Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Xoves, 23 de xuño de 2022 Páx. 36042

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 7 de xuño de 2022 pola que se convocan os premios extraordinarios na modalidade de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de Música, de Danza, e de Artes Plásticas e Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao curso 2021/22 (código de procedemento ED311F).

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, determina que o sistema educativo se orientará, entre outros fins, á consecución do pleno desenvolvemento da personalidade e das capacidades do alumnado, á educación na responsabilidade individual e no mérito e esforzo persoal e ao desenvolvemento da capacidade do alumnado para regular a súa propia aprendizaxe, confiar nas súas aptitudes e coñecementos, así como para desenvolver a creatividade, a iniciativa persoal e o espírito emprendedor.

A Orde ECD/1611/2015 do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, do 29 de xullo, pola que se crean e regulan os premios nacionais ao rendemento académico do alumnado de educación secundaria obrigatoria e de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de Música, Danza e Artes Plásticas e Deseño, con base no establecido no artigo 89 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, dispón no artigo 9, que poderá optar aos premios nacionais de ensinanzas artísticas profesionais o alumnado que obtivese previamente premio extraordinario de ensinanzas artísticas profesionais no ámbito de xestión da comunidade autónoma en que finalizase as ditas ensinanzas, fose seleccionado pola súa Administración educativa para participar nos premios nacionais e cumpra os demais requisitos establecidos na citada orde. Así mesmo, dispón que o número de persoas seleccionadas por cada Administración educativa non poderá ser superior a unha por cada especialidade ou familia profesional.

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, consciente da importancia de recoñecer e valorar publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico as ensinanzas artísticas profesionais na Comunidade Autónoma de Galicia, convoca os premios extraordinarios na modalidade de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de Música, de Danza, e de Artes Plásticas e Deseño.

En consonancia co anterior, en exercicio das competencias atribuídas no Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, por proposta da Dirección Xeral de Formación Profesional, de conformidade co establecido no artigo 9 da citada Orde ECD/1611/2015, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Convócanse na Comunidade Autónoma de Galicia os premios extraordinarios na modalidade de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de Música, de Danza, e de Artes Plásticas e Deseño (código de procedemento ED311F) para o alumnado que finalizase as ensinanzas profesionais de Música, de Danza ou de ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño, no curso 2021/22 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia e cumpra os requisitos establecidos nesta orde.

Esta convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, ten como obxecto o recoñecemento do especial aproveitamento do alumnado que cursou na Comunidade Autónoma de Galicia os estudos profesionais de Música, de Danza ou de ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño establecidos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro.

Artigo 2. Número, orzamento e características dos premios

1. Poderanse conceder ata un máximo de seis premios extraordinarios, coa seguinte distribución: tres (3) premios no ámbito de Música, un (1) no ámbito de Danza e dous (2) no ámbito de Artes Plásticas e Deseño. Non se poderá conceder máis dun premio por especialidade no ámbito de Música ou por familia profesional no ámbito de Artes Plásticas e Deseño.

2. A dotación para os premios será de 6.000 euros, con cargo á partida orzamentaria 10.30.423A.480.1 dos orzamentos do ano 2022, que se distribuirán entre os premiados na mesma contía, e que non poderá exceder os 1.000 euros por premio.

3. O alumnado que obteña o premio extraordinario percibirá a dotación económica, se cumpre os requisitos establecidos no artigo 15 desta orde, e ademais recibirá un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro público onde estea depositado o expediente académico anotará nel, mediante dilixencia, a distinción e farase constar nas certificacións académicas que se emitan.

4. O alumnado que obteña premio extraordinario de ensinanzas artísticas profesionais e cumpra os requisitos establecidos no artigo 9 da Orde ECD/1611/2015, do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, do 29 de xullo, pola que se crean e regulan os premios nacionais ao rendemento académico do alumnado de educación secundaria obrigatoria e de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, danza e artes plásticas e deseño, poderá optar aos premios nacionais de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de Música, de Danza e de Artes Plásticas e Deseño, segundo o procedemento disposto no artigo 4 da citada orde.

5. Estes premios extraordinarios son compatibles con calquera outro tipo de premios, bolsas ou axudas concedidos por algunha Administración pública competente ou calquera ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou organismos internacionais.

Artigo 3. Requisitos de participación

Poderá optar aos premios extraordinarios de ensinanzas artísticas profesionais o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

Ámbito de Música:

a) Ter finalizado as ensinanzas profesionais de Música, no curso 2021/22, en centros públicos ou privados autorizados de ensinanzas profesionais de Música da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter obtido unha nota media igual ou superior a 8,75 nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais de Música. Para estes efectos, as materias validadas non serán tidas en conta. No caso de que a persoa aspirante ingresase en sexto curso, a nota media calcularase tendo en conta unicamente as materias do dito curso.

c) O alumnado que desexe optar a estes premios deberá, ademais, presentar unha copia dunha gravación de vídeo, en formato AVI ou MPEG, en soporte DVD, na cal a persoa aspirante interprete tres pezas (obras ou fragmento de obra) de diferentes estilos, dunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso de ensinanzas profesionais de Música, cunha duración máxima de 25 minutos, entre as tres pezas. O alumnado unicamente poderá presentar a solicitude de xeito individual, realizando a interpretación como solista, con acompañamento da agrupación que precise, se é o caso. A devandita gravación non poderá estar editada, e deberá corresponder a unha gravación en directo sen cortes nin aplicación de ningún tipo de procesamento do son. A persoa aspirante deberá especificar os títulos e autores/autoras das pezas que interpreta tanto na solicitude (anexo I) como no soporte da gravación, respectando a orde de interpretación. Así mesmo, deberá xuntar, se é o caso, a relación de méritos académicos ou artísticos que poidan ser considerados pola súa vinculación coas ensinanzas de música cursadas (anexo II) e a correspondente documentación acreditativa.

Ámbito de Danza.

a) Ter finalizado as ensinanzas profesionais de Danza, no curso 2021/22, en centros públicos ou privados autorizados de ensinanzas profesionais de Danza da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter obtido unha nota media igual ou superior a 8,75 nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais de Danza. Para estes efectos, as materias validadas non serán tidas en conta. No caso de que a persoa aspirante ingresase en sexto curso, a nota media calcularase tendo en conta unicamente as materias do dito curso.

c) O alumnado que desexe optar a estes premios deberá, ademais, presentar unha copia dunha gravación de vídeo, en formato AVI ou MPEG, en soporte DVD, na cal a persoa aspirante interprete, co acompañamento que precise, se é o caso, tres pezas (variacións, obras ou fragmentos de obras coreográficas) de diferentes estilos, dunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso das ensinanzas profesionais de Danza, cunha duración máxima de 15 minutos, entre as tres pezas. A persoa aspirante deberá especificar os títulos e os/as coreógrafos/as das pezas que interpreta tanto na solicitude (anexo I) como no soporte da gravación, respectando a orde de interpretación. Cando a variación, obra ou fragmento de obra coreográfica presentada corresponda a unha interpretación en conxunto, deberá especificarse que bailarín/bailarina, dentro do grupo, é a persoa aspirante. Así mesmo, deberá xuntar, se é o caso, a relación de méritos académicos ou artísticos que poidan ser considerados pola súa vinculación coas ensinanzas de danza cursadas (anexo II) e a correspondente documentación acreditativa.

Ámbito de Artes Plásticas e Deseño.

a) Ter finalizado un ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño, no curso 2021/22, en centros públicos ou privados autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter obtido unha nota media final igual ou superior a 8,75 no ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño cursado. A nota media final obterase da media aritmética das cualificacións dos módulos que teñan expresión numérica, sen que se teñan en conta no dito cálculo as cualificacións de «apto», «exento» ou «validado». No cálculo da nota media non se incluirá a cualificación do proxecto integrado ou proxecto/obra final.

c) O alumnado que desexe optar a estes premios deberá, ademais, presentar a memoria e documentación gráfica do proxecto integrado ou proxecto/obra final do ciclo formativo de grao superior polo cal concorre, en formato PDF, AVI ou MPEG cun tamaño máximo de 20 MB. Así mesmo, deberá xuntar, se é o caso, a relación de méritos académicos ou artísticos que poidan ser considerados pola súa vinculación coas ensinanzas de artes plásticas e deseño cursadas (anexo II) e a correspondente documentación acreditativa.

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes subscribiraas a persoa interesada ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes para a presentación electrónica deste procedemento. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico xsereap@edu.xunta.gal

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Artigo 5. Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1. Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito no caso de actuar por medio de representante.

2. Certificación académica dos estudos obxecto de baremo, na cal se reflicta a cualificación final obtida pola persoa aspirante, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/da director/a do centro público en que estea o expediente académico da persoa aspirante.

3. Documentación segundo corresponda aos respectivos ámbitos:

Ámbito Música e Danza: unha copia de vídeo en formato AVI ou MPEG en soporte DVD.

Ámbito Artes Plásticas e Deseño: memoria e documentación gráfica do proxecto integrado ou proxecto/obra final do ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño polo cal concorre, en formato PDF, AVI ou MPEG, cun tamaño máximo de 20 MB.

4. Anexo II da solicitude, no caso de que a persoa aspirante alegue méritos académicos ou artísticos que poidan ser considerados pola súa vinculación coas ensinanzas artísticas profesionais cursadas.

5. Documentación acreditativa dos méritos alegados no anexo II, de ser o caso, mediante documento ou copia, onde conste expresamente a actividade, o organismo convocante, e o número de horas, no caso de tratarse de cursos de formación. No caso de tratarse de concertos de música ou actuacións de danza, deberán acreditarse co programa do concerto ou actuación ou certificado da entidade organizadora onde conste o nome dos/das intérpretes, o programa e a data e lugar de realización.

Se a documentación presentada non vén expresada nalgunha das linguas oficias da Comunidade Autónoma de Galicia, esta deberá ir acompañada da súa correspondente tradución.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante, só no caso de actuar por medio de representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente o ámbito escollido para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Procedemento dos centros educativos

Os centros educativos correspondentes proporcionarán ao alumnado solicitante a certificación académica dos estudos obxecto de baremo, na cal se reflicta a cualificación final a que se refire o artigo 3 desta orde, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/da director/a do centro público no que se atope o expediente académico.

Artigo 10. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, e tras examinar estas e a documentación presentada polas persoas solicitantes, publicarase a relación provisional do alumnado admitido e excluído e os motivos de exclusión consonte o establecido no artigo 16 desta orde.

Unha vez publicadas as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas, as persoas interesadas disporán dun prazo de reclamación de dez (10) días para emendar erros e a falta de documentación, e achegarán, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro (BOE núm. 236, do 2 de outubro), do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A publicación da relación definitiva do alumnado admitido e excluído realizarase consonte o establecido no artigo 16 desta orde.

Artigo 11. Xurado de selección

Para a análise e valoración das solicitudes, a persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional designará un xurado de selección formado por:

a) Ámbito de Música:

Presidente/a: a persoa responsable da Dirección Xeral de Formación Profesional, ou persoa en quen delegue.

Vogais: tres vogais especialistas no ámbito da música.

Secretario/a: un/unha asesor/a técnico da Dirección Xeral de Formación Profesional.

b) Ámbito de Danza:

Presidente/a: a persoa responsable da Dirección Xeral de Formación Profesional, ou persoa en quen delegue.

Vogais: tres vogais especialistas no ámbito da danza.

Secretario/a: un/unha asesor/a técnico da Dirección Xeral de Formación Profesional.

c) Ámbito de Artes Plásticas e Deseño:

Presidente/a: a persoa responsable da Dirección Xeral de Formación Profesional, ou persoa en quen delegue.

Vogais: tres vogais especialistas no ámbito das artes plásticas e o deseño.

Secretario/a: un/unha asesor/a técnico da Dirección Xeral de Formación Profesional.

Artigo 12. Criterios de valoración

1. Os premios concederanse en réxime de concorrencia competitiva, de acordo cos criterios que se establecen a continuación para cada ámbito.

2. Ámbito de Música.

A gravación presentada e os méritos valoraranse atendendo aos seguintes criterios, ata un máximo de 100 puntos.

a) Nivel técnico: ata 45 puntos.

1º. Dominio da técnica instrumental: ata 20 puntos.

Utilizar o esforzo muscular e a respiración axeitados ás exixencias da execución instrumental. O xurado valorará o dominio da persoa aspirante na técnica interpretativa acorde ao repertorio presentado.

2º. Dificultade e variedade do repertorio presentado: ata 10 puntos.

Interpretar obras das distintas épocas e estilos adecuadas ao nivel das ensinanzas profesionais de música. O xurado valorará a dificultade do repertorio presentado pola persoa aspirante.

3º. Corrección na execución: ata 15 puntos.

Mostrar o dominio na execución das obras sen desligar os aspectos técnicos dos musicais. Para tal fin, o xurado comprobará a capacidade da persoa aspirante de relacionar os coñecementos técnicos e teóricos necesarios para acadar unha interpretación adecuada.

b) Calidade artística: ata 45 puntos.

1º. Calidade e equilibrio sonoro: ata 20 puntos.

Demostrar sensibilidade auditiva no uso das posibilidades sonoras do instrumento. O xurado valorará a sensibilidade da persoa aspirante respecto das características propias do instrumento.

2º. Aplicación de elementos expresivos axustados ao estilo das obras: ata 20 puntos.

Demostrar a autonomía necesaria para abordar a interpretación dentro das marxes de flexibilidade que permita o texto musical. Para tal fin, o xurado terá en conta o concepto persoal, estilístico e a liberdade de interpretación dentro da fidelidade á partitura.

3º. Presenza escénica: ata 5 puntos.

Amosar un comportamento escénico que promova a capacidade comunicativa durante a presentación do programa musical. O xurado valorará a expresividade do/da intérprete desde a perspectiva escénica.

c) Outros méritos académicos ou artísticos debidamente xustificados que poidan ser considerados pola súa vinculación coas ensinanzas cursadas: ata 10 puntos.

1º. Cursos superados de 10 ou máis horas: 0,03 puntos por cada hora.

As persoas candidatas deberán indicar o número total de horas en cada un dos cursos de formación que presenten.

Nos cursos de formación superados polas persoas candidatas só se computarán as horas completas.

2º. Por participación en actuacións:

a) En agrupacións de cámara (ata 10 integrantes): 0,2 puntos por actuación.

b) Individuais (concertos a solo, recitais con acompañamento de piano ou como solista con orquestra/banda): 0,5 puntos por actuación.

Computarase unha actuación por programa de concerto interpretado, aínda que este fose desenvolvido en diferentes auditorios.

Non se valorarán as interpretacións musicais que formen parte dun curso de formación ao que asistiu a persoa candidata.

Non se computarán as actuacións musicais que tivesen lugar como actividades organizadas polo centro onde a persoa candidata estaba cursando nese momento as súas ensinanzas musicais.

Respecto ás actuacións musicais achegadas como mérito que requiran acompañamento instrumental, o xurado valorará a pertinencia de incluílas na epígrafe de actuación individual ou colectiva, segundo proceda, á vista do programa do dito concerto. Así mesmo, entenderase por actuación individual un programa completo de concerto.

3º. Por premios obtidos:

a) 1º premio de ámbito autonómico: 1,5 puntos. Non se valorarán os premios outorgados nos conservatorios ou escolas de música, agás o premio de fin de grao.

b) 1º premio de ámbito nacional ou internacional: 2 puntos.

3. Ámbito de Danza.

A gravación presentada e os méritos valoraranse atendendo aos seguintes criterios, ata un máximo de 100 puntos.

a) Nivel técnico: ata 45 puntos.

1º. Dominio da técnica dancística: ata 25 puntos.

Demostrar o grao de madureza e capacidade técnica da persoa aspirante respecto da colocación do corpo, o desenvolvemento muscular e flexibilidade, a coordinación interior e rítmica de todos os movementos, o dominio do equilibrio e control do corpo, a precisión e definición das proxeccións e dos desprazamentos, a utilización do espazo e a respiración do movemento.

2º. Dificultade e variedade do repertorio presentado: ata 10 puntos.

Interpretar obras de distintos estilos adecuadas ao nivel das ensinanzas profesionais de danza. Deste xeito, o xurado valorará o virtuosismo amosado e a versatilidade interpretativa fronte á variedade das pezas elixidas.

3º. Corrección na interpretación: ata 10 puntos.

Mostrar o dominio na execución das obras a través da definición do movemento. O xurado comprobará a capacidade da persoa aspirante para evolucionar no espazo coa adecuada precisión e amplitude de movemento.

b) Calidade artística: ata 45 puntos.

1º. Calidade do movemento e musicalidade: ata 25 puntos.

Amosar unha sensibilidade corporal e musical para a obtención dunha interpretación expresiva. O xurado valorará a capacidade artística no uso das distintas calidades do movemento e a sensibilidade musical mostrada durante a execución das obras presentadas.

2º. Aplicación de elementos expresivos axustados ao estilo das obras: ata 20 puntos.

Demostrar a autonomía necesaria para abordar a interpretación dentro das marxes de flexibilidade que permita a coreografía. O xurado valorará a capacidade para lograr unha interpretación expresiva axustada ao estilo e carácter das obras, así como o sentido creativo e grao de desenvolvemento da personalidade artística da persoa aspirante.

c) Outros méritos académicos ou artísticos debidamente xustificados que poidan ser considerados pola súa vinculación coas ensinanzas cursadas: ata 10 puntos.

1º. Cursos superados de 10 ou máis horas: 0,03 puntos por cada hora.

As persoas candidatas deberán indicar o número total de horas en cada un dos cursos de formación que presenten.

Nos cursos de formación superados polas persoas candidatas só se computarán as horas completas.

2º. Por participación en actuacións:

a) Actuacións grupais ou no corpo de baile: 0,2 puntos por actuación.

b) Actuacións como solista: 0,5 puntos por actuación.

Computarase unha actuación dancística por programa interpretado, aínda que esta fose desenvolvida en diferentes auditorios.

Non se valorarán as interpretacións dancísticas que formen parte dun curso de formación ao que asistiu a persoa candidata.

Non se computarán as actuacións dancísticas que tivesen lugar como actividades organizadas polo centro onde a persoa candidata estaba cursando nese momento as súas ensinanzas de danza.

3º. Por premios obtidos:

a) Por 1º premio de ámbito autonómico: 1,5 puntos. Non se valorarán os premios outorgados nos conservatorios ou escolas de danza, agás o premio de fin de grao.

b) Por 1º premio de ámbito nacional ou internacional: 2 puntos.

4. Ámbito de Artes Plásticas e Deseño.

O proxecto integrado ou proxecto final e os outros méritos valoraranse atendendo aos seguintes criterios, ata un máximo de 100 puntos.

a) Nivel técnico: ata 45 puntos.

1º. Calidade da presentación e execución: ata 25 puntos.

Concreción na exposición dos obxectivos do proxecto integrado, declarados na memoria/exposición de motivos, en relación cos requirimentos dun suposto cliente, das persoas usuarias, do público obxectivo, e/ou a finalidade do dito proxecto integrado e a súa coherencia coas condicións do ámbito cultural, social e económico a que vai destinado ou no cal se pretende a súa utilización, uso e/ou difusión.

2º. Grao de eficiencia na resolución amosada no traballo presentado: ata 20 puntos.

Grao de eficiencia na resolución dos problemas existentes entre os obxectivos expostos no punto anterior evidenciados na redacción do proxecto/obra final ou proxecto integrado que presenta a persoa candidata.

b) Calidade artística: ata 45 puntos.

1º. Creatividade: ata 25 puntos.

A constancia e/ou xustificación da linguaxe estética proposta e empregada na concepción, proxección e realización do proxecto/obra final ou proxecto integrado. A orixinalidade e significación, en termos de valor estético e artístico engadido, amosadas na concreción das propostas estéticas e formais e o resultado global observado.

2º. Adecuación do grafismo/tipografía/ilustracións á temática: ata 20 puntos.

A orixinalidade e significación, en termos de valor estético e artístico engadido, amosadas na concreción das propostas estéticas e formais e o resultado global observado. A concordancia entre os recursos estéticos (forma, tamaño, escala, cor, textura, materiais, grafismo, tipografía, ilustracións, etc.) empregados e a proposta estética observada no apartado anterior.

Claridade, corrección técnica, pulcritude e orde na exposición das diferentes partes e/ou documentos que compoñen o proxecto/obra final ou proxecto integrado.

c) Outros méritos académicos ou artísticos debidamente xustificados que poidan ser considerados pola súa vinculación coas ensinanzas cursadas: ata 10 puntos.

1º. Cursos superados de 10 ou máis horas: 0,03 puntos por cada hora.

As persoas candidatas deberán indicar o número total de horas en cada un dos cursos de formación que presenten.

Nos cursos de formación superados polas persoas candidatas só se computarán as horas completas.

2º. Por participación en exposicións:

a) Exposicións colectivas: 0,2 puntos por exposición.

b) Exposicións individuais: 0,5 puntos por exposición.

Computarase unha exposición por programa presentado, aínda que teñan lugar en diferentes lugares.

Non se valorarán as exposicións que formen parte dun curso de formación ao que asistiu a persoa candidata.

Non se computarán as exposicións que tivesen lugar como actividades organizadas polo centro onde a persoa candidata estaba a cursar nese momento as súas ensinanzas artísticas.

c) Publicacións gráficas: 1,5 puntos por publicación.

Publicacións gráficas relacionadas coa especialidade para a que concursa a persoa candidata. Non se computarán aquelas publicacións gráficas en que o propio autor ou autora sexa responsable directa ou indirectamente da edición ou aquelas publicacións que carezan de número de identificación internacional (ISBN/ISSN) ou depósito legal.

3º. Por premios obtidos:

a) Por 1º premio de ámbito autonómico: 1,5 puntos. Non se valorarán os premios outorgados nos centro educativos onde estudou a persoa candidata.

b) Por 1º premio de ámbito nacional ou internacional: 2 puntos.

5. Para poder ser propostas como premiadas, as persoas aspirantes deberán acadar unha puntuación mínima de 45 puntos no total da suma das puntuacións das epígrafes a) Nivel técnico e b) Calidade artística. De darse o caso en que ningún participante acade a dita puntuación, o premio ou premios declararanse desertos.

6. O número de premios propostos non pode ser superior ao que resulte da aplicación do artigo 2 desta orde, polo que no caso de empate entre persoas candidatas se dará preferencia á mellor nota media a que se refire o artigo 3 desta orde, despois, á cualificación nas alíneas a) Nivel técnico e b) Calidade artística.

Artigo 13. Puntuacións provisionais

1. A publicación das puntuacións provisionais obtidas polas persoas candidatas realizarase consonte o establecido no artigo 16 desta orde.

2. O alumnado ou, se é o caso, os seus representantes legais poderán presentar reclamación contra a puntuación obtida, no prazo de dez (10) días a partir do día seguinte ao da súa publicación.

A reclamación presentarase preferiblemente vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal), accedendo á Carpeta cidadá, e achegarán, se é o caso, a documentación necesaria.

Opcionalmente, poderase presentar a reclamación ou emenda de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo.

Ademais, poderase adiantar o envío por correo electrónico ao enderezo xsereap@edu.xunta.gal.

Artigo 14. Resolución definitiva

1. Unha vez resoltas as reclamacións, o xurado elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación dos premios extraordinarios. Os resultados coas puntuacións definitivas das persoas aspirantes publicaranse consonte o establecido no artigo 16 desta orde. A acta orixinal elaborada polo xurado quedará arquivada na Dirección Xeral de Formación Profesional.

2. As reclamacións entenderanse resoltas e notificadas coa publicación das puntuacións definitivas.

3. A persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional elevará a proposta feita polo xurado de selección á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, quen emitirá a correspondente resolución de adxudicación para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

4. O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de inscrición. Transcorrido o dito prazo sen que se notificase a correspondente resolución, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

5. A relación de alumnado seleccionado para participar nos premios nacionais ao rendemento académico do alumnado de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, danza e artes plásticas e deseño será o premiado na presente convocatoria e comunicarase á Dirección Xeral de Planificación e Xestión Educativa do Ministerio de Educación e Formación Profesional.

6. A devandita resolución de adxudicación dos premios poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias

1. O alumnado premiado, para poder recibir a dotación económica do premio a que se refire o artigo 2.2 desta orde, non poderá estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberá estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da citada lei, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, conforme o artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O alumnado que obteña premio extraordinario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O importe do premio estará suxeito ás retencións que legalmente correspondan.

3. Na solicitude (anexo I), o alumnado debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar acerca da veracidade dos datos relativos á dita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do dito premio, no caso de obtelo.

4. A persoa beneficiaria ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución de adxudicación dos premios.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades https://www.edu.xunta.gal a relación de alumnado admitido e excluído e as puntuacións obtidas polas persoas candidatas.

Artigo 17. Modificación da adxudicación

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da adxudicación do premio concedido, conforme o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional primeira. Efectos económicos do xurado de selección

Para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, o xurado de selección aterase á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda e Administración Pública.

Disposición adicional segunda. Publicación na Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional para adoptar os actos e as medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 9.2.2021)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file