Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Venres, 8 de xullo de 2022 Páx. 39088

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 23 de xuño de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á realización de auditorías municipais de abastecemento encamiñadas á elaboración de plans de actuacións para minimizar as perdas de auga, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento AU301C).

BDNS (Identif.): 636449.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións os concellos responsables de sistemas de abastecemento á poboación cunha poboación total igual ou inferior a 50.000 habitantes, segundo cifras de poboación acordes co establecido no Real decreto 1065/2021, do 30 de novembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do Padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2021.

Segundo. Obxecto

Bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia non competitiva, para a realización de auditorías municipais de abastecemento para minimizar as perdas de auga, e convocatoria destas subvencións para o ano 2022 (código de procedemento AU301C).

Terceiro. Bases reguladoras

Publícase conxuntamente este extracto coa Resolución do 22 de xuño de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á realización de auditorías municipais de abastecemento encamiñadas á elaboración de plans de actuacións para minimizar as perdas de auga, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento AU301C).

Cuarto. Importe

As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6566 (subvencións de capital a corporacións locais) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por importe de trescentos mil euros (300.000,00 €).

O importe das subvencións será do 80 % do gasto subvencionable, ata esgotar o crédito e cos límites máximos por solicitude que se indican a seguir:

a) Dez mil euros (10.000,00 €) en concellos de entre 10.001 e 50.000 habitantes.

b) Oito mil euros (8.000,00 €) en concellos de entre 5.001 e 10.000 habitantes.

c) Sete mil cincocentos euros (7.500,00 €) en concellos de entre 2.001 e 5.000 habitantes.

d) Seis mil euros (6.000,00 €) en concellos de 2.000 habitantes ou menos.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2022

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Presidenta de Augas de Galicia