Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Venres, 15 de xullo de 2022 Páx. 40168

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 5 de xullo de 2022 pola que se determinan as bases reguladoras para a concesión de prazas e bolsas nas residencias xuvenís dependentes desta consellería e se convocan para o curso académico 2022/23 (códigos de procedemento BS303B, BS303C e BS303D).

BDNS (Identif.): 638576.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. A adxudicación de prazas nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social e Xuventude para o curso académico 2022/23 destínase a persoas estudantes e persoas traballadoras que cumpran os requisitos xerais e específicos establecidos na convocatoria. Así mesmo, coa adxudicación de prazas destínase unha liña de bolsas para persoas estudantes colaboradoras que ademais dos requisitos xerais cumpran os requisitos específicos establecidos para a súa concesión.

2. Así, poderán optar ás prazas nas residencias xuvenís as persoas que reúnan os seguintes requisitos xerais:

a) Posuír nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser persoa estranxeira residente en España no momento de presentación da solicitude.

b) Non ter perdido a condición de residente en convocatorias anteriores por causa imputable á persoa solicitante.

3. As persoas estudantes que soliciten prazas nas residencias sen bolsas deberán reunir os seguintes requisitos específicos (código de procedemento BS303B):

a) Ter os 16 anos feitos e non superar os 30 na data do 31 de decembro de 2022.

b) Estar cursando estudos de bacharelato, formación profesional, ciclos formativos, estudos universitarios tendentes á obtención do título de grao ou equivalente, doutoramentos ou estudos de mestrados universitarios oficiais.

c) Que no concello onde radique a súa residencia habitual, debidamente acreditada a través do certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa solicitante, non exista oferta de centros públicos para realizar o curso, nivel ou grao correspondente aos estudos que vaia cursar a persoa solicitante.

Exceptúase do anterior a realización de estudos universitarios nos cales a persoa solicitante non obteña a nota de corte ou puntuación académica mínima exixida para o ingreso nas facultades ou escolas universitarias da localidade de residencia habitual.

4. As persoas traballadoras que soliciten prazas nas residencias xuvenís deberán reunir os seguintes requisitos específicos (código de procedemento BS303D):

a) Ter os 16 anos feitos e non superar os 30 na data do 31 de decembro de 2022.

b) Que o lugar de traballo teña o enderezo nun concello distinto ao lugar de residencia habitual da persoa solicitante.

c) Que, no caso de que a relación de traballo non sexa fixa ou indefinida, teña unha duración mínima de tres meses contados desde a data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

d) Que estea dada de alta no réxime de persoas traballadoras autónomas da Seguridade Social, con anterioridade á publicación da presente convocatoria, para o caso de ser unha persoa traballadora por conta propia.

5. As persoas estudantes que soliciten prazas nas residencias e a concesión de bolsas como colaboradoras deberán reunir os seguintes requisitos específicos (código de procedemento BS303C):

a) Ter os 18 anos feitos e non superar os 30 na data do 31 de decembro de 2022.

b) Non ter perdido a condición de persoa colaboradora bolseira de que foi beneficiaria en convocatorias anteriores, por causa imputable á dita persoa solicitante e beneficiaria da bolsa.

c) Non padecer defecto físico ou psíquico que impida o desenvolvemento normal da actividade como persoa colaboradora na residencia xuvenil.

d) Ter unha renda media familiar inferior ao 150 % do indicador público de renda de efectos múltiples (Iprem) do ano en curso. A dita renda media calcúlase segundo o establecido no artigo 11.2.

e) Ademais, as persoas beneficiarias destas bolsas teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia

Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións aquelas persoas que non se encontren ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, ou teñan pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Segundo. Obxecto

O obxecto é convocar, en réxime de concorrencia competitiva, o procedemento de adxudicación de prazas e de bolsas, nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social e Xuventude para o curso académico 2022/23, e establecer as bases para a súa concesión.

As modalidades de adxudicación de prazas establecidas nesta orde regularanse a través dos seguintes procedementos:

a) BS303B: prazas en residencias xuvenís para persoas estudantes.

b) BS303C: prazas en residencias xuvenís para persoas estudantes colaboradoras bolseiras.

c) BS303D: prazas en residencias xuvenís para persoas traballadoras.

O número de prazas residenciais convocadas e a súa distribución por residencias e procedemento é o seguinte:

Concello

Residencia

Nº de prazas (BS303B persoas estudantes non bolseiras)

Nº de prazas (BS303C persoas estudantes colaboradoras bolseiras)

Nº de prazas (BS303D persoas traballadoras)

Total

Lugo

Centro Residencial Xuvenil LUG

66

4

6

76

Ourense

Florentino López Cuevillas

50

5

5

60

Vigo

Altamar

72

6

7

85

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 5 de xullo de 2022 pola que se determinan as bases reguladoras para a concesión de prazas e bolsas nas residencias xuvenís dependentes desta consellería e se convocan para o curso académico 2022/23 (códigos de procedemento BS303B, BS303C e BS303D).

Cuarto. Financiamento

A través desta convocatoria as persoas estudantes non bolseiras e as persoas traballadoras adxudicatarias das prazas (procedementos BS303B e BS303D) accederán aos servizos xerais e ao aloxamento e mantenza nos centros residenciais suxeitos ás tarifas establecidas na Orde do 1 de abril de 2016 pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

En relación coas persoas estudantes adxudicatarias das prazas como colaboradoras bolseiras (procedemento BS303C), ademais dos servizos xerais desfrutarán do aloxamento e mantenza gratuítos como subvención en especie ao abeiro do establecido na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 3.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da lei, que se financiará con cargo aos gastos correntes da Consellería de Política Social e Xuventude.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Sexto. Outros datos

Coa realización desta convocatoria preténdese favorecer o acceso ao ensino universitario, aos estudos superiores en ensinanzas artísticas ou ciclos formativos de grao superior dos/das estudantes con escasos recursos e, ao mesmo tempo, dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial as residencias xuvenís que se relacionan nesta orde.

Neste marco xeral hai que incardinar esta orde coa apertura dunha nova convocatoria para o ano 2022 do procedemento de adxudicación de prazas e bolsas nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social e Xuventude e proceder á súa convocatoria, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude