Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Luns, 27 de xuño de 2022 Páx. 36499

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 16 de xuño de 2022 pola que se convocan para o ano 2022 os premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia.

Os premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia, establecidos pola Orde do 22 de agosto de 2017 pola que se establecen as bases que regulan a concesión dos premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia e se convocan para o ano 2017, modificada pola Orde do 10 de maio de 2021, teñen como finalidade recoñecer a excelencia do proceso produtivo das explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia na obtención dun leite cru da mellor calidade hixiénico-sanitaria.

Este recoñecemento realízase mediante a distinción a explotacións en tres categorías en función do seu tamaño, pequenas, medianas e grandes, e, pola súa vez, estas categorías subdividiranse cada unha delas en tres grupos en función do sistema de produción, entendido este como a posibilidade de aproveitamento de recursos propios da explotación. Recoñécense tamén especificamente as mellores explotacións ecolóxicas.

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e na Lei 1/1983, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto convocar para o ano 2022 os premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia.

2. A presente orde publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural.

CAPÍTULO I

Convocatoria para o ano 2022

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderán optar a estes premios todas as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), de tal xeito que consten na base de datos deste laboratorio os resultados das mostras de leite correspondentes ao período de referencia, que comprende desde o mes de agosto de 2021 ao mes de xullo de 2022.

Artigo 3. Xurado responsable da concesión dos premios

O xurado responsable da concesión dos premios estará constituído por: en representación da Consellería do Medio Rural, polas persoas titulares da Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e da Subdirección Xeral de Gandería e, en representación do LIGAL, pola directora xerente e o presidente da Xunta Directiva.

Disposición adicional única. Réxime supletorio

No non previsto nesta orde, será de aplicación o disposto nas bases que regulan a concesión dos premios de excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca e se convocan para o ano 2017 establecidas na Orde do 22 de agosto de 2017, modificada pola Orde do 10 de maio de 2021.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural