Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Mércores, 22 de xuño de 2022 Páx. 35791

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 20 de xuño de 2022 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa dos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia en escolas infantís 0-3 para o curso 2022/23 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420C).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do Sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre eles o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recolle, entre os seus ámbitos de actuación, que a Xunta de Galicia promoverá actuacións conducentes a facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, como a ampliación da rede de centros de atención á infancia.

Tendo en conta o Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e de conformidade co Decreto 216/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúese á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

A atención á infancia e o apoio ás familias é unha das liñas estratéxicas de actuación da Xunta de Galicia, articulada a través do Programa de apoio á natalidade (PAN), un programa integral cuxo obxectivo principal é aumentar o benestar das familias galegas mediante diferentes actuacións que se estruturan en tres eixes principais: axudas, servizos e recursos de conciliación.

Neste sentido, o obxectivo da área de conciliación do Programa PAN (PAN-Concilia) é crear un ambiente social favorable en que non entren en conflito as responsabilidades parentais de coidado co acceso e permanencia no mercado de traballo, tanto mediante a posta á disposición das familias de recursos que lles permitan compatibilizar o desempeño profesional cos labores de atención e coidado das fillas e fillos, como mediante o fomento da corresponsabilidade no fogar e da implicación empresarial, ao tempo que se traballa sobre a dimensión socioeconómica da cuestión demográfica e se deseñan as solucións precisas para favorecer que a poboación poida ter o número de fillos/as que desexe, paliando o custo que supón a crianza e coidado dos fillos e fillas.

Unha das liñas de acción do PAN-Concilia diríxese á universalización do primeiro ciclo de educación infantil, mellorando a accesibilidade deste recurso e constituíndo unha rede galega de centros de educación infantil 0-3 articulada e de calidade, como recurso educativo, dado que a educación e os coidados da primeira infancia constitúen o fundamento da educación e a formación das persoas e un piar esencial para o éxito en materia de aprendizaxe permanente, desenvolvemento persoal e empregabilidade futura.

Na procura deste obxectivo enmárcase a modificación operada a través da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que engadiu no seu artigo 23.Seis unha disposición adicional novena á Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, en que se recollen as actuacións previstas para conseguir a gratuidade da atención educativa nas escolas infantís de 0-3 anos para segundos/as fillos/as e sucesivos, e establece no seu número 5 que a consellería competente en materia de servizos sociais adoptará medidas tendentes a promover e fomentar que as entidades privadas que sexan titulares de escolas infantís de 0-3 anos apliquen, para o segundo fillo ou filla da unidade familiar e sucesivos/as, unha bonificación do 100 % da contraprestación pecuniaria que teñan establecida pola atención educativa. Entre tales medidas poderá atoparse o establecemento de subvencións e nestes casos será por conta das entidades a contía da bonificación no que exceda a contía da subvención outorgada pola Administración autonómica.

Con esta base, no ano 2020 púxose en marcha unha nova liña de fomento, atendendo a razóns de impulso demográfico e de conciliación, así como de apoio ás familias galegas, para favorecer o acceso á atención educativa 0-3 en condicións de equidade, promovendo que todas elas se beneficien e teñan oportunidades para mellorar ou manter a súa situación de benestar. Esta nova liña dirixiuse ás entidades privadas titulares de centros de educación infantil 0-3 para que bonificasen ao 100 % o custo da atención educativa e tamén o custo da matrícula do segundo fillo ou filla e sucesivos/as da unidade familiar, contribuíndo a Administración cunha compensación a través dunha subvención para que a medida poida levarse a cabo.

Continuando coa consecución dos ditos obxectivos, para o ano 2022 e a través do disposto no artigo 29.Dous da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas de Galicia, engádese un novo número 7 á disposición adicional novena da Lei 13/2008, do 3 de decembro, que establece que, co fin de consolidar o obxectivo de interese público, por razóns de impulso demográfico e conciliación, de acadar a gratuidade da atención educativa nas escolas infantís de 0-3 anos, con efectos económicos a partir do comezo do curso escolar 2022/23, se estenderá o réxime establecido nesta disposición á matriculación do primeiro fillo ou filla da unidade familiar, de acordo coa regulación nela establecida para os distintos supostos que recolle.

En consonancia co anterior, esta orde de convocatoria diríxese ás entidades privadas para lle dar estabilidade e continuidade ao programa de gratuidade da atención educativa para segundos/as fillos/as e sucesivos nas escolas infantís 0-3 e estendelo a todos/as os fillo/as, con independencia do número de orde que ocupen na descendencia da unidade familiar.

Esta orde, que se tramitará en réxime de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, adáptase ao disposto na dita lei, así como ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de desenvolvemento; á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como ao Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, tendo en conta en todo caso os principios de: publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación e eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios ao fin a que foron establecidos,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto convocar, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas a entidades privadas para promover a aplicación nas escolas infantís 0-3 anos da súa titularidade dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada aos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia entre o 1 de setembro de 2022 e o 31 de agosto de 2023 (código de procedemento BS420C).

2. Así mesmo, serán destinatarias da concesión de axudas económicas as entidades privadas xestoras destes recursos que acrediten a aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada desde o inicio do dito curso.

3. Para os efectos desta orde, entenderase por atención educativa o conxunto de atencións e coidados profesionais de carácter integral, prestados baixo unha perspectiva educativa, aos nenos e ás nenas durante a súa estancia nunha escola infantil, segundo a modalidade de xornada pola que opten. A opción elixida implica a asistencia regular e continuada á escola infantil durante un máximo de 8 e un mínimo de 3 horas diarias, respectivamente.

Exceptúanse da actuación subvencionable o custo do servizo de comedor e as actividades extra á atención educativa que supoñan un custo adicional cuantificable para a escola infantil.

4. Para ter dereito ás axudas reguladas nesta orde os nenos e nenas deben ter a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Para os efectos desta orde, considérase que as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo ocupan dúas prazas. Neste caso, a axuda que resulte segundo o establecido neste artigo multiplicarase por dous.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 41.470.940 euros, coa seguinte desagregación:

Aplicación orzamentaria

Código proxecto

Ano 2022

Ano 2023

Total

13.02.312B.470.2

2020.00052

10.735.577

18.787.260

29.522.837

13.02.312B.481.3

2020.00052

4.344.765

7.603.338

11.948.103

Total

15.080.342

26.390.598

41.470.940

2. O crédito consignado na aplicación 13.02.312B.470.2 poderá ser obxecto de ampliación, tal e como se establece no artigo 7.Un.s) da Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

3. O crédito consignado na aplicación 13.02.312B.481.3, de acordo co previsto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e máis no artigo 30.2. do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderase ampliar cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

4. O incremento dos créditos sinalados nos números anteriores queda condicionado á declaración da súa dispoñibilidade logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán optar a estas axudas as entidades privadas que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, non accedan á bonificación a través doutras liñas de axuda da Consellería de Política Social e Xuventude, apliquen a gratuidade da atención educativa nas escolas infantís 0-3 e cumpran os seguintes requisitos:

a) Estaren debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e Xuventude, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas dispoña do permiso de inicio de actividades para a prestación do servizo de escola infantil outorgado pola Consellería de Política Social e Xuventude.

c) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas dispoña da documentación que acredita que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.

d) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas teña as súas tarifas desagregadas por tipo de gasto e actualizadas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e Xuventude.

2. Quedan excluídas do previsto no número anterior as entidades privadas que xestionan escolas infantís 0-3 de titularidade da Axencia Galega de Servizos Sociais, do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e de titularidade municipal.

Artigo 4. Tipos de axuda e contía

1. A convocatoria comprende unha liña de axudas destinada a compensar a aplicación da bonificación do 100 % do prezo da atención educativa na contía do prezo mensual que lle corresponda aboar á familia, segundo as tarifas establecidas polas horas de asistencia do neno ou nena, ata un máximo de 306 euros/mes por praza a xornada completa, excluído o mes de vacacións do neno ou nena.

2. As axudas calcularanse en función das tarifas da escola infantil no curso 2022/23, as cales poderán incrementarse, respecto das do curso anterior, ata un 10 % sen superar o tope de 306 euros por atención educativa no cal está incluída a parte proporcional da matrícula. O cálculo deste importe obterase multiplicando 11 mensualidades, como máximo, polo nº de prazas que se fagan constar na solicitude sen que, en ningún caso, estas poidan superar as prazas que consten autorizadas no permiso de inicio de actividades da escola infantil 0-3 e polas tarifas correspondentes.

3. Para os efectos do previsto nos números anteriores, durante todo o período subvencionable a entidade entregará ás familias os xustificantes mensuais de pagamento en que consten o número de horas ao día de asistencia e o importe que lles correspondería aboar coa lenda prezo bonificado 100 % pola Xunta de Galicia.

Nos supostos en que as axudas non acaden o 100 % do custo da atención educativa, será por conta das entidades beneficiarias a contía da bonificación no que exceda a contía da subvención outorgada pola Administración autonómica.

4. As entidades beneficiarias destas axudas poderán cobrar ás familias ata 100 € en concepto de reserva de praza. Unha vez realizada a inscrición e constatada a asistencia á escola infantil, o pagamento efectuado será compensado con outros servizos distintos da atención educativa que preste o centro.

5. A inasistencia á escola infantil 0-3 durante un período de 15 días sen xustificar dará lugar á baixa do alumno/a no programa da gratuidade.

Artigo 5. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. A percepción das axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

2. No caso de percibírense outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere os gastos da actividade subvencionada.

4. As entidades solicitantes deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, usando o formulario establecido para o efecto nesta orde, o cal terán que volver achegar actualizado no suposto de variaren as circunstancias inicialmente declaradas.

Artigo 6. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. No caso de escolas infantís que obteñan o permiso de inicio de actividades con posterioridade á publicación desta convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da data de notificación do dito permiso e, en todo caso, finalizará o 30 de novembro de 2022.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación ou, de ser o caso, do día da notificación do permiso de inicio de actividades. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Documento público acreditativo de poder suficiente da persoa física que actúe en nome e representación da entidade solicitante.

As entidades beneficiarias de axuda ao abeiro da Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as en escolas infantís 0-3 e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 (código de procedemento BS420C) só terán que presentar a documentación complementaria prevista neste número no suposto de se teren producido variacións respecto da presentada na dita convocatoria.

b) A relación nominal dos nenos/as matriculados na escola infantil 0-3. As entidades solicitantes da axuda deberán cubrir a dita relación na aplicación informática escinf, no enderezo seguinte: https://escinf.xunta.es/escinfextweb, con data límite no prazo de finalización de presentación de solicitudes, e deberá constar actualizada en todo momento coas altas e baixas do alumnado que se produzan.

2. Ademais, no punto correspondente do anexo I faranse constar as seguintes declaracións:

a) O conxunto de todas as axudas concedidas para a mesma finalidade que a solicitada ao abeiro desta orde.

b) Que a escola infantil indicada dispón de proxecto educativo e proposta pedagóxica, de acordo co currículo de educación infantil de Galicia, e que está á disposición da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para calquera comprobación que sexa precisa.

c) Que dispón da documentación acreditativa do cumprimento do calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación dos nenos e nenas que asisten á escola infantil e do requisito de residencia en Galicia respecto dos que acceden á bonificación.

d) Que a escola infantil está aplicando as tarifas de prezos que constan no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

e) Que asume a contía da bonificación no que exceda a contía da subvención outorgada pola Administración autonómica nos supostos en que esta non acade o 100 % do custo da praza por atención educativa.

f) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan coa solicitude son certos.

g) Que non se está incurso/a en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

h) Que non se está incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

i) Que se está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

j) Que a entidade solicitante se compromete a manter o cumprimento destes requisitos durante o período de tempo en que perciba esta subvención e a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados con anterioridade pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, e as administracións públicas deberanos obter electronicamente a través das súas redes corporativas ou dunha consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) Inhabilitación para obter subvencións ou axudas.

e) Concesións de subvencións e axudas.

f) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias emitida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

g) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

h) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias coa Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio (anexo I) ou, de ser o caso, no anexo II e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Instrución e procedemento de concesión

1. O procedemento de concesión da axuda é o de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. En consecuencia, o órgano competente para a tramitación do procedemento comezará a instrución dos expedientes seguindo a orde de presentación das solicitudes, de acordo co disposto no artigo 71.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e concederá a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito.

2. A instrución do procedemento correspóndelle á subdirección con competencias en materia de demografía e conciliación, que realizará as correspondentes propostas de resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano instrutor requirirá as entidades interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles desde o día seguinte ao da notificación do dito requirimento, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se considerará que desisten da súa petición, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 21 da mesma lei.

4. Sen prexuízo do disposto no número anterior, o órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución e poderá requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, para aquelas que reúnan todos os requisitos e acheguen a documentación necesaria solicitarase un informe á subdirección con competencias en materia de autorización e inspección de servizos sociais da Consellería de Política Social e Xuventude para os efectos de comprobar que os centros susceptibles de subvención non teñan pendente de cumprimento unha sanción imposta mediante resolución firme por falta grave ou moi grave en materia de servizos sociais que impida o desenvolvemento da actividade obxecto de subvención.

6. As solicitudes que recollan os datos e a documentación necesaria tramitaranse por un procedemento abreviado en que o órgano instrutor lle formulará ao órgano concedente a proposta de resolución tras comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para a súa concesión.

Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar a proposta de resolución, poñerase de manifesto ás entidades interesadas, tendo en conta as limitacións previstas, de ser o caso, na Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, para que no prazo de dez días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polas entidades interesadas.

7. Respecto dos expedientes en que concorran causas de inadmisión, así como de declaración ou aceptación de desistencia, o órgano instrutor formulará a correspondente proposta. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e ao arquivamento das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

Artigo 11. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axuda, logo da fiscalización da proposta, facendo uso das facultades conferidas no artigo 7.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude.

Con anterioridade a ditarse a resolución de concesión deberá quedar acreditado que a entidade beneficiaria está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar é de tres meses contados a partir do día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderanse entender desestimadas.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación, se esta fose expresa, ou seis meses a partir do día seguinte aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderá modificarse a resolución inicial cando existan variacións no número de prazas ocupadas durante o período de aplicación desta convocatoria. Para estes efectos, terase en conta:

a) Se a contía resultante é superior á concedida, poderán ditarse resolucións complementarias pola contía que corresponda nos termos previstos no artigo 4.

b) No caso de que a contía total de ocupación anual resulte inferior á concedida, ditaranse as resolucións revogatorias que procedan.

3. As modificacións da concesión inicial realizaranse tendo en conta que a axuda por bonificación da atención educativa se calcula mensualmente, excluído o mes de vacacións.

4. As resolucións complementarias están supeditadas á existencia de crédito axeitado e suficiente e á solicitude da entidade de modificación da resolución de concesión.

Artigo 15. Xustificación das axudas

1. Para a xustificación da axuda concedida, con base no establecido no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e mais nos artigos 44 e 52 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e tendo en conta o obxecto e a natureza destas axudas, as entidades beneficiarias deberán achegar, con data límite do 5 de setembro de 2023, a seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento (anexo II) e de concesión complementaria nos supostos recollidos no artigo 14.2.a).

b) Relación nominal dos nenos/as que asistiron á escola infantil 0-3, con indicación das horas diarias e dos meses de asistencia, durante o período subvencionado (curso 2022/23), que deberán ter cuberto na aplicación informática escinf, no enderezo seguinte: https://escinf.xunta.es/escinfextweb

2. A Consellería de Política Social e Xuventude poderá comprobar os xustificantes que considere oportunos respecto do importe total da actividade subvencionada e que permitan obter unha evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención, para o cal lle poderá requirir á entidade beneficiaria a documentación acreditativa da entrega dos xustificantes mensuais de pagamento ás familias.

Artigo 16. Pagamento

1. As entidades beneficiarias das axudas percibirán un pagamento anticipado do 100 % da cantidade correspondente á anualidade 2022 da atención educativa, que se fará efectivo a partir da notificación da concesión. Este importe deberá xustificarse, en todo caso, con gastos realizados na mesma anualidade.

2. No ano 2023 librarase un pagamento anticipado de ata o 90 % da subvención que corresponda á dita anualidade pola atención educativa segundo a resolución de concesión.

O importe restante correspondente á anualidade 2023 librarase unha vez xustificado o número de prazas ocupadas para o que se concedeu a axuda nos termos establecidos nesta orde, tendo en conta as modificacións que procedan de acordo co previsto no artigo anterior.

3. A percepción destes pagamentos en concepto de anticipo queda exonerada da constitución de garantías.

Artigo 17. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ademais, especificamente, a:

a) Manter actualizados no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais todos os datos exixidos pola normativa de aplicación e, nomeadamente, os seguintes: tarifas de prezos, relación nominal de traballadores/as, rexistro de persoas usuarias e prazas vacantes.

b) Manter actualizada a aplicación informática escinf.

c) Remitir os informes e demais documentación que, no marco da actividade subvencionada, reclamen os órganos competentes da Consellería de Política Social e Xuventude.

d) Facilitar a inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Política Social e Xuventude respecto das escolas infantís subvencionadas. Estes órganos comprobarán especialmente o cumprimento da asistencia dentro do horario reflectido na relación nominal de nenos/as indicada no punto 1.b) do artigo 7.

e) Ter á disposición da Consellería de Política Social e Xuventude a documentación acreditativa de que todos os nenos e nenas matriculados na escola infantil 0-3 cumpren o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.

f) Conservar á disposición da Consellería de Política Social e Xuventude a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos para ter acceso á compensación pola bonificación do 100 % da atención educativa 2022/23 e mais da entrega ás familias dos xustificantes mensuais de pagamento, emitidos nos termos establecidos nesta orde.

g) Aplicar a bonificación do 100 % do custo por atención educativa a todos os fillos/as da unidade familiar residentes en Galicia matriculados na escola infantil 0-3 e asumir a contía da bonificación no que exceda a contía da subvención outorgada pola Administración autonómica nos supostos en que as axudas non acaden o 100 % deste custo. Nos supostos en que se vexa afectada a actividade presencial por indicación da autoridade sanitaria observarase o disposto no artigo 18.

h) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

i) Dar a adecuada publicidade das axudas percibidas a través do taboleiro de anuncios do centro e da páxina web, no caso de que dispoñan dela.

Artigo 18. Incumprimento, revogación e reintegro de axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera das seguintes situacións:

a) Cando se obtivese a subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Cando se incumpran totalmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou non se adopte o comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

c) Cando se incumpra totalmente a obriga da xustificación da subvención ou non se achegue a documentación prevista no artigo 15.

d) Cando se incumpra a obriga de cofinanciamento nos supostos en que as axudas non acaden o 100 % do custo por atención educativa.

e) Cando se incumpra a obriga de conservación da documentación acreditativa da entrega ás familias dos xustificantes mensuais de pagamento onde conste a bonificación do 100 % do prezo da atención educativa.

f) Cando se incumpra a obriga de conservación da documentación acreditativa de que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.

g) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derivase a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. Procederá o reintegro parcial proporcional ao grao de incumprimento nos seguintes supostos:

a) Cando se incumpran parcialmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou se adopte de xeito parcial o comportamento que fundamentou a concesión da subvención, entre o 2 % e o 50 % da axuda percibida, en proporción ao período do ano en que se producise o incumprimento.

Nos supostos en que a actividade presencial se vexa afectada por indicación da autoridade sanitaria por tempo superior a un mes, procederá o reintegro do 10 % da contía da axuda percibida en proporción ao período de tempo que corresponda.

b) No caso de xustificación insuficiente segundo os termos do artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro das cantidades non xustificadas ou xustificadas insuficientemente.

c) Cando se incumpra a obriga de adoptar as medidas de difusión establecidas no artigo 17, procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida.

d) Cando se dea algún incumprimento do resto das obrigas recollidas no artigo 17, procederá o reintegro de entre o 2 % e o 80 % da axuda percibida, de xeito proporcional ao grao de incumprimento, tendo en conta a súa duración e o alumnado afectado.

3. No suposto previsto no número 3 do artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da actividade subvencionada, así como a exixencia do xuro de mora correspondente.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os números anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

5. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as entidades beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19. Infraccións e sancións

Ás entidades beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 20. Control e verificación

Todas as axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional primeira. Límite das axudas

A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins e respectando, en todo caso, a realización das actuacións subvencionables dentro do exercicio económico correspondente, de conformidade co establecido no artigo 1.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

A consellería transmitirá á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria, de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional terceira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación das facultades para a concesión destas subvencións a favor da persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar os actos e instrucións necesarios para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file