Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Mércores, 22 de xuño de 2022 Páx. 35828

III. Outras disposicións

Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

RESOLUCIÓN do 9 de xuño de 2022 pola que se aproba a convocatoria ordinaria para a obtención da avaliación previa á contratación de profesorado polas universidades do Sistema universitario de Galicia e se abre o prazo para a presentación de solicitudes correspondentes á convocatoria de 2022 (código de procedemento ED702B).

A Lei 6/2013, do Parlamento de Galicia, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia (LSUG), establece que o consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) é a entidade que exerce as competencias en materia de avaliación da calidade, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a que se fai referencia na propia LSUG, na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril (LOU), así como aquelas outras competencias que se lle poidan atribuír no ordenamento xurídico.

Os estatutos do consorcio ACSUG, publicados polo Decreto 6/2018, do 11 de xaneiro, configuran a Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) como o órgano superior en materia de avaliación, competente para a elaboración dos protocolos e procedementos específicos de avaliación e informe.

En virtude das súas competencias, a CGIACA aprobou, mediante o Acordo do 9 de novembro de 2010, o protocolo de avaliación e informe para a contratación de profesorado polas universidades integrantes do Sistema universitario de Galicia (SUG).

Mediante a Orde da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, do 17 de setembro de 2009, reguláronse os supostos de validación automática de avaliación previa á contratación do profesorado e estableceuse o procedemento común que se debe seguir nos distintos procesos previos á contratación do profesorado atribuídos ao consorcio ACSUG.

De conformidade co exposto, a presidenta do Consello Reitor do consorcio ACSUG, en virtude das competencias que ten delegadas pola Resolución do 21 de setembro de 2006 (DOG do 3 de outubro),

RESOLVE:

Primeira. Obxecto

Apróbase a convocatoria para a presentación de solicitudes por parte dos interesados que desexen obter a avaliación para poderen ser contratados como persoal docente e investigador, por algunha das universidades integrantes do Sistema universitario de Galicia (SUG), como profesorado contratado doutor, de universidade privada e axudante doutor, de conformidade co disposto na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, na redacción dada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril; e que debe emitir o consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) (código de procedemento ED702B).

Segunda. Persoas solicitantes

Poderán presentar a súa solicitude todas aquelas persoas que posúan o título de doutor e non se atopen en ningún dos supostos regulados no artigo 4 da Orde da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, do 17 de setembro de 2009, pola que se regula a avaliación e informe do consorcio ACSUG previos á contratación de profesorado contratado doutor, de universidade privada e axudante doutor.

Terceira. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As persoas solicitantes deberán cubrir o modelo de solicitude (anexo I) a través da aplicación informática do consorcio ACSUG, accedendo a través da páxina web http://www.acsug.es/convocatorias-abertas. Deberán indicar para cal ou cales das figuras contractuais solicitan a avaliación. No caso de que se pida máis dunha figura, farase na mesma solicitude.

2. Unha vez cuberta a solicitude na aplicación do consorcio ACSUG do xeito que se indica no punto anterior e realizado o pagamento das taxas administrativas correspondentes, a solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal conforme o establecido no artigo 10.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

Esta exixencia obedece á necesidade dun maior aproveitamento das tecnoloxías dixitais na relación electrónica coa cidadanía, contribuíndo así a unha Administración máis sustentable e eficiente.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios na sede electrónica, poderá dirixirse ao teléfono do Servizo de Atención e Información á Cidadanía 012.

Cuarta. Pagamento das taxas administrativas

1. De acordo co punto 54 do anexo I da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, deberase realizar o pagamento da correspondente taxa administrativa polas actuacións relacionadas coas avaliacións ou informes previos á contratación do profesorado universitario:

– Pola primeira figura contractual: 54,20 euros.

– Pola segunda figura contractual e terceira (por cada unha): 27,09 euros.

2. Os solicitantes poderán realizar o pagamento dun dos seguintes xeitos:

a) Pagamento telemático (modelo 730):

Deberase acceder á Oficina Virtual Tributaria da Axencia Tributaria de Galicia e realizar o pagamento mediante tarxeta de crédito, débito ou con cargo á conta bancaria do solicitante, en función do número de figuras solicitadas, e obterase o xustificante 730 correspondente (código da taxa 305401).

b) Pagamento presencial (modelo A ou AI):

Deberase cubrir o modelo A ou AI e realizar o ingreso do importe da taxa que corresponda, en función do número de figuras solicitadas, en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Para calquera aclaración ou información sobre o pagamento da taxa os interesados poderán acceder ao seguinte enderezo http://www.acsug.es/gl/acsug/taxas

Quinta. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

– Xustificante do pagamento das taxas devindicadas pola tramitación da solicitude.

– Documentación xustificativa dos méritos curriculares que se aleguen.

Respecto á documentación xustificativa dos méritos curriculares, rexerá o disposto na base novena.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Sexta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– Título universitario de doutor.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sétima. Emenda e mellora da solicitude

Cando as solicitudes presentadas en prazo non cumpran cos requisitos establecidos no artigo 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como nestas bases, requirirase o interesado para que as emende no prazo de 10 días hábiles, de conformidade co disposto no artigo 68 da citada norma. No caso de non atender o devandito requirimento, entenderase que desiste da súa petición.

Oitava. Formalización e alegación dos méritos curriculares

O currículo formalizarase no formato dixital dispoñible na aplicación informática accedendo a través da páxina web www.acsug.es. Só se valorarán os méritos que aparezan cubertos deste xeito no currículo. No caso de que un mérito sexa susceptible de ser incluído en distintas epígrafes do currículo, o interesado elixirá o lugar onde desexa que aquel sexa valorado.

Novena. Xustificación dos méritos curriculares

1. A documentación xustificativa dos méritos curriculares non será obxecto de emenda. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes non se admitirá a presentación de ningunha documentación. A avaliación do currículo farase con base nos xustificantes dos méritos achegados polo solicitante ata o momento do peche do prazo. O consorcio ACSUG poderá requirir aos solicitantes as aclaracións e concrecións que considere oportunas.

2. Como criterio xeral, os solicitantes xustificarán do xeito máis axeitado e completo posible a realización dos seus méritos curriculares, coa finalidade de facilitar a súa avaliación. Sen prexuízo do anterior, os méritos que se relacionan a seguir só se terán en conta cando se xustifiquen do xeito que expresamente se indica:

– A docencia universitaria regrada xustificarase cun certificado da autoridade académica competente emitido pola universidade en que se prestase aquela, no cal deberá constar as materias e o número de horas ou créditos impartidos.

– O expediente académico xustificarase a través dun certificado expedido pola autoridade competente, en que figurará a nota media calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003 polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificación nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

– Os cursos e másters recibidos xustificaranse co correspondente certificado en que conste o número de horas destes.

– As bolsas e as axudas acreditaranse a través da credencial emitida polo organismo pagador destas.

– Os proxectos e contratos de investigación competitivos e non competitivos xustificaranse coa documentación en que conste a súa concesión por parte do organismo pagador, as características, o posto ocupado como membro do proxecto e o seu carácter internacional, nacional, autonómico, interuniversitario ou interdepartamental.

– A actividade profesional desenvolvida xustificarase prioritariamente coa presentación da copia dos correspondentes contratos de traballo e o certificado de vida laboral da Seguridade Social.

– Para acreditar libros, artigos e demais publicacións será suficiente con entregar unha copia escaneada da primeira e última folla, índice e folla onde figuren o ISBN, ISSN, depósito legal, etc.

– No caso de publicacións telemáticas, se son de acceso libre, sinalarase o modo de acceso. En caso contrario, xuntarase o arquivo da publicación en que figuren o ISBN, ISSN, depósito legal, etc.

– No caso de traballos aceptados e pendentes de publicación, xustificaranse coa aceptación da editorial ou organismo responsable da publicación.

3. Tendo en conta que as persoas solicitantes asinan unha declaración respecto da veracidade dos datos que fan constar na solicitude e no currículo, así como de toda a documentación xustificativa que xuntan á solicitude, estas asumirán as responsabilidades que poidan derivar das inexactitudes que consten tanto na solicitude como na documentación que presenten.

Décima. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a sede electrónica da Xunta de Galicia, a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo primeira. Prazo

O prazo para presentar as solicitudes será de 20 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Décimo segunda. Procedemento de avaliación

De conformidade co establecido na alínea b) do artigo 10 da Orde da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, do 17 de setembro de 2009, as avaliacións realizaranse de conformidade co establecido para o efecto no protocolo de avaliación e informe para a contratación de profesorado polas universidades integrantes do Sistema universitario de Galicia, aprobado por acordo da Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) o 9 de novembro de 2010, publicado na páxina web www.acsug.es

Décimo terceira. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo cuarta. Acordos de avaliación

De conformidade co establecido na alínea a) do artigo 10 da Orde da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional do 17 de setembro de 2009, e co establecido no artigo 25 dos estatutos do consorcio ACSUG, publicados polo Decreto 6/2018, do 11 de xaneiro, correspóndelle á CGIACA a competencia para a emisión das avaliacións a que se fai referencia na base primeira.

Os acordos notificaranse aos solicitantes nos cinco meses seguintes ao peche do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Décimo quinta. Recurso

Os acordos adoptados pola CGIACA esgotan a vía administrativa polo que, de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, poderán ser impugnados en reposición ante o mesmo órgano que os ditou ou ser impugnados directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa, consonte o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Quen desexe interpoñer un recurso de reposición poderao facer desde a mesma aplicación informática en que formalizou a súa solicitude. Este recurso, unha vez cuberto telematicamente, deberá imprimirse, asinarse e presentarse no modo indicado na base terceira.

Décimo sexta. Entrada en vigor

Esta resolución terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2022

María Patrocinio Morrondo Pelayo
Presidenta do consorcio Axencia para a
Calidade do Sistema Universitario de Galicia

missing image file
missing image file