Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 1 de xullo de 2022 Páx. 37616

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2022 pola que se dá publicidade á resolución de concesión das axudas aos servizos de desenvolvemento estratéxico, profesionalización, innovación e adopción de solucións de dixitalización para a súa realización en empresas galegas (programa Re-acciona), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento IG401A).

Mediante a Resolución do 2 de decembro de 2021, conxunta do Igape e da Amtega (DOG núm. 243, do 21 de decembro), publicáronse as bases reguladoras das axudas aos servizos de desenvolvemento estratéxico, profesionalización, innovación e adopción de solucións de dixitalización para a súa realización en empresas galegas (programa Re-acciona), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

As ditas bases establecen no seu artigo 8.5 que a resolución conxunta relativa a cada período de admisión de solicitudes será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia. e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no Diario Oficial de Galicia, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Anunciar a publicación do texto completo da Resolución de concesión do 17 de xuño de 2022, da Dirección Xeral do Igape, e da Resolución de concesión do 20 de xuño de 2022, da Dirección da Amtega, correspondentes á convocatoria 2022.3 das axudas aos servizos de desenvolvemento estratéxico, profesionalización, innovación e adopción de solucións de dixitalización para a súa realización en empresas galegas (programa Re-acciona), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, no enderezo www.tramita.igape.es (epígrafe Consulta de resolucións definitivas, https://www.igape.gal/gl/resolucions-definitivas).

Segundo. As resolucións do 17 de xuño de 2022 e do 20 de xuño de 2022 esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, previamente poderá interpoñerse recurso de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape ou da Dirección Xeral da Amtega, segundo o caso, dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2022

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica