Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Mércores, 6 de xullo de 2022 Páx. 38618

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 27 de xuño de 2022 pola que se modifica a Resolución do 17 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia, e se establece a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TU503A).

No DOG núm. 25, do 7 de febreiro de 2022, publicouse a Resolución do 17 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia e se establece a súa convocatoria para o ano 2022.

Inicialmente, as axudas contaban con financiamento de fondos propios da Comunidade Autónoma, pero unha vez xa publicada a convocatoria e avaliada a situación, considerouse conveniente asignar á dita convocatoria 2.000.000 € de fondos REACT-UE no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19.

Dadas as obrigas que leva consigo este financiamento REACT-UE, modifícase a resolución de convocatoria co fin de adecuala ás ditas obrigas; modifícanse as referencias aos fondos propios contidas nas bases da convocatoria, substituíndoas, cando procede, pola mención aos fondos REACT-UE no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Igualmente, e para os efectos de identificar a orixe do financiamento, modifícase o título da norma para incluír nel a mención a que a convocatoria é susceptible de financiamento ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

RESOLVO:

Artigo 1. Modificación das bases reguladoras e dos anexos

Modificación da Resolución do 17 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia e se establece a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TU503A).

Un. O título da resolución de convocatoria queda redactado do seguinte xeito:

«Resolución do 17 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia susceptibles de financiamento ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se establece a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TU503A)».

Dous. O punto primeiro do resolvo queda redactado do seguinte xeito:

«Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases específicas, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia susceptibles de financiamento ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19 (código de procedemento TU503A)».

Engádese un punto terceiro ao punto un do resolvo:

«As actuacións subvencionables con cargo a estas axudas son susceptibles de financiamento ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, polo que deberán cumprirse as obrigacións específicas e demais disposicións que se establecen respecto diso nestas bases reguladoras.

No caso de ser financiadas no marco deste eixe REACT-UE, estas axudas contribuirán a conseguir os obxectivos propostos do indicador de resultado R030A Taxa de supervivencia nacional/rexional de pemes no cuarto ano de vida. Os indicadores de produtividade asociados a estas axudas son os seguintes:

CO01-Número de empresas que reciben axudas.

CO02-Número de empresas que reciben subvencións.

CO05-Número de novas empresas beneficiarias da axuda».

Tres. Modifícase o título do anexo I, que queda redactado do seguinte xeito:

«Bases reguladoras específicas para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia susceptibles de financiamento ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19 (código de procedemento TU503A)».

Catro. Modifícase o parágrafo primeiro do artigo 2 das bases reguladoras, que queda redactado do seguinte xeito:

«Considéranse gastos subvencionables os investimentos netos en que incorrese a entidade solicitante entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 31 de outubro de 2022, como consecuencia da realización de proxectos acordes cos requisitos e criterios indicados. Só se considerará gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período subvencionable determinado na normativa reguladora da subvención (31 de outubro de 2022)».

Cinco. Modifícase o parágrafo primeiro do artigo 3 das bases reguladoras, que queda redactado do seguinte xeito:

«1. As subvencións relativas á creación e mellora dos establecementos de aloxamento e de restauración obxecto desta resolución imputaranse á aplicación orzamentaria 05.A2.761A.770.0, proxecto 2021 00001, cun crédito de 2.000.000 euros, dos que 1.200.000 euros se destinarán a establecementos de aloxamento, e os outros 800.000 euros, a establecementos de restauración, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 13.

No suposto de que as solicitudes presentadas para algunha das dúas categorías de establecementos non esgote o crédito destinado a ela, poderase destinar á outra categoría, de acordo coa puntuación acadada».

Seis. Engádese un punto 6 ao artigo 3 das bases reguladoras que queda redactado do seguinte xeito:

«Estas axudas son susceptibles de financiamento ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, dentro do obxectivo temático 13 Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía, prioridade de investimento 13.i Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais, e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía; obxectivo específico 20.1.3.2- OE REACT-UE 3.2 Apoio a medidas de axuda económica nas rexións máis dependentes dos sectores máis afectados pola crise da COVID-19; Actuación 20.1.3.2.2 Impulso do sector turístico.

Tal circunstancia será comunicada ao beneficiario no momento en que se lle comunique a resolución de concesión da subvención.

Por tanto, e de acordo co establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, unha operación poderá recibir axuda dun ou varios fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, coa condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo fondo no marco dun programa distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pagamentoo dun fondo EIE pode ser calculado para cada fondo EIE e para o programa ou programas de que se trate a pro rata, segundo o documento en que se establezan as condicións da axuda».

Sete. Modifícase o artigo 4 para engadir o final do número 1 que queda da seguinte maneira:

«A Axencia Turismo de Galicia poderá comprobar que as empresas beneficiarias teñen a condición de pequena ou mediana empresa, segundo a definición establecida pola Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L124, do 20.5.2003).

Oito. Modifícase o artigo 14 das bases reguladoras, que queda redactado do seguinte xeito:

Efectuada a avaliación, a comisión fará un informe co seu resultado, á vista do cal o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada, que deberá ser notificada aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na dita proposta de resolución incluirase a seguinte declaración responsable, que debe ser asinada polos interesados:

Dado que estas axudas son susceptibles de financiamento ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, as persoas ou entidades solicitantes deberán, así mesmo, declarar responsablemente o seguinte:

• Que asumirán a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

• Que cumprirán a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular a normativa en materia de subvencións.

• Que teñen capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.

• Que contan cun sistema de contabilidade separada ou código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permitan seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

• Que conservarán toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación (artigo 125.4.d) e 140.1 do Regulamento 1303/2013).

• Que van manter os investimentos obxecto da subvención durante un período mínimo de tres anos desde o pagamento final ao beneficiario.

Nove. Modifícase o parágrafo segundo do artigo 15 das bases reguladoras, que queda redactado do seguinte xeito:

«2. A persoa titular da Dirección de Axencia Turismo de Galicia, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a persoa solicitante a que se lle concede a subvención, a actuación subvencionada, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de non admisión ou denegación da solicitude. A resolución incluirá o contido do documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA)».

Dez. Suprímese o artigo 20, letra b, das bases reguladoras, e engádese no referido artigo, a seguir do último parágrafo, o seguinte:

«Dado que a actuación é susceptible de financiamento ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, son tamén obrigacións das persoas beneficiarias das subvencións as seguintes:

a) Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Axencia Turismo de Galicia, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a Intervención Xeral da Administración do Estado, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ás comprobacións e verificacións que realice o organismo intermedio, a autoridade de xestión ou a autoridade de certificación e, de ser o caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, así como ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

c) Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obrigación de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

d) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permitan seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con cargo á subvención.

e) Dispoñer de capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.

f) Conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación.

g) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento, segundo o disposto no artigo 15, punto 3º, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e cumprir coas obrigacións en materia de información e comunicación establecidas no anexo VII destas bases, sobre o apoio procedente dos fondos Feder, recollidas no anexo XII, número 2 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

h) Facilitar a recollida de indicadores de resultado cuantitativos e cualitativos tras a execución do proxecto subvencionable, e nun prazo de entre seis meses e tres anos despois da finalización.

i) Manter o investimento durante un prazo de tres anos desde o pagamento final á persoa beneficiaria, segundo o artigo 71.1 do Regulamento (UE) nº 1303/2013».

Once. Engádense as letras f) e g) ao punto 1 do artigo 21 das bases reguladoras:

«f) A documentación acreditativa de ter realizado a publicidade adecuada (fotografías dos carteis informativos, publicidade a través de páxina web, exemplares da documentación escrita) que xustifique que se cumpren as obrigacións en materia de información e comunicación establecidas no anexo VI, sobre o apoio procedente dos fondos Feder, recollidas no anexo XII, número 2, do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e segundo o modelo que se establece no anexo VI que se xunta ás presentes bases reguladoras, e dado que a actuación é susceptible de financiamento ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19.

g) Acreditación de cumprir coa normativa ambiental. No caso de que o proxecto responda á definición do artigo 5.3.b) da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e estea incluído nalgún dos supostos de avaliación de impacto ambiental (AIA) recollidos no artigo 7 da citada lei, deberá achegarse a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto favorable á súa execución ou o informe de impacto ambiental favorable do proxecto, segundo se trate de avaliación de impacto ambiental ordinaria ou simplificada respectivamente. No caso de que o proxecto non estea suxeito a avaliación de impacto ambiental, achegarase declaración responsable.

Doce. Engádese un punto 5 ao artigo 23 das bases reguladoras, que queda redactado do seguinte xeito:

«Dado que as actuacións son susceptibles de financiamento ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, procederá o reintegro das axudas no caso de non manter as condicións establecidas nestas bases nos seguintes casos:

a) Perda dun 2 % da subvención concedida por non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permitan seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

b) Perda dun 2 % da subvención concedida por non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto da subvención, de acordo co establecido nestas bases.

c) Perda dun 5 % por non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d) Perda da subvención de forma proporcional ao tempo en que se incumpra por non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período de tres anos desde o pagamento final ao beneficiario.

No caso de condicións que constitúan obrigacións que a persoa beneficiaria debe acreditar en fase de xustificación (obrigacións de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecten, en controis posteriores ao pagamento, algún incumprimento relativo a esas obrigacións».

Trece. Engádese no artigo 25 das bases reguladoras, a continuación do último parágrafo, o seguinte:

«Ademais, dado que as actuacións son susceptibles de financiamento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, os datos de carácter persoal serán comunicados á Dirección Xeral de Política de Cohesión e fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administración Pública, coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea na súa condición de organismo intermedio dos programas operativos en virtude das funcións atribuídas pola autoridade de xestión dos programas operativos segundo o disposto nos artigos 125, número 2, artigo 140, números 3 a 5, e anexo XIII, número 3, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e as súas disposicións de desenvolvemento.

A aceptación da axuda implica, ademais, a aceptación da inclusión do beneficiario na lista de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e que se publicará co contido previsto no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 no portal da Dirección Xeral de fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Función Pública:

http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-Es/loFeder1420/porFeder/Paginas/inicio.aspx

No exercicio das súas responsabilidades en materia de información, comunicación e visibilidade de conformidade co artigo 115, números 1 e 3, e o anexo XII, os Estados membros e as autoridades de xestión garantirán que os beneficiarios potenciais, os beneficiarios, os participantes, os destinatarios finais dos instrumentos financeiros e o público en xeral sexan conscientes da existencia e do volume dos recursos REACT-UE e do apoio adicional que estes proporcionan.

Os Estados membros e as autoridades de xestión explicarán claramente aos cidadáns que a operación en cuestión se financia como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19 e garantirán a plena transparencia, utilizando, cando sexa adecuado, as redes sociais.

En relación coa obrigación de dar publicidade ao financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013, e atendendo ao sinalado no capítulo II do Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014, e demais normativa de desenvolvemento, a entidade beneficiaria deberá, durante a realización da operación e mantemento do investimento:

1. Recoñecer o apoio do Feder á operación en todas as medidas de información e comunicación e medidas para aumentar a visibilidade que leve a cabo, mostrando o emblema xunto coa referencia á Unión Europea, segundo o recollido nos artigos 3 e 4 do Regulamento nº 821/2014. Así mesmo, farase referencia ao Feder e a que a operación está «financiada como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID 19». Tamén se incluirá o lema «Unha maneira de facer Europa» sempre que sexa posible. Por tanto, calquera documento relacionado coa execución da operación que se destine ao público conterá unha declaración en que se recoñeza este apoio.

2. Informar o público do apoio obtido facendo unha breve descrición no seu sitio da internet, no caso de que dispoña dun, da operación, de maneira proporcionada ao nivel do apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión Europea.

3. Colocar un cartel informativo sobre o proxecto, dun tamaño mínimo A3, en que se mencionará a axuda financeira da Unión, nun lugar ben visible para o público, por exemplo na entrada dun edificio».

Catorce. O artigo 26 das bases reguladoras queda redactado do seguinte xeito:

«Aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

Tamén son de aplicación as seguintes normas:

a) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Normativa sobre protección de datos persoais: Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, Regulamento xeral de protección de datos, Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da administración electrónica.

c) Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020, modificada pola Orde HAC/114/2021, do 5 de febreiro.

d) Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

e) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello.

f) Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

g) Regulamento (UE) nº 2020/460 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de marzo de 2020, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1301/2013, (UE) nº 1303/2013 e (UE) nº 508/2014, no relativo a medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistemas de atención sanitaria dos Estados membros e noutros sectores das súas economías, en resposta ao gromo da COVID-19 (Iniciativa de investimento en resposta ao coronavirus)

h) Regulamento (UE) nº 2020/2221 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de decembro de 2020, polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 1303/2013 no que respecta aos recursos adicionais e as disposicións de execución co fin de prestar asistencia para favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e para preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía (REACT-UE).

i) Regulamento (UE) nº 2020/558 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1301/2013 e (UE) nº 1303/2013 no que respecta ás medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimento europeos en resposta ao gromo da COVID-19.

l) Normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos».

Quince. Engádese un novo artigo 27 das bases reguladoras:

«Artigo 27. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os devanditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto:

https://www.conselleriadefacenda.gal/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf»

Dezaseis. Modifícase nos artigos 20.h) e 21.1, a numeración relativa ao anexo do cartel, anexo VI, que pasa a ser anexo VII.

Dezasete. No anexo V (declaración) inclúense as seguintes declaracións responsables:

6. Que o proxecto para o cal solicita a subvención non está suxeito á avaliación ambiental segundo a normativa vixente na materia.

Ao ser susceptible de financiamento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ademais:

7. Que a entidade solicitante asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

8. Que a entidade solicitante cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

9. Que a entidade dispón da capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.

10. Que conta cun sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permitan seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con cargo á subvención.

11. Que conservará toda a documentación relativa a esta xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación.

12. Que manterá os investimentos obxecto da subvención durante un período mínimo de tres anos desde o pagamento final ao beneficiario.

Artigo 2. Publicación e entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2022

Mª Nava Castro Domínguez
Directora de Turismo de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file