Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Luns, 4 de xullo de 2022 Páx. 37851

I. Disposicións xerais

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 118/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

O 16 de maio de 2022 publicouse o Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, fundamentada nos criterios de eficacia e economía que inspiran a actuación e a organización administrativa.

En virtude dos criterios arriba indicados, aprobouse o Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, que establece un segundo nivel organizativo, en distintos órganos superiores e de dirección e en diversas entidades do sector público, coa finalidade de acadar un maior grao de racionalización e eficacia consonte os criterios de mellora continua reflectidos na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

O Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, foi modificado polo Decreto 65/2021, do 15 de abril, co fin de adaptar a estrutura ás funcións da consellería unificando os labores de planificación do transporte e xestión e execución das infraestruturas, unha vez finalizada a fase de aprobación e implementación do Plan de transporte público de Galicia e dos proxectos derivados del, e xa iniciada a implantación da nova configuración da rede de transporte interurbano de Galicia. O Decreto 48/2022, do 28 de abril, tamén introduciu modificacións co fin de precisar as competencias da consellería no ámbito das infraestruturas de edificación coa finalidade, por un lado, de regular expresamente esta competencia como propia da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, sen prexuízo das competencias específicas nesta materia que correspondan a outros departamentos da Xunta de Galicia. E doutro, garantir unha xestión máis áxil e eficiente dos fondos NextGenerationEU que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, a través de calquera dos instrumentos de colaboración regulados na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Na actualidade, considérase axeitado mellorar a operativa da Xunta Arbitral de Transportes, que é o órgano colexiado, dependente da Dirección Xeral de Mobilidade, que coñece de controversias mercantís relacionadas co cumprimento dos contratos de transporte terrestre, de viaxeiros ou mercadorías, así como doutros contratos directamente vinculados coa actividade de transporte, e presúmese que as partes se someten a elas cando as reclamacións non superen os 15.000 euros.

Esta modificación pretende acadar unha maior axilidade na tramitación dos procedementos así como a mellora na información ao público e ás partes interesadas, co fin de reducir os tempos de tramitación que se incrementaron durante os últimos anos e que afectan tanto empresas como usuarios.

Considerase adecuado aprobar esta modificación e manter as modificacións aprobadas polo Decreto 26/2019, do 7 de marzo, e polo Decreto 48/2022, do 28 de abril, e aprobar este decreto co fin de dispoñer dun único texto que regule con claridade a estrutura orgánica da consellería e que responde aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, que regula o artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de xuño de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Ámbito competencial e organización xeral da Consellería

Artigo 1. Ámbito competencial

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é o departamento da Xunta de Galicia ao que lle corresponden as competencias e funcións en materia de infraestruturas, mobilidade e augas, que exercerá no nivel de desenvolvemento que se indica neste decreto para cada un dos órganos integrantes deste departamento.

Asemade, corresponden á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade as competencias e funcións en materia de infraestruturas de edificación, sen prexuízo das competencias específicas nesta materia que correspondan a outros departamentos da Xunta de Galicia. O exercicio desta competencia poderá facerse efectiva a través de calquera dos instrumentos de colaboración regulados na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Artigo 2. Estrutura da consellería

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, baixo a superior dirección do/da seu/súa titular, contará para o exercicio das súas competencias cos seguintes órganos superiores e de dirección:

a) O/a conselleiro/a.

b) A Secretaría Xeral Técnica.

c) A Dirección Xeral de Mobilidade.

Artigo 3. Organismos, entes e órganos adscritos á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

1. Quedan adscritas a esta consellería, en virtude do disposto no artigo 4 do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, as seguintes entidades:

a) A Axencia Galega de Infraestruturas, creada, en virtude da autorización prevista na disposición adicional cuarta da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, polo Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o seu estatuto.

b) A entidade pública empresarial Augas de Galicia, creada pola Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e cuxo estatuto foi aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro.

2. Así mesmo, quedan adscritos á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade os seguintes órganos colexiados:

a) O Consello Galego de Transportes, co carácter, misión e funcións establecidas no Decreto 230/1986, do 10 de xullo, polo que se regula a composición, estrutura e funcións do Consello Galego de Transportes.

b) O Xurado de Expropiación de Galicia regulado pola Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e cuxo Regulamento de organización e funcionamento foi aprobado polo Decreto 223/2005, do 16 de xuño.

TÍTULO II

Servizos centrais

CAPÍTULO I

Do/da conselleiro/a

Artigo 4. O/a conselleiro/a

O/a conselleiro/a é a autoridade superior da consellería e con tal carácter está investido das atribucións enumeradas no artigo 34 da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

Así mesmo, sen prexuízo das competencias e funcións atribuídas á persoa titular da consellería pola normativa vixente no seu sector de actividade administrativa, corresponderanlle especificamente as seguintes atribucións :

a) Aquelas competencias que lle atribúan regulamentariamente á Administración titular da rede no procedemento de tramitación dos plans sectoriais de estradas e das súas modificacións.

b) Acordar con outras administracións cambios na titularidade das estradas.

c) Resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas.

d) Aprobar definitivamente os estudos informativos ou, de ser o caso, os anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función segundo o previsto na presente lei.

e) Emitir informe sobre as propostas de redacción, revisión ou modificación de instrumentos de planeamento que afecten as estradas existentes ou actuacións previstas nos plans de estradas vixentes.

f) Establecer medidas ou procedementos compensatorios que, nos tramos das estradas onde se estableza un pagamento de peaxe ou taxa polo seu uso, veñan reducir ou anular o pagamento directo por parte das persoas usuarias.

g) Aprobar o establecemento de contribucións especiais.

h) Aprobar a redución excepcional das distancias establecidas con carácter xeral para a liña límite de edificación.

i) O exercicio das facultades que o ordenamento xurídico lle atribúe a Administración expropiante en materia de expropiación forzosa.

CAPÍTULO II

Da Secretaría Xeral Técnica

Sección 1ª. Da Secretaría Xeral Técnica

Artigo 5. Atribucións

A Secretaría Xeral Técnica exercerá as funcións e competencias establecidas no artigo 29 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais normativa aplicable, en relación coas diferentes unidades e servizos en que se estrutura a consellería, así como aqueloutras previstas na normativa aplicable ou mesmo as que lle sexan delegadas ou encomendadas pola persoa titular da consellería.

Artigo 6. Estrutura

1. Para o exercicio das súas competencias, a Secretaría Xeral Técnica contará cos seguintes órganos:

a) Vicesecretaría Xeral.

b) Subdirección Xeral de Persoal e Xestión Económica

c) Subdirección Xeral de Réxime Xurídico-Administrativo.

d) Servizo de Apoio Técnico.

2. Adscríbense organicamente á Secretaría Xeral Técnica, con nivel de subdirección xeral, a Asesoría Xurídica e a Intervención Delegada, que dependerán funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, respectivamente.

A Asesoría Xurídica, que se rexerá polo disposto na Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, desenvolverá as funcións previstas no capítulo II da citada norma e contará co número de efectivos que se determine na correspondente relación de postos de traballo.

Sección 2ª. Da Vicesecretaría Xeral

Artigo 7. Funcións

1. Con nivel orgánico de subdirección xeral, a Vicesecretaría Xeral é a unidade que exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación administrativa das funcións e actuacións a desenvolver polos órganos dependentes da Secretaría Xeral Técnica así como polas xefaturas territoriais.

b) A organización, a coordinación e a supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á Consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

c) A xestión dos expedientes de contratación administrativa de competencia da Consellería, nas súas fase de preparación, licitación, adxudicación e recepción.

d) Xestión dos expedientes de subvencións que non sexan competencia doutros órganos da Consellería.

e) Coordinación do parque móbil da Consellería, sen prexuízo das competencias que corresponden a outros departamentos da Xunta de Galicia e coordinación das dotacións relativas ao vestiario do persoal.

f) Formación de estatísticas nas materias que sexan competencia da Consellería en coordinación co Instituto Galego de Estatística, sen prexuízo das funcións nesta materia doutras unidades da Consellería.

g) Asesorar e emitir os informes solicitados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, e en especial, prestarlle asistencia, coordinar e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, por razón da súa competencia.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Vicesecretaría Xeral contará coa seguinte unidade, con nivel orgánico de servizo:

Servizo de Contratación e Apoio Administrativo.

Ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

a) A organización, a coordinación e a supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á Consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

b) As funcións inherentes á preparación, á licitación, á adxudicación e á recepción dos expedientes de contratación de competencia da Consellería, así como as súas modificacións.

c) E, en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Vicesecretaría Xeral.

Sección 3ª. Da Subdirección Xeral de Persoal e Xestión Económica

Artigo 8. Funcións e estrutura

1. A Subdirección Xeral de Persoal e Xestión Económica exercerá as seguintes funcións:

a) A ordenación, a xestión e a administración ordinaria dos asuntos relativos ao persoal da consellería.

b) A organización e a supervisión das bases de datos e de rexistro de persoal, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros departamentos da Xunta de Galicia.

c) A xestión dos plans de formación de persoal da Consellería.

d) A organización dos aspectos que atinxen ao réxime interior da Consellería.

e) A xestión do plan de publicacións e edicións audiovisuais da Consellería e as funcións relativas á representación dela na Comisión de Publicacións da Xunta de Galicia.

f) A coordinación da confección e tramitación do anteproxecto de orzamentos da consellería; o seguimento e control interno da execución orzamentaria, así como a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias, en coordinación cos órganos implicados.

g) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coa seguinte unidade:

Servizo de Persoal e Xestión Económica.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Ordenación, xestión e administración ordinaria dos recursos humanos da Consellería e seguimento e control do rexistro de persoal.

b) Xestión do réxime interno da Consellería, rexistro, arquivo e información, tramitación de reclamacións e recursos en materia de persoal e xestión do plan de formación e do plan de publicacións.

c) Coordinación e tramitación do anteproxecto de orzamentos da Consellería, control da execución económica, tramitación dos expedientes de modificación orzamentaria e a execución dos gastos que se lle atribúan.

d) E, en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral de Persoal, Xestión Económica e Control Orzamentario

Sección 4ª. Da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico Administrativo

Artigo 9. Funcións e estrutura

1. A Subdirección Xeral de Réxime Xurídico Administrativo exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación, para a súa remisión e ulterior publicación no Diario Oficial de Galicia das disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da Consellería.

b) O estudo, a tramitación e a proposta de resolución de reclamacións, recursos e requirimentos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da Consellería, cando non estean atribuídos a outros órganos desta.

c) A tramitación dos requirimentos e peticións formuladas á Consellería polos xulgados, tribunais, Defensor/a do Pobo, Valedor/a do Pobo e outros órganos e institucións.

d) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións, protocolos de actuación ou calquera outro instrumento que se considere axeitado, coas unidades da Consellería que desenvolvan funcións xurídico-administrativas.

e) Coordinación das actuacións da Consellería en relación coas fundacións de interese galego sobre as cales esta exerza o protectorado, levando para ese efecto os libros de rexistro.

f) A redacción de propostas de resolución de expedientes sancionadores e de reposición das cousas ao seu estado anterior, de ser o caso, por comisión de infraccións tipificadas como leves, graves e moi graves na normativa de estradas.

g) A instrución, a tramitación e a redacción de propostas de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial.

h) A asistencia e o apoio xurídico nas diferentes materias que sexan competencia da consellería aos órganos e entidades dependentes desta.

i) E en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo Técnico-Xurídico I.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Asistencia e apoio xurídico nas diferentes materias que sexan competencia da Consellería e que sexan atribuídas pola persoa titular da Subdirección Xeral, no estudo, tramitación e proposta de resolución de reclamacións, recursos e requirimentos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da Consellería, cando non estean atribuídos a outros órganos desta.

b) E en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico Administrativo.

2.2. Servizo Técnico-Xurídico II.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Asistencia e apoio xurídico nas diferentes materias que sexan competencia da consellería e que sexan atribuídas ou encomendadas á persoa titular da Subdirección Xeral no estudo, tramitación e proposta de resolución de reclamacións, recursos e requirimentos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da Consellería ou das entidades adscritas, cando non estean atribuídos a outros órganos desta.

b) E en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico Administrativo.

Sección 5ª. Do Servizo de Apoio Técnico

Artigo 10. Funcións

O Servizo de Apoio Técnico desenvolverá as seguintes funcións:

a) Xestión e control dos protocolos de colaboración, convenios de colaboración e cooperación e encomendas de xestión en que sexa parte a Consellería e non sexan competencia doutros órganos desta.

b) O estudo dos asuntos que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais. Así como o estudo e a tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral que elaboren os distintos centros directivos da Consellería.

c) Rexistro e arquivo das disposicións legais emanadas da Consellería, así como levar a cabo as recompilacións e refundicións das normas emanadas desta.

d) Coordinación, tramitación e xestión dos asuntos relativos á publicidade e transparencia no ámbito da Administración pública.

e) Coordinación e desenvolvemento da implantación da administración electrónica na Consellería e entes adscritos.

f) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

CAPÍTULO III

Da Dirección Xeral de Mobilidade

Artigo 11. Funcións e estrutura

1. A Dirección Xeral de Mobilidade exercerá as funcións de impulso, xestión e coordinación das políticas atribuídas á Consellería nos ámbitos da planificación, financiamento e ordenación do transporte e, en particular, exercerá as seguintes:

a) A planificación, a coordinación e o seguimento da política xeral de transportes e a execución dos servizos e das infraestruturas de transportes na Comunidade Autónoma.

b) A promoción da investigación sobre transporte, loxística e mobilidade, e o asesoramento ao departamento nestas materias.

c) A asistencia e a supervisión ao funcionamento da Xunta Arbitral de Transportes de Galicia, como instrumento de protección e defensa das partes intervenientes no transporte.

d) A ordenación do transporte terrestre, por cable e marítimo no ámbito competencial da Comunidade Autónoma. No marco desta función, desenvolverá todas aquelas atribucións que lle estean conferidas polas disposicións vixentes na materia e, singularmente:

1º. O outorgamento das autorizacións habilitantes para o desenvolvemento da actividade de transporte, así como a emisión de informes preceptivos en relación cos indicados títulos habilitantes, consonte co establecido pola normativa sectorial.

2º. O outorgamento de autorizacións para a prestación de servizos de transporte público regular de viaxeiros/as.

3º. Acordar o establecemento ou creación de servizos regulares de transporte de persoas de uso xeral ou mixto, e aprobar os correspondentes proxectos de prestación.

4º. Acordar a aplicación do procedemento de adxudicación directa de contratos de xestión de servizos de transporte público regular de persoas por estrada, aprobar os correspondentes proxectos de explotación e adxudicar e formalizar estes contratos.

5º. A proposta de adxudicación da explotación dos servizos públicos regulares permanentes de persoas viaxeiras de uso xeral, a través do correspondente contrato de xestión, cando non resulte de aplicación o procedemento de adxudicación directa, e a resolución de expedientes referentes á súa modificación.

6º. O Rexistro de Empresas Operadoras de Transporte Marítimo, o Rexistro de Títulos Habilitantes en materia de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, e demais rexistros de empresas, vehículos, autorizacións, asociacións ou actividades relacionadas coa mobilidade, o transporte ou a loxística.

e) A planificación e a execución das políticas de control e inspección dos diversos modos de transporte.

f) A tramitación e a resolución dos expedientes sancionadores en materia de transporte terrestre e marítimo, de conformidade coas normas de atribución de competencias vixentes. Así mesmo, e de acordo con esas mesmas normas, o estudo e a tramitación dos recursos administrativos que se formulen contra as resolucións ditadas en tal clase de expedientes, e a súa resolución, de ser o caso.

g) O estudo, a análise e a implantación de plans e proxectos de fomento do transporte público e a mobilidade sustentable, o control e a supervisión dos sistemas de información e xestión automatizados, a coordinación dos transportes urbanos cos interurbanos e o fomento de melloras nos elementos móbiles do transporte.

h) A planificación, a coordinación e a execución da oferta intermodal de transporte na Comunidade Autónoma e das infraestruturas do transporte de viaxeiros/as, e a proposta de adxudicación e explotación das terminais de transportes de viaxeiros/as.

i) A planificación, a promoción, a proxección, a construción e a xestión dos centros integrados de transporte e de plataformas para as actividades do transporte e a operatividade loxística de mercadorías.

j) A programación de investimentos, obras e instalacións de transportes por estrada, ferrocarril, aéreo e por cable e o réxime administrativo, dirección, inspección e control delas no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

k) O desenvolvemento da xestión administrativa en materia de transporte e, singularmente:

1º. Resolución ou, se é o caso, informe e proposta dos recursos interpostos dentro do ámbito da súa competencia.

2º. As funcións inherentes á xestión económica e o seguimento, o control e a xestión da execución dos contratos administrativos e actividade de fomento no ámbito das súas competencias.

3º. A tramitación dos expedientes de expropiación forzosa no ámbito das súas competencias.

4º. Instrución, tramitación e proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial da Administración no ámbito das súas competencias.

l) A coordinación da actividade dos servizos territoriais de mobilidade.

2. Baixo a dependencia directa da persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade, e para o adecuado exercicio das competencias enumeradas no artigo anterior, a Dirección Xeral estrutúrase nas seguintes unidades administrativas, ás cales corresponderán as funcións que a seguir se detallan:

2.1. Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte.

2.1.1. A Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación da xestión administrativa en relación cos servizos adscritos, así como cos servizos provinciais, en materia de ordenación do transporte.

b) O estudo e a proposta de resolución en materia de contratos de xestión de servizos públicos de transporte e autorizacións.

c) O apoio e asistencia á Dirección Xeral en materia de estudo, elaboración de proxectos e informes sobre textos legais ou sobre materias que a propia dirección xeral lle encomende, e asistencia na coordinación ou colaboración con outras administracións ou entidades en actuacións referentes ao transporte.

d) A coordinación da Xunta Arbitral do Transporte de Galicia.

e) A xestión das liñas de axudas en materia de transportes.

f) A coordinación da formación e a cualificación profesional no sector do transporte.

g) O apoio e a asistencia en materias xurídicas, a proposta de resolución e seguimento das liñas de axudas, e a resolución ou, se é o caso, informe e proposta dos recursos interpostos no ámbito da ordenación dos transportes.

h) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección Xeral.

2.1.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte contará cos seguintes servizos:

2.1.2.1. Servizo de Ordenación do Transporte Regular de Viaxeiros.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Terá atribuído o estudo e a proposta de resolución en materia de servizos de transporte público regular de viaxeiros/as por estrada, así como o apoio e a coordinación da xestión administrativa dos servizos territoriais.

b) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.1.2.2. Servizo de Coordinación dos Plans de Transporte.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Desenvolvemento e coordinación dos plans de actuación que, en materia de mobilidade, impulse a Dirección Xeral.

b) Implantación, coordinación, xestión e seguimento do Plan de transporte metropolitano de Galicia.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.1.2.3. Servizo de Autorizacións, Informes e Apoio Xurídico.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A coordinación da xestión administrativa en materia de títulos administrativos habilitantes para o exercicio da actividade do transporte, e a elaboración de informes preceptivos e facultativos no ámbito da habilitación para o desempeño da actividade de transporte, e a coordinación dos rexistros no ámbito da ordenación do transporte.

b) A elaboración e a dirección de estudos e proxectos en materia de transporte, especificamente de mercadorías por estrada, e aqueles outros que lle asigne a Subdirección Xeral.

c) O estudo, a elaboración de proxectos e informes sobre textos legais ou sobre materias encomendadas á Subdirección Xeral, e a asistencia na coordinación ou colaboración con outras administracións ou entidades en actuacións referentes ao transporte.

d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.1.2.4. Servizo da Xunta Arbitral de Transportes de Galicia.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A xestión da Secretaría da Xunta Arbitral de Transportes de Galicia.

b) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.2. Subdirección Xeral de Inspección do Transporte.

2.2.1. A Subdirección Xeral de Inspección do Transporte exercerá as seguintes funcións:

a) En relación coa función de control do cumprimento da normativa reguladora dos transportes, corresponderalle a elaboración dos correspondentes plans e programas de actuación na dita área, así como a súa execución e o control e a avaliación do seu cumprimento.

b) A tramitación e a resolución dos expedientes sancionadores en materia de transporte terrestre e marítimo, de conformidade coas normas de atribución de competencias vixentes. Así mesmo, e de acordo con esas mesmas normas, o estudo e a tramitación dos recursos administrativos que se formulen contra as resolucións ditadas en tal clase de expedientes.

c) Nas ditas áreas inspectora e sancionadora corresponderalle a coordinación xeral da xestión administrativa que en tales ámbitos desenvolvan os servizos adscritos e os servizos territoriais.

d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Dirección Xeral.

2.2.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Inspección do Transporte contará cos seguintes servizos:

2.2.2.1. Servizo de Inspección.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A coordinación xeral das funcións de programación, dirección e avaliación da actuación inspectora en materia de transportes desenvolvida no territorio da Comunidade Autónoma.

b) O asesoramento e a colaboración coas empresas de transporte, para os efectos de facilitarlles o cumprimento das obrigas formais e materiais que lles incumben.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.2.2.2. Servizo de Informes e Recursos.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A incoación dos expedientes sancionadores iniciados como consecuencia da formulación das oportunas actas ou informes que subscriba o persoal inspector adscrito aos servizos centrais, así como a tramitación de tales expedientes e a dos instruídos nos servizos territoriais.

b) A tramitación dos recursos administrativos que se formulen contra as resolucións ditadas nos expedientes sancionadores.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.3. Subdirección Xeral de Infraestruturas e Planificación do Transporte.

2.3.1. A Subdirección Xeral de Infraestruturas e Planificación do Transporte exercerá as seguintes funcións:

a) A planificación, a coordinación, a redacción dos estudos e proxectos necesarios para o seu desenvolvemento e execución da oferta intermodal de transporte na Comunidade Autónoma e das infraestruturas do transporte de viaxeiros/as, así como a proposta da súa adxudicación e explotación.

b) A preparación e seguimento de protocolos, acordos e convenios sobre actuacións concertadas con outras administracións públicas en materia de infraestruturas de transporte.

c) O seguimento da execución dos convenios en materia de infraestruturas do transporte con outras administracións publicas, incluída a súa execución orzamentaria.

d) O estudo e a análise de plans e proxectos de fomento do transporte público e da mobilidade sustentable.

e) O estudo, a proposta e a programación das actuacións que, en materia de transportes, poidan corresponder ao ámbito de actuación da Dirección Xeral.

f) A xestión e coordinación das accións que se leven a cabo en materia de aeródromos na Comunidade Autónoma.

g) O seguimento das actuacións que respecto do transporte ferroviario desenvolvan outras administracións públicas distintas da Comunidade Autónoma.

h) A planificación dos centros integrados de transporte e de plataformas para as actividades do transporte e a operatividade loxística de mercadorías.

i) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Dirección Xeral.

2.3.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Infraestruturas e Planificación do Transporte contará cos seguintes servizos:

2.3.2.1. Servizo de Infraestruturas.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Apoio técnico á Subdirección Xeral de Infraestruturas e Planificación do Transporte sobre as infraestruturas de transporte de viaxeiros/as existentes na Comunidade Autónoma.

b) Tarefas destinadas á execución de novas actuacións destinadas ao uso dos/das viaxeiros/as do transporte público colectivo, así como dos elementos complementarios destas.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral de Infraestruturas e Planificación do Transporte.

2.3.2.2. Servizo de Planificación.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Apoio técnico á Subdirección Xeral de Infraestruturas e Planificación do Transporte sobre os plans e proxectos de fomento do transporte público e da mobilidade sustentable.

b) Tarefas destinadas á programación e planificación de actuacións que, en materia de transportes, poidan corresponder ao ámbito de actuación da Dirección Xeral.

c)Tarefas destinadas á planificación e ao seguimento da explotación de infraestruturas do transporte competencia da Dirección Xeral.

d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral de Infraestruturas e Planificación do Transporte.

TÍTULO III

Das xefaturas territoriais da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

Artigo 12. Xefaturas territoriais

1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade organízase nas xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que desenvolverán as súas funcións no ámbito provincial respectivo, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación no seu correspondente ámbito territorial, de acordo co disposto no artigo 2 do Decreto 245/2009, do 30 de abril.

2. Á fronte de cada xefatura territorial estarán os/as xefes/as territoriais, que exercerán as seguintes funcións:

a) A dirección, o despacho e a proposta de resolución dos asuntos ordinarios.

b) A coordinación dos servizos ou unidades que o integran.

c) A elaboración do anteproxecto de orzamento de gastos da Xefatura Territorial.

d) A xestión, a administración e a habilitación dos medios económicos e materiais da Xefatura Territorial.

e) A tramitación e a xestión dos expedientes de gasto, o control contable e a xustificación dos créditos asignados.

f) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa e de subvencións que sexan competencia da xefatura territorial.

g) A incoación, a instrución e a tramitación dos expedientes sancionadores e de reposición das cousas ao seu estado anterior, de ser o caso, que se inicien en materia de estradas.

h) Cantas outras funcións expresamente lle sexan atribuídas ou delegadas.

3. Integra cada unha das xefaturas territoriais o seguinte servizo:

3.1. Servizo de Mobilidade.

Desenvolverá as funcións propias da consellería en materia de mobilidade, así como aqueloutras que se lle asignen dentro do referido ámbito competencial. De xeito específico, será o competente para ditar as resolucións que procedan en relación:

a) Co outorgamento, visado, rehabilitación, modificación e demais actuacións relativas aos títulos habilitantes para o exercicio das diferentes clases de actividades de transporte.

b) Coa emisión dos informes preceptivos que prevé a Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, agás o do seu artigo 7, que corresponderá á Dirección Xeral de Mobilidade.

c) Co outorgamento, a expedición e demais trámites administrativos relativos ás tarxetas de tacógrafo.

d) Coa autorización de centros de formación, a homologación de cursos, a expedición das tarxetas acreditativas da cualificación profesional e demais actuacións relativas á cualificación inicial e formación continua para a obtención e/ou renovación do certificado de aptitude profesional (CAP) de condutores de vehículos destinados ao transporte por estrada. Porén, queda excluída a competencia para convocar e organizar os exames de cualificación inicial, que exercerá a Dirección Xeral de Mobilidade.

e) Co outorgamento e a prórroga das autorizacións especiais que habiliten para a prestación de servizos de transporte público regular de viaxeiros de uso especial, e o visado de tarifas, horarios e a autorización da adscrición de vehículos aos contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros.

Disposición adicional primeira. Potestade expropiatoria

Corresponde á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade o exercicio da potestade expropiatoria nos supostos en que esta ou as súas entidades públicas instrumentais reciban encomendas ou encargas que requiran o exercicio desta potestade para a súa execución, sen prexuízo do disposto na lexislación sectorial aplicable.

Disposición adicional segunda. Suplencia

No non previsto neste decreto, en caso de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos en que for declarada a abstención ou recusación das persoas titulares dos órganos superiores e de dirección da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, as competencias atribuídas por este decreto aos correspondentes órganos serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, polos órganos de dirección da Consellería, seguindo a orde de prelación que se establece no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia. Neste sentido, a substitución será asumida pola persoa titular do órgano que ocupe o posto seguinte na orde correlativa enunciada, e corresponderalle á primeira persoa, se for o caso, substituír a ultima.

Disposición adicional terceira. Integración da dimensión de igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes

No exercicio das funcións a que se refire este decreto, integrarase de maneira activa a dimensión de igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes.

Disposición adicional cuarta. Presenza equilibrada de mulleres e homes

Nos nomeamentos de altos cargos da consellería, así como das persoas titulares e membros de órganos de entidades integrantes do sector público autonómico no seu ámbito de competencias, atenderase ao principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes.

Disposición transitoria única. Adscrición do persoal ás novas unidades

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase a persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica da Consellería, para adscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ao establecido neste decreto ou o contradigan.

2. Quedan derrogados expresamente o Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, e as súas modificacións aprobadas polo Decreto 65/2021, do 15 de abril, e polo Decreto 48/2022, do 28 de abril.

Disposición derradeira primeira. Disposicións de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para ditar as disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de xuño de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade