Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Venres, 10 de xuño de 2022 Páx. 34164

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 23 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se lle outorgan ao Concello de Vedra as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura eléctrica correspondente á LMTS ao parque empresarial de Vedra, primeira fase, nos concellos de Silleda e A Estrada (Pontevedra) e Vedra (A Coruña) (expediente IN407A 2021/85-4).

Feitos:

1. O 30 de abril de 2021 o Concello de Vedra presentou, ante a Xefatura Territorial de Pontevedra desta consellería (en diante, xefatura territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a infraestrutura eléctrica correspondente á LMTS ao parque empresarial de Vedra, primeira fase, á cal se lle asignou o número de expediente IN407A 2021/185-4.

Con esta solicitude xuntouse a seguinte documentación técnica, de conformidade coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica:

• Proxecto de execución denominado Proxecto de execución da primeira fase de subministración eléctrica en MT ao parque empresarial de Vedra (A Coruña), asinado polo enxeñeiro industrial Santiago Suárez Suárez (colexiado número 1708 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e visado por este colexio con data 23 de abril de 2021 e número 20211169, e no cal figura un orzamento de execución material de 658.661,22 euros.

• Separatas técnicas do proxecto de execución para as entidades afectadas.

A infraestrutura eléctrica proxectada consiste na instalación dunha liña eléctrica de enlace entre a subestación eléctrica de Paizás e o centro de reflexión 15CEK4 Ponte Ulla, coas seguintes características básicas:

• Finalidade: 1ª fase da subministración eléctrica ao futuro parque empresarial de Vedra.

• Trazado: a súa orixe será a subestación eléctrica de Paizás, propiedade de UFD Distribución de Electricidad, S.A. (UFD), situada no lugar de Agra da Facha, na parroquia de Cira (Santa Baia), no termo municipal de Silleda (Pontevedra); e o seu final será no centro de reflexión 15CEK4 Ponte Ulla, propiedade de UFD, situada no lugar de Caldelas, na parroquia da Ponte Ulla (Santa María Madanela), no temo municipal de Vedra (A Coruña).

• Concellos afectados: Silleda e A Estrada (Pontevedra) e Vedra (A Coruña).

• Características técnicas: liña eléctrica soterrada, de 20 kV, de 7.390 m de lonxitude, en simple circuíto e en condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 3×1×240 mm² Al, agás aquel que discorre no interior da subestación, que será RHZ1 2OL (AS) 12/20 kV 3×1×240 mm².

• Cesión: cederase á compañía distribuidora de enerxía eléctrica da zona (UFD).

2. O 13 de maio de 2021 a xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás seguintes entidades afectadas pola dita infraestrutura eléctrica: ADIF, Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) de Pontevedra e da Coruña, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Deputación Provincial de Pontevedra, Servizos de Patrimonio Cultural de Pontevedra e da Coruña, Dirección Xeral de Patrimonio Natural e concellos de Silleda, A Estrada e Vedra.

A respecto das entidades que contestaron a petición de informe (ADIF, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Deputación Provincial de Pontevedra e concellos de Silleda e Vedra), todas elas mostraron a súa conformidade establecendo o seu condicionado ao respecto, do cal se lle deu traslado ao promotor da infraestrutura eléctrica (Concello de Vedra), quen presentou a súa conformidade para cada un deles, agás para os da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia e da Deputación Provincial de Pontevedra, para os cales non contestou.

A respecto das outras entidades, que non contestaron a petición de informe, enténdese a súa conformidade coas autorizacións administrativas previa e de construción da infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 47.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, en relación cos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

3. O 8 de marzo de 2022 a xefatura territorial, logo de rematada a instrución do expediente IN407A 2021/85-4, deu traslado deste á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para os efectos de ditar a oportuna resolución. A xefatura territorial incorporou ao expediente o informe dos seus servizos técnicos, de data 7 de marzo de 2022, no cal se conclúe que non se presentan obxeccións técnicas para continuar coa tramitación do referido proxecto.

Consideracións legais e técnicas:

1. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no artigo 20 do Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG núm. 5, do 11 de xaneiro de 2021), e no artigo único, epígrafe 1.b).3º, do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para resolver os procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro de 2017).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é a seguinte:

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

• Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro de 2017).

• Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción, de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (DOG núm. 54, do 19 de marzo de 2014).

3. Informe emitido o 7 de marzo de 2022 polos servizos técnicos da xefatura territorial, no cal se conclúe que non se presentan obxeccións técnicas para continuar coa tramitación do proxecto de execución da primeira fase de subministración eléctrica en MT ao parque empresarial de Vedra (A Coruña).

4. Canto á devandita infraestrutura eléctrica, aínda que está promovida polo Concello de Vedra, está prevista no proxecto de execución a súa cesión á compañía distribuidora de enerxía eléctrica da zona (UFD Distribución Electricidad, S.A.), polo que está suxeita ao réxime de autorizacións previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, conforme o disposto no artigo 20 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio.

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

1. Outorgarlle ao Concello de Vedra as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura eléctrica correspondente á LMTS ao parque empresarial de Vedra, primeira fase, nos termos municipais de Silleda e A Estrada (Pontevedra) e Vedra (A Coruña).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado Proxecto de execución da primeira fase de subministración eléctrica en MT ao parque empresarial de Vedra (A Coruña), asinado polo enxeñeiro industrial Santiago Suárez Suárez (colexiado número 1708 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e visado por este colexio con data 23 de abril de 2021 e número 20211169, no cal figura un orzamento de execución material de 658.661,22 euros.

2. O promotor asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC RAT 01 a 23, aprobadas polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberalle comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. En canto aos bens e dereitos afectados pola referida infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora realizará os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

6. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderá dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

7. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

8. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2022

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais