Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Venres, 10 de xuño de 2022 Páx. 34190

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 24 de maio de 2022 polo que se dá publicidade da Resolución do 14 de maio de 2022, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, que modifica o acordo de concentración parcelaria da zona de Saiar (Caldas de Reis, Pontevedra).

O 14 de maio de 2022 a directora xeral de Desenvolvemento Rural ditou resolución de modificación do Acordo de concentración parcelaria da zona de Saiar (Caldas de Reis, Pontevedra), que se transcribe a seguir:

«O Acordo da zona de concentración parcelaria de Saiar (Caldas de Reis, Pontevedra) foi aprobado pola dirección xeral competente na materia con data do 8 de marzo de 2005 e foi notificado e publicado na forma legalmente prevista. Na actualidade encóntrase pendente de declaración de firmeza.

Con posterioridade a estes actos, o Concello de Caldas de Reis solicitou a cesión da titularidade dos predios 2111-3 e 2344 do Fondo de Terras da zona, para o establecemento de depuradoras de augas residuais para o servizo dos núcleos de Soutelo e Cardín, respectivamente.

Vista a proposta da xunta local da zona; a Lei de reforma e desenvolvemento agrario, do 12 de xaneiro de 1973; a disposición transitoria primeira da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais disposicións vixentes de aplicación ao caso.

Dado o destino para o cal se solicitan os referidos predios, e respecto do que se entende que é perfectamente subsumible nos supostos recollidos no artigo 32 da antedita lei galega, esta dirección xeral

RESOLVE:

1. Modificar o Acordo de concentración parcelaria da zona de Saiar (Caldas de Reis, Pontevedra) e adxudicarlle ao Concello de Caldas de Reis a titularidade dos predios número 2111-3 e 2344, que causan baixa no Fondo de Terras da zona, para ser destinados aos fins que se determinan na parte expositiva.

Transcorridos cinco anos desde a cesión das propiedades sen que os predios fosen destinadas aos fins para os cales son adxudicadas, a titularidade dos referidos predios reverterá sobre o Fondo de Terras da zona, o patrimonio da Comunidade Autónoma, a entidade xestora do Banco de Terras de Galicia ou outra entidade que corresponda, segundo o caso.

2. Ordenar que se dea a oportuna publicidade da presente resolución, sen prexuízo da súa notificación ao Concello de Caldas de Reis».

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

Pontevedra, 24 de maio de 2022

Antonio Crespo Iglesias
Xefe territorial de Pontevedra