Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Xoves, 14 de xullo de 2022 Páx. 39947

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 6 de xullo de 2022 pola que se publica o Acordo do Consello de Dirección, do 28 de xuño de 2022, polo que se modifica o Acordo do 30 de xullo de 2018 polo que se aproban as bases reguladoras das axudas para a preparación e realización de proxectos de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural, ao abeiro da medida Leader (submedida 19.3), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento MR710A).

O Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), na súa reunión do 28 de xuño de 2022, acordou modificar as bases reguladoras das axudas para a preparación e realización de proxectos de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural, ao abeiro da medida Leader (submedida 19.3), cofinanciadas co Feader no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, que foron aprobadas polo Acordo do 30 de xullo de 2018 e cuxo código de procedemento é MR710A.

De conformidade coas facultades que teño conferidas en virtude do artigo 10.2.a) do Regulamento da Agader, aprobado polo Decreto 79/2001, do 6 de abril,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), do 28 de xuño de 2022, polo que se modifica o Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, do 30 de xullo de 2018, pola que se aproban as bases reguladoras das axudas para a preparación e realización de proxectos de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural, ao abeiro da medida Leader (submedida 19.3), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 e cuxo código de procedemento é MR710A.

O citado acordo incorpórase a esta resolución como anexo.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2022

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO

Acordo do Consello de Dirección da Agader, do 28 de xuño de 2022, polo que se modifica o Acordo do 30 de xullo de 2018 polo que se aproban as bases reguladoras das axudas para a preparación e realización de proxectos de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural, ao abeiro da medida Leader (submedida 19.3), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento MR710A)

O Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), na súa reunión do 30 de xullo de 2018, acordou aprobar as bases reguladoras das axudas para a preparación e realización de proxectos de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural, ao abeiro da medida Leader (submedida 19.3), cofinanciadas co Feader no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Este acordo publicouse mediante a Resolución do director xeral da Agader do 30 de xullo de 2018 (DOG núm. 153, do 10 de agosto de 2018).

A entrada en vigor da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia (DOG núm. 94, do 21 de maio de 2021), que regula novos instrumentos para a posta en valor dos terreos agroforestais e a recuperación demográfica do medio rural, representa unha gran oportunidade para o desenvolvemento rural do territorio galego. Por todo iso, a medida Leader do PDR de Galicia, tamén no ámbito da submedida de cooperación, debe prever a posibilidade de dar soporte a proxectos de cooperación entre os grupos de desenvolvemento rural (GDR) vinculados a estes instrumentos, tanto a aqueles orientados ao aproveitamento agrícola, gandeiro ou forestal da terra, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións e actuacións de xestión conxunta e os proxectos de ordenación produtiva das aldeas modelo, como a aqueles destinados a mellorar a calidade de vida da poboación rural, como son os plans de dinamización do núcleo rural das aldeas modelo.

Por outra parte, cómpre, para evitar tensionar de xeito innecesario a tesouraría dos GDR, que son entidades colaboradoras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural na xestión da submedida 19.2 (implementación de operacións) no ámbito da medida 19 (Leader) do PDR de Galicia, eximir estas entidades, en función dos artigos 62 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, na súa condición de beneficiarias das axudas para a preparación e realización de proxectos de cooperación, da constitución de garantías nos pagamentos á conta que poidan recibir, cando o importe conxunto de pagamentos á conta e de pagamentos anticipados sexa superior aos 18.000 €; así como posibilitar que o importe conxunto dos pagamentos á conta e anticipados poida alcanzar o 100 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, sen que exceda a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

Cómpre, ademais, prever a posibilidade de conceder anticipos, segundo se prevé nos artigos 63 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e nos artigos 42.2 e 45.4 do Regulamento (UE) 1305/2013, do 17 de decembro, precisamente para contribuír a unha maior liquidez destas entidades colaboradoras, beneficiarias das axudas de cooperación.

Ao non existir prexuízo ningún para terceiros, as posibilidades citadas nos dous parágrafos precedentes, consistentes na exención da constitución de garantías nos pagamentos parciais e na posibilidade de concederse anticipos, serán de aplicación aos expedientes correspondentes á convocatoria resolta con anterioridade á publicación desta modificación que teñan pagamentos pendentes.

Tendo en conta o anterior, o Consello de Dirección da Agader, logo da tramitación do expediente nos termos establecidos na lexislación vixente,

ACORDA:

Primeiro. Modificar o Acordo do 30 de xullo de 2018 polo que se aproban as bases reguladoras das axudas para a preparación e realización de proxectos de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural, ao abeiro da medida Leader (submedida 19.3), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento MR710A), para o cal se modifican no seu anexo I (bases reguladoras) as seguintes epígrafes:

a) Ao título das bases reguladoras establecidas no citado anexo I engádeselle o código do procedemento correspondente a esta norma. Polo tanto, o título do anexo I será o seguinte:

«Bases reguladoras das axudas para a preparación e realización de proxectos de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural, ao abeiro da medida Leader (submedida 19.3), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento rural no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, código de procedemento MR710A».

b) Á letra b) do número 5 do artigo 5 engádeselle o seguinte punto:

«11º. Gastos de constitución de pólizas e de avais bancarios».

c) O artigo 9 queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlles á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei».

d) O artigo 14 queda redactado da seguinte forma:

«1. A convocatoria das axudas previstas nestas bases reguladoras efectuarase mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral da Agader, en virtude de delegación do Consello de Dirección. A convocatoria e o extracto publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG).

2. A concesión das axudas tramitarase polo procedemento de concorrencia competitiva ordinaria previsto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo cos principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

3. O prazo de presentación de solicitudes será o que se determine na convocatoria ou convocatorias de axuda que se publiquen ao abeiro destas bases reguladoras».

e) O número 4 do artigo 15 queda redactado da seguinte forma:

«4. O importe máximo da axuda situarase en 150.000 euros por proxecto de cooperación».

f) O artigo 17 queda redactado da seguinte forma:

«1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común».

g) O artigo 18 queda redactado da seguinte forma:

«De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas, cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais».

h) O punto 1 do artigo 19 queda redactado da seguinte forma:

«1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365)».

i) O artigo 20 queda redactado da seguinte forma:

«1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de débedas tributarias coa AEAT.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes».

j) O número 5 do artigo 21 queda redactado da seguinte forma:

«5. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude de axuda deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia».

k) O número 1 do artigo 23 (criterios de selección) queda redactado da seguinte forma:

«1. Os proxectos para os cales se solicite a axuda serán avaliados en función dos seguintes criterios de selección:

a) Valor engadido que achegue o proxecto de cooperación ao desenvolvemento local dos territorios implicados: ata 40 puntos.

Valórase que o proxecto se desenvolva en relación con algún dos instrumentos de mobilización ou recuperación de terras regulados nos títulos III e V da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, entre eles, as aldeas modelo, os polígonos agroforestais, as agrupacións e actuacións de xestión conxunta ou as permutas de especial interese agrario, coa finalidade da recuperación e posta en produción de terra agraria abandonada ou infrautilizada, así como da recuperación demográfica do medio rural a través da fixación de poboación e a mellora da calidade de vida dos habitantes de núcleos rurais de pequeno tamaño situados na rede de aldeas modelo de Galicia.

O mecanismo de puntuación será o seguinte:

– Por cada instrumento de mobilización ou recuperación da terra agraria, previsto na Lei de recuperación de terras agrarias de Galicia, sobre o que o proxecto teña incidencia directa: 10 puntos (ata un máximo de 20 puntos).

– Por cada 10 hectáreas sobre as cales se actúe no proxecto de cooperación cos instrumentos xurídicos sinalados nesta epígrafe: 1 punto (ata un máximo de 10 puntos).

– Por cada GDR de Galicia participante no proxecto de cooperación que incida sobre algún dos instrumentos de mobilización ou recuperación da terra agraria sinalados nesta epígrafe: 2 puntos (ata un máximo de 10 puntos).

– Experiencia dos grupos solicitantes na xestión de proxectos vinculados á mobilización ou recuperación da terra agraria ou outros de similar natureza: 3 puntos por cada GDR participante (ata un máximo de 10 puntos).

Inclúense nesta epígrafe todos os proxectos en que algún GDR acredite relación directa coa ordenación e/ou xestión de terras e participación na súa xestión.

– Implicación de entidades privadas sen ánimo de lucro e/ou de entidades públicas de carácter local ou comarcal no desenvolvemento do proxecto de cooperación que teñan acreditada experiencia en proxectos de mobilización ou recuperación da terra agraria ou outros de similar natureza: 2,5 puntos por cada entidade que acredite unha participación e/ou colaboración (non financeira) demostrable neste tipo de proxectos (ata un máximo de 10 puntos).

b) Resultados concretos a curto, medio e longo prazo que derivarán directamente do proxecto de cooperación: ata 10 puntos.

Valoraranse os resultados concretos e constatables que deriven directamente do proxecto de cooperación (exclúese a creación de emprego, que será obxecto de valoración a través dun criterio de selección específico):

Se como consecuencia do proxecto de cooperación se produce unha implantación dun servizo inexistente para a economía e/ou para a poboación ou ben a comercialización dun produto inexistente no ámbito territorial dalgunha das zonas de actuación: 10 puntos.

Se como consecuencia do proxecto de cooperación se constata a mellora dun servizo existente para a economía e/ou para a poboación ou ben a mellora dun produto comercializable xa existente no ámbito territorial dalgunha das zonas de actuación: 8 puntos.

No caso de que se constate calquera outro resultado positivo concreto, constatable e atribuíble directamente ao proxecto de cooperación: 5 puntos.

c) Creación de estruturas permanentes de cooperación como resultado do proxecto: ata 10 puntos.

Se como resultado do proxecto se crea unha estrutura nova, con vocación de estabilidade e permanencia en materia de cooperación e que, ademais, poida demostrar actuacións concretas e periódicas no tempo (incluso unha vez finalizado o proxecto de cooperación seleccionado): 10 puntos.

No caso que non se cree ningunha estrutura nova e permanente de cooperación con vocación de permanencia no tempo: 0 puntos.

d) Incidencia do proxecto de cooperación na creación de emprego ou no mantemento do tecido produtivo do territorio implicado: ata 15 puntos.

Por cada 0,5 unidades de traballo anual (UTA) creadas outorgaranse 5 puntos. Deberá acreditarse que a creación do emprego está directamente relacionada co proxecto de cooperación. O emprego deberá manterse durante polo menos 1 ano, contado desde a data de pagamento final do proxecto.

Se o proxecto está enfocado ou ten relación directa co sector agrario outorgaranse 5 puntos.

Se o proxecto está enfocado ou ten incidencia directa na valorización dos produtos agroalimentarios dos mercados de proximidade outorgaranse 5 puntos.

e) Incidencia do proxecto de cooperación na conservación e valorización do ambiente, así como na conservación e valorización do patrimonio natural e cultural: ata 10 puntos.

Se se constata que o proxecto de cooperación incide directamente mediante calquera tipo de investimento físico na conservación e valorización do ambiente e/ou conservación e valorización do patrimonio natural e/ou cultural: 10 puntos.

Se o proxecto incide dunha maneira indirecta na conservación e valorización do ambiente e/ou patrimonio natural e/ou cultural (por exemplo, un estudo, publicacións, informes): 5 puntos.

Se o proxecto non ten incidencia nin directa nin indirecta nos aspectos indicados neste criterio de selección: 0 puntos.

f) Implicación no proxecto de entidades públicas ou de entidades privadas distintas dos GDR que contribúan ao financiamento do proxecto e á consecución dos obxectivos: ata 10 puntos.

Se existen entidades que contribúen ao financiamento do custo do proxecto nunha porcentaxe igual ou superior ao 20 % do custo dos gastos subvencionables del: 10 puntos.

Se existen entidades que contribúen ao financiamento do custo do proxecto nunha porcentaxe igual ou superior ao 10 % e inferior ao 20 % do custo dos gastos subvencionables del: 7 puntos.

Se existen entidades que contribúen ao financiamento do custo do proxecto nunha porcentaxe igual ou superior ao 5 % do custo dos gastos subvencionables del: outorgarase un punto por cada 500 euros de achega ao proxecto (ata un máximo de 5 puntos).

En caso de inexistencia de financiamento privado para o proxecto: 0 puntos».

g) Incidencia do proxecto de cooperación nas estruturas ou actividades levadas a cabo a través doutro/s proxecto/s de cooperación desenvolvido/s no territorio a través da medida Leader do PDR de Galicia: ata 5 puntos.

Se o proxecto supón a continuidade ou o desenvolvemento dunha nova fase que dea continuidade a un proxecto de cooperación levado a cabo previamente a través da medida Leader do PDR de Galicia 2014-20: 5 puntos».

l) O punto 3 do artigo 23 queda redactado da seguinte forma:

«3. Un proxecto deberá obter unha puntuación mínima de 25 puntos para ser seleccionado».

m) Engádeselle ao artigo 23 un punto 4, que queda redactado da seguinte forma:

«A aplicación destes criterios de selección quedará condicionada á sú aprobación definitiva pola autoridade de xestión do PDR, logo de consulta ao Comité de Seguimento, de acordo co establecido no artigo 49 do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello».

n) Os número 3 e 4 do artigo 34 (réxime de pagamento) quedan redactados da seguinte forma:

«3. Poderán concederse pagamentos parciais e anticipos de conformidade co disposto no artigo 31.6 da LSG, nos artigos 62, 63 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no artigo 45.4 do Regulamento (UE) 1305/2013, do 17 de decembro, ben que coas seguintes particularidades:

a) O importe conxunto dos pagamentos á conta e anticipados poderá alcanzar o 100 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, sen que exceda a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

b) As entidades beneficiarias quedan eximidas da obriga de constituír garantías nos pagamentos á conta que poidan recibir cando o importe conxunto de pagamentos á conta e de pagamentos anticipados sexa superior aos 18.000 €.

4. Poderán realizarse pagamentos á conta que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas e aboaranse por contía equivalente á xustificación presentada, sempre e cando o orzamento aceptado sexa superior a 30.000 €. O número de pagamentos á conta non poderá ser superior a tres por cada expediente.

No suposto de que o investimento exixa pagamentos inmediatos, as entidades beneficiarias poderán solicitar un anticipo en documento normalizado que se incorpora a estas bases como anexo XIII, equivalente como máximo ata o 50 % da subvención concedida, segundo o disposto nos artigos 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no artigo 45.4 do Regulamento (UE) 1305/2013, do 17 de decembro, e sen que se poida superar a anualidade vixente.

En todo caso, o pagamento do anticipo quedará supeditado á constitución da garantía correspondente, segundo se establece no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Neste senso, as entidades solicitantes dos anticipos deberán achegar, xunto coa solicitude de axuda, o correspondente xustificante orixinal do depósito da garantía na Caixa Xeral de Depósitos».

Segundo. Este acordo aplicarase desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

O réxime de pagamentos previsto neste acordo aplicarase tamén aos pagamentos pendentes das subvencións convocadas mediante a Resolución do 24 de setembro de 2018 pola que se convocan subvencións para a execución de proxectos ao abeiro da submedida 19.3 (cooperación no ámbito de Leader), da medida Leader do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, para as anualidades 2018 e 2019, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (DOG núm. 193, do 9 de outubro de 2018).

Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación deste acordo no DOG, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.