Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Xoves, 14 de xullo de 2022 Páx. 39944

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2022, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se delega nos titulares dos servizos de Coordinación Cultural das xefaturas territoriais o exercicio de determinadas competencias.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural desenvolve un gran volume da actividade administrativa orixinada nas competencias que a normativa lle atribúe.

Estas competencias aparecen reflectidas, entre outros, nos artigos 34, 39, 42, 45, 47, 54, 55, 57, 59, 61, 65, 92, 96 e 101 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e nos artigos 1.1.a), 1.2 e 3.1 do Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Pola súa banda o artigo 32 do Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, fixa as competencias e funcións das xefaturas territoriais e dos seus órganos e unidades, entre as cales figura o Servizo de Coordinación Cultural.

Co fin de evitar unha concentración excesiva do traballo e lograr unha maior axilidade administrativa que redunde en beneficio tanto da Administración como dos administrados, faise conveniente que, dentro do respecto aos principios informadores da actuación administrativa e con suxeición á normativa legal vixente, se delegue nos servizos de Coordinación Cultural das xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades o exercicio de determinadas competencias.

Na súa virtude, facendo uso das atribucións que me confire o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, e 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dispoño delegar nas persoas titulares dos Servizos de Coordinación Cultural das xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, o exercicio das seguintes competencias:

1. Autorizar os proxectos de obras e intervencións que afecten os bens de interese cultural e catalogados, declarados ou incoados, así como aqueloutros que se proxecten sobre os seus contornos de protección e zona de amortecemento, en que a autorización sexa preceptiva. Exclúense as intervencións que se localicen no territorio histórico delimitado dos Camiños de Santiago, as que deban someterse á valoración da Subcomisión de Conservación do Patrimonio Cultural da Igrexa Católica en Galicia, as intervencións de revalorización de bens arqueolóxicos, as ligadas a un programa de investigación arqueolóxica que non estean relacionadas cos proxectos de obras e intervencións autorizados nas xefaturas territoriais e as promovidas directamente pola Dirección Xeral competente en Patrimonio Cultural.

2. O informe e autorización relativos ás intervencións que afecten bens inmobles declarados de interese cultural que teñan aprobado un plan especial de protección, cando este estableza expresamente a necesidade de obter a autorización ou informe favorable do órgano autonómico competente en materia de patrimonio cultural.

3. Autorizar as obras e intervencións de pequena entidade que segundo o establecido no Decreto 84/2017, do 3 de agosto, polo que se regula a composición e funcionamento da Comisión Mixta Xunta de Galicia-Igrexa Católica, non precisan de valoración previa da Subcomisión de Conservación do Patrimonio Cultural da Igrexa Católica en Galicia.

4. Autorizar as actuacións arqueolóxicas derivadas de proxectos de obra ou plans que afecten o patrimonio cultural e o seu contorno que sexan exixidas polos informes e autorizacións aprobados na xefatura territorial, as que deriven das determinacións adoptadas en relación coas propostas dos departamentos territoriais na tramitación dos expedientes sobre os que emitiu informe a Subcomisión de Conservación do Patrimonio Cultural da Igrexa Católica en Galicia e dos instrumentos de planeamento.

5. Adoptar, en caso de urxencia, as medidas cautelares necesarias fóra do ámbito dos procedementos sancionadores, para salvagardar os bens do patrimonio cultural de Galicia que se vexan ameazados.

6. Resolver as solicitudes de acceso á información pública dos expedientes correspondentes á área de patrimonio cultural, segundo o establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural poderá avocar para si en calquera momento, o exercicio das competencias delegadas nesta resolución, de acordo co establecido no artigo 10 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, e no artigo 7 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas pola autoridade que as concedeu.

Esta resolución producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e quedarán sen efecto nesa mesma data, as resolucións ditadas anteriormente por esta Dirección Xeral do Patrimonio Cultural en materia de delegación de competencias nas xefaturas territoriais.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2022

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural