Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Venres, 8 de xullo de 2022 Páx. 38868

I. Disposicións xerais

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

DECRETO 123/2022, do 23 de xuño de 2022, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, establece no punto 1 do artigo 27 que os decretos de estrutura determinarán os distintos órganos de dirección, as competencias e as funcións dos órganos que deles dependen e, en particular, dos postos con rango de subdirección xeral e xefatura de servizo. De igual modo, o punto 5 do artigo 25 da referida lei establece que lle corresponde á Xunta de Galicia determinar a estrutura orgánica superior da vicepresidencia ou vicepresidencias, de existiren estas, así como a das consellerías da Xunta de Galicia.

O 16 de maio de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, tendo en conta os criterios de eficacia e economía que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

Esa estrutura desenvolveuse mediante o Decreto 73/2022, do 25 de maio, en que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no cal se determina o nivel organizativo dos órganos superiores e de dirección e das diversas entidades do sector público adscritas á Consellería.

Consonte o anterior decreto, son órganos superiores e de dirección a Secretaría Xeral Técnica, a Secretaría Xeral da Igualdade, a Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, a Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, a Dirección Xeral de Relacións Laborais, a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, e quedan adscritos o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia e o Consello Galego de Relacións Laborais.

No contexto actual, o impacto no eido do mercado de traballo aconsella reforzar a área de apoio ao emprego tanto no relativo á súa creación como ao seu mantemento, así como o ligado ao eido do emprendemento individual ou colectivo e á coordinación das distintas redes territoriais que contribúen a este.

En consecuencia, neste decreto establécense a estrutura e as funcións da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, respectando os principios básicos de actuación da Xunta de Galicia, como a optimización dos recursos públicos, a eficacia na xestión, a racionalización, o logro da máxima coordinación das distintas unidades administrativas e a mellora continua.

Polo que se refire á organización dos servizos periféricos, de acordo co disposto no artigo 35 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, as xefaturas territoriais previstas neste decreto dependen orgánica e funcionalmente da Consellería, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das súas competencias que asume cada delegación territorial no seu correspondente ámbito territorial. Concretamente, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén a súa organización en catro xefaturas territoriais na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, con sede en Vigo. Na presente disposición, a estrutura periférica adáptase aos cambios organizativos dos servizos centrais.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, logo de deliberación do Consello da Xunta, na súa reunión do día vinte e tres de xuño de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Ámbito competencial e organización xeral da Consellería

Artigo 1. Ámbito competencial

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade é o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal, ademais daquelas competencias e funcións establecidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, lle corresponde, de conformidade co Estatuto de autonomía e coa Constitución:

a) Promover e adoptar medidas encamiñadas á consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes.

b) Propoñer, deseñar, coordinar e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito laboral e do emprego, que engloba, ente outras, as competencias en materia de políticas activas de emprego, emprendemento, emprego autónomo, cooperativas e outras entidades de economía social, formación para o emprego, orientación e colocación, intermediación laboral, así como política laboral, relacións laborais, seguridade e saúde laboral, e responsabilidade social empresarial.

c) Propoñer, deseñar, coordinar e executar as directrices xerais do Goberno na política de emprego.

d) Promover e impulsar o diálogo social na Xunta de Galicia, como elemento clave para facer fronte aos retos do emprego e a igualdade, sen prexuízo da súa transversalidade e as áreas competenciais do resto das consellerías.

Artigo 2. Estrutura da Consellería

Para o exercicio das súas funcións, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1. O/a conselleiro/a.

2. Secretaría Xeral Técnica.

3. Secretaría Xeral da Igualdade.

4. Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

4.1. Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego.

5. Dirección Xeral de Relacións Laborais.

6. Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación.

7. Xefaturas territoriais.

Artigo 3. Entidades instrumentais e demais órganos colexiados

1. Quedan adscritas a esta consellería as seguintes entidades:

a) O organismo autónomo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, creado pola Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e se regula o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia.

b) O ente público Consello Galego de Relacións Laborais, creado pola Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais.

2. Así mesmo, quedan adscritos a esta consellería, co carácter e funcións establecidos nas súas respectivas normas reguladoras, os seguintes órganos colexiados:

a) O Consello Galego das Mulleres, regulado polo Decreto 157/2012, do 5 de xullo.

b) O Observatorio Galego da Violencia de Xénero e a súa Comisión Asesora de Publicidade non Sexista, regulados polo Decreto 157/2012, do 5 de xullo.

c) A Comisión Interdepartamental da Igualdade, regulada polo Decreto 157/2012, do 5 de xullo.

d) A Unidade Muller e Ciencia, regulada polo Decreto 33/2007, do 1 de marzo.

e) O Observatorio Galego contra a Discriminación por Orientación Sexual e Identidade de Xénero, creado polo Decreto 131/2018, do 10 de outubro.

f) O Consello Galego de Cooperativas, creado pola Lei 5/1998, do 18 de decembro.

g) O Consello da Economía Social de Galicia, creado pola Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia.

h) O Consello Galego do Traballo Autónomo, creado polo Decreto 19/2013, do 17 de xaneiro.

i) O Consello Autonómico de Emprego, os consellos provinciais de emprego e os comités territoriais de emprego, creados polo Decreto 192/2011, do 29 de setembro.

j) A Comisión Galega de Formación Profesional Continua, creada polo Decreto 7/2005, do 13 de xaneiro.

k) O Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, creado pola Lei 14/2007, do 30 de outubro.

l) O Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia, creado polo Decreto 147/2011, do 30 de xuño.

m) A Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos, creada polo Decreto 101/2015, do 18 de xuño.

n) A Comisión Consultiva Tripartita da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia, creada pola Orde do 21 de febreiro de 2008.

TÍTULO II

Órganos centrais

CAPÍTULO I

Persoa titular da Consellería

Artigo 4. O/a conselleiro/a

O/a conselleiro/a é a superior autoridade da Consellería e con tal carácter está investido/a das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

CAPÍTULO II

Secretaría Xeral Técnica

Sección 1ª. Atribucións e estrutura

Artigo 5. Atribucións

Baixo a superior dirección da persoa titular da Consellería, conforme o artigo 29 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a Secretaría Xeral Técnica exercerá as competencias e funcións nel establecidas, así como aqueloutras que lle sexan delegadas ou encomendadas pola persoa titular da Consellería e as restantes que lle atribúa o ordenamento xurídico, entre elas as seguintes:

a) O asesoramento e coordinación de todos os órganos, servizos e entidades instrumentais adscritos á Consellería.

b) A emisión dos informes e a realización dos estudos técnicos e xurídicos correspondentes aos asuntos de que coñezan a Consellería ou as entidades públicas instrumentais adscritas a ela.

c) A remisión dos asuntos que deban someterse ao Consello da Xunta de Galicia ou ás súas comisións delegadas.

d) O seguimento da tramitación e rexistro dos convenios, acordos, protocolos e declaracións subscritos no ámbito competencial da Consellería.

e) A representación da Consellería nos órganos colexiados que exerzan funcións relacionadas coas súas competencias.

f) A suplencia temporal, nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos en que fose declarada a abstención ou recusación das persoas titulares do órgano superior e dos órganos directivos da Consellería a que se refire a disposición adicional segunda.

g) Calquera outra que lle atribúa a normativa en vigor.

Artigo 6. Estrutura

A Secretaría Xeral Técnica estrutúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1. Vicesecretaría Xeral.

1.1. Servizo de Calidade de Procedementos e Sistemas.

2. Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Recursos Humanos.

2.1. Servizo Técnico-Xurídico.

2.2. Servizo de Recursos Humanos.

3. Subdirección Xeral de Xestión Económica e Contratación.

3.1. Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria.

3.2. Servizo de Contratación, Proxectos e Obras.

4. Adscríbense organicamente á Secretaría Xeral Técnica, con nivel de subdirección xeral, a Asesoría Xurídica da Consellería e a Intervención Delegada, que dependerán funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, respectivamente.

Sección 2ª. Vicesecretaría Xeral

Artigo 7. Vicesecretaría Xeral

1. Con nivel orgánico de subdirección xeral, a Vicesecretaría Xeral exercerá as funcións de coordinación e apoio na dirección e xestión das competencias da Secretaría Xeral Técnica, a execución dos proxectos, obxectivos ou actividades e demais atribucións que lle sexan encomendadas pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

2. Directamente, ou a través do servizo que nela se integra, desenvolverá as seguintes funcións:

a) A coordinación do funcionamento das subdireccións integrantes da Secretaría Xeral Técnica e a coordinación desta última cos centros directivos, así como cos organismos e entidades dependentes da Consellería.

b) A elaboración de estudos e propostas de actuación sobre aspectos relativos á estruturación, planificación, organización, modernización, métodos de traballo e de mellora da xestión.

c) A coordinación da elaboración dos plans, programas e estratexias da Consellería.

d) A coordinación das funcións que corresponden á Consellería en materia de transparencia, información pública, protección de datos, así como os requirimentos e peticións do Defensor do Pobo e do Valedor do Pobo.

e) A coordinación, o seguimento e o control dos expedientes de contratación, dos convenios e protocolos de colaboración en que sexa parte a Consellería.

f) A coordinación das obras e proxectos de competencia da Consellería.

g) A asistencia á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica para o estudo e preparación das reunións da Comisión de Secretarios Xerais.

h) A organización do rexistro e arquivo da Consellería.

i) A suplencia da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, en caso de vacante, ausencia, enfermidade e nos casos en que fose declarada a abstención ou recusación desta.

j) O impulso da aplicación do principio de igualdade entre mulleres e homes con carácter transversal nas funcións atribuídas á Secretaría Xeral Técnica.

k) En xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

3. Baixo a súa dirección e dependencia, a Vicesecretaría Xeral disporá, para o desenvolvemento das súas funcións, da seguinte unidade administrativa, co nivel orgánico de servizo:

3.1. Servizo de Calidade de Procedementos e Sistemas.

Artigo 8. Servizo de Calidade de Procedementos e Sistemas

Baixo a dependencia directa da persoa titular da Vicesecretaría Xeral, ao Servizo de Calidade de Procedementos e Sistemas correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) A elaboración de estudos e propostas de actuación sobre aspectos relativos á estruturación, planificación, organización, modernización, métodos de traballo e de mellora da xestión.

b) A coordinación da elaboración dos plans, programas e estratexias da Consellería, así como da súa tramitación administrativa.

c) A xestión dos obxectivos estratéxicos e operativos, indicadores e actuacións de todo o sector público da Consellería en aplicación do Plan estratéxico de Galicia e de todos os plans sectoriais da propia Consellería.

d) A coordinación e o exercicio das funcións que correspondan á Consellería en materia de transparencia, ao abeiro da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos (delegado de protección de datos), así como as de atención á cidadanía, establecidas na Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración.

e) A coordinación e exercicio das funcións que teña encomendadas a Consellería con relación ás fundacións de interese galego sobre as que exerza o protectorado e as funcións como sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

f) A xestión do plan de publicacións e edicións audiovisuais da Consellería e as funcións relativas á súa representación na Comisión de Publicacións da Xunta de Galicia.

g) O estudo, preparación e informe dos asuntos que se eleven ao Consello da Xunta de Galicia.

h) A coordinación e xestión dos servizos de carácter xeral, da organización do rexistro da Consellería e do arquivo.

i) A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á Consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos, a coordinación e xestión do inventario dos bens, o mantemento e a utilización de instalacións e vehículos adscritos á Consellería.

j) A formación de estatísticas nas materias que sexan competencia da Consellería en coordinación co Instituto Galego de Estatística, sen prexuízo das funcións nesta materia doutras unidades da Consellería.

k) En xeral, cantas funcións lle sexan encomendadas pola Secretaría Xeral Técnica e a Vicesecretaría Xeral, no exercicio das competencias que lles sexan propias.

Sección 3ª. Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Recursos Humanos

Artigo 9. Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Recursos Humanos

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, a Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Recursos Humanos exercerá de maneira directa, ou a través das unidades administrativas que nela se integran, as seguintes funcións:

a) A tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral que elaboren os distintos órganos de dirección da Consellería.

b) A coordinación, para a súa remisión e correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia ou en calquera outro diario oficial, das disposicións e actos administrativos ditados polos distintos órganos da Consellería.

c) A xestión dos asuntos relacionados cos recursos humanos da Consellería, así como o seguimento e control do rexistro de persoal, sen prexuízo das atribucións que correspondan aos órganos da consellería competente en materia de función pública.

d) A supervisión e coordinación da tramitación e xestión dos convenios e protocolos de colaboración en que sexa parte a Consellería, así como a súa remisión ao órgano encargado de realizar os trámites necesarios para o seu rexistro, sen prexuízo das atribucións que correspondan nesta materia á Vicesecretaría Xeral e a outros órganos da Xunta de Galicia.

e) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións, protocolos de actuación ou calquera outro instrumento que se considere adecuado, cos órganos e unidades administrativas da Consellería que desenvolvan funcións xurídico-administrativas.

f) O estudo, coordinación e proposta de resolución de reclamacións, recursos administrativos e requirimentos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da Consellería, cando non sexan competencia doutros órganos.

g) A coordinación de demandas e recursos contencioso-administrativos, cando non correspondan a outros órganos.

h) O estudo, a coordinación e a revisión da proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial cuxa resolución corresponda á persoa titular da Consellería.

i) O estudo e coordinación da tramitación de expedientes sancionadores que lle resulten atribuídos, conforme a normativa aplicable.

j) A coordinación da elaboración de estudos, informes, instrucións, circulares e instrumentos similares que se requiran no exercicio das funcións anteriores.

k) O apoio a calquera unidade administrativa e órgano da Consellería ou das entidades instrumentais a ela adscritas, segundo o mandato que para o efecto lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, no ámbito das súas atribucións.

l) O asesoramento e emisión de informe sobre aquelas cuestións que lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica no ámbito das súas atribucións.

m) Calquera outro asunto que lle poida ser encomendado pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica no exercicio das súas atribucións.

2. Baixo a súa dirección e dependencia, a Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Recursos Humanos disporá, para o desenvolvemento das súas funcións, das seguintes unidades administrativas, co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo Técnico-Xurídico.

2.2. Servizo de Recursos Humanos.

Artigo 10. Servizo Técnico-Xurídico

O Servizo Técnico-Xurídico exercerá as seguintes funcións:

a) A elaboración das propostas de resolución dos recursos de alzada, de reposición, de revisión e das solicitudes de revisión de oficio.

b) A elaboración das resolucións sancionadoras de competencia da persoa titular da Consellería e do Consello da Xunta cando non estea atribuída a outras unidades.

c) A elaboración dos actos de inicio e resolución dos procedementos de responsabilidade patrimonial.

d) A elaboración dos estudos xurídicos, resolucións, informes e demais asuntos que, por razón da súa competencia, lle sexan encomendados pola Secretaría Xeral Técnica e pola Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Recursos Humanos.

e) O apoio, asesoramento e asistencia na tramitación de procedementos administrativos e elaboración de propostas de resolución por parte dos diferentes órganos da Consellería, así como das entidades instrumentais a ela adscritas.

f) A elaboración de instrucións, protocolos de actuación, informes, estudos ou calquera outro instrumento de carácter técnico xurídico que se considere adecuado para a coordinación dos órganos e entidades instrumentais da Consellería.

g) O apoio á Asesoría Xurídica na tramitación dos recursos contencioso-administrativos e demais asuntos litixiosos en que a Consellería sexa parte interesada.

h) A tramitación dos requirimentos e peticións formulados á Consellería polos xulgados e tribunais.

i) O estudo e tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións que elaboren os centros directivos da Consellería, así como a preparación das recompilacións e refundicións das normas emanadas dela.

j) O estudo e elaboración de informes sobre a normativa correspondente ao respectivo ámbito competencial.

k) O rexistro, arquivo e custodia das disposicións normativas emanadas da Consellería ou dos seus centros directivos.

l) O estudo e apoio na tramitación das propostas de convenios e outros instrumentos bilaterais que elaboren os distintos órganos da Consellería.

m) A coordinación da publicación de toda clase de disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da Consellería que deban ser publicados no Diario Oficial de Galicia, ou noutros boletíns oficiais, así como a coordinación da publicación das notificacións por anuncios que sexan publicados no Boletín Oficial del Estado.

n) En xeral, cantas funcións lle sexan encomendadas pola Secretaría Xeral Técnica e pola Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Recursos Humanos, no exercicio das competencias que lles sexan propias.

Artigo 11. Servizo de Recursos Humanos

O Servizo de Recursos Humanos exercerá as seguintes funcións, sen prexuízo das que exerzan outros órganos e entidades instrumentais da Consellería, así como das que poidan corresponder aos restantes órganos con competencia en materia de persoal da Xunta de Galicia:

a) A ordenación e o control da xestión de todo o persoal da Consellería e, en especial, a xestión e administración ordinaria do persoal funcionario e laboral adscrito aos servizos centrais.

b) A coordinación dos servizos periféricos da Consellería e das súas entidades instrumentais en materia de persoal.

c) A tramitación dos expedientes administrativos relativos a persoal funcionario, laboral e eventual.

d) A programación das necesidades de persoal da Consellería e das súas entidades instrumentais.

e) A formulación das propostas relativas ás relacións de postos de traballo da Consellería, así como a coordinación das propostas que formulen neste ámbito as entidades instrumentais adscritas.

f) O mantemento e a actualización da base de datos de persoal funcionario e laboral dos servizos centrais da Consellería, a coordinación nesta materia da actuación dos servizos periféricos e das entidades instrumentais adscritas, así como a organización, a custodia e o arquivo dos expedientes do persoal dos servizos centrais da Consellería.

g) A tramitación e xestión dos permisos, vacacións e licenzas do persoal dos servizos centrais da Consellería, así como o apoio nesta materia aos servizos periféricos e entidades instrumentais adscritas, sen prexuízo das funcións que teñan atribuídas outros órganos da Consellería e da Xunta de Galicia.

h) Controlar a asistencia e puntualidade do persoal dos servizos centrais, así como coordinar e supervisar o control que neste ámbito efectúen os servizos periféricos e as entidades instrumentais adscritas á Consellería.

i) O estudo, a coordinación e a elaboración de propostas de resolución dos procedementos disciplinarios cuxa resolución corresponda á persoa titular da Consellería ou ao Consello da Xunta de Galicia, con respecto ao persoal dependente da Consellería e das súas entidades instrumentais.

j) O estudo, a tramitación e a elaboración das propostas de resolución das reclamacións e recursos que se formulen en materia de persoal.

k) A elaboración dos correspondentes informes e a coordinación da documentación necesaria en relación coas demandas e recursos interpostos na vía xudicial, así como, de ser o caso, da execución de sentenzas, en materia de persoal dos servizos centrais da Consellería e a coordinación e apoio nesta materia con respecto ao persoal dos servizos periféricos e entidades instrumentais adscritas á Consellería.

l) A habilitación de gastos de persoal dos servizos centrais da Consellería, sen prexuízo das atribucións doutros órganos da Consellería e das entidades instrumentais.

m) A xestión e a tramitación da nómina de persoal adscrito aos servizos centrais da Consellería.

n) O cumprimento das obrigas en materia de seguridade social e dereitos pasivos.

ñ) O estudo, seguimento e control da execución do estado de gastos en materia orzamentaria do capítulo I da Consellería, así como a elaboración, de ser o caso, das correspondentes propostas de modificación de crédito.

o) Aqueloutras funcións que lle sexan asignadas polas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Recursos Humanos, dentro do seu ámbito de atribucións.

Sección 4ª. Subdirección Xeral de Xestión Económica e Contratación

Artigo 12. Subdirección Xeral de Xestión Económica e Contratación

1. Baixo a dependencia xerárquica da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, a Subdirección Xeral de Xestión Económica e Contratación exercerá de maneira directa, ou a través das unidades administrativas que nela se integran, as seguintes funcións, sen prexuízo das que exerzan outros órganos e entidades instrumentais da Consellería, así como as que poidan corresponder aos restantes órganos da Xunta de Galicia con competencia na área económica e orzamentaria:

a) A coordinación da confección e tramitación do anteproxecto de orzamentos dos órganos da Consellería e entidades instrumentais adscritas, o seguimento e control interno da execución orzamentaria, así como a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias, en coordinación cos órganos e entidades implicados.

b) A execución da xestión orzamentaria, efectuando os trámites económico-administrativos dos expedientes de gasto e as propostas de pagamentos da Consellería.

c) O asesoramento en materia orzamentaria aos órganos e entidades instrumentais da Consellería.

d) A supervisión, coordinación e elaboración das instrucións necesarias para que os órganos e entidades da Consellería efectúen unha correcta execución do orzamento.

e) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

f) A xestión dos investimentos, compras, subministracións e servizos da Consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

g) O control, a coordinación e a execución dos proxectos de obra da Consellería, sen prexuízo das atribucións correspondentes á Vicesecretaría Xeral.

h) A conservación e mantemento das dependencias e edificios adscritos á Consellería.

i) Cantas outras funcións expresamente lle sexan asignadas ou delegadas pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, no ámbito das súas competencias.

2. Baixo a súa dirección e dependencia, a Subdirección Xeral de Xestión Económica e Contratación disporá, para o desenvolvemento das súas funcións, das seguintes unidades administrativas, co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria.

2.2. Servizo de Contratación, Proxectos e Obras.

Artigo 13. Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria

O Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria exercerá as seguintes funcións:

a) A execución da xestión orzamentaria, efectuando e, de ser o caso, impulsando, os trámites económico-administrativos dos expedientes de gasto e as propostas de pagamento dos servizos centrais da Consellería, sen prexuízo das atribucións doutros órganos neste campo.

b) A habilitación dos gastos correntes dos servizos centrais da Consellería e a coordinación e supervisión destas tarefas nos servizos periféricos da Consellería e nas entidades instrumentais adscritas.

c) A planificación, habilitación e seguimento da provisión de créditos para gastos de mantemento dos distintos órganos, unidades administrativas e oficinas que se lle asignen, tanto de servizos centrais como periféricos, baixo a modalidade de pagamentos para xustificar.

d) A xestión orzamentaria dos recursos derivados de transferencias internas e de capital ás entidades adscritas á Secretaría Xeral Técnica e o seguimento dos adscritos, de ser o caso, a outros centros xestores.

e) A coordinación, tramitación, impulso e preparación do anteproxecto de orzamentos da Consellería e das súas entidades adscritas.

f) A tramitación das propostas de modificacións orzamentarias da Consellería e das súas entidades instrumentais, así como a tramitación da variación dos límites orzamentarios

g) O asesoramento en materia orzamentaria aos órganos e entidades instrumentais da Consellería.

h) A elaboración das instrucións necesarias para que os centros de gasto efectúen unha correcta xestión orzamentaria, así como a análise e supervisión da súa execución, de acordo coa normativa vixente.

i) A xestión de taxas e de prezos públicos da Consellería e entidades instrumentais, así como a coordinación neste campo con todos os órganos e entidades dependentes, xunto coa tramitación dos expedientes de devolución de ingresos indebidos de taxas.

j) A elaboración do escenario de ingresos propios das entidades adscritas á Consellería, así como o seguimento e a análise da execución orzamentaria correspondente aos devanditos ingresos.

k) A coordinación, impulso e seguimento das axudas públicas xestionadas pola Consellería mediante ordes e convenios, así como a súa coherencia co Plan estratéxico de Galicia, e de todos os plans sectoriais da propia Consellería.

l) O seguimento da execución dos proxectos do orzamento de gastos cofinanciados con fondos europeos ou con outros recursos catalogados como financiamento condicionado.

m) A realización de estudos e informes nas materias a que fan referencia as funcións anteriores.

n) O aprovisionamento, mantemento e renovación do equipamento e material funxible non inventariable necesario para o funcionamento dos servizos centrais da Consellería e a coordinación e supervisión neste ámbito dos servizos periféricos.

ñ) Calquera outra función que lle poidan encomendar en materia de xestión económica as persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Subdirección Xeral de Xestión Económica e Contratación.

Artigo 14. Servizo de Contratación, Proxectos e Obras

O Servizo de Contratación, Proxectos e Obras exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión dos expedientes de contratación administrativa que sexan competencia da Consellería, excepto aqueles cuxa xestión estea atribuída a outros órganos da Consellería.

b) O seguimento e control da execución dos contratos.

c) O impulso e coordinación das necesidades en materia de contratación dos distintos órganos e unidades administrativas da Consellería, así como das entidades instrumentais a ela adscritas.

d) A coordinación e elaboración de instrucións e fixación de criterios en materia de contratación.

e) A tramitación e elaboración de convenios, así como de encomendas de xestión e encargas a medios propios, no ámbito das súas atribucións.

f) A coordinación dos contratos administrativos que se tramiten nos servizos periféricos en materia de obras e servizos relacionados con elas, así como equipamentos.

g) A programación da execución de calquera fondo finalista destinado a investimentos nos centros dependentes da Consellería e a súa xestión.

h) A xestión ante as entidades, órganos ou organismos públicos correspondentes das autorizacións sectoriais preceptivas e das licenzas necesarias para a execución dos expedientes de obras que sexan da súa competencia.

i) A supervisión, coordinación técnica e inspección dos proxectos de obras da Consellería e das súas entidades instrumentais, así como da correspondente execución material.

j) A realización dos traballos facultativos propios das obras de construción, reforma e reparación das instalacións adscritas á Consellería.

k) A elaboración dos informes técnicos que lle sexan requiridos polas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Subdirección Xeral de Xestión Económica e Contratación.

l) Aqueloutras funcións que lle sexan asignadas polas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Subdirección Xeral de Xestión Económica e Contratación, dentro do seu ámbito de atribucións.

Sección 5ª. Asesoría Xurídica

Artigo 15. Asesoría Xurídica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

1. A Asesoría Xurídica, con nivel de subdirección xeral, adscríbese organicamente á Secretaría Xeral Técnica e depende funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral.

2. A Asesoría Xurídica rexerase polo disposto na Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, e desenvolverá as funcións previstas na devandita lei e no Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, aprobado polo Decreto 343/2003, do 11 de xullo.

3. A Asesoría Xurídica terá adscrito o persoal que se estableza na correspondente relación de postos de traballo.

Sección 6ª. Intervención Delegada

Artigo 16. Intervención Delegada

1. A Intervención Delegada, con nivel de subdirección xeral, adscríbese organicamente á Secretaría Xeral Técnica e depende funcionalmente da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

2. As súas funcións e estrutura serán as especificamente previstas no decreto polo que se estableza a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública.

CAPÍTULO III

Secretaría Xeral da Igualdade

Artigo 17. Secretaría Xeral da Igualdade

Á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e na demais lexislación aplicable na materia.

b) Promover a incorporación do principio de igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes en todas as normas, políticas, actuacións, plans e estratexias da Xunta de Galicia, en cumprimento do principio de transversalidade recollido no artigo 5 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

c) Planificar, deseñar, coordinar e avaliar a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de igualdade entre mulleres e homes, erradicación da violencia de xénero e promoción da corresponsabilidade entre mulleres e homes no ámbito persoal, familiar e laboral.

d) Realizar o estudo e seguimento da lexislación vixente naqueles aspectos que afecten o principio de igualdade entre mulleres e homes e elaborar propostas de modificación das normas que o dificulten ou impidan.

e) Establecer e fomentar relacións de cooperación cos organismos competentes en materia de igualdade da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas e da Administración local, así como cos organismos internacionais e comunitarios en materia de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e en materia de prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

f) Propoñer medidas, programas e normas dirixidos á promoción do exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural e a eliminar as discriminacións existentes entre sexos.

g) Establecer relacións e canles de participación con asociacións, fundacións e outros entes e organismos que teñan entre os seus fins a consecución da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, así como a igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero.

h) A promoción das actuacións referentes ás medidas municipais de conciliación, bancos municipais de tempo e plans de programación do tempo da cidade.

i) As funcións recollidas na disposición adicional primeira deste decreto.

j) Aquelas que lle sexan encomendadas pola persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Artigo 18. Estrutura

A Secretaría Xeral da Igualdade estrutúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade.

1.1. Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación.

1.2. Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade.

2. Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero.

2.1. Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas.

2.2. Servizo de Planificación e Mellora da Coordinación.

3. Servizo de Apoio Técnico-Administrativo.

Sección 1ª. Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade

Artigo 19. Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Secretaría Xeral da Igualdade, a Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade desenvolverá as seguintes funcións:

a) A proposta, deseño e articulación de medidas de actuación en materia de igualdade entre mulleres e homes.

b) A participación no deseño, o seguimento, o desenvolvemento e a avaliación dos programas e servizos dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes, ben sexan de titularidade propia, doutras administracións ou dependentes da iniciativa social ou privada.

c) A proposta e desenvolvemento de actuacións para a incorporación da perspectiva de xénero en todas as normas, políticas, actuacións, plans e estratexias da Xunta de Galicia.

d) A promoción da introdución da perspectiva de xénero no ámbito educativo e a elaboración de materiais e recursos coeducativos en colaboración co departamento competente en materia de educación.

e) A elaboración de estudos ou informes nas materias propias da subdirección xeral.

f) A promoción, organización e coordinación de accións de sensibilización en materia de promoción da igualdade.

g) Cantas outras funcións lle sexan encomendadas no ámbito das súas competencias.

2. Baixo a súa dirección e dependencia, a Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade disporá, para o desenvolvemento das súas funcións, das seguintes unidades administrativas, co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación.

2.2. Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade.

Artigo 20. Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación

O Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación dos programas, acordos e actuacións, dirixidos á consecución da igualdade efectiva de mulleres e homes, que se desenvolvan en colaboración con outras administracións públicas.

b) A xestión e coordinación das actuacións de seguimento e avaliación dos programas e servizos promovidos pola subdirección.

c) O establecemento das liñas de estudo e dos programas dirixidos á consecución do obxectivo da igualdade entre mulleres e homes.

d) O desenvolvemento de actuacións para a incorporación da perspectiva de xénero en todas as normas, políticas, actuacións, plans e estratexias da Xunta de Galicia.

e) A realización de programas e actuacións dirixidos á promoción da conciliación e ao fomento da corresponsabilidade.

f) O apoio e o fomento do asociacionismo de mulleres e a participación das mulleres na vida económica, social e laboral.

g) O desenvolvemento de calquera outra función que lle sexa encomendada no ámbito da súa competencia.

Artigo 21. Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade

O Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade exercerá as seguintes funcións:

a) A programación e o desenvolvemento e xestión de accións dirixidas a impulsar e a apoiar a participación e o emprendemento das mulleres nos ámbitos económico, social e laboral.

b) O apoio ao desenvolvemento de servizos e recursos na área de igualdade entre mulleres e homes que levan a cabo outras administracións e/ou entidades de iniciativa social.

c) A elaboración das convocatorias de axudas e subvencións destinadas ao fomento de actuacións dirixidas á promoción da igualdade.

d) A promoción das relacións de cooperación con entidades e institucións públicas e privadas, fomentando a articulación e o deseño de medidas de actuación en materia de igualdade entre mulleres e homes.

e) A coordinación e organización de accións de formación no ámbito da igualdade entre mulleres e homes.

f) O desenvolvemento de calquera outra función que lle sexa encomendada no ámbito da súa competencia.

Sección 2ª. Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero

Artigo 22. Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Secretaría Xeral da Igualdade, a Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero desenvolverá as seguintes funcións:

a) A proposta, deseño e articulación de medidas de actuación en materia de erradicación da violencia de xénero.

b) O seguimento e avaliación dos programas e servizos dirixidos á erradicación da violencia de xénero, ben sexan de titularidade propia, doutras administracións ou dependentes da iniciativa social ou privada, así como a atención e protección das súas vítimas, en aplicación do previsto na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

c) A elaboración de estudos ou informes nas materias propias da subdirección xeral que permitan, a partir da obtención de información, propoñer axudas ou asignar recursos.

d) A proposta, articulación e deseño de medidas de actuación en materia de violencia de xénero.

e) A asistencia á Secretaría Xeral da Igualdade, respecto das funcións propias da subdirección.

f) A xestión das prestacións e programas nesas mesmas áreas.

g) A xestión e a organización do Punto de coordinación das ordes de protección.

h) Cantas outras medidas se determinen no campo da erradicación da violencia de xénero.

2. Baixo a súa dirección e dependencia, a Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero disporá, para o desenvolvemento das súas funcións, das seguintes unidades administrativas, co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas.

2.2. Servizo de Planificación e Mellora da Coordinación.

Artigo 23. Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas

O Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas exercerá as seguintes funcións:

a) O establecemento das liñas de estudo e dos programas dirixidos á defensa dos dereitos de atención e protección das vítimas da violencia de xénero, e a xestión de programas destinados a promover a igualdade de oportunidades para as vítimas da violencia de xénero, segundo o previsto na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

b) A colaboración, asesoramento ou organización de actividades formativas en materia de prevención da violencia de xénero, sen prexuízo das funcións substantivas doutros departamentos ou centros directivos da Comunidade Autónoma.

c) A preparación dos contratos e convenios de colaboración que se subscriban con outras entidades e particulares nas materias competencia da subdirección xeral.

d) A promoción, organización e coordinación de campañas de sensibilización en materia de prevención da violencia de xénero.

e) A elaboración e tramitación das convocatorias de axudas e subvencións para a prestación de servizos dirixidos ás mulleres vítimas de violencia de xénero.

f) O desenvolvemento de calquera outra función que lle sexa encomendada no ámbito da súa competencia.

Artigo 24. Servizo de Planificación e Mellora da Coordinación

O Servizo de Planificación e Mellora da Coordinación exercerá as seguintes funcións:

a) Deseño e articulación de accións e medidas de prevención da violencia de xénero, impulsando a educación nos valores de igualdade entre mulleres e homes e o respecto aos dereitos fundamentais, en colaboración co ámbito educativo.

b) Impulso das relacións de coordinación e cooperación no ámbito da violencia de xénero con entidades e institucións públicas e privadas.

c) Promoción da colaboración e participación das entidades, asociacións e organizacións da sociedade civil que actúan contra as distintas formas de violencia de xénero.

d) A preparación dos contratos e convenios de colaboración que se subscriban con outras entidades e particulares nas materias competencia da subdirección xeral.

e) Elaboración, promoción e difusión de informes, estudos e investigacións sobre cuestións relacionadas coas distintas formas de violencia contra as mulleres.

f) O desenvolvemento de calquera outra función que lle sexa encomendada no ámbito da súa competencia.

Sección 3ª. Servizo de Apoio Técnico-Administrativo

Artigo 25. Servizo de Apoio Técnico-Administrativo

Baixo a dependencia directa da persoa titular da Secretaría Xeral da Igualdade, o Servizo de Apoio Técnico-Administrativo exercerá, sen prexuízo das atribucións correspondentes á Secretaría Xeral Técnica, as seguintes funcións:

a) O asesoramento técnico-administrativo, así como a xestión económica e orzamentaria da Secretaría Xeral da Igualdade e a tramitación de propostas de modificación orzamentaria.

b) A tramitación e execución dos expedientes de contratación administrativa que lle correspondan á Secretaría Xeral da Igualdade.

c) Formular os borradores de anteproxectos de iniciativas normativas que lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral da Igualdade en execución das súas atribucións.

d) Emitir informe de impacto de xénero, nos termos establecidos nos artigos 7 e 8 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, así como a elaboración de informes técnicos nas materias da súa competencia.

e) A tramitación dos convenios e protocolos de colaboración que se subscriban con outras consellerías, entidades, persoas físicas e xurídicas.

f) O estudo e proposta de resolución dos recursos administrativos interpostos contra actos ditados polos órganos da secretaría suxeitos a dereito administrativo, sen prexuízo da competencia doutros órganos.

g) O apoio ás unidades da Secretaría Xeral da Igualdade na tramitación dos requirimentos e peticións formuladas á secretaría polos xulgados, tribunais, o Valedor do Pobo, o Defensor do Pobo e outros órganos e institucións.

h) A execución, seguimento e control dos programas europeos e de cooperación transfronteiriza en que participe a Secretaría Xeral da Igualdade, así como a elaboración de propostas de actuación.

i) O desenvolvemento de calquera outra función que lle sexa encomendada no ámbito da súa competencia.

Artigo 26. Centro de recuperación integral para mulleres que sofren violencia de xénero

Ademais, a Secretaría Xeral da Igualdade contará co Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero, que se configura como unha unidade administrativa adscrita a ela, con competencias en materia de atención integral ás vítimas de violencia de xénero, nos termos establecidos no Decreto 1/2014, do 9 de xaneiro, polo que se regula a súa creación, así como naqueloutros previstos na normativa aplicable, e cuxa dirección terá nivel orgánico de servizo.

CAPÍTULO IV

Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social

Sección 1ª. Atribucións e estrutura

Artigo 27. Atribucións

Como órgano superior da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, corresponderanlle á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social as seguintes funcións:

a) A participación na elaboración e deseño das estratexias e políticas públicas de emprego dos correspondentes plans anuais de política de emprego, así como a formulación de propostas de inclusión de medidas e programas concretos neles.

b) A participación na elaboración e deseño de estratexias, instrumentos e medidas que contribúan a evitar situacións de falta de estabilidade do emprego ou poidan conducir á diminución da actividade.

c) A dirección, coordinación, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia de apoio, fomento e mantemento do emprego, traballo autónomo, cooperativas e economía social e apoio á integración laboral das persoas con discapacidade ou en situación de vulnerabilidade.

d) A dirección das competencias da Comunidade Autónoma en materia de emprendemento e a coordinación das atribuídas a outros órganos, así como a promoción de políticas públicas e programas que impulsen, promocionen e apoien a cultura emprendedora.

e) A convocatoria e execución de calquera outras axudas ou actuacións derivadas de plans estatais, autonómicos ou europeos que contribúan á creación do emprego, por conta propia ou allea, e ao seu mantemento, ou que sexan autorizados por acordo do Consello da Xunta.

f) A dirección e xestión das funcións atribuídas á Consellería en materia de fomento do emprego en colaboración coas administracións e institucións públicas e con entidades sen ánimo de lucro.

g) O exercicio das competencias atribuídas pola normativa reguladora dos órganos colexiados de asesoramento e participación en materia de emprego e de persoas traballadoras autónomas e de entidades de economía social.

h) A elaboración do anteproxecto de orzamento e a memoria de funcionamento do órgano superior, así como a súa xestión, seguimento e avaliación.

i) Promover e adoptar as accións necesarias para aplicar o principio de igualdade entre mulleres e homes no ámbito das políticas autonómicas en materia de emprego, emprendemento, traballo autónomo e economía social, sen prexuízo das competencias atribuídas á Dirección Xeral de Relacións Laborais.

j) A dirección e coordinación da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, dependente dela.

Artigo 28. Estrutura

1. A Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social estrutúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Emprego.

1.1. Servizo de Emprego por Conta Allea.

1.2. Servizo de Emprego Autónomo.

1.3. Servizo de Programas de Cooperación.

2. Subdirección Xeral de Economía Social.

2.1. Servizo de Promoción da Economía Social.

2.2. Servizo de Fomento do Emprego en Economía Social.

3. Baixo a dirección e dependencia da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social estará a Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, que se estrutura, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

3.1. Subdirección Xeral de Coordinación de Programas e Apoio ao Emprego.

3.1.1. Servizo de Programas de Apoio ao Emprego.

3.2. Subdirección Xeral de Emprendemento.

3.2.1. Servizo de Fomento do Emprendemento.

3.3. Servizo de Verificación de Fondos.

Sección 2ª. Subdirección Xeral de Emprego

Artigo 29. Subdirección Xeral de Emprego

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, a Subdirección Xeral de Emprego levará a cabo as seguintes funcións:

a) A planificación, execución e control dos programas e axudas para o fomento e mantemento do emprego por conta allea, de apoio ao traballo autónomo e ás iniciativas xeradoras de emprego e ao seu mantemento, así como ás accións correspondentes ao seu ámbito competencial recollidas nos plans de emprego.

b) A participación no deseño, seguimento, desenvolvemento e avaliación dos programas e servizos dirixidos á promoción do emprego autónomo, o emprego por conta allea e os programas de promoción e mantemento do emprego no ámbito local e con entidades sen ánimo de lucro.

c) A xestión do Rexistro Administrativo das Iniciativas Locais de Emprego (ILE) e do Rexistro das Asociacións Profesionais de Persoas Traballadoras Autónomas da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) A xestión de programas de iniciativas de emprego de base tecnolóxica.

e) A elaboración da proposta de anteproxecto do orzamento correspondente ao seu programa de gasto, así como á súa xestión, seguimento e avaliación e a elaboración de estatísticas nas materias da súa competencia.

f) A coordinación coas xefaturas territoriais na tramitación dos expedientes e procedementos competencia da subdirección xeral.

g) A elaboración de estudos ou informes nas materias propias da subdirección xeral.

h) As demais funcións que expresamente lle sexan asignadas ou delegadas pola persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, no ámbito das súas competencias.

2. Baixo a súa dirección e dependencia, a Subdirección Xeral de Emprego disporá, para o desenvolvemento das súas funcións, das seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Emprego por Conta Allea.

2.2. Servizo de Emprego Autónomo.

2.3. Servizo de Programas de Cooperación.

Artigo 30. Servizo de Emprego por Conta Allea

O Servizo de Emprego por Conta Allea exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión e seguimento dos programas de apoio, fomento e mantemento da contratación por conta allea e de todas as actuacións da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para a mellora do emprego estable.

b) Os labores de información, asesoramento, difusión, elaboración de estatísticas, control e avaliación dos programas e medidas da súa competencia.

c) A preparación dos contratos e convenios de colaboración que se subscriban con outras entidades e particulares nas materias competencia do servizo.

d) A xestión dos procedementos de xustificación do Fondo Social Europeo e dos proxectos europeos, e a coordinación das accións de auditoría en materia de emprego por conta allea, sen prexuízo das competencias doutras unidades ou órganos da Consellería.

e) A elaboración e tramitación das convocatorias de axudas e subvencións e demais programas de apoio, fomento e mantemento da contratación por conta allea.

f) Aquelas que se lle asignen dentro da súa área funcional.

Artigo 31. Servizo de Emprego Autónomo

O Servizo de Emprego Autónomo exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión e seguimento dos programas e accións de apoio, asesoramento, fomento e mantemento da actividade das persoas autónomas, e daqueles que se lle asignen dentro da súa área funcional.

b) A xestión do Rexistro Administrativo das Iniciativas Locais de Emprego.

c) A xestión do Rexistro de Asociacións Profesionais de Persoas Traballadoras Autónomas da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Aquelas que as normas de desenvolvemento en Galicia da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, atribúan á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

e) Os labores de información, asesoramento, difusión, elaboración de estatísticas, control e avaliación dos programas e medidas da súa competencia.

f) A preparación dos contratos e convenios de colaboración que se subscriban con outras entidades e particulares nas materias competencia do servizo.

g) A xestión dos procedementos de xustificación do Fondo Social Europeo e dos proxectos europeos, e a coordinación das accións de auditoría en materia de emprego autónomo, sen prexuízo das competencias atribuídas a outras entidades ou órganos da Consellería.

h) A elaboración e tramitación das convocatorias de axudas e subvencións para accións de apoio, asesoramento, fomento e mantemento da actividade, ás persoas autónomas.

i) Aquelas que se lle asignen dentro da súa área funcional.

Artigo 32. Servizo de Programas de Cooperación

O Servizo de Programas de Cooperación exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión técnica, coordinación e seguimento dos programas de apoio, fomento, promoción e mantemento do emprego no ámbito local e con entidades sen ánimo de lucro.

b) Os labores de información, asesoramento, difusión, elaboración de estatísticas e control e avaliación dos programas e medidas da súa competencia.

c) A preparación dos contratos e convenios de colaboración que se subscriban con outras entidades e particulares nas materias competencia do servizo.

d) A xestión dos procedementos de xustificación do Fondo Social Europeo e dos proxectos europeos, e a coordinación das accións de auditoría en materia de promoción e mantemento do emprego no ámbito local e con entidades sen ánimo de lucro, sen prexuízo das competencias atribuídas a outras entidades ou órganos da Consellería.

e) A elaboración e tramitación das convocatorias de axudas e subvencións para programas de apoio, fomento, promoción e mantemento do emprego no ámbito local e con entidades sen ánimo de lucro.

f) Aquelas que se lle asignen dentro da súa área funcional.

Sección 3ª. Subdirección Xeral de Economía Social

Artigo 33. Subdirección Xeral de Economía Social

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, á Subdirección Xeral de Economía Social corresponderalle:

a) A planificación, coordinación, execución e control das competencias da Comunidade Autónoma en materia de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción, e as relacións coas súas organizacións representativas, así como a promoción e o fomento da economía social, sen prexuízo das competencias doutras consellerías en materias relativas ás distintas tipoloxías de entidades.

b) O impulso do funcionamento do Consello Galego de Cooperativas, creado pola Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e do Consello da Economía Social de Galicia, creado pola Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia.

c) A coordinación de accións conxuntas e a promoción da colaboración en rede de institucións, organizacións e entidades no marco da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, creada polo Decreto 225/2012, do 15 de novembro.

d) A elaboración da proposta de anteproxecto de orzamento anual correspondente ao seu programa de gasto, a súa xestión, seguimento e avaliación, así como a elaboración de estatísticas nas materias da súa competencia.

e) A coordinación coas xefaturas territoriais na tramitación dos expedientes e procedementos competencia da subdirección xeral.

f) A planificación e coordinación na preparación dos contratos e convenios de colaboración que se subscriban con outras entidades nas materias competencia da subdirección xeral.

g) A planificación e coordinación na preparación, xestión e tramitación das axudas e subvencións en materias de competencia da subdirección.

h) A elaboración, promoción e difusión de informes, estudos e investigacións sobre cuestións relacionadas con materias da competencia da subdirección xeral.

i) Apoio e coordinación da Comisión de Seguimento de Contratos Reservados.

j) Cantas outras funcións expresamente lle sexan asignadas ou delegadas pola persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, no ámbito das súas competencias.

2. Baixo a súa dirección e dependencia, a Subdirección Xeral de Economía Social disporá, para o desenvolvemento das súas funcións, das seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Promoción da Economía Social.

2.2. Servizo de Fomento do Emprego en Economía Social.

Artigo 34. Servizo de Promoción da Economía Social

O Servizo de Promoción da Economía Social exercerá as seguintes funcións:

a) A información, asesoramento e difusión en materia de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego, empresas de inserción laboral e outras entidades de economía social, así como a elaboración de estatísticas e estudos e informes.

b) A xestión e seguimento dos programas de promoción e divulgación da economía social, especialmente no marco da Rede Eusumo.

c) O desenvolvemento das accións de coordinación, apoio e impulso do funcionamento do Consello Galego de Cooperativas e do Consello da Economía Social de Galicia.

d) A coordinación e o impulso da administración electrónica nos rexistros de cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e de centros especiais de emprego.

e) A xestión do Rexistro de Cooperativas e a coordinación dos rexistros provinciais.

f) A xestión do Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais.

g) A xestión do Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego.

h) A xestión do Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción Laboral.

i) A preparación, xestión e seguimento dos contratos e convenios de colaboración que se subscriban con outras entidades en materia de promoción da economía social.

j) A preparación, xestión e tramitación e seguimento das axudas e subvencións en materias de promoción da economía social.

k) Aquelas que se lle asignen dentro da súa área funcional.

Artigo 35. Servizo de Fomento do Emprego en Economía Social

O Servizo de Fomento do Emprego en Economía Social exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión e seguimento dos programas de fomento do autoemprego colectivo nas entidades de economía social.

b) A información, asesoramento e difusión en materia de fomento do emprego na economía social.

c) A xestión, coordinación e seguimento dos programas de fomento da integración laboral das persoas con discapacidade ou en situación de vulnerabilidade en centros especiais de emprego e empresas de inserción.

d) A preparación, xestión, tramitación e seguimento das axudas e subvencións en materias de fomento da economía social.

e) A preparación, xestión e seguimento dos contratos ou convenios de colaboración que se subscriban con outras entidades en materia de fomento da economía social.

f) A elaboración de estatísticas, control e avaliación dos programas e medidas da súa competencia.

g) Aquelas que se lle asignen dentro da súa área funcional.

Sección 4ª. Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego

Artigo 36. Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego

1. A Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, como órgano de dirección directamente dependente, da Secretaria Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, exercerá as seguintes funcións:

a) Asumirá as competencias de apoio ao emprendemento durante todas as fases da actividade emprendedora: tanto as actuacións necesarias para o comezo da actividade, como a súa realización efectiva posterior, incluíndo a implementación e mantemento, con servizos de asesoramento, mentoring/mentorización, así como de apoio económico ou doutra índole, ao crecemento e o mantemento do emprego, e cantas funcións lle sexan atribuídas por parte da persoa titular da Secretaría Xeral e, en particular, a coordinación coas restantes direccións xerais da Consellería, así como cos outros centros directivos ou organismos da Comunidade Autónoma en todo canto se trate de actuacións vinculadas ao emprendemento, crecemento e mantemento de emprego.

b) A creación, dirección e coordinación dunha única rede de emprendemento, distribuída por todo o territorio de Galicia, da cal formarán parte os medios e instrumentos que hoxe en día xa existen ou que se encontran en proceso de creación.

c) A prestación, coordinación e asistencia á persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

d) A coordinación con outros órganos ou entidades das actuacións que contribúan a evitar a falta de estabilidade do emprego, ou poidan conducir á diminución da actividade.

2. Esta Dirección Xeral desenvolverá especificamente, entre outras, as seguintes funcións:

a) A creación, posta en marcha, xestión directa e indirecta e coordinación da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Galicia.

b) A coordinación do Centro de Orientación, Emprendemento, Acompañamento e Innovación da Comunidade Autónoma de Galicia, previsto no Real decreto 818/2021, do 28 de setembro, polo que se regulan os programas comúns de activación para o emprego do Sistema nacional de emprego, sen prexuízo das competencias que correspondan á Dirección Xeral de Formación para o Emprego e a Orientación.

c) O impulso e a coordinación dos espazos de coworking e viveiros que permita acelerar e posicionar no mercado pequenas empresas e contar cun único instrumento integrador de empresas xeradoras de emprego de calidade.

d) O impulso e coordinación da Rede de persoal técnico de emprego de Galicia (Xatemprego).

e) O impulso e coordinación do emprego xuvenil, así como o fomento do emprendemento no eido educativo nas súas distintas modalidades, en coordinación coa consellería competente en materia de educación.

f) A coordinación dos servizos e unidades de emprendemento e iniciativas emprendedoras.

g) Impulso e coordinación da creación e desenvolvemento de produtos e procesos innovadores, no marco do emprendemento makers da nosa Comunidade.

h) A colaboración e coordinación das diferentes actuacións con outros axentes territoriais, organismos, institucións públicas e privadas de ámbito nacional, autonómico e local vinculadas ou que realicen actividades de fomento ao emprendemento e apoio ao emprego.

i) En xeral, apoiar e promover calquera tipo de actividade que contribúa á mellora do emprendemento de Galicia.

j) A elaboración do anteproxecto de orzamento e a memoria de funcionamento do seu centro directivo, así como a súa xestión, seguimento e avaliación.

k) Os servizos de información, asistencia e coordinación á persoa titular da Secretaría Xeral en todo canto se trate de actuacións vinculadas ao crecemento e consolidación de emprego.

3. Baixo a súa dirección e dependencia, a Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego estrutúrase, para o desenvolvemento das súas funcións, nas seguintes unidades administrativas:

3.1. Subdirección Xeral de Coordinación de Programas e Apoio ao Emprego.

3.2. Subdirección Xeral de Emprendemento.

3.3. Servizo de Verificación de Fondos.

Sección 5ª. Subdirección Xeral de Coordinación
de Programas e Apoio ao Emprego

Artigo 37. Subdirección Xeral de Coordinación de Programas e Apoio ao Emprego

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, a Subdirección Xeral de Coordinación de Programas e Apoio ao Emprego levará a cabo as seguintes funcións:

a) O deseño, coordinación e, de ser o caso, a execución de programas e proxectos transversais de apoio ao emprego.

b) A coordinación, execución e seguimento de estratexias, instrumentos e medidas que contribúan a evitar situacións de falta de estabilidade do emprego ou poidan conducir á diminución da actividade.

c) A coordinación e o apoio ao seguimento dos programas de fomento do emprego e das persoas emprendedoras e á iniciativa empresarial, en particular a coordinación da xestión da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego de Galicia.

d) O apoio, promoción e divulgación da economía social, especialmente no marco da Rede Eusumo.

e) En xeral, a coordinación de todas as actuacións para a mellora e mantemento do emprego, por conta propia ou allea.

f) Cantas outras funcións expresamente lle sexan asignadas ou delegadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, no ámbito das súas competencias.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións a Subdirección Xeral de Coordinación de Programas e Apoio ao Emprego contará coa seguinte unidade administrativa, con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Programas de Apoio ao Emprego.

Artigo 38. Servizo de Programas de Apoio ao Emprego

Baixo a dependencia directa da Subdirección Xeral de Coordinación de Programas e Apoio ao Emprego, ao Servizo de Programas de Apoio ao Emprego correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) A xestión técnica, coordinación e seguimento, e, de ser o caso, o deseño dos programas e proxectos transversais de apoio ao emprego, tanto por conta allea como por conta propia.

b) A xestión técnica do seguimento dos programas de fomento do emprego e das persoas emprendedoras e, en particular, a xestión técnica da coordinación da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Galicia.

c) A preparación dos contratos e convenios de colaboración que se subscriban con outras entidades e particulares nas materias competencia da subdirección xeral.

d) Os labores de información, asesoramento, difusión, elaboración de estatísticas e control e avaliación dos programas e medidas da súa competencia.

e) En xeral, cantas funcións lle sexan encomendadas pola Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego e a Subdirección Xeral de Coordinación de Programas e Apoio ao Emprego, no exercicio das competencias que lles sexan propias.

Sección 6ª. Subdirección Xeral de Emprendemento

Artigo 39. Subdirección Xeral de Emprendemento

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, levará a cabo as seguintes funcións:

a) A programación, coordinación, execución, seguimento, propostas e avaliación, control e, de ser o caso, xestión dos programas e instrumentos específicos que se definan no apoio ao emprendemento.

b) O deseño e a xestión dos instrumentos económicos que se definan no apoio ao emprendemento.

c) A xestión da Unidade Galicia Emprende como programa transversal de información, orientación e apoio ás persoas emprendedoras.

d) En xeral, cantas funcións lle sexan encomendadas pola Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego no exercicio das competencias que lle sexan propias.

2. Para o desenvolvemento das funcións propias da Subdirección Xeral de Emprendemento, a súa persoa titular contará coa seguinte unidade administrativa, con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Fomento do Emprendemento.

Artigo 40. Servizo de Fomento do Emprendemento

Baixo a dependencia directa da persoa titular da Subdirección Xeral de Emprendemento, o Servizo de Fomento do Emprendemento exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión técnica, seguimento e coordinación dos programas de fomento e apoio á Rede do emprendemento.

b) A xestión e coordinación dos distintos servizos de soporte inicial, de consolidación de emprego, a dinamización e o aproveitamento das redes de mentores, así como a coordinación dos servizos específicos de apoio á capacitación e profesionalización das persoas emprendedoras.

c) A preparación dos contratos e convenios de colaboración que se subscriban con outras entidades e particulares nas materias competencia da subdirección xeral.

d) A xestión dos servizos e ferramentas esenciais para persoas emprendedoras.

e) En xeral, cantas funcións lle sexan encomendadas pola Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego e a Subdirección Xeral de Emprendemento, no exercicio das competencias que lles sexan propias.

Sección 7ª. Servizo de Verificación de Fondos

Artigo 41. Servizo de Verificación de Fondos

Ao Servizo de Verificación de Fondos, órgano de apoio con nivel orgánico de servizo, baixo a dependencia directa da persoa titular da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, corresponderanlle as seguintes funcións:

a) A planificación, coordinación e verificación do cumprimento da normativa comunitaria, estatal e autonómica, con posterioridade á súa execución, dos programas de axudas e subvencións en materia de programas de emprego e de formación profesional para o emprego e, en xeral, para todas as medidas de políticas activas de emprego xestionadas na Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

b) A elaboración anual dos plans de verificación e control posteriores ao pagamento das axudas concedidas e a coordinación das auditorías e as actuacións de verificación e control realizadas dentro destes plans anuais, en materia de políticas activas de emprego, tanto nos servizos centrais como nas xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, co fin de determinar os resultados das verificacións realizadas e os importes elixidos para a súa certificación ao Fondo Social Europeo ou outros fondos europeos, sen prexuízo das competencias de seguimento e control que, no procedemento de tramitación, concesión e pagamento dos incentivos, correspondan aos órganos concedentes.

c) A formación teórica e práctica do persoal encargado da realización destas funcións de verificación e control posteriores, así como para a realización das visitas in situ, tanto en servizos centrais como nas xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, co obxecto de dar cumprimento aos requirimentos establecidos na normativa estatal e comunitaria que resulte de aplicación.

d) O seguimento e a coordinación dos asuntos que se traten no Grupo de interconferencias sectoriais de preparación do Consello de Ministros da Unión Europea de política social, sanidade e consumidores, do cal forma parte a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, así como o estudo e a compilación da normativa comunitaria existente en materia de emprego e a procura daqueles proxectos existentes en materia de cooperación territorial europea nos cales a Consellería puidese participar.

e) Cantas outras funcións lle sexan expresamente asignadas ou delegadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, no ámbito das súas competencias.

CAPÍTULO V

Dirección Xeral de Relacións Laborais

Sección 1ª. Atribucións e estrutura

Artigo 42. Atribucións

Como órgano de dirección da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, corresponderanlle á Dirección Xeral de Relacións Laborais as seguintes funcións:

a) A dirección, coordinación, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia de relacións laborais, seguridade e saúde laboral, responsabilidade social empresarial, promoción do emprego de calidade e, en concreto, o exercicio de funcións en materia de lexislación laboral e en prevención de riscos laborais, e todas aquelas que como autoridade laboral debe desenvolver en virtude das competencias que lle corresponden á Consellería.

b) O impulso e desenvolvemento das políticas de igualdade laboral e de medidas de conciliación corresponsable da vida persoal, familiar e laboral nas empresas.

c) A coordinación e o impulso do diálogo social en Galicia.

d) As competencias funcionais sobre a Inspección de Traballo e Seguridade Social en materia laboral e de prevención de riscos laborais asignadas á Comunidade Autónoma de Galicia, así como as de coordinación coa Administración xeral do Estado para a execución dos plans de actuación da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

e) O coñecemento e resolución dos recursos de alzada interpostos contra as resolucións ditadas nos procedementos tramitados polos órganos territoriais para a imposición de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos e por obstrución do labor inspector, de conformidade co Decreto 70/2008, do 27 de marzo, sobre distribución de competencias entre os órganos da Administración autonómica galega para a imposición de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos e por obstrución do labor inspector, e calquera outra competencia atribuída por este.

f) A elaboración da proposta de anteproxecto de orzamento e a memoria de funcionamento do seu centro directivo, así como a súa xestión, seguimento e avaliación.

g) As derivadas da aplicación do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, no ámbito das competencias en materia de emprego atribuídas á Consellería.

Artigo 43. Estrutura

A Dirección Xeral de Relacións Laborais estrutúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Relacións Laborais.

1.1. Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral.

1.2. Servizo de Réxime Xurídico.

2. Unidade Administrativa de Igualdade.

Sección 2ª. Subdirección Xeral de Relacións Laborais

Artigo 44. Subdirección Xeral de Relacións Laborais

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, a Subdirección Xeral de Relacións Laborais desenvolverá as seguintes funcións:

a) A promoción, coordinación, desenvolvemento, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia laboral, responsabilidade social empresarial, igualdade laboral e de medidas de conciliación corresponsable da vida persoal, familiar e laboral nas empresas, así como a modulación das relacións laborais cos axentes económicos e sociais.

b) A promoción, coordinación e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia de prevención de riscos laborais, así como o establecemento de vías de colaboración e cooperación técnica e institucional con organismos e institucións con competencias na materia, sen prexuízo das competencias que a lexislación vixente lle atribúe ao Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia.

c) A elaboración do anteproxecto do orzamento correspondente ao seu programa de gasto, así como a súa xestión, seguimento e avaliación e a elaboración de estatísticas nas materias da súa competencia.

d) A coordinación dos rexistros administrativos de eleccións sindicais, de asociacións empresariais e sindicais, de convenios colectivos (Regcon) e de empresas acreditadas para intervir no proceso de contratación no sector da construción (REA).

e) A coordinación coas xefaturas territoriais na tramitación dos expedientes e procedementos competencia da subdirección xeral.

f) Cantas outras funcións expresamente lle sexan asignadas ou delegadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais no ámbito das súas competencias.

2. Baixo a súa dirección e dependencia, a Subdirección Xeral de Relacións Laborais dispoñerá, para o desenvolvemento das súas funcións, das seguintes unidades administrativas, co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral.

2.2. Servizo de Réxime Xurídico.

Artigo 45. Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral

O Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral exercerá as seguintes funcións:

a) A tramitación e instrución dos expedientes de procedementos de despedimento colectivo, suspensión de contratos de traballo e redución temporal de emprego e daqueloutros sobre relacións individuais ou colectivas atribuídas á Administración laboral.

b) A xestión e tramitación das axudas e subvencións en materia laboral e de responsabilidade social empresarial competencia da subdirección.

c) A tramitación e instrución do depósito, rexistro e publicación de convenios e acordos colectivos de traballo, adhesión e instrución dos procedementos de extensión de convenios colectivos.

d) A tramitación e instrución do depósito de estatutos dos sindicatos e das asociacións empresariais e a expedición de certificación de documentación en depósito.

e) A coordinación e tramitación das funcións correspondentes aos procesos de eleccións sindicais.

f) A recepción, o seguimento e a coordinación das declaracións de folgas e peches patronais, así como a xestión e instrución dos procedementos e o desenvolvemento das funcións de mediación, arbitraxe e conciliación.

g) A tramitación das autorizacións administrativas e o rexistro das empresas de traballo temporal.

h) A preparación de ditames, normativa, estatísticas e demais informes na área de traballo e relacións laborais.

i) O desenvolvemento das actuacións en materia de responsabilidade social empresarial.

j) A xestión do Rexistro de Empresas Acreditadas no Sector da Construción (REA).

k) A tramitación das comunicacións de desprazamentos transnacionais de persoas traballadoras.

l) A promoción, coordinación e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia de prevención de riscos laborais, así como o establecemento de vías de colaboración e cooperación técnica e institucional con organismos e institucións con competencias na materia, sen prexuízo das competencias que a lexislación vixente atribúe ao Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia.

m) A tramitación, inscrición e seguimento das autorizacións dos servizos de prevención alleos, así como as funcións correspondentes aos servizos de prevención mancomunados e auditorías de prevención.

n) A tramitación, xestión e seguimento dos programas de fomento para a mellora das condicións de seguridade e saúde laboral.

ñ) A coordinación coa Inspección de Traballo e Seguridade Social para a elaboración e resolución dos expedientes administrativos en materia de prevención de riscos laborais.

o) A coordinación co Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia nos procedementos administrativos en materia de prevención de riscos laborais.

p) En xeral, cantas funcións lle sexan encomendadas pola Dirección Xeral de Relacións Laborais e a Subdirección Xeral de Relacións Laborais, no exercicio das competencias que lle sexan propias.

Artigo 46. Servizo de Réxime Xurídico

O Servizo de Réxime Xurídico exercerá as seguintes funcións:

a) A ordenación e instrución dos expedientes sancionadores na orde social, segundo o ámbito competencial establecido pola normativa reguladora da distribución de competencias entre órganos da Administración autonómica galega, para a imposición de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos, por infracción da normativa cooperativa e por obstrución do labor inspector.

b) A tramitación dos recursos de alzada en materia de sancións por infraccións na orde social.

c) A tramitación dos recursos de alzada interpostos contra as resolucións ditadas nos procedementos tramitados polos órganos territoriais para a imposición de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos e por obstrución do labor inspector, de conformidade co Decreto 70/2008, do 27 de marzo, sobre distribución de competencias entre os órganos da Administración autonómica galega para a imposición de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos e por obstrución do labor inspector.

d) O seguimento das sancións impostas ata o seu pagamento efectivo.

e) A coordinación coa Inspección de Traballo e Seguridade Social para a elaboración e resolución dos expedientes sancionadores e a unificación de criterios.

f) A coordinación cos gabinetes xurídicos para a mellora do procedemento sancionador.

g) A coordinación coa xurisdición competente respecto dos procedementos sancionadores.

h) A coordinación coa Administración da Seguridade Social nos procedementos con recarga de prestacións.

i) O mantemento do Rexistro de Sancións.

j) A proposta de disposicións normativas e a elaboración de informes en materia laboral.

k) En xeral, cantas funcións lle sexan encomendadas pola Dirección Xeral de Relacións Laborais e a Subdirección Xeral de Relacións Laborais, no exercicio das competencias que lles sexan propias.

Sección 3ª. Unidade Administrativa de Igualdade

Artigo 47. Unidade Administrativa de Igualdade

A Unidade Administrativa de Igualdade, con rango orgánico de servizo e con dependencia directa da persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, é o órgano de apoio que integrará a dimensión de xénero no ámbito das competencias en materia de emprego atribuídas á Consellería, e estará coordinado coa Secretaría Xeral da Igualdade. Desenvolverá as funcións recollidas no artigo 39 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

CAPÍTULO VI

Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación

Sección 1ª. Atribucións e estrutura

Artigo 48. Atribucións

Á Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación corresponderanlle a dirección, coordinación, programación e xestión das actuacións da Consellería en materia de formación profesional para o emprego en toda a súa extensión, incluídos os graos A, B e C da Lei orgánica 3/2022, do 1 de marzo, sen prexuízo das competencias da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e en coordinación con ela, de cualificación profesional, intermediación e orientación laboral, promoción da empregabilidade e, singularmente, as seguintes funcións:

a) O deseño, planificación e execución das medidas dirixidas á prestación dos servizos previstos na Carteira común de servizos do Sistema nacional de emprego e na Estratexia española de activación para o emprego, a confección e execución dos correspondentes plans anuais de política de emprego, así como a formulación de propostas de inclusión de medidas e programas concretos.

b) A dirección, programación e xestión das funcións atribuídas á Consellería en materia de formación para o emprego, cualificacións e recualificacións profesionais ao longo da vida laboral, intermediación no mercado de traballo, colocación e orientación laboral, así como a estatística, a análise e a prospectiva do mercado de traballo.

c) O deseño e desenvolvemento de instrumentos de planificación no ámbito da formación profesional para o emprego en coordinación co resto de departamentos da Xunta de Galicia.

d) O exercicio das competencias para o reforzo da capacidade de actuación do Servizo Público de Emprego de Galicia, a súa modernización, infraestrutura, recursos humanos e materiais e soporte técnico.

e) A coordinación da participación das entidades colaboradoras, con e sen ánimo de lucro, na execución e desenvolvemento dos servizos de políticas activas de emprego, a través da colaboración público-privada.

f) A programación, o seguimento, o control e, de ser o caso, a xestión dos programas mixtos de formación e emprego.

g) A coordinación da xestión e supervisión do funcionamento dos centros de formación, tanto propios como dependentes doutras entidades, así como a prestación da asistencia técnica necesaria para o correcto desenvolvemento das súas actividades, sen prexuízo das competencias atribuídas á Secretaría Xeral Técnica.

h) As funcións de execución relativas ao cumprimento das obrigas das persoas empresarias e das persoas traballadoras e, de ser o caso, o exercicio da potestade sancionadora nas materias relativas ao emprego e o desemprego.

i) As funcións que lle correspondan á Consellería en materia de expedición de certificados de profesionalidade ou da acreditación parcial acumulable correspondente.

j) A resolución dos procedementos de inscrición e acreditación ou, de ser o caso, de baixa no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido na súa normativa reguladora, así como a autorización dos centros previstos no Real decreto 115/2017, do 17 de febreiro, polo que se regula a comercialización e manipulación de gases fluorados e equipamentos baseados neles, así como a certificación dos profesionais que os utilizan e polo que se establecen os requisitos técnicos para as instalacións que desenvolven actividades que emiten gases fluorados, sen prexuízo das competencias doutros órganos directivos.

k) O exercicio das competencias atribuídas pola normativa reguladora dos órganos colexiados de asesoramento e participación en materias da competencia da dirección xeral.

l) A elaboración do anteproxecto de orzamento e a memoria de funcionamento do seu centro directivo, así como a súa xestión, seguimento e avaliación.

m) A expedición e rexistro das habilitacións profesionais, sen prexuízo das competencias doutros órganos directivos.

n) O exercicio das competencias previstas no Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual, sen prexuízo das que corresponden a outras administracións competentes.

ñ) O desenvolvemento da normativa que contribúa á ordenación e regulación dun sistema de formación profesional para o emprego que responda ás necesidades de formación e cualificación das persoas, co fin de promover a aprendizaxe ao longo da vida.

o) Desenvolver, a través da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, accións estratéxicas innovadoras e integrais, para a mellora das capacidades e para atraer e reter o talento.

p) Promover a relación constante co tecido produtivo que permita a definición de plans de cooperación sectoriais a través da formación modular e itinerarios personalizados.

q) Desenvolver, no ámbito da Consellería, programas de cualificación e recualificación da poboación activa, con atención prioritaria aos sectores claves tradicionais para responder á súa recuperación e adaptación ás novas claves económicas, apoiando a orientación e a formación das persoas que traballan nestes sectores, para garantir a adecuación dos seus perfís profesionais ás necesidades e cambios que se producen no mercado laboral.

r) Velar pola efectiva aplicación do principio de igualdade entre mulleres e homes nas políticas autonómicas en materia de intermediación laboral, cualificación profesional, promoción da empregabilidade e formación profesional para o emprego, sen prexuízo das competencias atribuídas á Dirección Xeral de Relacións Laborais.

s) A promoción e xestión da certificación galega en competencias dixitais, para mellorar a formación da poboación e promover o seu desenvolvemento profesional, co obxectivo de que as persoas adquiran novas competencias que lles faciliten adaptarse á contorna cambiante da sociedade dixital.

Artigo 49. Estrutura

A Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación estrutúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral do Servicio Público de Emprego de Galicia.

1.1. Servizo de Orientación Laboral.

1.2. Servizo de Intermediación.

1.3. Servizo de Programas Mixtos.

2. Subdirección Xeral de Formación para o Emprego.

2.1. Servizo de Planificación da Formación para o Emprego.

2.2. Servizo de Xestión Administrativa da Formación para o Emprego.

3. Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego.

3.1. Servizo de Acreditación das Cualificacións e Fomento das Capacidades.

4. Servizo de Observatorio de Prospectiva do Mercado de Traballo.

5. Servizo de Coordinación e Xestión de Programas e Fondos.

6. Centro de Novas Tecnoloxías.

Sección 1ª. Subdirección Xeral do Servicio Público de Emprego de Galicia

Artigo 50. Subdirección Xeral do Servicio Público de Emprego de Galicia

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, a Subdirección Xeral do Servicio Público de Emprego de Galicia levará a cabo as seguintes funcións:

a) A programación, coordinación, execución, seguimento, propostas e avaliación, control e, de ser o caso, a xestión dos programas mixtos de formación e emprego.

b) As funcións de intermediación no mercado de traballo e, en concreto, as relativas á inserción e rexistro das persoas demandantes de emprego e das ofertas de traballo, rexistro de contratos, autorización de axencias de colocación e Rede Eures (European Employment Services), e daqueloutros programas de cooperación competencia da dirección xeral.

c) A xestión dos programas de orientación laboral e os de apoio e asistencia na procura de emprego, co obxectivo de garantir a adecuación e a capacitación dos perfís profesionais ás necesidades do mercado de traballo, así como a axeitada detección das necesidades formativas e a selección das persoas asistentes ás accións formativas.

d) A coordinación das actuacións derivadas dos incumprimentos das obrigacións derivadas do compromiso de actividade dos demandantes de emprego que sexan perceptores de prestacións e subsidios por desemprego.

e) Cantas outras funcións expresamente lle sexan asignadas ou delegadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, no ámbito das súas competencias.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades administrativas, co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Orientación Laboral.

2.2. Servizo de Intermediación.

2.3. Servizo de Programas Mixtos.

Artigo 51. Servizo de Orientación Laboral

O Servizo de Orientación Laboral exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión do programa de actividades de información, orientación e prospección do emprego ás persoas desempregadas para facilitarlles o acceso ao mercado laboral.

b) A coordinación e o soporte técnico da actividade das oficinas de emprego en materia de orientación laboral, impartindo as instrucións precisas para o avance da calidade dos servizos, e procurando unha atención adecuada ás persoas usuarias dos servizos públicos de emprego.

c) A coordinación do Plan nacional de garantía xuvenil e daqueloutros programas específicos de emprego relativos a colectivos de persoas desempregadas que, de ser o caso, se poidan establecer.

d) A elaboración de estatísticas relativas aos programas e medidas da súa competencia e a execución, seguimento contable e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

e) As restantes que se lle asignen dentro da súa área funcional.

Artigo 52. Servizo de Intermediación

O Servizo de Intermediación exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión técnica e coordinación do sistema de información propio da Comunidade Autónoma e a súa integración co Sistema nacional de emprego.

b) A coordinación e o soporte técnico da actividade das oficinas de emprego en materia de políticas activas de emprego, impartindo as instrucións precisas para a mellora da calidade dos servizos, e procurando unha atención adecuada ás persoas usuarias dos servizos públicos de emprego.

c) A xestión e tramitación dos expedientes derivados da colaboración público-privada con axencias de colocación.

d) A instrución e tramitación dos expedientes sancionadores incoados como consecuencia dos incumprimentos das obrigacións derivadas do compromiso de actividade dos demandantes de emprego que sexan perceptores de prestacións e subsidios por desemprego.

e) A xestión e coordinación dos programas de intermediación laboral, a coordinación da Rede Eures-Galicia e o seguimento da actividade desenvolvida polas entidades colaboradoras e polas axencias de colocación.

f) A elaboración de estatísticas relativas aos programas e medidas da súa competencia e a execución, seguimento contable e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

g) As restantes que se lle asignen dentro da súa área funcional.

Artigo 53. Servizo de Programas Mixtos

O Servizo de Programas Mixtos exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión técnica e a coordinación dos programas mixtos de formación e emprego, dos programas integrados de emprego e daqueloutras accións, medidas e tarefas competencia da subdirección xeral que se lle puidesen encomendar.

b) A elaboración de estatísticas relativas a eles e a execución, control e avaliación, seguimento contable e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

c) As restantes que se lle asignen dentro da súa área funcional.

Sección 2ª. Subdirección Xeral de Formación para o Emprego

Artigo 54. Subdirección Xeral de Formación para o Emprego

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, a Subdirección Xeral de Formación para o Emprego levará a cabo as seguintes funcións:

a) A planificación, programación, xestión, seguimento e avaliación das accións de formación para o emprego conducentes a certificados de profesionalidade no marco do sistema integrado de formación profesional, así como das accións formativas non conducentes a certificados de profesionalidade, en coordinación con outras consellerías que desenvolvan accións neste ámbito.

b) O mantemento do Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A xestión administrativa dos programas de formación dirixida ás persoas traballadoras desempregadas e ocupadas.

d) A asistencia á Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación na dirección e coordinación dos órganos territoriais da Consellería no que respecta á materia de formación profesional para o emprego.

e) Aquelas outras funcións que expresamente lle sexan asignadas ou delegadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, no ámbito das súas competencias.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades administrativas, co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Planificación da Formación para o Emprego.

2.2. Servizo de Xestión Administrativa da Formación para o Emprego.

Artigo 55. Servizo de Planificación da Formación para o Emprego

O Servizo de Planificación da Formación para o Emprego exercerá as seguintes funcións no ámbito da Consellería e en coordinación, se é o caso, coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades:

a) A xestión técnica da planificación, programación, avaliación e seguimento das accións de formación para o emprego.

b) O exercicio das funcións que, en relación co Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, lle correspondan á Dirección Xeral segundo a normativa reguladora de aplicación.

c) A programación das accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas e ocupadas, coordinando as súas actuacións de seguimento e avaliación. A programación das accións formativas dos centros en que se impartan ciclos formativos de formación profesional, dependentes da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, establecerase en coordinación coa consellería competente en materia de formación profesional do sistema educativo, participando na proposta da programación do centro e no establecemento das directrices para a elaboración do seu proxecto funcional.

d) A xestión da tramitación dos procedementos de contratación dos centros propios de formación dependentes da Consellería.

e) A coordinación das distintas ferramentas de xestión da formación para o emprego.

f) A organización, inspección e xestión da rede de centros integrados de titularidade da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

g) As restantes que se lle asignen dentro da súa área funcional.

Artigo 56. Servizo de Xestión Administrativa da Formación para o Emprego

O Servizo de Xestión Administrativa da Formación para o Emprego exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión administrativa dos programas de formación para o emprego e a xustificación, así como a elaboración das diferentes estatísticas de formación para o emprego.

b) A xestión dos procedementos de xustificación e liquidación das accións formativas.

c) A xestión dos procedementos de xustificación do Fondo Social Europeo e dos proxectos europeos de formación e a coordinación das accións de auditoría en materia de formación.

d) As restantes que se lle asignen dentro da súa área funcional.

Sección 3ª. Subdirección Xeral de Cualificacións
e Capacidades para o Emprego

Artigo 57. Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, a Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego desenvolverá as seguintes funcións no ámbito da Consellería e en coordinación, se é o caso, coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades:

a) As funcións normativas e de xestión necesarias para garantir a implantación efectiva do Sistema nacional de cualificacións profesionais en Galicia, así como dos procesos de estudo das cualificacións, tanto para a súa determinación como para o seu seguimento, establecendo os sistemas de interrelación e cooperación cos organismos, órganos e axentes sociais implicados no mundo produtivo e formativo.

b) A coordinación cos distintos órganos e organismos competentes en materia de formación profesional.

c) O desenvolvemento da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego a través dos programas e medidas que se implanten ao abeiro desta.

d) O asesoramento e apoio que precise o Servizo Público de Emprego de Galicia no marco das funcións de orientación que ten encomendadas.

e) O asesoramento e apoio que necesite o Consello Galego de Formación Profesional nas materias e actividades relacionadas co Sistema nacional de cualificacións.

f) Cantas outras funcións expresamente lle sexan asignadas ou delegadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, no ámbito das súas competencias.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará coa seguinte unidade administrativa, co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Acreditación das Cualificacións e Fomento das Capacidades.

Artigo 58. Servizo de Acreditación das Cualificacións e Fomento das Capacidades

O Servizo de Acreditación das Cualificacións e Fomento das Capacidades exercerá as seguintes funcións no ámbito da Consellería e en coordinación, se é o caso, coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades:

a) A participación na confección do Catálogo nacional de estándares de competencias profesionais, así como na súa actualización permanente.

b) A elaboración de propostas para o Catálogo nacional de estándares de competencias profesionais, de acordo cos resultados dos estudos realizados no tecido empresarial galego.

c) A participación na determinación de criterios para definir os requisitos e as características que deben reunir as cualificacións profesionais para seren incorporadas ao Sistema nacional das cualificacións profesionais.

d) A participación na elaboración do Repertorio nacional de certificados de profesionalidade, así como na súa actualización permanente.

e) A expedición e rexistro dos certificados de profesionalidade.

f) A expedición e rexistro das unidades de competencia das cualificacións profesionais do Catálogo nacional de cualificacións profesionais.

g) A expedición e rexistro de certificacións persoais para a comercialización e manipulación de gases fluorados e equipamentos baseados neles de acordo coa distribución de competencias recollidas no Decreto 100/2011, do 19 de maio.

h) A xestión do procedemento de avaliación de competencias clave para o acceso á formación dos cursos de certificados de profesionalidade niveis 2 e 3.

i) Xestión de liñas de acción que se implementen ao abeiro da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego dirixidas a facilitar a capacitación que as persoas poidan requirir, adaptándose ás súas necesidades e obxectivos.

j) As restantes que se lle asignen dentro da súa área funcional.

Sección 4ª. Servizo de Observatorio de Prospectiva do Mercado de Traballo

Artigo 59. Servizo de Observatorio de Prospectiva do Mercado de Traballo

Para lograr un maior coñecemento do mercado de traballo e para alcanzar unha maior adecuación á oferta e á demanda do tecido produtivo e unha maior adecuación á realidade formativa e aos requirimentos das persoas e do sector produtivo, o Servizo de Observatorio de prospectiva do mercado de traballo, baixo a dependencia directa da persoa titular da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, exercerá as seguintes funcións:

a) A análise permanente dos datos estatísticos oficiais dispoñibles sobre a situación laboral en Galicia.

b) A realización de informes técnicos que compilan a evolución das variables máis relevantes e a difusión de información a través de ferramentas en calquera formato.

c) A análise, o seguimento e a información sobre as profesións reguladas, as estruturas ocupacionais e os perfís profesionais asociados ás cualificacións profesionais.

d) A detección das necesidades de cualificación dos/das traballadores/as e o seguimento da inserción laboral resultante das accións formativas da formación profesional para o emprego e outros programas desenvolvidos pola dirección xeral.

e) O desenvolvemento de instrumentos e/ou metodoloxías de intervención e investigación innovadora sobre o mercado de traballo.

f) A orientación e o apoio no deseño das políticas activas de emprego e formación.

g) Colaborar con outras unidades, especialmente co Servizo de Orientación, e/ou departamentos para a obtención de información temperá sobre a demanda de traballadores/as das empresas galegas e os potenciais desaxustes futuros respecto ao persoal cualificado no mercado laboral galego, cun enfoque nas ocupacións e nos sectores económicos.

h) Xerar coñecemento sobre os cambios constantes do mercado laboral actual derivados da introdución das tecnoloxías emerxentes.

i) A asistencia á Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación nas tarefas que lle sexan encomendadas.

Sección 5ª. Servizo de Coordinación e Xestión de Programas e Fondos

Artigo 60. Servizo de Coordinación e Xestión de Programas e Fondos

Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, o Servizo de Coordinación e Xestión de Programas e Fondos levará a cabo as seguintes funcións:

a) A coordinación e xestión dos procedementos de disposición de recursos de natureza económica da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, sen prexuízo das que lles correspondan á Secretaría Xeral Técnica e aos outros órganos da Consellería.

b) A preparación do anteproxecto do orzamento e a memoria de funcionamento da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, en base ás propostas de gastos elaboradas polos distintos órganos e unidades da devandita dirección xeral, así como o control e seguimento da súa xestión e execución.

c) A coordinación da xestión económica e da contratación administrativa competencia da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, sen prexuízo da que lle corresponda á Secretaría Xeral Técnica.

d) A xestión e o control de fondos finalistas e fondos europeos, así como a elaboración das propostas necesarias para a tramitación dos expedientes correspondentes ás súas modificacións.

Sección 6ª. Centro de Novas Tecnoloxías

Artigo 61. Centro de Novas Tecnoloxías

O Centro de Novas Tecnoloxías, órgano de apoio co nivel orgánico de servizo, baixo a dependencia da persoa titular da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, ten como obxectivo e competencia impartir formación profesional para o emprego dirixida ás persoas profesionais do sector das novas tecnoloxías e a sociedade da información, así como a promoción da adquisición da certificación galega en competencias dixitais. Correspóndenlle a este centro as seguintes funcións:

a) A realización de actividades formativas e cursos técnicos especializados destinados ás persoas profesionais do sector das TIC.

b) A detección de tendencias tecnolóxicas que permitan ofertar actividades formativas actualizadas e adaptadas ás innovacións tecnolóxicas e ás necesidades e demandas do mercado.

c) A organización e o apoio loxístico para a realización de actividades, foros, seminarios e xornadas que supoñan transferencia de coñecemento para as persoas profesionais do sector.

d) A promoción e xestión da certificación galega en competencias dixitais para mellorar a formación da poboación e promover o seu desenvolvemento profesional co obxectivo de que as persoas adquiran novas competencias que lles faciliten adaptarse á contorna cambiante da sociedade dixital.

e) As restantes que se lle asignen dentro da súa área funcional.

TÍTULO III

Órganos territoriais

Artigo 62. Atribucións

1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade organízase nas xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, con sede en Vigo, que desenvolverán as súas funcións nas áreas competenciais da devandita consellería no ámbito territorial da provincia correspondente, de conformidade coa normativa de aplicación, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación territorial no seu correspondente ámbito, de acordo co disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, e das atribucións de dirección e coordinación que este decreto de estrutura establece para cada un dos órganos superiores e de dirección da Consellería.

2. Á fronte das xefaturas territoriais estarán os xefes e as xefas territoriais, dos cales dependerán todos os servizos, unidades ou centros da Consellería que radiquen no ámbito territorial da súa competencia. As persoas titulares das xefaturas territoriais dependerán funcionalmente da persoa titular da Consellería, sen prexuízo das directrices que, na orde funcional, poidan emanar dos órganos superiores e de dirección da Consellería, e exercerán as seguintes funcións:

a) A dirección, despacho e resolución dos asuntos ordinarios.

b) A coordinación dos servizos e unidades que a integran.

c) A elaboración do anteproxecto de orzamentos do departamento territorial.

d) A xestión, administración e habilitación dos medios económicos e materiais do departamento territorial.

e) A tramitación e a xestión dos expedientes de gasto, o control contable e a xustificación dos créditos asignados.

f) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa e de subvencións que sexan competencia do departamento territorial.

g) A xefatura inmediata do persoal respecto a todos os órganos e servizos que integran o departamento, sen prexuízo das competencias que nesta materia correspondan ás persoas titulares das delegacións territoriais e aos correspondentes órganos da Consellería.

h) A resolución dos recursos administrativos que correspondan.

i) A imposición das sancións que lle correspondan de acordo coas disposicións vixentes en materia sancionadora.

j) A tramitación e resolución das reclamacións administrativas que lle correspondan.

k) A resolución dos procedementos cuxa instrución e proposta corresponda aos servizos periféricos e que non estea atribuída expresamente a outro órgano superior ou de dirección da Consellería.

l) A supervisión, seguimento e control do cumprimento, polas unidades administrativas periféricas, das directrices que emanen, segundo a área funcional e competencial, dos correspondentes órganos superiores e de dirección da Consellería.

m) Cantas outras funcións lle sexan expresamente atribuídas ou delegadas.

3. Nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, as persoas titulares das xefaturas territoriais serán suplidas polas persoas titulares das xefaturas de servizo, seguindo a orde de prelación establecida no número 1 do artigo 63.

Artigo 63. Estrutura

1. Para o exercicio das súas funcións, as xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra contarán coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servizo:

1.1. Servizo de Coordinación Administrativa e Xestión Económica.

1.2. Servizo de Apoio ao Emprego, Emprendemento e Economía Social.

1.3. Servizo de Formación para o Emprego e Orientación.

2. Ademais, as xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, con sede en Vigo, contarán cunha unidade administrativa en materia de igualdade, á cal lle corresponderá a promoción da igualdade e o fomento de actuacións dirixidas á erradicación da violencia de xénero no marco do desenvolvemento das liñas de actuación da Secretaría Xeral da Igualdade, no seu ámbito territorial.

Esta unidade administrativa dependerá funcionalmente da Secretaría Xeral da Igualdade e organicamente da xefatura territorial.

3. As xefaturas de servizo dependerán funcionalmente dos órganos superiores e de dirección da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade dentro do ámbito das atribucións que correspondan a cada centro directivo, sen prexuízo da coordinación xeral que exerza a persoa titular da xefatura territorial, así como das funcións que a esta lle corresponden segundo o artigo 62, singularmente, en materia de xefatura inmediata do persoal, resolución de procedementos e supervisión, seguimento e control do cumprimento de directrices dos órganos superiores e de dirección.

A Secretaría Xeral Técnica poderá ditar instrucións sobre as materias de ámbito horizontal da Consellería, para a debida coordinación dos distintos servizos dos departamentos e un adecuado seguimento na execución orzamentaria, sen prexuízo das funcións que neste ámbito poidan corresponder ás persoas titulares das delegacións territoriais.

4. A rede de oficinas de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia.

As oficinas de emprego, parte integrante do Servizo Público de Emprego de Galicia, son unidades de xestión e atención personalizada ás persoas e empresas da Comunidade Autónoma de Galicia e o seu instrumento de acceso á carteira de servizos do Sistema nacional de emprego, que ten como obxectivo mellorar a empregabilidade das persoas demandantes, facilitar o acceso ao emprego e promover a cobertura das necesidades laborais do sistema produtivo.

Co devandito obxectivo ofrecerán, entre outros, os seguintes servizos:

a) Rexistro e clasificación das persoas demandantes de emprego.

b) Información e xestión das ofertas e programas de formación para o emprego.

c) Xestión e difusión das ofertas de emprego.

d) Orientación laboral.

e) Comunicación da contratación laboral.

As oficinas de emprego terán dependencia orgánica e funcional da respectiva xefatura territorial, sen prexuízo das facultades de coordinación atribuídas a outros órganos da Consellería.

Artigo 64. Servizo de Coordinación Administrativa e Xestión Económica

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A coordinación administrativa do funcionamento dos servizos dependentes da xefatura territorial.

b) A habilitación e xestión do persoal que preste servizos na xefatura territorial e nos centros dependentes.

c) As cuestións de réxime interior, información e atención á cidadanía, rexistro xeral, publicacións, tramitación administrativa, arquivo e inventario de bens.

d) A execución de actuacións de inspección da organización e o funcionamento dos servizos administrativos da xefatura territorial.

e) O asesoramento e asistencia técnica e administrativa á persoa titular da xefatura territorial.

f) O control contable, a xestión e xustificación dos créditos que se lle asignen ou desconcentren.

g) A elaboración do estudo do anteproxecto de orzamento anual correspondente aos programas de gasto da xefatura territorial e dos centros dela dependentes.

h) A coordinación e supervisión da xestión económica dos servizos da xefatura territorial e dos centros dependentes dela.

i) A administración, control contable, xestión e xustificación dos créditos desconcentrados e asignados á xefatura territorial.

j) A habilitación dos medios materiais.

k) A tramitación dos expedientes de contratación.

l) Calquera outro asunto que non sexa de competencia específica dos demais servizos da xefatura territorial.

Artigo 65. Servizo de Apoio ao Emprego, Emprendemento e Economía Social

O Servizo de Apoio ao Emprego, Emprendemento e Economía Social exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión dos programas de apoio ao emprego e emprendemento, promoción do emprego por conta allea e autónomo, promoción do emprego en economía social, integración laboral e programas de cooperación.

b) O desenvolvemento das funcións en materia laboral, seguridade e saúde laboral e responsabilidade social empresarial e igualdade no ámbito laboral.

c) A instrución e tramitación dos expedientes sancionadores na orde social que lle corresponden, e tamén a coordinación coas persoas titulares das xefaturas dos centros provinciais do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia nos supostos de investigación de accidentes laborais e naqueloutros asuntos que se determinen.

d) A xestión do rexistro de cooperativas.

e) As restantes funcións que lle poidan ser asignadas.

Artigo 66. Servizo de Formación para o Emprego e Orientación

O Servizo de Formación para o Emprego e Orientación desenvolverá as seguintes funcións:

a) A coordinación na prestación do servizo de orientación laboral.

b) A xestión dos recursos materiais e persoais das oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia.

c) O seguimento e control dos programas mixtos de emprego e formación.

d) A instrución dos procedementos que en materia de orientación e promoción laboral lle correspondan á xefatura territorial.

e) A asistencia e colaboración na planificación, programación e avaliación, así como o seguimento das accións de formación para o emprego.

f) A tramitación da acreditación da competencia docente para impartir formación correspondente a certificados de profesionalidade. Para tales efectos, entenderase que unha persoa formadora cumpre cos requisitos para impartir un determinado módulo formativo no ámbito territorial dunha xefatura territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade se foi acreditada en tal sentido por calquera outro departamento territorial da mesma Consellería.

g) A instrución dos procedementos de autorización dos centros previstos no Real decreto 115/2017, do 17 de febreiro, polo que se regula a comercialización e manipulación de gases fluorados e equipamentos baseados neles, así como a certificación dos profesionais que os utilizan e polo que se establecen os requisitos técnicos para as instalacións que desenvolven actividades que emiten gases fluorados.

h) As restantes funcións que lle poidan ser asignadas, no ámbito das atribucións da Consellería en materia de políticas activas de emprego.

Disposición adicional primeira. Desconcentración de competencias

1. Quedan desconcentradas na persoa titular da Secretaría Xeral da Igualdade as seguintes competencias:

a) Administrar os créditos para gastos dos orzamentos do seu centro directivo, aprobar e comprometer os gastos que non sexan da competencia do Consello da Xunta, recoñecer as obrigacións económicas e propoñer o seu pagamento, e as demais competencias atribuídas ás persoas titulares das consellerías en materia orzamentaria, excepto o capítulo I.

b) Todas as facultades que a normativa vixente na materia atribúe aos órganos de contratación.

c) A aprobación das bases, a convocatoria e as resolucións en materia de axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

d) As competencias en materia sancionadora que a normativa atribúa ás persoas titulares das consellerías, nos procedementos e materias de competencia da respectiva secretaría xeral.

e) A designación de comisións de servizos con dereito á indemnización, prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño (LG 2001, 211), de todo o persoal da respectiva secretaría xeral.

f) Sen prexuízo do exposto anteriormente, as persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade poderán autorizar gastos e pagamentos respecto dos créditos que sexan desconcentrados para o desenvolvemento de determinadas actividades respecto dos órganos indicados nesta disposición.

2. As resolucións administrativas ditadas pola persoa titular da Secretaría Xeral da Igualdade, no ámbito das súas competencias, poñen fin á vía administrativa.

Disposición adicional segunda. Suplencia das persoas titulares dos órganos superiores e de dirección

No non previsto neste decreto, no caso de vacante, ausencia, enfermidade, así como nos casos en que fose declarada a abstención ou recusación das persoas titulares dos órganos superiores e de dirección da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, as competencias atribuídas por este decreto aos ditos órganos superiores e de dirección serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias:

a) Pola persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, no suposto de vacante, ausencia, enfermidade, abstención ou recusación da persoa titular da Dirección Xeral de Emprendemento e apoio ao Emprego, e pola persoa titular da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego no suposto de vacante, ausencia, enfermidade, abstención ou recusación da persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

No suposto de vacante, ausencia, enfermidade, abstención ou recusación simultánea da persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social e da persoa titular da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, as competencias serán exercidas polas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, e da Secretaría Xeral de Igualdade, por esta orde.

b) Nos demais supostos, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e, na súa falta, polas persoas titulares dos órganos superiores e de dirección da Consellería, seguindo a orde de prelación que se establece na alínea a) do artigo 7 do Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia.

Para estes efectos, a suplencia será asumida pola persoa titular do órgano que ocupe o posto seguinte na orde correlativa enunciada, correspondéndolle á primeira persoa, de ser o caso, suplir a última.

Disposición adicional terceira. Referencias normativas a outros órganos

As referencias que a normativa vixente realiza aos órganos correspondentes nas materias recollidas no artigo 1 deste decreto entenderanse efectuadas aos correspondentes órganos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Disposición adicional cuarta. Mantemento de nomeamentos

Non será preciso un novo nomeamento e toma de posesión das persoas titulares dos órganos superiores e directivos cuxa denominación varíe como consecuencia do disposto no presente decreto.

Disposición adicional quinta. Integración da dimensión de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes

No exercicio das funcións a que se refire este decreto integrarase de xeito activo a dimensión de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Disposición adicional sexta. Presenza equilibrada de mulleres e homes

Nos nomeamentos de altos cargos da Consellería, así como das persoas titulares e membros de órganos de entidades integrantes do sector público autonómico no seu ámbito de competencias, atenderase ao principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes.

Disposición adicional sétima

Os centros de formación da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, nos cales ademais se impartan ciclos formativos de formación profesional, sen prexuízo da dependencia orgánica desta, formarán parte da Rede de centros integrados de formación profesional de Galicia, e establecerán a súa oferta formativa e os criterios e proxectos de centro mediante instrumentos de coordinación coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Disposición adicional oitava

Sen prexuízo das competencias establecidas no artigo 49 relativas á formación para o emprego dos graos A, B e C, poderán establecerse instrumentos de colaboración entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para que esta desenvolva actuacións de programación e xestión da formación profesional nos referidos graos, co fin de atender á demanda das necesidades do tecido produtivo.

Disposición transitoria primeira

Mentres non entre en funcionamento o Rexistro de Empresas de Base Tecnolóxica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, o actual rexistro de iniciativas de emprego de base tecnolóxica seguirá a xestionalo a Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade.

Disposición transitoria segunda. Modificación de unidades administrativas

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase a persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, por proposta da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, para adscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto. No caso de supresión ou amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo, será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Disposición transitoria terceira. Adscrición de postos

As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo, correspondentes aos servizos suprimidos ou amortizados como consecuencia deste decreto, continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e os postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, mediante resolución da persoa titular da Consellería, por proposta da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, aos órganos establecidos neste decreto en función das atribucións que teñen asignadas.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Quedan derrogados o Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, e o Decreto 111/2021, do 22 de xullo, polo que se modifica o anterior.

2. Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido no presente decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para ditar as disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de xuño de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade