Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Martes, 28 de xuño de 2022 Páx. 36808

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 10 de xuño de 2022 pola que se aproban as bases e a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento MT821A).

BDNS (Identif.): 635204.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias e requisitos

Poderán ser persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:

1. Entidades locais.

a) Os concellos situados na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional (Bueu, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vigo).

2. Entidades empresariais.

a) As entidades empresariais que teñan a consideración de pequenas e medianas empresas, cuxa sede social estea radicada na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e cuxa actividade principal se desenvolva nesta área, incluídas as empresas de inserción laboral (EIL) e de centros especiais de emprego; estas últimas deberán facer mención desta condición na súa solicitude.

b) As persoas empresarias que teñan a condición de autónomas ou as comunidades de bens nos seguintes supostos:

– Cando a súa residencia e actividade se localicen na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional.

– Cando residan na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional e pretendan implantar a súa actividade nela.

– Cando non residan na dita área de influencia socioeconómica, pero veñan realizando no interior do Parque Nacional actividades produtivas de carácter artesanal ligadas ao sector primario, sempre que tales actividades fosen especificamente reguladas nos instrumentos de planificación.

3. Persoas físicas: as persoas físicas residentes e empadroadas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional, ou titulares dunha concesión, segundo o Decreto 174/2010, que regula o procedemento para outorgamento das concesións da Illa de Ons, e que estean ao día das súas obrigas derivadas da concesión, e as persoas propietarias dunha vivenda dentro do Parque Nacional.

4. Institucións sen fins de lucro: as fundacións e asociacións sen ánimo de lucro legalmente constituídas e cuxa sede social ou a dalgunha das súas seccións ou delegacións estea na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional, sempre e cando entre os seus fins estatutarios figure expresamente a realización de actuacións en materia de conservación ou uso sustentable dos recursos naturais, de protección do patrimonio histórico-artístico ou de promoción da cultura tradicional, incluídos centros especiais de emprego; estes últimos deberán facer mención desta condición na súa solicitude.

5. As entidades de dereito público constituídas ao abeiro dalgunha lexislación sectorial en materia de recursos naturais renovables e cuxa actividade estea relacionada co aproveitamento ordenado destes recursos na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional.

6. En todo caso, deberán establecerse mecanismos que aseguren que as medidas que desenvolvan as persoas beneficiarias finais contribúen ao logro dos obxectivos e condicións previstas (incluído o respecto ao principio DNSH e etiquetaxe climática e dixital), e que achegan a información que, de ser o caso, sexa necesaria para determinar o valor dos indicadores. O financiamento a terceiros debe vincularse ao logro dos obxectivos que se perseguen.

En ningún caso poderán ter a condición de beneficiarias aquelas entidades ou persoas que incorran nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Segundo. Obxecto e finalidade

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2022 e 2023 das axudas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (código de procedemento administrativo MT821A), de acordo co anexo II, Criterios obxectivos de distribución territorial e bases reguladoras para o financiamento de actuacións en áreas de influencia socioeconómica dos parques nacionais do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, con base no Acordo do 9 de xullo de 2021, da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, polo que se aproban os criterios de repartición e a distribución territorial de créditos relativos ao compoñente 4, Conservación e restauración de ecosistemas e a súa biodiversidade.

De acordo coa Lei 15/2002 pola que se declara o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, entenderase por área de influencia socioeconómica do Parque Nacional a área ocupada polos concellos que teñen parte da súa superficie no Parque Nacional, é dicir, a superficie dos concellos de Bueu, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vigo.

As axudas previstas nesta orde outorgaranse de conformidade cos criterios de publicidade, concorrencia competitiva, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, atendendo a criterios de eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e á eficiencia na asignación e emprego dos recursos públicos segundo o establecido no artigo 8 da Lei 38/2003 xeral de subvencións.

Estas axudas teñen por finalidade promover o desenvolvemento sustentable das poboacións asociadas ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia mediante a concesión de axudas económicas para a realización de actividades na súa área de influencia socioeconómica.

Estas axudas contribúen á consecución dos obxectivos do PRTR no marco do compoñente 4, investimento 2 e obxectivo 69.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 10 de xuño de 2022 pola que se aproban as bases e a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento MT821A).

Cuarto. Contía

1. Crédito total da convocatoria: 1.660.000,00 euros. Esta dotación inicial poderase modificar e/ou incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Concederase o 100 % do investimento subvencionable, cun importe máximo de 100.000 euros/solicitude para concellos (artigo 8, número 5.a); un importe máximo de 75.000 euros/solicitude para particulares e institucións sen fins de lucro que sexan centros especias de emprego e de 15.000 euros/solicitude para os restantes particulares e institucións sen fins de lucro (artigo 8, número 5.b), e un importe máximo de 75.000 euros/solicitude para as entidades empresariais que sexan empresas de inserción laboral (EIL) e un máximo de 15.000 euros/solicitude para as restantes entidades empresariais (artigo 8, número 5.c). Admitirase unha solicitude de axuda e un único proxecto por solicitante.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda