Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Mércores, 29 de xuño de 2022 Páx. 37115

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2022 pola que se convoca o webinario A protección do denunciante: Plan de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo), e os obxectivos do Instituto de Economía Pública de Galicia recollidos no Protocolo entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e a Escola Galega de Administración Pública, polo que se establecen os principios reitores e de funcionamento do dito instituto,

RESOLVO:

Convocar o webinario A protección do denunciante: Plan de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia, de acordo coas bases que se indican a continuación:

Primeira. Obxectivo e contido

A Directiva (UE) nº 2019/1937 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2019, relativa á protección das persoas que informen sobre infraccións do dereito da Unión, abriu un período de adaptación normativa e executiva que tiña como finalidade incorporar as súas previsións, previsións que o sector público debería cumprir antes do 17 de decembro de 2021.

Un dos instrumentos substantivos do sistema institucional deseñado para a protección do denunciante é a posta en marcha de canles internas efectivas para a tramitación das denuncias, poñendo en marcha as vías adecuadas para a súa tramitación e garantindo a protección do denunciante.

A directiva establece as normas mínimas para que os Estados membros introduzan e manteñan as disposicións que sexan máis favorables, polo que os distintos niveis da Administración deben regular o seu deseño e adopción dentro do marco de integridade institucional. Neste sentido, este webinario pretende dar a coñecer o contido da Directiva e o Plan de prevención de riscos de xestión que adoptou a Comunidade Autónoma de Galicia a finais do ano 2021 e que está plenamente vixente.

De acordo con este obxectivo, trataranse os seguintes contidos:

– A Directiva (UE) nº 2019/1937 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2019, relativa á protección das persoas que informen sobre infraccións do dereito da Unión.

– A integridade institucional e o avance da Administración pública en España.

– O estado da cuestión na Comunidade Autónoma de Galicia: Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia, aprobado o 10 de decembro de 2021.

Segunda. Persoas destinatarias

Esta actividade está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional, da Administración local e das universidades do Sistema universitario de Galicia.

Terceira. Desenvolvemento

Data: martes 5 de xullo de 2022.

Modo de impartición: telepresenza.

Horario: das 12.00 ás 14.00 horas.

Duración: 2 horas lectivas.

O funcionamento básico da plataforma de telepresenza require que cada alumno/a dispoña dos seguintes compoñentes:

1. Ordenador de sobremesa, portátil ou smartphone.

2. Conexión estable á internet.

3. Navegador web Google Chrome ou Mozilla Firefox nas últimas versións.

4. Altofalantes (se o monitor ou equipamento non dispón deles).

Na web da EGAP está dispoñible un manual de axuda con toda a información para conectarse e utilizar a plataforma de telepresenza da EGAP. Ligazón ao manual de telepresenza:

https://egap.xunta.gal/Documentos/recursos/[1618833061]Manual_Telepresenza_para_usuarios_1_6.pdf

Cuarta. Número de prazas

Cen (100).

Quinta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar en «nome do curso»: webinario A protección do denunciante: Plan de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia.

3. O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 3 de xullo de 2022.

4. Antes de formalizaren a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co establecido na base segunda desta convocatoria respecto das persoas destinatarias.

5. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

6. A presentación da solicitude para participar comportará o consentimento da persoa interesada para a gravación da sesión.

Sexta. Comprobación de datos

1. Os datos persoais proporcionados polas persoas interesadas para a xestión das solicitudes de participación nas accións formativas convocadas a través desta resolución, así como aqueloutros que se recollan ou elaboren con motivo do desenvolvemento desta, serán tratados pola EGAP na súa condición de responsable do tratamento, coa finalidade de levar a cabo a selección do alumnado, a impartición da formación e a xestión xeral desta.

A lexitimación para o tratamento dos datos é o cumprimento dunha misión realizada en interese público conforme o disposto no artigo 6.1.e) do Regulamento xeral de protección de datos (RXPD), con base no disposto na Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, e fundamentada nun interese público esencial (artigo 9.2 g) do RXPD). Os datos identificativos das persoas seleccionadas para participar na acción formativa mencionada anteriormente serán publicados conforme o detallado na base oitava desta resolución. Así mesmo, os datos dos alumnos e alumnas relativos á súa participación nesta acción formativa poderán ser comunicados aos órganos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia cando sexa estritamente necesario para o exercicio das súas competencias.

As sesións dos cursos impartidos na modalidade de telepresenza serán gravadas coa finalidade de ofrecerlle ao alumnado a posibilidade do seu visionamento posterior como material de estudo, así como para a resolución de posibles reclamacións. En todo caso, o alumnado, se o considera oportuno, poderá desactivar a súa cámara e/ou micrófono e participar a través do chat de acordo coas indicacións da persoa docente. As ditas gravacións conservaranse ao dispor do alumnado e profesorado durante o tempo que dure a acción formativa ou, de ser o caso, ata que finalice a avaliación do alumnado. A retransmisión das sesións formativas, e a gravación destas, poderá ser accesible unicamente ao profesorado e alumnado a que van dirixidas e a persoal da EGAP autorizado.

Prohíbese expresamente a descarga, a difusión, a distribución ou a divulgación das gravacións, e particularmente a súa compartición en redes sociais, xa que estes usos poden conculcar o dereito á protección de datos, o dereito á propia imaxe e os dereitos de propiedade intelectual, e poderían xerar responsabilidade disciplinaria, administrativa ou civil. As gravacións non poderán ser usadas para outros fins fóra do ámbito docente.

As persoas interesadas poderán solicitar, ante a persoa responsable do tratamento, o acceso, a rectificación, a limitación e a supresión dos seus datos, así como oporse ao seu tratamento por motivos relacionados coa súa situación particular, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos?langId=gl_ES

Contacto delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos? langId=gl_ES

2. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa, necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opoña a iso.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar, ademais, os documentos a cuxa consulta se opoñen, que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración, a través do seguinte enderezo electrónico <novas.egap@xunta.gal>

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Sétima. Criterios de selección

A orde de admisión virá determinada pola data e a hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas.

Oitava. Publicación da listaxe do alumnado seleccionado

Na epígrafe desta actividade da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal) publicarase a listaxe das persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas for superior ao número de prazas.

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das listaxes foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na lista de espera ou foron excluídas de acordo co disposto no ordinal segundo, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Novena. Cambios ou substitucións na selección. Renuncia, asistencia e seguimento

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por razóns de conciliación familiar.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, o máis pronto posible e, en todo caso, antes do comezo da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíñeas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade. O seguimento da actividade:

a) Son obrigatorias a asistencia á sesión desta actividade formativa e a puntualidade.

b) O seguimento da actividade:

1. Durante a actividade formativa realizaranse controis de seguimento desta actividade.

2. O non seguimento da actividade deberase xustificar documentalmente, ante as persoas responsables da actividade formativa, nun prazo máximo de dez (10) días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de seguimento desta actividade formativa.

3. Aquelas persoas cun seguimento inferior ao 50 % das horas lectivas da actividade pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décima. Certificado oficial

Ao final desta actividade emitiráselles un certificado electrónico de seguimento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/) a aquelas persoas rexistradas sempre que o seu seguimento sexa igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o modo de seguimento da actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo primeira. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2022

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública