Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Venres, 8 de xullo de 2022 Páx. 39132

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 1 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para investimentos en mellora da calidade dos albergues turísticos financiadas ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TU960B).

BDNS (Identif.): 637705.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 (inclúe autónomos que cumpran a condición de pequena empresa), incluídas na definición de albergues turísticos recollida no artigo 74 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, que teñan o seu domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as que se solicita a axuda, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado o establecemento, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT).

A Axencia Turismo de Galicia poderá realizar as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de pequena ou mediana empresa, segundo a definición establecida pola Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L124, do 20.5.2003).

Quedan excluídos desta convocatoria os albergues de peregrinos de titularidade publica, os albergues xuvenís integrados na rede de albergues xuvenís e os establecementos dedicados a aloxamento en salas colectivas por motivos escolares, educativos ou sociais, como zonas provisionais destinadas a eventos culturais, deportivas ou recreativas.

As entidades solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados pola persoa solicitante da subvención. No caso de que o/a representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.

Para os efectos das axudas de minimis, e conforme a normativa aplicable, enténdese por empresa calquera entidade que exerza unha actividade económica, con independencia da súa natureza xurídica e da súa forma de financiamento.

En todo caso, a entidade solicitante das axudas deberá acreditar que exerce actividade económica, para os efectos do previsto no parágrafo anterior.

Os requisitos para ser beneficiarias deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Non poderán obter a condición de beneficiarias:

– Aquelas entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

– Aquelas entidades que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia Turismo de Galicia nos últimos 2 anos.

Segundo. Obxecto e réxime

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto contribuír á mellora da calidade dos albergues turísticos mediante a realización de investimentos en dixitalización, eficiencia enerxética e mellora das instalacións e dos servizos.

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 1 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para investimentos en mellora da calidade dos albergues turísticos financiadas ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TU960B).

Cuarto. Importe

As subvencións obxecto desta resolución, cun crédito total de 500.000,00 €, imputaranse á aplicación orzamentaria 05.A2.761A.770.1, proxecto 2021 00001, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2022, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán implicar a subvención oportuna.

Nestes casos, o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios en que publicou a convocatoria sen que esta publicación implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo dos prazos para resolver.

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (UE) 1407/2013, relativo ás axudas de minimis, deberase garantir que, no caso de recibiren os beneficiarios outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 3 do citado regulamento.

As subvencións reguladas nestas bases serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo proxecto ou finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal ou de organismos internacionais, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo obxecto e finalidade, procedentes doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada, segundo se establece no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou os límites aplicables segundo a normativa de axudas de Estado.

O importe máximo de subvención será do 80 % do investimento, cun máximo de 6.000 euros por beneficiario.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á prestación do servizo ou entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia, asinado polo representante legal ou por un experto independente.

Quinto. Gastos subvencionables

Considéranse gastos subvencionables aqueles que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro e o 30 de outubro de 2022. En ningún caso se admitirán facturas nin xustificantes de pagamento que non estean comprendidos entre esas datas.

Os conceptos subvencionables son os seguintes:

1.1. Instalación e equipamento de sistemas de automatización de instalacións (domótica) e de eficiencia enerxética:

– Equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria.

– Instalación de recuperadores de calor, de sistemas de arrefriamento gratuíto, ventilación forzada, mellora dos illamentos da instalación de climatización, sistemas de movemento de fluídos caloportadores e de regulación e control (sistemas de regulación en función de medicións de CO2 ou da temperatura.

– Instalacións de xeración de enerxía solar para autoconsumo.

– Sistemas domóticos e/ou inmóticos que permitan xestionar a enerxía e o gasto enerxético de forma máis eficiente.

– Instalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos (e-bikes, vehículos eléctricos, etc.) que permitan ao establecemento repercutir o custo da electricidade consumida na recarga.

– Mellora da eficiencia enerxética en instalacións eléctricas que garanta unha subministración con calidade e fiabilidade.

– Substitución de equipamento eléctrico por equipamentos de menor consumo.

– Renovación de equipamentos de iluminación interior e/ou exterior, incluídos rótulos e escaparates, por outros que utilicen tecnoloxía LED e os elementos de control asociados.

1.2. Mellora das instalacións:

– Melloras no illamento acústico dos cuartos para a súa insonorización co fin de evitar molestias entre os hóspedes de cuartos contiguos e zonas de paso.

– Melloras no illamento térmico da envolvente do edificio do establecemento co fin de reducir o consumo enerxético en calefacción.

– Renovación de cartelaría, rótulos e sinalización exterior dos establecementos. Mellora da imaxe corporativa, renovación de logotipos, branding, etc. Contratación de servizos de asesoramento de deseño gráfico.

– Reforma e acondicionamento das unidades de aloxamento que garantan a mellora da salubridade das instalacións.

– Equipamentos mobles necesarios que garantan a seguridade e a mellora das instalacións e que permitan a adaptación do albergue ao turismo familiar.

1.3. Dixitalización:

– Adquisición de equipamento e contratación de servizos para a informatización e automatización de procesos do establecemento (check-in, xestión de reservas, facturación, TPV...).

– Sistemas de control de presenza: cámaras, sensores, sistemas de check-in/check-out.

– Sistemas de cartelaría electrónica para mensaxes á clientela e de emisión de contidos en xeral.

– Sistemas de notificación en móbil; sistemas de xestión de contidos electrónicos para hostalaría.

No importe obxecto de subvención poderán incluírse os honorarios dos profesionais intervenientes, o custo da redacción dos proxectos, así como os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados.

Non son gastos subvencionables aqueles conceptos que non estean directamente relacionados coas actuacións subvencionables e, en ningún caso, os seguintes:

a) Adquisición de terreos, edificacións, locais e elementos de transporte.

b) Adquisición de bens de equipamento de segunda man.

c) Obras de mantemento do establecemento, entendendo por tales as que se realizan periodicamente para manter a edificación en perfecto uso (limpeza de canalóns, pintura, arranxos de carpintaría,...).

d) Licenzas, taxas, impostos ou tributos. Non obstante, o IVE poderá ser considerado elixible sempre e cando non poida ser susceptible de recuperación ou compensación total ou parcial.

e) Activos adquiridos mediante leasing ou renting nin os que fosen fabricados, realizados ou desenvolvidos pola entidade solicitante.

En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Sétimo. Prazo de xustificación da subvención

A entrega da documentación xustificativa terá de prazo ata o 30 de outubro de 2022.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2022

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia