Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Venres, 8 de xullo de 2022 Páx. 39058

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

RESOLUCIÓN do 15 de xuño de 2022, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Xuventude, pola que se declara de interese galego a Fundación Grupo Printes e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Grupo Printes, unha vez vista a proposta do subdirector xeral de Coordinación Administrativa, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. O 27 de setembro de 2021, Francisco José García Quirós, na súa condición de presidente do padroado da Fundación Grupo Printes, formulou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Grupo Printes foi constituída por Francisco José García Quirós, Juan Serafín Rodríguez Delgado e Tania González Fernández en escritura pública outorgada en Ourense o 3 de agosto de 2021, ante a notaria María Isabel Louro García, co número 1.550 do seu protocolo, emendada por outra outorgada na mesma localidade e ante a mesma notaria o 25 de xaneiro de 2022, co número 112 do seu protocolo.

Terceiro. En virtude do disposto no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto promover a inclusión de persoas en risco de exclusión social, mediante a realización de actividades sociais, deportivas, asistenciais e formativas, e calquera outra actividade de interese xeral para Galicia que sexa de análoga natureza, e seralle propia calquera actividade que, aínda que sexa indirectamente, estea ordenada para eses fins.

En particular, a Fundación Grupo Printes creará, regulamentará e sosterá, unha vez atendidas as dotacións legais e voluntarias a reservas, e como manifestación esencial das súas actuacións, obras benéficas, culturais, de inclusión, deportivas, asistenciais ou calquera outra distinta das sinaladas que poida determinar o Padroado, que teñan unha finalidade similar ou de natureza análoga desde o punto de vista do interese xeral.

Cuarto. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade das persoas fundadoras e a súa capacidade e vontade de constituír a Fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego (Diario Oficial de Galicia número 242, do 19 de decembro).

Quinto. Nos estatutos da Fundación constan a denominación e natureza, obxecto e actividades, o domicilio e ámbito de actuación, as regras para a aplicación dos recursos aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición do padroado, as regras para a designación e substitución dos seus membros, as causas de cesamento, as súas atribucións e a forma de deliberar e de adoptar acordos.

Sexto. O padroado inicial da Fundación está formado por Francisco José García Quirós como presidente, Tania González Fernández como tesoureira e Juan Serafín Rodríguez Delgado como secretario.

Sétimo. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías, na reunión do día 18 de abril de 2022, elevoulle ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta de clasificación como de interese social da Fundación Grupo Printes consonte as materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 47 da dita lei, no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Política Social.

Oitavo. De conformidade con dita proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, do 28 de abril de 2022, clasificouse como de interese social a Fundación Grupo Printes e adscribiuse á Consellería de Política Social para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, en relación co Decreto 216/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Grupo Printes, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e logo do informe de idoneidade dos fins e de adecuación e suficiencia da dotación, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social e Xuventude, da Fundación Grupo Printes, polo que

RESOLVO:

Primeiro. Declarar fundación de interese galego a Fundación Grupo Printes.

Segundo. Ordenar a inscrición da Fundación Grupo Printes no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social e Xuventude.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, e presentar anualmente a documentación contable e o plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Política Social e Xuventude.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso de alzada, ante a conselleira de Política Social e Xuventude, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2022

María Francisca Gómez Santos
Secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social
e Xuventude