Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Mércores, 15 de xuño de 2022 Páx. 34518

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 3 de xuño de 2022 pola que se convoca o curso superior de Administración electrónica.

De acordo co convenio de colaboración entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), para a convocatoria e o desenvolvemento de actividades de formación e divulgación en materia de administración electrónica e protección de datos,

RESOLVO:

Convocar, consonte o antedito convenio subscrito coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o curso superior de Administración electrónica que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Primeira. Obxectivos

Un dos obxectivos prioritarios da Xunta de Galicia é a prestación de servizos públicos máis eficaces, eficientes e accesibles á cidadanía mediante o emprego das tecnoloxías dixitais, a través da implantación dunha administración electrónica capaz de se relacionar coa cidadanía e coas empresas mediante as canles electrónicas.

Para lograr este propósito, a formación dos empregados públicos é esencial, pois permite a mellora da capacidade de desempeño das súas funcións e a asunción de novos procedementos de traballo, o que contribuirá, en grande medida, a conseguir unha administración máis eficaz e eficiente.

O curso superior de Administración electrónica pretende afondar no coñecemento desta materia e, deste xeito, poden destacarse como principais obxectivos do curso os seguintes:

• Concienciar o alumnado sobre a importancia que ten a implantación da Administración electrónica nas distintas administracións da nosa comunidade.

• Proporcionar, ás persoas ás que se dirixe, coñecementos acerca do réxime xurídico da administración dixital, así como perfeccionar e completar a súa formación práctica neste ámbito.

Segunda. Contidos

Este curso superior abordará os seguintes contidos:

• Réxime xurídico dunha administración dixital.

• Identidade dixital: identificación e sinatura dixitais.

• Sede electrónica e Carpeta cidadá.

• Sistema único de rexistro. Canles electrónicas e presenciais.

• Notificación electrónica.

• Seguridade da información. Impacto do Regulamento xeral de protección de datos.

• Cooperación interadministrativa. Instrumentos de coordinación no desenvolvemento da administración electrónica. Iniciativas no marco europeo.

• GovTech. Transformación e innovación para novos servizos públicos. Automatización de procesos.

• Interoperabilidade de datos e documentos.

• Arquivo electrónico, documento electrónico e copia.

• Licitación e factura electrónicas.

• Atención á cidadanía. Transparencia e reutilización.

Terceira. Número de prazas

Setenta (70).

Cuarta. Persoas destinatarias

O curso está dirixido ao persoal empregado público en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional, que se encadre nas seguintes categorías:

• Grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.

• Grupos I e II do persoal laboral.

No caso de non se cubrir a totalidade das prazas convocadas, ás vacantes que resulten poderá acceder o persoal empregado público das ditas categorías, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración local e da Administración de xustiza.

Para os efectos do establecido na Resolución do 25 de xaneiro de 2022, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración de cursos de formación e perfeccionamento para os efectos do baremo de méritos xerais do persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 1,5 puntos.

Quinta. Desenvolvemento

Datas: o curso desenvolverase desde o 13 de setembro ata o 25 de outubro de 2022.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP); rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Duración: 114 horas lectivas, 30 horas de clases prácticas presenciais e 84 de teleformación.

As clases prácticas presenciais desenvolveranse os días 13, 20 e 27 de setembro e 4, 11 e 25 de outubro de 2022.

Horario das clases presenciais: pola mañá, das 11.00 ás 14.00 horas; pola tarde, das 16.00 ás 19.00 horas.

Sexta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos nas bases cuarta e oitava desta convocatoria.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar, en primeiro lugar, a área en que está integrada esta actividade (Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa) e, despois, seleccionar en «nome do curso»: curso superior de Administración electrónica.

5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 31 de xullo de 2022.

Poderase obter calquera outra información a través do correo electrónico novas.egap@xunta.gal ou, desde as 8.30 ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sétima. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección, consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

2. No caso de que a persoa interesada se opoña a esta consulta deberá indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar, ademais, os documentos a cuxa consulta se opón que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico <novas.egap@xunta.gal>.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Oitava. Criterios de admisión

A admisión levarase a cabo de acordo cos criterios indicados na base cuarta desta convocatoria. A orde de admisión virá determinada pola data e a hora de inscrición.

Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas e reservas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas para participar neste curso superior, así como un número adecuado de reservas, no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das relacións foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de espera ou están excluídas de acordo co disposto na epígrafe segunda, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia, asistencia e seguimento das actividades formativas

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por razóns de conciliación familiar.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por correo electrónico, dirixido a novas.egap@xunta.gal, o máis axiña posible e, en todo caso, antes do comezo do curso, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións presenciais da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia nas actividades presenciais:

c.1. Non poden superar, en ningún caso, o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, estas faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de dez (10) días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

d) Seguimento das actividades de teleformación:

As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décimo primeira. Certificado electrónico de aproveitamento

Ao finalizar o curso, o alumnado deberá realizar un traballo e un exame, que serán requisito previo para obter o certificado de aproveitamento.

Superado o exame e o traballo, expedirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas rexistradas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa: o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo segunda. Facultades da EGAP e de Amtega

1. A Amtega e a EGAP reservan para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, caso en que empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A Amtega e a EGAP garantirán, na acción derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2022

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública