Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Venres, 8 de xullo de 2022 Páx. 39061

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 23 de xuño de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á realización de auditorías municipais de abastecemento encamiñadas á elaboración de plans de actuacións para minimizar as perdas de auga, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento AU301C).

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, establece no seu artigo 25 unha serie de materias sobre as que os municipios exercerán competencias propias, entre as que se atopan o abastecemento de auga potable e a evacuación e tratamento de augas residuais, e no artigo 26 os servizos que, como mínimo, deben prestar os concellos. A obrigatoriedade de tales servizos establécese en función da poboación do municipio, aínda que o precepto sinalado establece un conxunto de servizos (entre os que se inclúen o abastecemento e a rede de sumidoiros) que deben ser prestados por todos os municipios.

Por outra banda, o artigo 30 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, configura a colaboración entre administracións como un principio para conseguir os obxectivos comúns nas políticas de abastecemento, saneamento e depuración de Galicia. Grazas a este marco de cooperación, nos últimos anos, a Comunidade Autónoma de Galicia experimentou un salto cualitativo na extensión territorial dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración, ao que contribuíu, en gran medida, a mobilización de investimentos públicos para a execución de obras e infraestruturas hidráulicas en apoio aos municipios no exercicio das súas competencias. Estas intervencións e investimentos incidiron, sen dúbida, na mellora dos indicadores da calidade das augas e no nivel de cumprimento das normativas comunitarias na materia.

Non obstante, constatouse e comprobouse durante todo este tempo que as singularidades e peculiaridades demográficas e xeográficas de Galicia, dificultan non soamente a execución das infraestruturas hidráulicas senón tamén a súa xestión para a prestación destes servizos de forma axeitada. Para alcanzar a máxima calidade das nosas augas e que estes servizos básicos de auga se presten con eficiencia e eficacia, as instalacións executadas deben ir acompañadas dunha adecuada xestión, explotación e mantemento.

No caso concreto dos servizos de abastecemento, o 11 de xaneiro de 2020 entrou en vigor a Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca e en situacións de risco sanitario. Esta lei ten entre os seus obxectivos garantir a prestación adecuada dos servizos de abastecemento de auga cando exista un episodio de seca, tendo en conta os recursos hídricos dispoñibles, e establecer as normas e as medidas para o aproveitamento dos recursos hídricos nos períodos en que exista un episodio de seca, co fin de reducir a vulnerabilidade fronte a este evento, buscando unha garantía no abastecemento á poboación en equilibrio co medio natural e tendo en conta os posibles efectos do cambio climático.

A Lei 9/2019 establece na disposición adicional segunda que, no prazo máximo de dous anos, contado desde a entrada en vigor desta lei, todas as administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento á poboación deberán levar a cabo unha auditoría co obxecto de cuantificaren as perdas de auga nas súas instalacións de abastecemento en alta e de subministración en baixa. Igualmente, deberán publicar a porcentaxe de perda de auga na sede electrónica da Administración correspondente. Así mesmo, para minimizar as perdas de auga nas súas instalacións de abastecemento, as administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento á poboación deberán, igualmente, aprobar un plan de actuacións para minimizar as perdas.

As auditorías municipais de abastecemento e os plans de actuacións para a minimización das perdas de auga son un instrumento indispensable para diagnosticar e atallar as perdas do recurso hídrico nas redes e axudar a que os responsables dos sistemas de abastecemento estean mellor preparados ante eventos climáticos extremos como os provocados por unha ausencia prolongada de precipitacións.

Por estes motivos, considérase necesario cooperar coas entidades locais a través desta convocatoria de axudas destinadas á realización de auditorías municipais de abastecemento e os plans de actuacións para a minimización das perdas de auga. Esta resolución que agora se aproba ten a vontade de continuar na liña de colaboración iniciada coas entidades responsables de sistemas de abastecemento en toda a Comunidade Autónoma de Galicia, para que estas poidan xestionar coa maior dilixencia, eficacia e eficiencia posibles as súas competencias nunha materia tan importante como é a prestación dos servizos de abastecemento á poboación.

En consecuencia, e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade coa Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia non competitiva, para a realización de auditorías municipais de abastecemento para minimizar as perdas de auga, e convocar estas subvencións para o ano 2022 (código de procedemento AU301C).

2. A finalidade das subvencións é que os concellos responsables do abastecemento á poboación leven a cabo unha auditoría dos seus sistemas de abastecemento en alta e de subministración en baixa, cuantifiquen as perdas de auga e deseñen un plan de actuacións detallado para minimizar estas perdas.

Artigo 2. Réxime de concesión

A concesión destas axudas realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras recollidas nesta resolución de convocatoria resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude e ata o esgotamento do crédito.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións os concellos responsables de sistemas de abastecemento á poboación cunha poboación total igual ou inferior a 50.000 habitantes, segundo cifras de poboación acordes co establecido no Real decreto 1065/2021, do 30 de novembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do Padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2021.

2. Para poder obter a condición de beneficiarios, todos os concellos solicitantes deberán cumprir, con anterioridade á data de presentación da solicitude, os seguintes requisitos:

a) Os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

b) Estar ao día nas obrigacións coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesourería Xeral da Seguridade Social, coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, así como con Augas de Galicia no que incumbe ao canon da auga e, se é o caso, ao coeficiente de verteduras, previstos na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

3. Ningún concello poderá presentar máis dunha solicitude. O incumprimento deste punto dará lugar á inadmisión das solicitudes presentadas en segundo ou sucesivo lugar.

Artigo 4. Gastos subvencionables

1. Serán subvencionables os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2022 destinados á elaboración de auditorías municipais dos seus sistemas de abastecemento en alta e de subministración en baixa para minimizar as perdas de auga, sempre que se refiran a traballos que non estean completamente executados no momento de presentación da solicitude de subvención.

As auditorías municipais dos sistemas de abastecemento en alta e de subministración en baixa para minimizar as perdas de augas deberán ter o seguinte contido mínimo:

a) Unha descrición detallada do sistema de abastecemento do concello, que conteña, como mínimo:

Unha explicación do funcionamento do sistema de abastecemento.

Un inventario dos elementos singulares (puntos de captación de auga e a súa tipoloxía, equipos de medición existentes en captación, transporte, distribución e usuario final, estacións de bombeo de auga, depósitos de almacenamento, estacións de tratamento de auga potable), coas súas principais características, localización e fotografías.

Información sobre as redes de abastecemento (condución e distribución), lonxitude da rede de distribución, o estado de conservación e antigüidade das instalacións de abastecemento existentes.

Inventario estimado do parque de contadores, características e antigüidade.

Os núcleos de poboación e zonas a que se subministra auga.

b) Documentación gráfica, planos en formato dixital (CAD ou SIX) do sistema de abastecemento do concello, que conteñan como mínimo: puntos de captación de auga, equipos de medición existentes desde a captación aos puntos de consumo, estacións de bombeo de auga, depósitos de almacenamento, estacións de tratamento de auga potable e as zonas e núcleos a que se subministra auga.

c) Datos sobre o volume medio de auga captada e subministrada á rede de abastecemento, o número de usuarios conectados diferenciados por tipoloxía (domiciliarios, grandes consumidores etc.), e a tipoloxía de consumos de auga rexistrados e non rexistrados e facturados e non facturados.

d) Un balance hídrico de todo o sistema de abastecemento, tendo en conta a auga captada, a auga rexistrada e a auga non rexistrada.

e) Un plan de actuacións aprobado polo concello para minimizar as perdas de auga dos sistemas de abastecemento á poboación nos seguintes catro anos, dando cumprimento á disposición adicional segunda da Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario, que conteña, como mínimo:

Medidas e actuacións para a redución dos consumos autorizados non rexistrados.

Medidas e actuacións para a redución das perdas aparentes (erros de medición, erros de lectura, consumos non autorizados).

Medidas e actuacións para a redución das perdas reais.

Todas as medidas propostas deberán estar totalmente definidas e detalladas coa súa localización concreta, valoradas economicamente e programadas temporalmente no prazo de catro anos desde a aprobación en pleno. O plan de actuacións conterá un estudo económico que valore os investimentos que se van realizar e a recuperación económica esperada en termos de redución das perdas de auga.

Para estes efectos, na seguinte ligazón da páxina web de Augas de Galicia, póñense á disposición unhas recomendacións para a elaboración de auditorías de abastecemento e plans de actuacións para minimizar as perdas de auga:

https://augasdegalicia.xunta.gal/seccion-tema/c/Planificacion_do_abastecemento?content=/Portal-Web/Contidos_Augas_Galicia/Seccions/reducion-perdas-abastecemento/seccion.html

2. Será subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) só no caso de que non sexa repercutible de acordo co disposto na Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido. Para tal efecto, o concello deberá presentar coa documentación xustificativa un certificado en que declare expresamente que o IVE dos gastos subvencionables non é repercutible polo concello.

Artigo 5. Crédito

1. As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6566 (subvencións de capital a corporacións locais) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por importe de trescentos mil euros (300.000 €).

2. O crédito indicado no punto anterior distribuirase en cinco grupos:

a) O 10 % do importe irá destinado a concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes.

b) O 15 % do importe irá destinado a concellos de entre 10.001 e 20.000 habitantes.

c) O 20 % do importe irá destinado a concellos de entre 5.001 e 10.000 habitantes.

d) O 25 % do importe irá destinado a concellos de entre 2.001 e 5.000 habitantes.

e) O 30 % do importe irá destinado a concellos de 2.000 habitantes ou menos.

3. Estas cantidades teñen o carácter de máximo inicial e serán de aplicación as seguintes previsións:

a) As solicitudes presentadas serán valoradas dentro de cada grupo por orde de entrada.

b) As solicitudes que inicialmente non poidan ser atendidas por falta de crédito nalgún dos grupos quedarán en reserva e poderán, se é o caso, subvencionarse ben co crédito que quede libre de producirse algunha renuncia por parte dos concellos beneficiarios ou ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas, sen prexuízo do disposto no punto seguinte para o posible crédito sobrante nos outros grupos de axudas establecidos nesta resolución.

c) Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, se existe crédito sobrante nalgún dos grupos en que se distribúe, unificarase e valoraranse as solicitudes presentadas, para calquera dos cinco grupos, atendendo exclusivamente á orde de entrada.

4. Se antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes se esgota o crédito dispoñible, anunciarase esta circunstancias a través da páxina web de Augas de Galicia.

Artigo 6. Ampliación de crédito

Sen prexuízo do establecido no artigo anterior, prevese a posibilidade de ampliar o crédito nas circunstancias previstas no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A ampliación de crédito queda condicionada á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, á aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Augas de Galicia publicará a ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes, nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 7. Importe máximo das subvencións

O importe das subvencións será do 80 % do gasto subvencionable, ata esgotar o crédito referido no artigo 5, e cos límites máximos por solicitude que se indican a seguir:

a) Dez mil euros (10.000,00 €) en concellos de entre 10.001 e 50.000 habitantes.

b) Oito mil euros (8.000,00 €) en concellos de entre 5.001 e 10.000 habitantes.

c) Sete mil cincocentos euros (7.500,00 €) en concellos de entre 2.001 e 5.000 habitantes.

d) Seis mil euros (6.000 €) en concellos de 2.000 habitantes ou menos.

Para os efectos desta convocatoria, considerarase o número de habitantes por concello recollido no Real decreto 1065/2021, do 30 de novembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do Padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2021.

Artigo 8. Compatibilidade das subvencións

1. Estas subvencións serán compatibles con outras que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas.

2. O concello beneficiario está obrigado a comunicarlles ás entidades concedentes a obtención de subvencións ou axudas que financien as actividades obxecto desta resolución.

3. A obtención de subvencións ou axudas concorrentes non poderá superar o custo total da actividade subvencionada. Cando se produza exceso das subvencións ou axudas percibidas de distintas entidades públicas respecto do custo da actividade e estas fosen compatibles entre si, o concello beneficiario deberá reintegrar o exceso xunto cos xuros de demora, unindo as cartas de pagamento á correspondente xustificación.

O reintegro do exceso farase a favor das entidades concedentes en proporción ás subvencións concedidas por cada unha delas. Con todo, cando sexa a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que advirta o exceso de financiamento, exixirá o reintegro polo importe total do exceso, ata o límite da subvención outorgada por ela.

Artigo 9. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes e os trámites posteriores deberán estar asinados pola persoa titular da alcaldía-presidencia ou pola persoa en que estea delegada a competencia no momento da dita sinatura, acreditándose esta circunstancia.

2. No formulario, que figura como anexo I desta resolución, declárase o seguinte:

a) Que o concello que solicita a subvención acepta as condicións e demais requisitos exixidos nesta resolución de convocatoria.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) O conxunto de todas as subvencións ou axudas das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, solicitadas ou concedidas para as mesmas actuacións financiadas ao abeiro desta resolución, e o compromiso de comunicar de contado cantas subvencións ou axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

d) Que a conta xeral do concello correspondente ao exercicio orzamentario de 2020 foi remitida ao Consello de Contas de Galicia antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes que regula esta resolución.

e) Que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Que cumpre os requisitos que para poder obter a condición de beneficiaria se recollen nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) O carácter repercutible ou non do IVE por parte do concello, de acordo co disposto na Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido.

Artigo 11. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Os concellos interesados deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Resolución do órgano competente do concello solicitante pola que se acorde a solicitude da subvención ao abeiro desta resolución, con data anterior á finalización do prazo de presentación de solicitudes, en que conste expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na resolución.

b) Orzamento detallado, que describirá con claridade os conceptos, cantidades e o seu prezo unitario para a realización da auditorías municipais de abastecemento para minimizar as perdas de auga.

c) Unha declaración asinada pola persoa titular da alcaldía-presidencia en que se indique que realizaron as tarefas de revisión, actualización e confirmación da información do abastecemento do concello solicitante na ferramenta Sisbagal (Sistema de información de servizos básico de augas en Galicia) https://sisbagal.xunta.gal con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2022.

Para o suposto de non presentarse esta declaración, deberá achegarse xunto coa solicitude a seguinte documentación:

– Unha memoria xustificativa do obxecto da auditoría municipal de abastecemento para minimizar as perdas de auga, en que se indique expresamente, polo menos, o seguinte: unha listaxe dos puntos de captación e/ou importación/exportación de auga a outros concellos ou sistemas de abastecemento, estacións de tratamento de auga potable (ETAP), estacións de bombeo de auga potable, depósitos de auga de cabeceira e de distribución do concello, incluíndo a súa localización en coordenadas UTM fuso 29 ETRS89, a listaxe dos núcleos de poboación conectados a cada depósito ou punto de subministración e a poboación aproximada dos núcleos conectados.

– Planos a escala de suficiente detalle (1:10.000 ou menor) onde se representen, como mínimo, os puntos de captación e/ou importación/exportación de auga a outros concellos ou sistemas de abastecemento, estacións de tratamento de auga potable (ETAP), estacións de bombeo de auga potable, depósitos de auga de cabeceira e de distribución do concello e os núcleos de poboación conectados a cada depósito ou punto de subministración.

Os planos deberán conter unha lenda suficiente que permita a súa interpretación e estar o máis actualizados posible, non sendo admisibles aqueles nos cales non conste a data da súa realización nin os realizados con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2021.

A falta de presentación, ou a presentación incorrecta, da documentación indicada nas letras a), b) e c) poderá ser obxecto de requirimento de emenda, aplicándose o previsto no artigo 16.2 desta resolución para o suposto de non atenderse ao requirimento, sen prexuízo do disposto no artigo 12 desta resolución sobre comprobación de datos.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento poderán consultarse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa física que compareza como representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas que deba emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas fronte á Seguridade Social que deba emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia que deba emitir a Consellería de Facenda.

f) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Para a comprobación do cumprimento da obriga de remisión ao Consello de Contas de Galicia da conta xeral da entidade local correspondente ao exercicio orzamentario de 2020 Augas de Galicia terá en conta os datos públicos que consten na páxina web oficial do Consello de Contas de Galicia, salvo que o solicitante achegue xunto coa súa solicitude outra documentación distinta que acredite o cumprimento da dita obriga.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar aos concellos interesados a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Publicación dos actos

1. Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a ampliación do crédito da convocatoria e a relación de axudas que se concedan.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web de Augas de Galicia (https://augasdegalicia.xunta.gal), a ampliación do crédito da convocatoria, o esgotamento do crédito da convocatoria e a relación de axudas que se concedan.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que os concellos interesados deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Órganos competentes e instrución

1. A unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento será a Secretaría Xeral de Augas de Galicia, que realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Unha vez finalizado o prazo de presentación das solicitudes, revisadas estas e a documentación que se presente con elas, se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento requirirá o solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, se considerará que desiste da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, despois de que se dite resolución ao abeiro do artigo 21 desta lei.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal de Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou consellería competente en materia de economía e facenda e da verificación do DNI/NIE.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa correcta e completamente presentada.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento poderá requirir os solicitantes para que presenten a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación das solicitudes presentadas.

4. Os requirimentos realizaranse nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. O órgano instrutor será o encargado de verificar o cumprimento das condicións exixidas nesta orde e no resto de normativa aplicable para poder ser beneficiario das axudas.

Para tal fin, analizará as solicitudes presentadas e a documentación que se achegue.

6. En relación con aquelas solicitudes que estean completas e cumpran coas condicións exixidas, o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución en que consten esas circunstancias e que da información que ten no seu poder se desprende que os concellos beneficiarios cumpren todos os requisitos necesarios para acceder ás subvencións.

Artigo 17. Resolución, prazos e recursos

1. O órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia, será a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

2. Unha vez realizada a proposta de resolución, o órgano competente para resolver ditará a resolución respecto de cada unha das solicitudes admitidas a trámite en que acorde o outorgamento da subvención ou ben a desestimación ou a non concesión por desistencia, renuncia ao dereito ou imposibilidade material sobrevida.

3. O prazo para ditar a resolución do procedemento iniciado en virtude desta convocatoria será de dous meses, contados a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entender rexeitada por silencio administrativo a súa solicitude de concesión da subvención.

4. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. O órgano competente para a concesión destas subvencións poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos no artigo 35 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

A modificación da resolución nestes supostos non implicará o incremento do importe da subvención inicialmente concedida.

Artigo 19. Aceptación

1. Os concellos beneficiarios disporán dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.

2. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención, de conformidade co artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os concellos beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos.

Artigo 20. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os concellos beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

1. Cumprir o obxectivo da axuda e redactar a auditoría municipal de abastecemento para minimizar as perdas de auga, nos prazos establecidos e co contido indicado nesta resolución.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Proceder ao reintegro das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

b) Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos nesta resolución.

c) Incumprimento da obriga, de ser o caso, de achegar os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a entidade beneficiaria e/ou falta ou insuficiente acreditación de que a elección recaeu na oferta economicamente máis vantaxosa.

d) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou en calquera outro que resulte da normativa aplicable.

5. No suposto de concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, tramitar e adxudicar os contratos necesarios conforme as prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa do sector público e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas.

6. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

7. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme o previsto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

8. En relación coa subvención concedida, someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 21. Contratación

1. Os concellos beneficiarios poderán concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, salvo que o impida a súa natureza. En ningún caso poderán subcontratarse actuacións que, aumentando o custo da actuación subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actuación subvencionada fronte á Administración concedente.

2. A tramitación dos expedientes de contratación que procedan será realizada polos concellos beneficiarios conforme a normativa vixente en materia de contratación do sector público, e serán as entidades locais contratantes as responsables directas das consecuencias que poidan derivar dos incumprimentos.

3. En todo caso, deberá observarse o establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.e) do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

A entidade beneficiaria deberá acreditar, de ser o caso, as ofertas recibidas xunto coa documentación xustificativa da subvención e xustificar a elección entre as ofertas presentadas.

A elección deberá realizarse consonte criterios de eficiencia e economía e, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. De non recaer nesta, deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección do/da adxudicatario/a.

Artigo 22. Xustificación e pagamento

1. O prazo para a presentación da documentación xustificativa da subvención rematará o 1 de decembro de 2022, sen prexuízo de que se poida presentar a dita documentación con anterioridade para a súa tramitación.

2. Os beneficiarios deberán achegar a través da sede electrónica da Xunta de Galicia o anexo II desta resolución, no cal expresamente se declara:

a) Se solicitou ou lle foron concedidas outras subvencións ou axudas para o mesmo proxecto ou conceptos para os cales lles foi concedida esta axuda, con indicación do importe e a súa procedencia, se é o caso.

b) Que o concello solicitante non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario da subvención.

3. Xunto co anexo II deberá presentarse a seguinte documentación xustificativa:

a) Copia da auditoría municipal de abastecemento en alta e de subministración en baixa, redactada co contido mínimo establecido nesta resolución.

b) A ligazón da publicación na sede electrónica do concello onde se indique a porcentaxe de perda de auga no seu concello resultado da auditoría realizada.

c) O plan de actuacións para minimizar as perdas de auga, segundo o contido mínimo establecido nesta resolución, aprobado polo concello, segundo o indicado no punto 2 da disposición adicional segunda da Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario.

d) Documentación gráfica xerada na realización das auditorías, planos en formato dixital (CAD ou SIX), co contido mínimo establecido nesta resolución.

e) Conta xustificativa que recolla o previsto nos artigos 8 e 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

f) De ser o caso, certificado de que o IVE non é repercutible por parte do concello.

4. Augas de Galicia poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto no artigo 45.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

6. Augas de Galicia, de atopar conforme a documentación xustificativa, proporá o libramento dos fondos, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 23. Incumprimento de obrigas

1. O órgano concedente poderá revogar a concesión da axuda se a entidade beneficiaria incumpre as condicións impostas con motivo da súa concesión.

2. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na restante normativa que sexa de aplicación dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a axuda percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o procedemento de reintegro oportuno, que se axustará ao previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 25. Medidas antifraude

1. É de aplicación ao procedemento recollido nesta resolución o Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da entidade pública empresarial Augas de Galicia, que pode consultarse na seguinte ligazón:

https://augasdegalicia.xunta.gal/c/document_library/get_file?file_path=/portal-augas-de-galicia/plans/resto_plans/PlanMedidasAntifraudeAugasdeGalicia.pdf

2. Augas de Galicia empregará como canle de denuncias o sistema posto en funcionamento, á disposición da cidadanía, a partir do 1 de xaneiro de 2022, no Sistema integrado de atención á cidadanía (Siaci) (https://www.xunta.gal/sistema-integrado-de-atencion-a-cidadania?langId=gl_ES), onde os cidadáns poden denunciar calquera irregularidade ou conduta de fraude. A presentación de denuncias nesta canle, que precisará da identificación electrónica da persoa denunciante para evitar suplantacións ou denuncias automatizadas, será tratada pola Administración autonómica garantindo o anonimato da persoa denunciante, de xeito que os órganos que deban investigar a denuncia non coñezan a identidade do denunciante.

A canle, ademais da cidadanía, poderá ser utilizada polos empregados públicos para presentar medidas de mellora dos procedementos ou das accións antifraude. Tamén na canle se poderán denunciar incidencias que sexan realizadas por empresas ou por beneficiarios de subvencións.

No punto de acceso electrónico á canle de denuncias, situado no Siaci, figurará unha declaración da Xunta en que constará expresamente que, con independencia da necesaria identificación electrónica para a presentación da denuncia, os datos serán tratados anonimizadamente mediante tecnoloxías de información para garantir a indemnidade da persoa denunciante e evitar calquera tipo de eventual represalia sobre ela, en termos semellantes aos establecidos na directiva europea.

A xestión da canle de denuncias corresponderá á Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa.

3. A investigación e tratamento das denuncias presentadas axustarase ao disposto nos puntos 2.3.2 e 2.3.3 do Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Delégase na persoa titular da Dirección de Augas de Galicia a competencia para resolver o procedemento de concesión de subvencións, a modificación da resolución e outras incidencias que poidan xurdir na súa tramitación, así como a competencia para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional segunda. Impugnación da convocatoria

Contra esta resolución poderá interpoñerse, ante a Presidencia de Augas de Galicia, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da resolución

Facúltase a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2022

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Presidenta de Augas de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file