Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 1 de xullo de 2022 Páx. 37533

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 14 de xuño de 2022 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 2 de xuño de 2022 polo que se aproba o Plan de seca da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa.

O Consello da Xunta de Galicia acordou o 1 de agosto de 2013 a aprobación do Plan de seca da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, que se elaborou en cumprimento do previsto no artigo 26 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

A Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario, co coñecemento e a experiencia adquiridos nos anos transcorridos desde a entrada en vigor da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, considera necesario ordenar e delimitar con maior detalle o alcance dos instrumentos de planificación, en particular o Plan de seca da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, como ferramenta clave na coordinación entre as distintas administracións e para que a súa efectividade se estenda a todas as fases na evolución dun período de seca ou dunha situación de risco sanitario, prevendo a necesidade de adaptar o Plan de seca da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa ás súas prescricións.

Con base no anterior, elaborouse un novo Plan de seca da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa.

Este plan ten por obxectivo xeral minimizar os efectos negativos ambientais, económicos e sociais das eventuais situacións de seca, no ámbito da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, a través das medidas que nel se conteñen.

Con fundamento no exposto, o plan foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 2 de xuño de 2022, polo que

RESOLVO:

Facer público que o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 2 de xuño de 2022, acordou aprobar o Plan de seca da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa.

O texto do dito plan estará á disposición pública na páxina electrónica do organismo de bacía: https://augasdegalicia.xunta.gal/

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2022

Teresa María Gutiérrez López
Directora de Augas de Galicia