Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Mércores, 13 de xullo de 2022 Páx. 39732

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 1 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do bono de alugueiro social e se procede á súa convocatoria continuada e permanente ata o esgotamento do crédito (código de procedemento VI482F).

O punto quinto do artigo 33 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, modifica a disposición adicional vixésimo primeira da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, denominada «Axudas do bono de alugueiro social e do bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero outorgadas pola Administración autonómica», establecendo que, para os efectos do previsto na alínea a) do número 2 do artigo 2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as axudas do bono de alugueiro social e do bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero outorgadas pola Administración autonómica teñen a consideración de axudas prestacionais de carácter asistencial.

No Boletín Oficial del Estado núm. 16, do 19 de xaneiro de 2022, publicouse o Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula o bono alugueiro mocidade e o Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, o cal prevé o programa de axudas ás vítimas de violencia de xénero, persoas obxecto de desafiuzamento da súa vivenda habitual, persoas sen fogar e outras persoas especialmente vulnerables.

O artigo 41 do citado Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, establece que as comunidades autónomas convocarán procedementos de concesión das axudas mediante convocatorias abertas de forma continuada e permanente, e que se pode acceder á axuda tamén a través do recoñecemento dunha prestación ás persoas que cumpran os requisitos para seren beneficiarias deste programa.

A Comunidade Autónoma de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, nunha aposta decidida por facilitar o acceso á vivenda aos colectivos máis vulnerables, aproba esta resolución co obxectivo de que poidan acceder a unha vivenda en réxime de alugueiro a través do bono de alugueiro social.

Esta resolución axústase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, e no Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula o bono alugueiro mocidade e o Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

I. Disposicións xerais

Primeiro. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das axudas do bono de alugueiro social, ao abeiro do programa de axudas ás vítimas de violencia de xénero, persoas obxecto de desafiuzamento da súa vivenda habitual, persoas sen fogar e outras persoas especialmente vulnerables do Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula o bono alugueiro mocidade e o Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, que se tramitarán co código de procedemento VI482F.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas de forma continuada e permanente ata a finalización do Plan estatal de acceso á vivenda 2022-2025 ou ata o esgotamento do crédito previsto nesta resolución, sen prexuízo da súa ampliación, conforme o previsto no artigo 41 do Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro.

3. De conformidade co previsto na disposición adicional vixésimo primeira da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, para os efectos do previsto na alínea a) do número 2 do artigo 2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as axudas do bono de alugueiro social outorgadas pola Administración autonómica teñen a consideración de axudas prestacionais de carácter asistencial.

Segundo. Definicións

Para os efectos da aplicación desta resolución, os termos incluídos neste ordinal interpretaranse co significado e alcance seguintes:

a) Unidade de convivencia da persoa beneficiaria da axuda: o conxunto de persoas que habitan e desfrutan coa persoa beneficiaria dunha vivenda de forma habitual e permanente, así como con vocación de estabilidade, con independencia da relación existente entre todas elas. Unha unidade de convivencia pode estar composta por varias unidades familiares. A composición da unidade familiar será a que se estableza na normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF).

b) Persoa con discapacidade: interpretarase de conformidade co Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.

c) Residencia habitual e permanente da persoa beneficiaria e do resto das persoas integrantes da súa unidade de convivencia: o domicilio en que constan empadroadas todas elas.

d) Indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM): é o indicador definido no Real decreto lei 3/2004, do 25 de xuño, para a racionalización da regulación do salario mínimo interprofesional e para o incremento da súa contía; considérase unidade de medida para a determinación da contía dos ingresos familiares, no seu cómputo anual, incluíndo dúas pagas extras.

Para os efectos destas axudas, tomarase en consideración o último IPREM publicado na data da solicitude.

Terceiro. Recursos contra esta resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Cuarto. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión destas axudas.

II. Bases reguladoras

Quinto. Obxecto das axudas

1. As axudas do bono de alugueiro social están destinadas a atender, con carácter urxente, os seguintes colectivos:

a) Aquelas unidades de convivencia que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda por estaren inmersas en situacións de especial dificultade que determinaron que a persoa arrendadora interpuxese unha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas.

b) As unidades de convivencia das vítimas de violencia de xénero que teñan dificultade para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda. Para os efectos deste programa, incluiranse as mulleres vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor ou, no caso de mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual, de dependencia da persoa que manteña sobre ela unha relación de dominación.

Terán tamén esa consideración as mulleres que padecesen violencia vicaria ou violencia por interposita persona, con resultado de morte, así como as fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, que se encontrasen nunha situación de dependencia económica da nai ou do agresor no momento do falecemento da vítima.

c) Aquelas unidades de convivencia con dificultades para asumiren o custo do arrendamento dunha vivenda e que fosen privadas da súa vivenda habitual, que posúen en calidade de propietarias ou usufrutuarias, por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc. Excepcionalmente, poderán acceder a esta axuda as persoas arrendatarias destas vivendas sempre que se acredite no informe dos servizos municipais a xustificación da excepcionalidade, a inexistencia de alternativas e a situación de vulnerabilidade da unidade de convivencia.

d) Aquelas unidades de convivencia ás cales, tendo sido arrendatarias dunha vivenda de promoción pública de titularidade do IGVS, lle finalizase a vixencia do seu contrato, unha vez publicada esta resolución.

e) Aquelas unidades de convivencia ás cales, por concorreren circunstancias de emerxencia social e non acadaren o límite mínimo de ingresos establecido no Programa de vivendas baleiras cos concellos, a Comisión de Seguimento e Coordinación do citado programa lles propoña a adxudicación dunha vivenda.

f) Aquelas unidades de convivencia que, sendo residentes en vivendas de entidades financeiras ou da Sociedade de Xestión de Activos Procedentes de Reestruturación Bancaria (Sareb), en virtude dos convenios de colaboración subscritos entre o IGVS e as citadas entidades, rematasen a vixencia do seu contrato de arrendamento dentro dos seis meses anteriores á data de presentación da súa solicitude de axuda do Programa do bono alugueiro social.

g) Os/as mozos/as menores de idade tutelados pola Xunta de Galicia, unha vez que acaden a maioría de idade e saian do réxime de tutela, co obxecto de facilitarlles o acceso a unha vivenda en réxime de arrendamento.

h) As persoas que fosen privadas da súa vivenda habitual como consecuencia de procedementos xudiciais de execución hipotecaria ou dun acordo extraxudicial de venda ou dación en pagamento a entidades financeiras.

i) As persoas que sexan beneficiarias do bono de alugueiro social, ou que estean en situación de prórroga, con base nas convocatorias anteriores, sempre que acrediten que continúan en situación de vulnerabilidade.

2. Excepcionalmente, poderase conceder esta axuda en situacións de emerxencia ou catástrofe, cando así o considere o Consello da Xunta, en atención á extrema urxencia da súa situación.

Sexto. Requisitos das persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa as que cumpran os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso dos estranxeiros non comunitarios, deberán contar con autorización de estadía ou residencia en España.

b) Estar empadroadas e ter residencia efectiva nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia durante os doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude da axuda.

Nos casos das vítimas de trata con fins de explotación sexual e no suposto previsto no punto 2 do ordinal anterior, será suficiente con que acrediten que están empadroadas nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia e que posúen autorización de residencia por circunstancias excepcionais.

c) Ser titulares ou estar en condicións de subscribir un contrato de arrendamento de vivenda nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia, cunha duración mínima dun ano, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.

No caso dos/das menores orfos/as por violencia de xénero ou vítimas de trata menores de idade, o contrato de arrendamento poderá ser asinado pola persoa que posúa a patria potestade, tutela ou acollemento familiar permanente do/da dito/a menor, nos termos que se determine na normativa aplicable.

d) Que a vivenda obxecto do contrato de arrendamento constitúa ou vaia constituír o seu domicilio habitual e permanente.

e) Que a renda do contrato de arrendamento non supere os importes sinalados no ordinal oitavo destas bases reguladoras.

f) Que os ingresos da unidade de convivencia da persoa beneficiaria, computados conforme establece o ordinal sétimo destas bases reguladoras, sexan iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM ponderado, coa excepción das fillas e fillos maiores de idade, pero menores de 30 anos, das vítimas mortais por violencia de xénero, que dependesen economicamente da nai e/ou do agresor, caso en que os ingresos deberán ser iguais ou inferiores a doce mensualidades do IPREM.

g) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da unidade de convivencia teña vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non exista vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grao, coa persoa arrendadora. Aplicarase esta mesma exixencia cando a parte arrendadora sexa unha persoa xurídica, respecto de calquera dos seus socios ou partícipes.

h) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia teña no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito as persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten a non dispoñibilidade dela por causa de separación, divorcio ou por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte insuficiente ou inadecuada por razóns de habitabilidade e/ou mobilidade, e no suposto das vítimas de violencia de xénero, ademais, cando a ocupación da vivenda que ten en propiedade ou usufruto sexa incompatible coa dita situación de violencia de xénero.

Para os efectos anteriores, considerarase:

– Vivenda insuficiente, aquela en que a cada ocupante lle correspondan menos de dez metros cadrados de superficie útil. Non se computará, para estes efectos, a correspondente a baños, corredores e tendais.

– Vivenda inadecuada por razóns de habitabilidade, aquela que se encontre en situación legal de ruína, así como aqueloutra que teña deficiencias que afecten de forma notoria a súa habitabilidade.

– Vivenda inadecuada por razóns de mobilidade, aquela que pola súa configuración arquitectónica e/ou accesos implique unha grave perda de funcionalidade para unha persoa con mobilidade reducida.

i) Que non sexan arrendatarias de vivendas xestionadas polo IGVS.

j) De conformidade co previsto no artigo 23.5 do Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas as persoas que incorran nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, agás a do cumprimento do regulado na letra e) do punto 2 do dito artigo 13. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarias aquelas ás cales o IGVS lles revogase algunha das axudas recollidas neste ou no anterior Plan estatal de vivenda por incumprimento ou causa imputable ao solicitante.

2. No caso de persoas afectadas pola interposición dunha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas, deberán cumprir, ademais dos requisitos sinalados no punto 1, os seguintes:

a) Que entre a comunicación da interposición da demanda e a presentación da solicitude da axuda non transcorresen máis de nove meses, agás nos supostos en que se acredite que houbo unha suspensión do procedemento de desafiuzamento ou do lanzamento desde a data da oportuna resolución xudicial.

b) Que o contrato de arrendamento que motivou o procedemento de desafiuzamento tivese unha duración igual ou superior aos doce meses.

c) Que non tivesen sido xa perceptoras das axudas do Programa do bono de alugueiro social por este mesmo motivo e a nova demanda se interpuxese por falta de pagamento da renda, gastos de comunidade ou subministracións durante o período en que percibiron as axudas do bono de alugueiro, nin cando quede acreditado que se causaron danos na vivenda que ocupaban.

3. No caso das vítimas de violencia de xénero, só se admitirá unha única solicitude por cada unidade de convivencia, que deberán cumprir, de ser o caso, ademais dos requisitos sinalados no punto 1, os seguintes:

a) Que, dentro do ano natural anterior á data de presentación da solicitude, cesase a convivencia co agresor ou coa persoa que manteña sobre ela unha relación de dominación. No caso de violencia vicaria ou violencia por interposita persona, o feito causante deberá terse producido dentro do ano natural anterior ao da presentación da solicitude.

b) Que o documento acreditativo da situación de violencia fose emitido dentro dos doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude. No caso de acreditar a situación de violencia de xénero a través da orde de protección ou da medida cautelar, estas deberán estar vixentes na data de presentación da solicitude. Para estes efectos, o órgano xestor solicitará informe ao Punto de coordinación das ordes de protección de Galicia, dependente da Secretaría Xeral da Igualdade.

4. No caso das fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, que se encontrasen nunha situación de dependencia económica da nai ou do agresor no momento do falecemento da vítima, deberán cumprir, ademais dos previstos no número 1, os seguintes requisitos:

a) Que a persoa solicitante sexa menor de idade e estivese convivindo coa nai no momento da súa morte, independentemente da renda da unidade de convivencia.

b) Que a persoa solicitante sexa maior de idade e menor de 30 anos, e dependa economicamente da nai e/ou do agresor. Entenderase que existe dependencia económica cando, na data do falecemento, as fillas e os fillos perciban rendas, de calquera natureza, que en cómputo anual sexan iguais ou inferiores a doce mensualidades do IPREM.

5. No caso de unidades de convivencia, propietarias ou usufrutuarias da súa vivenda habitual, que fosen privadas dela por danos derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc., ademais dos requisitos sinalados no número 1, será necesario que a circunstancia imprevisible e sobrevida acaecese dentro dos seis meses anteriores á presentación da solicitude.

6. No caso de unidades de convivencia para as cales, tendo sido arrendatarias dunha vivenda de promoción pública de titularidade do IGVS, finalizase a vixencia do seu contrato, ademais dos requisitos sinalados no número 1, será necesario que entre a finalización do contrato de arrendamento e a presentación da solicitude de axuda non transcorresen máis de tres meses.

7. No caso de unidades de convivencia en que, por concorreren circunstancias de emerxencia social e non acadaren o límite mínimo de ingresos establecido no Programa de vivendas baleiras cos concellos, a Comisión de Seguimento e Coordinación do citado programa lles propoña a adxudicación dunha vivenda no marco do citado programa, ademais de cumprir os requisitos sinalados no número 1, será necesario que a circunstancia excepcional que motiva a proposta de adxudicación da Comisión de Seguimento e Coordinación do Programa de vivendas baleiras resulte acreditada en virtude do informe dos servizos sociais do respectivo concello.

8. No caso dos/das mozos/as que, tendo estado tutelados pola Xunta de Galicia, cumpran a maioría de idade e reúnan os requisitos sinalados no número 1, poderán solicitar a axuda sempre que non transcorra o prazo dun ano contado desde a data en que saian do réxime de tutela da Xunta de Galicia.

9. No caso de unidades de convivencia de persoas privadas da súa vivenda habitual como consecuencia de procedementos xudiciais de execución hipotecaria ou dun acordo extraxudicial de venda ou dación en pagamento a entidades financeiras, deberán cumprir, ademais dos requisitos sinalados no número 1, que entre a data de presentación da solicitude da axuda e a data do decreto de adxudicación da vivenda ou, de ser o caso, do acordo extraxudicial análogo entre a entidade executante e a persoa afectada, non transcorresen máis de doce meses, agás no suposto de que se acredite a permanencia na vivenda en virtude de acordo asinado coa entidade.

10. No suposto de persoas que sexan beneficiarias do bono alugueiro social ou estean en situación de prórroga, con base nas convocatorias anteriores, deberán cumprir os requisitos sinalados no punto 1 e, ademais, acreditar mediante informe dos servizos sociais que continúan en situación de vulnerabilidade.

11. Nos supostos excepcionais de situacións de emerxencia ou catástrofe, os requisitos que se deberán cumprir virán determinados polo acordo do Consello da Xunta.

12. Non poderán acceder a estas axudas as persoas que, tendo sido beneficiarias das axudas do bono de alugueiro social ou do bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero, non continuasen percibíndoas por causas imputables á persoa beneficiaria.

13. En atención ao carácter prestacional destas axudas, non será requisito estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, da Seguridade Social nin coa Facenda autonómica para poder percibir estas axudas.

Sétimo. Cómputo de ingresos para acceder ao programa

1. Para acceder a este programa de axudas é preciso que os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante sexan iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM ponderado. Para tal fin, os límites máximos de ingresos das solicitudes calcularanse tomando como base do cálculo a contía do último IPREM anual en 14 pagas, publicado no momento da presentación da solicitude, multiplicado por 1,5. Esta contía dividirase polos seguintes factores de ponderación, en función do número de persoas que integren a unidade de convivencia:

• Familias dun membro: sen ponderación.

• Familias de dous membros: 0,90.

• Familias de tres membros: 0,80.

• Familias de catro membros: 0,70.

• Familias de cinco ou máis membros: 0,60.

No suposto de que as persoas beneficiarias sexan as fillas e/ou fillos maiores de idade e menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, os seus ingresos, en cómputo anual, deberán ser iguais ou inferiores a doce mensualidades do IPREM.

2. Ás unidades familiares en que algún dos seus membros sexa unha persoa con discapacidade, nas condicións establecidas na normativa reguladora do imposto da renda das persoas físicas, aplicaráselles o límite máximo de ingresos do tramo seguinte ao que lles correspondería, segundo o número de persoas que a integren.

3. No caso de mulleres xestantes, o/a fillo/a ou fillos/as concibidos e non nados contarán como membros da unidade familiar. Igual tratamento terá a acreditación de adopción en trámite.

4. No suposto de mulleres vítimas de violencia de xénero, para os efectos do cómputo de ingresos teranse en conta as rendas ou ingresos da persoa solicitante da axuda e os demais membros da súa unidade de convivencia, coa excepción das rendas individuais do agresor.

5. No caso de que as axudas se soliciten por unha unidade de convivencia composta por máis dunha unidade familiar, os ingresos de cada unidade familiar, computados conforme o número 1, sumaranse e o resultado deberá estar comprendido dentro do límite máximo de ingresos para acceder a este programa.

6. Os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante determinaranse calculando o rateo mensual dos ingresos netos correspondentes a cada unha das persoas membros da dita unidade de convivencia durante os tres meses anteriores ao da presentación da solicitude, incluído, de ser o caso, o rateo correspondente ás pagas extraordinarias. A contía resultante non poderá superar o límite máximo de ingresos previsto no número 1. Para tal efecto, non se terán en conta os ingresos que sexan consecuencia de axudas de pagamento único e indemnización para mulleres vítimas de violencia de xénero e outras axudas específicas de emerxencia que se perciban nun único pagamento.

Oitavo. Renda das vivendas

1. A renda mensual máxima non pode superar os seguintes importes:

a) 550 euros para as vivendas situadas nos seguintes concellos: A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

b) 500 euros para as vivendas situadas nos seguintes concellos:

– Provincia da Coruña: Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada e Teo.

– Provincia de Lugo: Burela, Cervo, Chantada, Foz, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro.

– Provincia de Ourense: Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia.

– Provincia de Pontevedra: A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

c) 425 euros para as vivendas situadas no resto dos concellos.

2. Estas contías poderán ser incrementadas ata un 20 % no caso de que as persoas arrendatarias sexan integrantes dunha unidade de convivencia que necesite unha vivenda adaptada para algún dos seus membros ou estea composta por cinco ou máis membros.

Noveno. Contía e duración da axuda

1. O importe mensual desta axuda poderá chegar ata o 100 % da renda do contrato de arrendamento, sempre que non supere a renda das vivendas previstas no ordinal anterior.

A contía definitiva da concesión virá determinada en función do concello no cal estea situada a vivenda obxecto do contrato de arrendamento que se achegue, así como, de ser o caso, do suposto previsto no punto 2 do ordinal oitavo.

O importe mensual da axuda non poderá ser superior á renda da vivenda.

2. A axuda recoñecerase desde o mes en que se dite a resolución de concesión, sempre que conste un contrato válido de arrendamento de vivenda achegado pola persoa beneficiaria ou, no suposto de que o citado contrato se achegue con posterioridade á resolución de concesión, desde o mes da data da súa presentación, salvo que ese contrato teña efectos económicos posteriores, caso en que se concederá a axuda desde o mes deses efectos.

Cada unidade de convivencia só poderá percibir unha axuda de doce bonos mensuais consecutivos, que será susceptible de catro prórrogas ordinarias sucesivas, de doce meses cada unha, ata acadar unha duración máxima de cinco anos, e sempre que subsistan as condicións de necesidade que deron lugar á concesión inicial, así como que se acredite o límite de ingresos previstos no ordinal sétimo e exista dispoñibilidade orzamentaria.

No suposto de prórrogas, a axuda será polo mesmo importe que a concesión inicial.

3. En todo caso, as axudas concedidas, tanto en concesións iniciais como en sucesivas prórrogas, non se poderán estender máis aló do 31 de decembro de 2026.

Todas as concesións de bonos e das súas sucesivas prórrogas terán como límite as contías consignadas no resolvo vixésimo oitavo. Unha vez esgotado o crédito, non se concederán máis axudas.

O esgotamento do crédito será publicado na páxina web do IGVS e mediante anuncio no DOG.

4. Poderáselle conceder á persoa beneficiaria unha axuda complementaria, ben para o suposto da inmediata formalización dun contrato de alugamento, para os efectos de atender as obrigas derivadas da constitución de fianza e da alta en subministracións, ben para o caso de permanecer na vivenda obxecto do procedemento xudicial de desafiuzamento, para os efectos de atender cantidades pendentes derivadas do contrato de arrendamento que motivou o dito procedemento. O importe desta axuda complementaria non poderá superar os 600 euros.

Décimo. Solicitudes

1. A solicitude, tanto de concesión inicial como de concesión de prórroga, realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, debidamente cuberto (código de procedemento VI482F). As solicitudes deberanse dirixir á Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. No modelo de solicitude de concesión inicial ou de prórroga a persoa solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade e o seu importe.

c) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia ten no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto, agás os supostos exceptuados no número 1 do ordinal sexto.

d) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa da unidade de convivencia ten vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non existe vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grao, coa persoa arrendadora da vivenda ou con calquera das persoas socias ou partícipes da persoa xurídica arrendadora, de ser o caso.

e) Declaración de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, agás o cumprimento do regulado na letra e) do citado precepto.

f) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

g) Declaración de que todos os datos da solicitude e dos documentos que se achegan son certos.

Décimo primeiro. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude de axuda inicial, anexo I, a seguinte documentación (código de procedemento VI482F):

a) Documento acreditativo da representación da persoa que actúe como representante, de ser o caso.

b) Anexo II, de comprobación de datos das persoas que integren a unidade de convivencia, distintas da persoa solicitante.

No caso de que unha unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar, deberase cubrir un anexo II por cada unha delas.

c) Anexo III, de compromiso das persoas asinantes do contrato de arrendamento de someterse ás condicións do Programa do bono de alugueiro social. Neste anexo indicaranse o número de conta bancaria de titularidade da persoa arrendadora en que se realizará o ingreso da axuda mensual do bono de alugueiro social e o número de conta da persoa arrendataria en que se realizará o ingreso, de ser o caso, da axuda complementaria.

d) Informe dos servizos sociais do concello en que estea empadroada a persoa solicitante, sobre a situación económica e social da unidade de convivencia, a súa situación de vulnerabilidade ou exclusión social e o seguimento social que proceda; para tal efecto poderase utilizar o anexo IV.

No caso das fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, deberase facer constar neste informe a filiación da persoa solicitante respecto da vítima de violencia de xénero e a situación de dependencia económica da nai e/ou do agresor no momento do falecemento.

e) Contrato de arrendamento da vivenda, cunha duración mínima dun ano e con mención expresa da referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.

No caso de non ter formalizado o contrato no momento de presentación da solicitude, este deberase presentar na correspondente área provincial do IGVS no prazo de catro meses contados desde a notificación da resolución de concesión da axuda, xunto co certificado de empadroamento conxunto das persoas que integran a unidade de convivencia nesa vivenda e do anexo III, referido na alínea c) deste ordinal.

f) Xustificante de empadroamento conxunto de todas as persoas integrantes da unidade de convivencia. Estes xustificantes deberán estar expedidos dentro dos tres meses anteriores á data da presentación da solicitude, excepto no suposto previsto no segundo parágrafo da letra anterior.

g) No caso de nai xestante, certificado médico ou documentación que acredite o citado estado.

h) Se é o caso, certificado acreditativo da situación de adopción en trámite.

i) De ser o caso, certificado de discapacidade da persoa solicitante e dos demais membros que integran a unidade de convivencia, no suposto de non ser expedido pola Xunta de Galicia.

j) No caso de persoas afectadas por un procedemento de desafiuzamento por non pagamento de rendas, copia da demanda interposta e, de ser o caso, a oportuna resolución xudicial de suspensión do procedemento de desafiuzamento ou do lanzamento.

k) No caso de vítimas de violencia de xénero ou, de ser o caso, de vítima de trata con fins de explotación sexual, documento acreditativo desta condición. Para estes efectos, só se admitirán os seguintes documentos:

1º. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada polo/a letrado/a da Administración de xustiza da propia orde de protección ou da medida cautelar, que conteña as medidas en vigor.

2º. Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia de xénero ou documento xudicial que declare que a muller é vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

3º. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia e/ou de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente en que conste a existencia dos ditos indicios.

4º. Informe das forzas e corpos de seguridade que indique a existencia de indicios claros de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

5º. Informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local en que se recollan a dita condición de vítima de violencia de xénero ou de vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e a data en que se produciu o cesamento da convivencia ou da situación de dominación, respectivamente.

6º. Informe dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local en que se recollan a dita condición de vítima de violencia de xénero ou de vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e a data en que se produciu o cesamento da convivencia ou da situación de dominación, respectivamente.

l) No caso das persoas privadas da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, documento acreditativo desta situación. Para estes efectos, só se admitirán os seguintes documentos:

1º. Título que acredite a súa condición de persoa propietaria ou usufrutuaria da vivenda afectada polos danos ou, de ser o caso, contrato de arrendamento da vivenda.

2º. Memoria que acredite a inhabitabilidade da vivenda polos danos sufridos.

3º. Reportaxe fotográfica onde se reflictan os danos sufridos pola vivenda.

m) No caso dos/das mozos/as maiores de idade e que saian do réxime de tutela da Xunta de Galicia, informe do correspondente departamento da consellería con competencias en política social, acreditativo da data de saída do réxime de tutela da persoa solicitante.

n) No caso de persoas privadas da súa vivenda habitual como consecuencia de procedementos xudiciais de execución hipotecaria ou dun acordo extraxudicial de venda ou dación en pagamento a entidades financeiras, decreto de adxudicación da vivenda ou, de ser o caso, o citado acordo extraxudicial e, de ser o caso, acordo asinado coa entidade para a permanencia na vivenda.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude de concesión inicial ou de prórroga, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. Será causa de inadmisión automática a presentación da solicitude sen achegar algún dos documentos sinalados coas letras b), d), j), k), l) e n) no punto 1.

Décimo segundo. Solicitude de prórroga da axuda e documentación complementaria

1. Todas as persoas que resultasen beneficiarias desta axuda e que non perdesen o dereito mediante a oportuna resolución, poderán solicitar a prórroga do bono de alugueiro social dentro dos dous meses anteriores á data de remate da concesión inicial ou, de ser o caso, da prórroga que estean percibindo. Para tal efecto, deberán presentar, de conformidade co ordinal décimo, a solicitude de prórroga que figura incorporada á resolución de convocatoria como anexo I.

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude de prórroga da axuda, anexo I, a seguinte documentación:

a) Anexo II, de comprobación de datos das persoas que integran a unidade de convivencia.

b) Anexo IV, modelo de informe dos servizos sociais do concello en que está empadroada a persoa solicitante, no cal se faga constar que subsisten as condicións de necesidade que deron lugar á concesión inicial, así como os ingresos da unidade de convivencia dos tres meses anteriores á data da solicitude de prórroga.

c) Declaración responsable da persoa inquilina de que continúa residindo na vivenda.

Décimo terceiro. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, excepto que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa representante, das persoas que integran a unidade de convivencia que figuran no anexo II e da persoa arrendadora que figura no anexo III.

b) Número de identificación fiscal da persoa representante, así como da persoa arrendadora que figura no anexo III, no caso de que sexan persoas xurídicas.

c) Certificado de empadroamento da persoa solicitante, no caso de cambio de domicilio durante a vixencia do contrato, e das persoas que figuran no anexo II.

d) Datos catastrais correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a súa unidade de convivencia.

e) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro onde conste que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da unidade de convivencia teñen en usufruto ou en propiedade outra vivenda en territorio español.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa solicitante.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas da persoa solicitante.

h) Consulta da prestación de desemprego percibida pola persoa solicitante, así como polas persoas que integran a súa unidade de convivencia, segundo o seu anexo II.

i) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do Instituto Nacional da Seguridade Social, da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia, segundo o seu anexo II.

j) Certificado das percepcións da renda de integración social de Galicia (Risga) da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia, segundo o seu anexo II.

2. O acceso aos datos contidos nos documentos sinalados coas letras h), i) e j) do número anterior, de conformidade co artigo 155 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, poderano realizar aquelas administracións locais que dispoñan do correspondente convenio coa Xunta de Galicia para accederen a través das plataformas de intermediación de datos.

3. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude e/ou no anexo II que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Permiso de residencia legal de persoa estranxeira.

b) Certificado de discapacidade expedido pola Administración autonómica.

4. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

5. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Décimo cuarto. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizaren trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén se poderán tramitar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo quinto. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución é competencia da área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas.

Décimo sexto. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iníciase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante esta resolución.

2. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa de que, no caso de non atender o requirimento, se considerará por desistida da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

4. Unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, a persoa titular da Xefatura da correspondente área provincial do IGVS elevará a proposta de resolución de concesión inicial ou de prórroga de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario, resolverá o que en dereito proceda.

Décimo sétimo. Resolución e recursos

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de tres meses, contados desde a data de entrada da solicitude no rexistro administrativo. Transcorrido este prazo sen que se dite e notifique resolución expresa, a persoa solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. Contra a resolución poderase interpoñer recurso de alzada, ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Décimo oitavo. Causas de denegación da axuda

1. Será causa de denegación da axuda o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos na normativa que rexe estas axudas.

2. Así mesmo, serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, o criterio que se utilizará para a súa tramitación será a orde cronolóxica de entrada da solicitude no Rexistro da área provincial do IGVS. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada por terse cuberto na forma correcta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta resolución.

Décimo noveno. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente doutras axudas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou á súa revogación.

2. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS ditará resolución expresa, debidamente motivada, na cal figure o motivo da modificación ou revogación da resolución de concesión da axuda. De ser o caso, comunicaralle á persoa beneficiaria a obriga de devolver as cantidades anteriormente percibidas en concepto de axuda.

Vixésimo. Xustificación da axuda

1. A xustificación da concesión da axuda realizarase mediante o correspondente contrato de arrendamento, sen prexuízo da obriga da persoa beneficiaria de achegar semestralmente á área provincial do IGVS unha declaración responsable de que continúa residindo na vivenda.

2. A axuda complementaria xustificarase coa acreditación da constitución do depósito da fianza, que será comprobada pola área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda, cos contratos de altas de subministracións e/ou os xustificantes de pagamento das cantidades pendentes. Esta documentación xustificativa deberase presentar na área provincial do IGVS dentro do prazo de catro meses contados desde a data de notificación da resolución da concesión da axuda.

3. No suposto de que fosen aboadas contías da renda de alugamento pola persoa beneficiaria con anterioridade á data de resolución de concesión dunha prórroga e sempre que se xustifique o seu pagamento íntegro co correspondente extracto ou certificado bancario, o importe da axuda correspondente a esas mensualidades seralle aboado á persoa arrendataria, agás que fosen aboadas como consecuencia do outorgamento dunha axuda por unha Administración pública ou entidade pública ou privada.

Vixésimo primeiro. Pagamento da axuda

1. O pagamento da axuda realizarase mensualmente, tras a achega do contrato de arrendamento, mediante transferencia bancaria na conta da persoa arrendadora. O pagamento da axuda complementaria realizarase, unha vez que se xustifique, conforme o sinalado no ordinal anterior, mediante transferencia bancaria na conta da persoa beneficiaria.

2. Para a tramitación do pagamento das axudas, a persoa titular da Xefatura da correspondente área provincial do IGVS elevará mensualmente unha proposta conxunta de pagamento, que inclúa todos os expedientes con dereito á percepción da axuda, á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Vixésimo segundo. Cambio de domicilio

1. Se, durante a vixencia da concesión inicial ou das sucesivas prórrogas, a persoa beneficiaria da axuda cambia o seu domicilio dentro da Comunidade Autónoma de Galicia e subscribe un novo contrato de arrendamento de vivenda, quedará obrigada a comunicar o dito cambio á área provincial do IGVS que tramitou a concesión inicial, ou a respectiva prórroga, no prazo máximo de cinco días, contado desde a sinatura do novo contrato de arrendamento. Así mesmo, deberá achegar:

a) O novo contrato de arrendamento, que deberá ter unha duración mínima dun ano e indicar de maneira expresa a referencia catastral da vivenda, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro.

b) O xustificante de empadroamento conxunto dos membros da unidade de convivencia na nova vivenda.

c) Compromiso das persoas asinantes do contrato de arrendamento de someterse ás condicións do Programa do bono de alugueiro social, debidamente cuberto, segundo o modelo que figura como anexo III.

2. A persoa beneficiaria non perderá o dereito á axuda polo cambio de domicilio sempre que co novo arrendamento se cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras e, ademais, o novo contrato de arrendamento se formalice sen interrupción temporal co anterior. Neste caso, a axuda reaxustarase en función do concello onde se sitúe a nova vivenda, sen que en ningún caso poida recibir máis importe do que viña percibindo nin da renda do novo arrendamento.

Vixésimo terceiro. Obrigas das persoas beneficiarias

Serán obrigas das persoas beneficiarias:

1. Permitirlle ao IGVS a realización das inspeccións ou as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da axuda concedida.

2. Subministrar ao IGVS, logo de requirimento para o efecto, de conformidade co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Comunicarlle ao IGVS a obtención doutras axudas, subvencións, ingresos ou recursos que financien as mesmas actuacións que as deste programa, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da axuda. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

4. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

5. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

6. Comunicar a finalización do contrato de arrendamento no prazo dun mes.

7. As demais obrigas que derivan desta resolución.

Vixésimo cuarto. Perda e reintegro da axuda

1. Serán causas de perda e posterior reintegro da axuda as seguintes:

a) O falseamento dos datos que deron lugar á obtención da axuda, así como a ocultación de condicións que terían impedido a súa obtención.

b) O incumprimento das obrigas establecidas no ordinal anterior.

c) A resolución do contrato de arrendamento que xustificou a concesión da axuda.

d) A falta de pagamento dos gastos da comunidade, cando sexan por conta da persoa inquilina, ou das subministracións.

2. Os remanentes derivados das perdas de axudas reasignaranse á concesión doutras solicitudes, o que se fará atendendo á orde cronolóxica de entrada da solicitude no Rexistro da área provincial do IGVS. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada por terse cuberto na forma correcta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta resolución.

Vixésimo quinto. Compatibilidade e incompatibilidade

1. Estas axudas serán compatibles con calquera outra axuda para o mesmo obxecto que outorgue calquera outra institución pública ou privada, sen que en ningún caso o importe da axuda concedida en virtude desta resolución poida ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas concedidas para a mesma finalidade por calquera Administración ou ente público ou privado, supere o custo da renda do alugamento. No caso de estar recibindo axudas por este motivo, o importe de bono alugueiro reducirase ata completar o cen por cento da renda da vivenda.

2. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda ao alugueiro xestionada polo IGVS.

Vixésimo sexto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

III. Convocatoria

Vixésimo sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto permanentemente desde o día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata o 30 de novembro de 2026 e, en todo caso, ata o esgotamento da dotación orzamentaria ou das súas ampliacións, que se farán constar no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Vixésimo oitavo. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451B.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma (FCA) por importe de 567.156 euros con cargo á anualidade 2022, 1.400.000 euros con cargo á anualidade 2023, 2.100.000 euros con cargo á anualidade 2024, 2.500.000 euros con cargo á anualidade 2025 e 2.800.000 euros con cargo á anualidade 2026. Cando se asine o correspondente convenio co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a execución do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, os anteriores importes poderán ser reaxustados para seren financiados con cargo aos fondos finalistas do citado plan.

As axudas para o colectivo das vítimas de violencia de xénero, con cargo ás anualidades 2022 (por importe de 777.768 euros) e 2023 (por importe de 1.040.000 euros), financiaranse con cargo aos fondos procedentes do Pacto de Estado na aplicación orzamentaria 08.81.451B.480.3. As anualidades seguintes financiaranse con cargo aos importes establecidos no parágrafo anterior para as ditas anualidades e poderanse reaxustar cos importes que, de ser o caso, se fixen anualmente no correspondente acordo entre o IGVS e a consellería competente en materia de igualdade.

2. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria.

Vixésimo noveno. Persoas beneficiarias das axudas do bono de alugueiro social ao abeiro de convocatorias publicadas con anterioridade a esta resolución

A partir da eficacia desta resolución, as axudas que perciben as persoas beneficiarias do bono de alugueiro social con cargo ás anualidades 2022 e 2023, procedentes de convocatorias anteriores, así como as súas prórrogas, tramitaranse con cargo a esta resolución e incrementaranse, de ser o caso, ata acadar o 100 % da renda mensual da vivenda fixada no contrato que deu lugar á concesión da axuda.

Así mesmo, a partir da eficacia desta resolución tramitaranse con cargo a ela todos os expedientes de solicitude do bono de alugueiro social pendentes de resolución.

Para tal fin realizaranse os correspondentes axustes contables en FCA, polos importes de 1.368.074 euros na anualidade 2022, 1.400.000 euros na anualidade 2023, 700.000 euros na anualidade 2024 e 300.000 euros na anualidade 2025.

Trixésimo. Axudas ás vítimas de violencia de xénero

1. A partir da eficacia desta resolución, as axudas concedidas ás beneficiarias do bono de alugueiro social de vítimas de violencia de xénero con cargo á convocatoria da anualidade 2021 e que comprendan o dereito de mensualidades deste bono durante o ano 2023, as ditas mensualidades de 2023 tramitaranse con cargo a esta resolución.

2. A partir da eficacia desta resolución, as solicitudes de concesión inicial do bono vítimas de violencia de xénero da anualidade 2022 tramitaranse con cargo a esta resolución. Neste caso, os informes emitidos polos servizos sociais durante a anualidade 2022 conservarán a súa validez.

3. As prórrogas que se concedan na anualidade 2022 tramitaranse con cargo á Resolución do 2 de maio de 2022 pola que se convoca a prórroga para o ano 2022 das subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (código de procedemento VI482D).

4. As solicitudes correspondentes á anualidade 2023 e seguintes tramitaranse con cargo a esta resolución.

Trixésimo primeiro. Eficacia

Esta resolución producirá efectos desde o día hábil seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file