Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Luns, 27 de xuño de 2022 Páx. 36264

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 7 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CO300A).

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma.

O Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, transitoriamente en vigor de acordo co disposto na disposición transitoria do Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, establece que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, a coordinación e o control das competencias da consellería en materia de comercio interior.

Na actualidade, o comercio tradicional está sometido a un profundo proceso de cambio que exixe realizar un esforzo de renovación e adaptación continuo, co obxecto de que se volva situar na posición histórica que tradicionalmente veu desempeñando no desenvolvemento económico e social das nosas vilas e cidades.

Por isto, e co obxecto de contribuír a construír un sector comercial máis competitivo e dinámico, recóllese un conxunto de medidas entre as que cabe subliñar a dinamización e a revitalización dos centros comerciais abertos da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa adaptación ao seu contorno, creando espazos confortables e de lecer que promovan o incremento da competitividade do comercio de proximidade, a incentivación do consumo e a satisfacción das necesidades da poboación, así como a xeración de puntos de atracción comercial nas cidades e vilas galegas.

En consecuencia, co fin de promover a recuperación das vilas en xeral e do seu comercio en particular, tanto desde o punto de vista económico e social como urbanístico, contribuíndo a evitar o despoboamento que nos últimos anos se está producindo nos centros urbanos, esta orde diríxese ás asociacións de comerciantes de carácter territorial, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia e que leven a cabo proxectos de interese para a dinamización e a revitalización dos centros comerciais abertos.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación destinadas ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia (código de procedemento CO300A).

Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2022.

A xestión destas subvencións realizarase polo procedemento de concorrencia non competitiva ata o esgotamento do crédito, de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

2. Para a concesión destas subvencións destínanse 2.250.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 06.03.751A.781.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

3. Esta cantidade poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou a existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser entidade beneficiaria da subvención deberá presentarse unha solicitude dirixida á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbera día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez recibidas as solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a cinco meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As solicitudes presentaranse en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta orde de convocatoria e resolveranse atendendo á súa prelación temporal ata o esgotamento do crédito, do cal se dará a correspondente publicidade.

Para os efectos da determinación da prelación temporal, a data para ter en conta será a data e hora de presentación da solicitude. No caso de que a solicitude requira emenda, terase en conta a data e hora en que a entidade solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida.

No caso de que máis dunha solicitude teña a mesma data de presentación, prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación fose anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral e, en último caso, prevalecerá aquela á que o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.

As subvencións serán concedidas ata o esgotamento do crédito orzamentario, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A proposta de concesión formularaa o órgano instrutor, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos para conceder a subvención. Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación das solicitudes entre si, polo interese excepcional en promover actuacións que dinamicen e revitalicen os centros comerciais abertos da Comunidade Autónoma de Galicia, creando espazos confortables e de lecer que promovan o incremento da competitividade do comercio de proximidade, a incentivación do consumo e a satisfacción das necesidades da poboación, así como a xeración de puntos de atracción comercial nas cidades e vilas galegas.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 7. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código CO300A, poderase obter información a través dos seguintes medios:

1. Na guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo:

https://sede.xunta.gal

2. Na páxina web oficial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación http://ceei.xunta.gal/portada, na súa epígrafe de axudas.

3. Nos teléfonos 981 54 45 30 e 981 54 55 97 da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

4. No enderezo electrónico cei.dxc.axudas@xunta.gal

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

De acordo co establecido no artigo 14.1, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Recursos

Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional única. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co establecido no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2022

Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía,
Industria e Innovación

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comercias abertos de Galicia (código CO300A)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro de 2013, L352/1).

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse subvencionables os gastos e os investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.

En concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas no artigo 4 destas bases reguladoras, sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2022 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 19 destas bases reguladoras.

En atención á súa especial natureza e por ter unha continuidade ininterrompida, tamén se considerarán subvencionables as actuacións realizadas entre o 1 de novembro de 2021 e o 31 de decembro de 2021.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións establecidas para as actuacións previstas nesta orde financiaranse con crédito con cargo á aplicación orzamentaria 06.03.751A.781.1 «Asociacionismo comercial e servizos para pemes comerciais» por un importe total de 2.250.000,00 €.

2. A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

3. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas e subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do investimento subvencionable.

4. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra da mesma ou distinta consellería para os mesmos conceptos subvencionables e a mesma persoa beneficiaria.

No caso de percibirse outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

5. A natureza destas subvencións xustifica realizar pagamentos anticipados que supoñerán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes a elas de ata un 50 % da subvención concedida, nos termos establecidos no artigo 7 destas bases reguladoras.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases reguladoras:

a) As agrupacións de persoas físicas e xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica, constituídas para os únicos efectos de compartir a unidade xerencial prevista nos artigos 3.1.b) e 4.1.d) das bases reguladoras e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste caso, deberanse facer constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación así como o importe de subvención que aplicará cada un deles, que terá, igualmente, a consideración de beneficiario. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As asociacións de comerciantes de carácter territorial, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia, que leven a cabo proxectos de dinamización e incentivación do consumo de interese e transcendencia en centros comerciais abertos.

En todo caso, as asociacións de comerciantes deberán ter unha antigüidade mínima de tres anos na data de publicación desta orde e atoparse ao corrente na obriga de aprobación das contas anuais pola xunta directiva nos dous últimos exercicios previos a esta orde de convocatoria.

Para os efectos desta orde, terán a consideración de centros comerciais abertos as agrupacións de establecementos comerciais definidas no artigo 24 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, que conten, en todo caso, cunha unidade de xestión profesionalizada. A unidade xerencial deberá ter contratada, mediante un contrato laboral, unha persoa física que desenvolverá funcións de xestión, contabilidade, dinamización comercial e información e asesoramento ás persoas comerciantes. En ningún caso poderá ser membro nin formar parte dos órganos de goberno da entidade asociativa solicitante ou de ningunha outra asociación ou federación de comerciantes beneficiaria dalgunha das axudas postas en marcha pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo no ano 2022.

Ademais, o centro comercial aberto deberá cumprir, polo menos, cinco dos seis requisitos mínimos seguintes e, en todo caso, o establecido na letra c):

a) Estar situado en concellos cunha poboación superior aos 10.000 habitantes, de acordo co establecido na normativa pola que se declaren oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2021.

b) Dispoñer dun grao de concentración comercial alto. É dicir, no espazo en que se desenvolve, que en ningún caso pode ser superior ao termo municipal, debe haber polo menos 100 comercios retallistas, asociados e non asociados.

c) Contar cun mínimo de 50 comercios retallistas asociados na súa delimitación territorial que en ningún caso pode ser superior ao termo municipal.

d) Presentar unha diversidade de oferta comercial, con predominio da oferta especializada en equipamento persoal.

e) A delimitación do centro comercial aberto debe estar claramente definida e integrar os principais eixes comerciais da vila.

f) Os comercios retallistas asociados deben representar, polo menos, o 50 % do número total de socios.

Para estes efectos, teranse en conta os comercios incluídos nos IAE establecidos no anexo IX e os salóns de peiteados.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE do 26 de xuño de 2014, L 187/1).

Artigo 4. Actuacións subvencionables

1. Actuacións subvencionables.

Consideraranse subvencionables os proxectos que teñan por finalidade acadar a dinamización e a revitalización dos centros comerciais abertos a través das seguintes actuacións:

a) Mantemento dos marketplace.

b) Dinamización comercial.

c) Fidelización de clientela.

d) Unidade xerencial.

Dentro de cada actuación, consideraranse subvencionables as seguintes actividades:

a) O mantemento dos marketplace cun investimento máximo subvencionable de 1.250,00 €. Os marketplace deben reunir as características técnicas e as condicións legais previstas no anexo X e non estar integrados nunha plataforma conxunta ou compartida con outras entidades. A participación nos marketplace dos comercios asociados non suporá ningún custo adicional para estes.

b) A dinamización comercial desenvolvida no marco dun proxecto de incentivación do consumo no que as persoas comerciantes e consumidoras sexan as destinatarias finais:

• Campañas de promoción comercial en datas ou períodos comerciais.

• Campañas de dinamización comercial na rúa con participación directa dos comercios asociados e as persoas consumidoras.

• Organización de feiras de oportunidades ou eventos de promoción comercial.

• Calquera outra campaña de dinamización, animación e promoción comercial.

Os gastos subvencionables por campaña son os seguintes:

• Os servizos profesionais externos para o deseño e a posta en marcha da campaña.

• O alugamento de medios técnicos (carpas e análogos, son e imaxe).

• Os seguros de responsabilidade civil derivados da campaña.

• A publicidade nos medios de comunicación (prensa, radio e televisión) directamente vinculada coa campaña.

• O material de promoción e difusión da campaña (cartelaría, folletos, vídeos e outro material promocional en liña e para as redes sociais).

• Os regalos promocionais cun investimento máximo subvencionable de 5.000,00 € para o tramo a), 3.000,00 € para o tramo b) e 1.500,00 € para o tramo c), conforme o establecido no artigo 5.2 destas bases reguladoras. En todo caso, os regalos promocionais deben estar asociados a unha actividade concreta de dinamización e vinculados a unha venda.

c) A fidelización de clientela:

• Loxística e-commerce: gastos de envío en liña realizados por empresas loxísticas externas desde os comercios asociados ata o domicilio da clientela. Os gastos de envío subvencionados non poderán repercutirse, en ningún caso, á clientela.

• Tíckets de aparcamento cun investimento máximo subvencionable de 10.000,00 €. En todo caso, os tíckets de aparcamento deben estar vinculados a unha venda.

• APP de fidelización (puntos de desconto ou similares).

d) A unidade xerencial: só serán admisibles como gastos subvencionables os custos de persoal (salario e seguridade social) e de funcionamento das unidades xerenciais que cumpran os requisitos establecidos no artigo 3.1.b) destas bases reguladoras, sempre que sexan indispensables para a formulación, a execución e o seguimento do proxecto obxecto da subvención.

Só serán subvencionables por este concepto aqueles proxectos que inclúan, como mínimo, seis actividades das previstas na letra b) deste punto dentro do período subvencionable.

Sen prexuízo do anterior, establécese un investimento máximo subvencionable para os seguintes gastos:

• Material de oficina: 1.250,00 €.

• Asesoría externa: 1.250,00 €.

• Teléfono e internet: 1.500,00 €.

Os gastos financeiros, os de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais, periciais e os gastos de garantía bancaria poderán ser subvencionables se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta.

2. Gastos e actuacións non subvencionables:

Con carácter xeral, non se considerarán subvencionables:

• Os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda, segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

• As actuacións ou, de ser o caso, os gastos asociados á actuacións que non inclúan a publicidade do financiamento do proxecto pola Xunta de Galicia de acordo co establecido nos artigos 16.h) e 17 destas bases reguladoras.

• Aqueles investimentos non incluídos na solicitude (tanto no anexo VI como na memoria) ou dos que non se presente a documentación económica completa de acordo co establecido no artigo 6 destas bases reguladoras.

• Os gastos concertados con entidades ou persoas vinculadas ao persoal xestor ou, de ser o caso, aos órganos directivos de acordo co establecido no artigo 18 destas bases reguladoras.

Así mesmo, non se considerarán subvencionables:

a) Respecto da dinamización comercial:

• As campañas de dinamización, promoción ou calquera outra actuación que teñan exclusivamente por finalidade o patrocinio, a colaboración ou a axuda económica que comporten actividades lúdicas, turísticas, de exaltación gastronómica, deportivas ou similares, sen relación co fomento da actividade comercial e sen a participación directa dos establecementos comerciais asociados.

• Os premios resultantes de sorteos ou de calquera outra combinación aleatoria.

• A realización de cócteles e actos análogos.

• As bolsas comerciais.

• A edición e a publicación de revistas, xornais e medios análogos, en soporte físico ou dixital.

• Os regalos promocionais que non leven incluída a publicidade da Xunta de Galicia nos termos establecidos no artigo artigos 16.h) e 17 destas bases reguladoras.

• A publicidade xenérica do centro comercial aberto ou das campañas dirixidas á captación de asociados.

b) Respecto da fidelización de clientela:

Os tíckets de aparcamento en aparcadoiros públicos municipais.

c) Respecto da unidade xerencial:

• Os seguros e os sistemas de alarma (instalación e mantemento).

• Os cursos de formación e prevención de riscos laborais.

• As reformas, mantementos e gastos de comunidade.

• O material covid e as subscricións a calquera tipo de publicación.

• Calquera axuda de custo e desprazamentos, agás no caso de cursos de formación dirixidos á unidade xerencial promovidos pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

• Calquera outro gasto que non sexa indispensable nin estea directamente relacionado co obxecto da subvención.

Artigo 5. Investimentos máximos subvencionables

1. A porcentaxe da subvención acadará o 80 % dos investimentos máximos subvencionables, sen que en ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poida ser superior ao valor de mercado.

2. O investimento máximo subvencionable modúlase en tres tramos en función do número de comercios asociados incluídos nos IAE establecidos no anexo IX, incluídos os salóns de peiteados, segundo os datos obtidos da certificación e da intranet habilitada pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo:

a) 65.000,00 € para os centros comerciais abertos que teñan 100 ou máis comercios asociados.

b) 55.000,00 € para os centros comerciais abertos que teñan entre 99 e 70 comercios asociados.

c) 40.000,00 € para os centros comerciais abertos que teñan entre 69 e 50 comercios asociados.

3. Do investimento máximo subvencionable establecido para cada tramo, destinarase un mínimo do 55 % para as actuacións recollidas nas letras a), b) e c) do punto 1 do artigo 4 destas bases reguladoras e un máximo do 45 % para as actuacións da letra d) do mesmo punto (unidade xerencial) segundo a seguinte desagregación:

Tramo

Número de comercios asociados

Subvención total: 100 %

Actuacións das letras a), b) e c): mínimo 55 %

Unidade xerencial: máximo 45 %

Investimento máximo (€)

Subvención (€)

Investimento máximo (€)

Subvención (€)

Investimento máximo (€)

Subvención (€)

a

>=100

65.000,00

52.000,00

35.750,00

28.600,00

29.250,00

23.400,00

b

99 - 70

55.000,00

44.000,00

30.250,00

24.200,00

24.750,00

19.800,00

c

69 - 50

40.000,00

32.000,00

22.000,00

17.600,00

18.000,00

14.400,00

4. O investimento solicitado non poderá exceder do investimento máximo establecido para cada tramo e, en todo caso, deberá respectar a porcentaxe mínima do 55 % para as actuacións contidas nas letras a), b) e c) do punto 1 do artigo 4 destas bases reguladoras e máxima do 45 % para as actuacións da unidade xerencial da letra d). En caso de incumprimento, instarase a entidade solicitante para que, no prazo de dez días, reformule a súa solicitude e axuste o investimento solicitado ao establecido nas bases reguladoras coa advertencia de que, de non facelo, se entenderá que desiste da súa solicitude.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo II, a seguinte documentación:

a) Acta e estatutos de constitución e modificacións posteriores, se é o caso, e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.

b) Poder suficiente da persoa representante da entidade solicitante.

c) Composición actualizada da xunta directiva da entidade asociativa.

d) Orzamento do exercicio corrente da entidade asociativa.

e) Orzamento liquidado pola entidade asociativa no ano 2021.

f) Contas anuais aprobadas pola xunta directiva da entidade asociativa nos dous últimos exercicios previos a esta orde de convocatoria.

g) Certificado expedido pola persoa que exerza a secretaría ou representación da entidade solicitante que acredite o número total de membros asociados e o número de comercios retallistas asociados.

h) Copia da acta da sesión en que se informe as persoas comerciantes asociadas do proxecto para o cal se solicita a subvención.

i) Memoria do proxecto de dinamización e incentivación do consumo que deberá incluír, polo menos, respecto de cada unha das actuacións para as cales se solicita a subvención:

– A denominación da actividade.

– A descrición individualizada, pormenorizada e detallada da actividade con indicación dos seus obxectivos xerais e específicos.

– A localización e datas previstas para a súa realización.

– O número e características dos/das participantes e beneficiarios/as.

– O orzamento total do investimento con indicación das fontes de financiamento e, de ser o caso, a porcentaxe e contías achegadas por cada unha das partes.

– O orzamento desagregado e detallado do investimento solicitado coa relación das facturas ou, na súa falta, facturas pro forma dos gastos que se imputan a cada unha das actividades (con identificación do número de orde e concepto segundo anexo VI).

A memoria deberá presentarse asinada.

j) Anexo VI co orzamento detallado dos gastos previstos para a realización de cada unha das actividades para as cales se solicita a subvención, e facturas ou, na súa falta, facturas pro forma das actividades ou adquisicións para as cales se solicita a subvención. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas pola entidade solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto, nin se admitirán aqueles orzamentos que non presenten a suficiente desagregación para determinar o carácter subvencionable dos conceptos relacionados nel.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

j.1) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os que se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados pola entidade solicitante, con independencia da contía dos investimentos.

j.2) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionadas pola entidade solicitante para a realización do proxecto.

j.3) Memoria económica xustificativa da elección dos provedores, nos seguintes casos:

j.3.1) Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa, das tres que, como mínimo, obtivo a entidade solicitante.

j.3.2) Cando, polas especiais características dos gastos subvencionables, non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a entidade solicitante.

As ofertas presentadas e os provedores elixidos supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser entidade beneficiaria da axuda.

Non se considerarán subvencionables, parcial ou totalmente, aqueles investimentos dos que non se presente documentación económica completa conforme o aquí recollido.

k) Formalización do anexo IV relativo á unidade xerencial, acompañado da documentación que nel se sinala:

– Copia do contrato ou contratos do xerente.

– Copia do currículo da persoa xerente.

l) Declaración de non vinculación da persoa xerente nos termos establecidos no artigo 18 destas bases reguladoras.

m) No caso das agrupacións de persoas físicas e xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ás que se refire o artigo 3.1.a) destas bases reguladoras, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación así como o importe de subvención que aplicará cada un deles, que terá, igualmente, a consideración de beneficiario. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Pagamento anticipado

1. As entidades beneficiarias poderán solicitar, no prazo de dez días hábiles desde a notificación da concesión da subvención, o pagamento anticipado, que suporá entregas de fondos con carácter previo á xustificación como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención de ata un 50 % da subvención concedida, coa obriga de constituír garantía no caso de subvencións superiores a 18.000,00 € nos termos previstos a continuación.

2. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras ou na convocatoria.

A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

Unicamente serán admisibles as garantías presentadas por terceiros cando a persoa fiadora preste fianza con carácter solidario, renunciando expresamente ao dereito de excusión.

A persoa avalista ou aseguradora será considerada parte interesada nos procedementos que afecten directamente a garantía prestada nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A garantía deberá constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais, situadas nas delegacións territoriais da consellería competente en materia de facenda.

3. As entidades interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude de anticipo, anexo VIII, a declaración doutras axudas, anexo III, debidamente asinadas, e no caso de que a subvención concedida sexa superior a 18.000,00 € deberán achegar, ademais, o resgardo orixinal do depósito da garantía na Caixa Xeral de Depósitos.

A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada do órgano correspondente.

En ningún caso se poderán realizar pagamentos anticipados a entidades beneficiarias cando solicitasen a declaración de concurso, fosen declarados insolventes en calquera procedemento ou se atopen declarados en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estean suxeitas a intervención xudicial ou sexan inhabilitadas conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante da entidade solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Atriga.

f) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario que corresponda e achegar os documentos pertinentes. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, así como para realizar a proposta de resolución, correspondéndolle á persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación ditar a resolución que corresponda, sen prexuízo da delegación noutros órganos.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia non competitiva xa que polo seu obxecto non é preciso realizar unha comparación e determinar unha orde de prelación entre as entidades solicitantes. De acordo co establecido nos artigos 19.2 e 31.4 da Lei 9/2007, o órgano competente para a tramitación do procedemento instruirá os expedientes seguindo rigorosamente a orde de presentación das solicitudes e concederá a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito a todas aquelas entidades beneficiarias que cumpran cos requisitos.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase a entidade interesada para que, no prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistida da súa solicitude, logo da correspondente resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 8.1 destas bases reguladoras resulta que a entidade solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co estado, coa comunidade autónoma ou coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na letra d) do artigo 53.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, o órgano instrutor poderá realizar, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución e poderá requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases reguladoras ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e arquivamento das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido no artigo 3 da orde de convocatoria.

Artigo 11. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e as xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas entidades interesadas.

Artigo 12. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución que será elevada á persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

2. A persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

A dita resolución será publicada na web http://ceei.xunta.gal e notificada individualmente ás entidades beneficiarias de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45 da mesma lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás entidades interesadas será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Todas as resolucións se notificarán de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Nas notificacións comunicarase o importe previsto da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, e o seu carácter de axuda de minimis en aplicación do Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1).

5. As resolucións de inadmisión ou desestimación de solicitudes notificaranse individualmente con indicación das súas causas. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia coa indicación de que as entidades non beneficiarias consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Primeira e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa. Se a resolución non é expresa, a entidade solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.

b) Recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que non concorran requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.

d) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.

3. A entidade beneficiaria deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida á persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de 40 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado, sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia ás entidades interesadas na forma prevista no artigo 11 destas bases reguladoras, en caso de non recibir notificación da aceptación polo órgano concedente no prazo de dez días, entenderase desestimada a modificación.

Artigo 15. Renuncia

A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao órgano concedente ou á entidade colaboradora, se é o caso, a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando as axudas de minimis obtidas para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo ao que fai referencia o artigo 1.2 destas bases reguladoras. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia nos termos previstos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no artigo 20 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento desta e no artigo 17 destas bases reguladoras.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Manter os investimentos subvencionados coa axuda outorgada, de ser o caso, durante un período mínimo de tres anos desde a súa concesión.

k) Participar as persoas que ocupen a xerencia nos cursos formativos que en materia de xestión de centros comerciais abertos promova, no seu caso, a Xunta de Galicia.

l) Comunicar con antelación suficiente á Dirección Xeral de Comercio e Consumo os actos de presentación das campañas promocionais para os efectos da asistencia, de ser o caso, dunha persoa representante da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

m) Cumprir coas obrigas de información contidas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 17. Obrigas específicas de publicidade

As entidades beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En concreto, as entidades beneficiarias deberán facer constar o cofinanciamento da Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, en todas as actuacións, actividades e materiais que formen parte do proxecto financiado ao abeiro desta orde de axudas, coa inserción da imaxe corporativa institucional básica da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no Decreto 112/2021, do 22 de xullo, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Estas medidas deberán adecuarse ao obxecto subvencionado, tanto na súa forma como na súa duración. No caso de comunicacións ou notas informativas en medios de comunicación, deberá incluírse a referencia de que a actuación foi subvencionada pola Xunta de Galicia.

Artigo 18. Subcontratación

Enténdese que unha entidade beneficiaria subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúa o obxecto da subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As persoas ou entidades subcontratadas non poderán estar vinculadas coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos, salvo que concorran as seguintes circunstancias:

a) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

b) Que a contía contratada polo mesmo ou distinto concepto non supere os 4.000,00 €.

c) Que se solicite e conceda a súa autorización previa (a solicitude de autorización e a súa xustificación presentaranse xunto coa solicitude de subvención).

A unidade xerencial non poderá estar vinculada con persoas ou entidades subcontratadas para a execución total ou parcial das actividades obxecto da subvención. Para estes efectos, considerarase que existe vinculación nos supostos previstos no artigo 43.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Xustificación da subvención

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, na forma sinalada no artigo 8 da convocatoria e ata o 31 de outubro de 2022, dun dossier de cada unha das actividades realizadas, que incluirá a seguinte documentación:

a) Memoria de actuación xustificativa do cumprimento do proxecto de dinamización e incentivación do consumo que deberá incluír, polo menos, respecto a cada unha das actuacións realizadas:

– A denominación da actuación.

– A descrición individualizada, pormenorizada e detallada da actuación realizada con indicación da valoración dos resultados obtidos segundo os obxectivos xerais e específicos sinalados na memoria da solicitude.

– A localización e datas da súa realización.

– O número e características dos/as participantes e beneficiarios/as.

– O orzamento total do investimento con indicación das fontes de financiamento e, de ser o caso, a porcentaxe e contías achegadas por cada unha das partes.

– O orzamento desagregado e detallado do investimento realizado coa relación das facturas dos gastos que se imputan a cada unha das actividades (con identificación do número de orde e concepto segundo o anexo VII).

A memoria deberá presentarse asinada.

b) Xustificantes dos investimentos:

Os gastos xustificaranse mediante a presentación das facturas dos provedores, que deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento que establece as obrigas de facturación, e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa.

Cando a entidade beneficiaria non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

As facturas deberán estar emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación do proxecto. Xuntarase relación nominativa de facturas, agrupadas e ordenadas por actuacións subvencionables, facendo constar para cada documento o seu número de orde, que deberá coincidir coa da relación enviada xunto coa solicitude, data de expedición, expedidor, concepto, importe en euros e data de pagamento, segundo o anexo VII.

A xustificación dos pagamentos acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

c) Para as actuacións de dinamización e fidelización deberá achegarse material fotográfico que evidencie a realización de cada unha das actividades segundo a descrición da memoria e que amose, de forma clara e inequívoca, o cumprimento das obrigas de publicidade da financiación do proxecto de acordo co establecido nos artigos 16.h) e 17 destas bases reguladoras.

No caso de publicidade en medios de comunicación achegarase un dossier coa dita publicidade nos medios escritos e un certificado das emisións nos medios radiofónicos e audiovisuais asociadas a cada campaña.

d) Certificación, do órgano que teña atribuídas as facultades, da aplicación dos fondos á finalidade para a que foron concedidos.

e) Anexo III coa declaración actualizada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Farase mención expresa de calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, así como a declaración da entidade solicitante de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Anexo III coa declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

g) Certificacións expedidas polos organismos competentes acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Atriga, no caso que a entidade solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións.

g) Relación nominal das persoas traballadoras, documento RNT, e relación de liquidación de cotizacións, documento RLC, no caso de imputar gastos de seguridade social da persoa xerente.

h) Anexo V coa información relativa aos indicadores de actuación.

i) De ser o caso, os tres orzamentos exixidos de conformidade co previsto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Informe da mesa local de comercio sobre o proxecto de dinamización comercial obxecto da solicitude da subvención de conformidade co disposto no artigo 3.b) do Decreto 183/2011, do 15 de setembro, polo que se regulan as mesas locais de comercio ou, de ser o caso, a solicitude do dito informe, sempre que esta solicitude se efectúe cunha antelación mínima de 1 mes á data de finalización do prazo de xustificación.

2. As ofertas presentadas e os provedores elixidos supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto da entidade beneficiaria, agás por causa debidamente xustificada non imputable á entidade solicitante.

3. Ponderación entre o investimento concedido e o investimento finalmente xustificado:

a) Cando o investimento concedido se axuste á seguinte porcentaxe: 55 % para as actuacións das letras a), b) e c) do artigo 4.1 destas bases reguladoras e 45 % para as actuacións da letra d) do mesmo artigo (unidade xerencial):

No caso de que o investimento xustificado nas actuacións das letras a), b) e c) sexa inferior ao investimento concedido para as ditas actuacións, o investimento máximo subvencionable para a unidade xerencial ponderarase proporcionalmente de acordo coa seguinte fórmula: U = A x (IMU / IMA).

U = investimento máximo na unidade xerencial.

A = investimento xustificado nas letras a), b), e c) do artigo 4.1 destas bases reguladoras.

IMU = investimento máximo concedido na unidade xerencial.

IMA = investimento máximo concedido nas letras a), b) e c) do artigo 4.1 destas bases reguladoras.

b) Cando o investimento concedido sexa superior ao 55 % para as actuacións das letras a), b) e c) do artigo 4.1 destas bases reguladoras e inferior ao 45 % para as actuacións da letra d) do mesmo artigo (unidade xerencial):

No caso de que o investimento xustificado nas actuacións das letras a), b) e c) sexa inferior ao 55 % do total xustificado, o investimento máximo subvencionable para a unidade xerencial ponderarase proporcionalmente de acordo coa seguinte fórmula: U = A x (45 / 55).

U = investimento máximo na unidade xerencial.

A = investimento xustificado nas letras a), b) e c) do artigo 4.1 destas bases reguladoras.

4. Sen prexuízo do disposto anteriormente, dentro de cada unha das actuacións descritas nas letras a), b), c) e d) do artigo 4.1 destas bases reguladoras poderán admitirse desviacións entre o gasto inicialmente orzado e o gasto finalmente xustificado cunha variación non superior ao 10 %, sen que en ningún caso a dita desviación supoña un incremento do investimento máximo concedido nin unha alteración das porcentaxes establecidas no artigo 5.4 destas bases reguladoras.

5. Transcorrido o prazo indicado sen que a entidade beneficiaria presente a documentación solicitada, aplicarase o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

6. Os órganos competentes da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non sexan remitidos pola entidade beneficiaria dentro do prazo que se sinale, poderá entenderse que renuncia á axuda.

Artigo 20. Pagamento

Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

O libramento da subvención aboarase nun único pagamento mediante transferencia bancaria ao número de conta designado pola entidade beneficiaria.

As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. En caso de concorrencia con outras subvencións ou axudas observarase o establecido no artigo 2 destas bases reguladoras.

Artigo 21. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Nos supostos de falta de xustificación, de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia ou de incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención, incluíndo a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito ao cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro.

Cando se trate de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, deberá reintegrarse o total da cantidade percibida cando o cumprimento non acade o 60 % do investimento subvencionado.

4. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases reguladoras seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do seu regulamento.

Artigo 22. Control

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da subvención.

Alén do anterior, a subvención estará sometida á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 23. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, a entidade beneficiaria, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando o importe das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexa de contía inferior a 3.000,00 € non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases reguladoras aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade; no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis e no resto de normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IX

Epígrafes do IAE subvencionables

641. Comercio polo miúdo de froitas, verduras, hortalizas e tubérculos.

642. Comercio polo miúdo de carnes e miúdos; de produtos derivados cárnicos elaborados: de ovos, aves, coellos de granxa, caza; e de produtos derivados deles.

643. Comercio polo miúdo de peixes e doutros produtos da pesca e da acuicultura e caracois.

644. Comercio polo miúdo de pan, pastelaría, confeitaría e similares, e de leite e produtos lácteos.

645. Comercio polo miúdo de viños e bebidas de todas clases.

646. Comercio polo miúdo de elaborados de tabaco e de artigos de fumador.

647. Comercio polo miúdo de produtos alimenticios e bebidas en xeral.

651. Comercio polo miúdo de produtos téxtiles, confección, calzado, peles e artigos de coiro.

652. Comercio polo miúdo de medicamentos, artigos de drogaría e limpeza, perfumaría e cosméticos (agás 652.1).

653. Comercio polo miúdo de artigos para o equipamento do fogar e a construción (agás 653.4).

656. Comercio polo miúdo de bens usados tales como mobles, prendas e enxoval ordinario de uso doméstico.

657. Comercio polo miúdo de instrumentos musicais en xeral, así como dos seus accesorios.

659. Outro comercio polo miúdo.

665. Actividades empresariais de comercio realizadas fóra do establecemento permanente: «comercio retallista por correo ou catálogo». No caso de comercio en liña, non será subvencionable a comercialización en liña de produtos ou servizos non comprendidos no ámbito de aplicación da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

972. Salóns de peiteados e institutos de beleza.

ANEXO X

Características para o desenvolvemento de marketplace

1. Características xerais do marketplace.

1. Desenvolvemento propio de marketplace en propiedade con programación a medida ou cun software de xestor especializado en marketplace ou con soporte multitenda nativo, non baseado en plugins.

2. O deseño deberá adaptarse a múltiples dispositivos, resolucións e pantallas e permitir unha visualización correcta desde todos eles.

3. O peso das imaxes debe ser inferior a 350 KB e a resolución máxima será de 72 dpi.

4. As páxinas deberán contar con optimización para SEO, incluíndo especificamente:

a) Configuración das metaetiquetas de título e descrición segundo as boas prácticas establecidas polos buscadores.

b) Arquivo robots.txt optimizado e mapa do sitio sitemap.xml.

c) Que non existan ligazóns rotas ou erros 404 ou 500.

d) No caso dunha web multiidioma contar coas etiquetas canonical correspondentes.

e) As imaxes deberán ter o atributo descritivo Alt.

f) Non poderá existir contido duplicado.

5. Dispor dun carro da compra en que poder realizala.

6. Incorporar unha pasarela de pagamentos para finalizar as compras de xeito completamente en liña.

7. Os prezos e información sobre envíos teñen que ser correctamente configurados e indicados de acordo co contrato que teña a/o propietaria/o do marketplace coa/coas empresa/s de servizo de mensaxaría.

8. Que exista unha páxina específica para a/o comerciante dentro do marketplace.

9. Que estea visible para a/o compradora/o final a información de contacto da/do vendedora/o para poder executar os seus dereitos de consumo e protección de datos, engadidos enlaces a redes sociais, páxina web (se dispón dela) e a lista de produtos ofertados por esa/e vendedora/o.

10. As/os comerciantes deberán dispor dun panel de control desde o que xestionar as súas vendas e obter información e estatísticas das vendas realizadas.

2. Características das fichas de produto.

• Facilitar un titorial ás/os comerciantes para que poidan crear eles mesmos as fichas de produto e que estas cumpran cos seguintes requisitos:

• O peso das imaxes debe ser inferior a 350 KB e a resolución máxima será de 72 dpi.

• Descrición dos produtos de polo menos 300 palabras.

• Mínimo de 2 imaxes por produto, agás para aqueles que pola súa natureza non procedan das imaxes, como o caso de produtos dixitais ou cursos.

• Estar organizados por categorías e etiquetas.

3. Características do aloxamento.

• A/o propietaria/o do marketplace debe dispor de acceso ao aloxamento no hosting ou servidor no que estea situada/o.

• Aloxamento web dentro da Unión Europea.

• Aloxamento web que permita unha velocidade de carga acorde cos requisitos actuais de Google.

• Contar con certificado seguro SSL para o marketplace (https).

4. Condicións legais.

• Cumprir con toda a lexislación vixente xeral e en materia de consumo.

• Engadir a información legal en materia de consumo accesible, completa e doada de atopar (prezos, envíos, devolucións, reclamacións, etc.)

• Os prezos deben estar indicados segundo unidade de medida (prezo por kg, prezo por litro...), e debe especificarse se os impostos están engadidos ou non.

• Dispor dunha páxina co aviso legal, identificando a/o responsable da explotación do marketplace e conforme a lexislación vixente.

• As cookies cuxa instalación automática non está permitida por lei, non poderán instalarse sen o permiso expreso da/do usuaria/o da web.

• Dispor dunha páxina coa información de privacidade segundo a lexislación vixente.

• Incorporar calquera outra páxina con información legal que sexa necesaria para cumprir coa lexislación vixente no momento da creación do marketplace.