurisdición penal, ou pola presentación de denuncia ante o Ministerio Fiscal, así como polas actuacións realizadas con coñecemento formal do beneficiario no curso dos ditos recursos.

c) Por calquera actuación fidedigna do beneficiario conducente á liquidación da subvención ou do reintegro.

Artigo 32. Normativa

As axudas obxecto desta convocatoria teñen como referencia lexislativa fundamental a seguinte normativa:

• Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE núm. L187, do 26 de xuño).

• Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE núm. 352, do 24 de decembro).

• Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOUE núm. L124, do 20 de maio).

• Comunicación 2003/C 118/03 da Comisión. Exemplo de declaración sobre a información relativa á condición de peme dunha empresa (DOUE núm. C118, 20 de maio). Corrección da Comunicación 2003/C 118/03 da Comisión no que se refire á nota explicativa relativa aos tipos de empresas consideradas para calcular os efectivos e importes financeiros (DOUE núm. C42, do 18.2.2005).

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

• Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño).

• Decreto 15/2014, do 6 de febreiro, polo que se modifican os estatutos da Axencia Galega de Innovación e a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 34, do 19 de febreiro.).

• Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 19, do 27 de xaneiro).

• Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro).

• Resto de normativa aplicable.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2022

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

Anexo II

Especificacións para elaborar a memoria descritiva para bonos
para servizos de apoio á innovación (liña 1)

Número máximo de páxinas: 3 (excluída a portada).

Tamaño de letra: Arial 11.

Marxes: 2 cm.

Todos os contidos incluídos nas páxinas que excedan o número que se determina neste documento non serán tidos en conta na avaliación do plan de innovación.

A memoria terá os seguintes contidos mínimos que se describen a continuación e coa extensión na súa redacción que se indica:

A. Entidade solicitante (máximo, media páxina):

– Breve presentación da entidade.

– Actividade económica que desenvolve.

– Ámbito sectorial e alcance territorial.

– Experiencia en actividades de I+D+i.

– Estar en posesión do selo peme innovadora ou en trámites para conseguilo.

– ... (outros que considere).

B. Descrición dos obxectivos e actividades financiables (máximo, páxina e media):

– Obxectivos de cada actuación.

– Cadro orzamentario resumo:

Provedor1

Tipo de gasto2

Custo

Descrición do gasto

(descrición breve do servizo)

Totais

C. Impactos e resultados do plan (media páxina).

Conforme as actuacións previstas, detallar os obxectivos concretos que se pretenden acadar separadamente no ámbito de impacto empresarial e no ámbito concreto de resultados a acadar. No caso de ser posible, cuantificar estes impactos.

1. Cubrir unha liña para cada provedora.

2. Os tipos de gasto defínense no artigo 8.6.a):

i. Protección do coñecemento da innovación industrial nas empresas.

ii. Transferencia de coñecemento e vixilancia tecnolóxica.

iii. Accións estratéxicas para desenvolver novos produtos, procesos e servizos.

Anexo III

Especificacións para elaborar a memoria descritiva
para bonos para xestión do financiamento da innovación

Número máximo de páxinas: 3 (excluída a portada).

Tamaño de letra: Arial 11.

Marxes: 2 cm.

Todos os contidos incluídos nas páxinas que excedan o número que se determina neste documento non serán tidos en conta na avaliación da proposta de innovación.

A memoria terá os seguintes contidos mínimos que se describen a continuación e coa extensión na súa redacción que se indica:

A. Entidade solicitante (máximo, media páxina).

– Breve presentación da entidade.

– Actividade económica que desenvolve.

– Ámbito sectorial e alcance territorial.

– Experiencia en actividades de I+D+i.

– Estar en posesión do selo peme innovadora ou en trámites para conseguilo.

– ... (outros que considere).

B. Descrición do incentivo/s para tramitar e tarefas para realizar polo axente colaborador (máximo, unha páxina).

Describirase o incentivo a tramitar e a súa orientación a actividades de investigación, desenvolvemento ou innovación.

Indicaranse as datas previstas para a tramitación e expectativas de impacto no financiamento e fiscalidade da empresa nas actividades de I+D+i.

C. Nome do proxecto e características xerais (máximo, unha páxina e media).

– Título e acrónimo, descrición xeral dos obxectivos e tarefas a levar a cabo, duración ou cronograma xeral, lugar de desenvolvemento das actividades realizadas pola empresa, orzamento, número de persoas que conforman o equipo de traballo (diferenciando mulleres e homes), previsións de xeración de emprego durante a súa execución e colaboracións con axentes de coñecemento galegos (de ser o caso, participación en proxectos colaborativos)...

Anexo IV

Tecnoloxías facilitadoras esenciais3

Son aquelas tecnoloxías cun uso intensivo de coñecemento que están asociadas a unha elevada actividade de I+D e uns ciclos rápidos de innovación. Estas tecnoloxías fan posible a innovación en procesos, bens e servizos e teñen carácter transversal e importancia sistémica na actividade industrial das pemes.

As tecnoloxías facilitadoras esenciais (TFE) están relacionadas coas tecnoloxías industriais avanzadas empregadas en diferentes cadeas de valor:

a) Nanotecnoloxías e a súa aplicación industrial na asistencia sanitaria, a enerxía, o ambiente, a fabricación avanzada.

b) Microelectrónica e nanoelectrónica na aplicación de sistemas de control intelixentes para a xestión máis eficiente da xeración, almacenamento e transporte e o consumo da electricidade.

c) Fotónica e as súas aplicacións.

d) Fabricación con materiais avanzados que reducen a pegada de carbono e a demanda enerxética.

e) Biotecnoloxía con alternativas limpas e sustentables nos procesos relacionados con operacións industriais e agroalimentarias.

3A súa importancia vén inicialmente reflectida na Comunicación da Comisión ao Parlamento Europeo, ao Consello, ao Comité Económico e Social Europeo e ao Comité das Rexións, do 30.09.2009, «Preparar o noso futuro: desenvolvemento dunha estratexia común na UE para as tecnoloxías facilitadoras esenciais» e na Comunicación da Comisión ao Parlamento Europeo, ao Consello, ao Comité Económico e Social Europeo e ao Comité das Rexións, do 26.06.2012, «Estratexia europea para as tecnoloxías facilitadoras esenciais: unha ponte ao crecemento e ao emprego»

Anexo VI

Información adicional acerca da acreditación documental
de criterios de avaliación e outra de interese

A acreditación documental dos criterios de avaliación e outras características da entidade solicitante descritas nesta convocatoria.

a) Tipo e categoría de empresa.

Establécese na convocatoria, segundo o que define a normativa europea no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE núm. L187, do 26 de xuño).

Deberase cubrir a declaración da condición de peme e, se é o caso, as fichas adicionais que figuran como documentos asociados na sede electrónica.

Información detallada e práctica para o cálculo dos datos solicitados na declaración da condición de peme, pode atoparse en:

– Guía do usuario sobre a definición do concepto de peme 2020. Pode atoparse na ligazón do portal de publicacións da Unión Europea (https://op.europa.eu/es/home), ou na web da Axencia Galega de Innovación.

– Ferramenta en liña da Dirección Xeral de Industria e Pequena e Mediana Empresa do Ministerio (https://soypyme.ipyme.org/Home).

b) Deducións fiscais xeradas en I+D+i.

Acreditarase documentalmente (por exemplo, deducións xeradas incluídas no modelo 200 do imposto de sociedades, ou outro documento oficial ...).

c) Plan de igualdade.

Copia do rexistro do plan de igualdade ou certificado da oficina de rexistro conforme se cumpre a súa inscrición.

d) Compromiso coa sustentabilidade ambiental.

Mediante a presentación de certificación en vigor de xestión ambiental (ISO 14001, Emas...), de xestión enerxética (ISO 50001, outras), certificacións MSC, FSC, SAN, FAIRTRADE... ou documento acreditativo.

e) Responsabilidade social empresarial.

Mediante a presentación de certificación en vigor da norma OSHAS 18001, SA8000, ISO26000.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file