Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Mércores, 13 de xullo de 2022 Páx. 39729

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 7 de xullo de 2022 pola que se amplía o prazo de solicitudes e o de execución e xustificación dos investimentos establecidos na Resolución do 1 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, de hostalaría, artístico-recreativas e outros servizos (programa Bono enerxía peme), anualidade 2022 (código de procedemento IN417Z).

No Diario Oficial de Galicia número 66, do 5 de abril de 2022, publicouse a Resolución do 1 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixidos a autónomos e pemes con actividade de comercio, de hostalaría, artístico-recreativas e outros servizos (programa Bono enerxía peme), anualidade 2022 (código de procedemento IN417Z).

O procedemento de concesión destas subvencións tramitouse en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Conforme o establecido no artigo 3.1 das bases reguladoras, serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2022, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Este aspecto desenvólvese no artigo 25, que recolle que a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de setembro de 2022, e no artigo 27.3.a) 3º, que establece que a data dos xustificantes de gasto e do pagamento, para a súa validez e admisión, estará comprendida entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2022, último día do prazo de xustificación previsto no artigo 25 das bases reguladoras.

Segundo o establecido no artigo 9.2 das bases reguladoras, o prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 14 de xullo de 2022.

Dada a situación actual de elevada e persistente inflación que afecta especialmente o custo da enerxía e, en concreto, da electricidade, considérase necesario intensificar o apoio á mellora enerxética das pemes, para o que resulta necesario ampliar o prazo de presentación de novas solicitudes e, consecuentemente, o prazo de execución e xustificación das actuacións.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros. Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), no que se indica que a ampliación se poderá acordar de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Consecuentemente con todo o anterior, sobre a base dos feitos sinalados e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a Resolución do 1 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría, artístico-recreativas e outros servizos (programa Bono enerxía peme), anualidade 2022 (código de procedemento IN417Z), no seguinte sentido:

O artigo 3.1 da resolución queda redactado do seguinte xeito:

«1. Serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 20 de outubro de 2022, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia».

O artigo 9.2 da resolución queda redactado do seguinte xeito:

«2. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de agosto de 2022».

O artigo 25 da resolución queda redactado do seguinte xeito:

«A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 20 de outubro de 2022».

O segundo parágrafo do punto 3.a) 3º do artigo 27 da resolución queda redactado do seguinte xeito:

«A data dos xustificantes de gasto e de pagamento, para a súa validez e admisión, estará comprendida entre o 1 de xaneiro e o 20 de outubro de 2022, último día do prazo de xustificación previsto no artigo 25 das bases reguladoras».

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos no artigo 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 32.3 da LPACAP, contra a presente resolución non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2022

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia